Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Luns, 7 de decembro de 2020 Páx. 48212

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 25 de novembro de 2020, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se somete a participación pública a Memoria para a declaración do espazo privado de interese natural Brañas e fragas do Alto do Gaiteiro, no concello de Mesía.

De conformidade coas alíneas a) e b) do artigo 9.1 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, garantirase a participación pública nos procedementos de declaración dos espazos naturais protexidos e nos procedementos de aprobación, revisión ou modificación dos instrumentos de planificación destes espazos.

A conservación da natureza e da diversidade biolóxica encóntrase dentro das materias sobre as que as administracións públicas deben asegurar que se observen as garantías en materia de participación cidadá.

Iniciado o procedemento para a declaración do espazo privado de interese natural Brañas e fragas do Alto do Gaiteiro e do proxecto de norma para a súa xestión e conservación,

ACORDO:

Primeiro. Someter a consulta pública, por un prazo de 20 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio, a Memoria para a declaración do espazo privado de interese natural Brañas e fragas do Alto do Gaiteiro.

Segundo. Durante o citado prazo, poderase consultar o expediente na seguinte ligazón do portal de transparencia da Xunta de Galicia: https://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/procedementos-de-informacion-publica

Así como na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, entrando na subsección de documentos en información pública do portal de conservación da natureza: https://cmatv.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Conservacion?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Participacion_publica/seccion.html&std=Participacion_publica.html

Terceiro. As persoas interesadas poden enviar as súas alegacións:

1.Preferentemente, mediante correo electrónico ao seguinte enderezo: planificacion.conservacion@xunta.gal, poñendo no asunto «Declaración do EPIN Brañas e fragas do Alto do Gaiteiro».

2. Alternativamente, mediante a presentación de escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Tamén se poden remitir suxestións a través do formulario disposto para este fin no enlace do portal de transparencia da Xunta de Galicia indicado no punto segundo deste anuncio.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2020

Belén Mª do Campo Piñeiro
Directora xeral de Patrimonio Natural