Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Mércores, 9 de decembro de 2020 Páx. 48263

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 210/2020, do 26 de novembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción de senda na AC-424, puntos quilométricos 1+150-1+400 (O Couto), no concello de Ponteceso (clave AC/19/073.06).

Antecedentes:

Primeiro. O día 14 de febreiro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 31 o anuncio do 30 de xaneiro de 2020 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción de senda na AC-424, puntos quilométricos 1+150-1+400 (O Couto), de clave: AC/19/073.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto de referencia.

Segundo. Tras a análise das alegacións, dos informes e certificados presentados, o 4 de novembro de 2020 apróbase o expediente de información pública e o proxecto de construción de senda na AC-424, puntos quilométricos 1+150-1+400 (O Couto), de clave: AC/19/073.06.

Este proxecto ten por obxecto a execución dunha senda peonil e ciclista continua por ambas as marxes da estrada AC-424, que fomente a mobilidade alternativa e mellore a seguridade viaria na contorna do núcleo do Couto, e que continúe a senda existente desde o núcleo de Ponteceso ata o punto quilométrico 1+140, coas seguintes características:

1. Senda na marxe dereita da AC-424: iníciase no punto quilométrico 1+100 ata o 1+380.

2. Senda na marxe esquerda da AC-424: iníciase no punto quilométrico 1+140, dá continuidade á senda existente e remata no punto quilométrico 1+378.

O escaso espazo dispoñible e a necesidade de executar a senda por ambas as marxes (por estaren ambas densamente poboadas) supón que se teñan que executar as seguintes actuacións complementarias:

1. Estreitamento da calzada existente na travesía do Couto: redúcese de 7 m a 6 m e mantéñense as beirarrúas de 0,5 m.

2. Canalización da drenaxe da calzada e das marxes mediante un colector baixo as sendas.

3. Redución do largo das sendas ata os 1,5 m, (1,2 m onde sexa necesario), para evitar a afección a vivendas e/ou peches con protección arquitectónica.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e seis de novembro de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción da senda na AC-424, puntos quilométricos 1+150-1+400 (O Couto), de clave: AC/19/073.06.

Santiago de Compostela, vinte e seis de novembro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade