Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Luns, 14 de decembro de 2020 Páx. 48800

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 25 de novembro de 2020 de aprobación definitiva da corrección de erros do texto refundido da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Porriño, no ámbito da empresa Lonza, parroquia de Torneiros.

I. Antecedentes.

1. O Concello do Porriño conta co Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente mediante a Orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda do 26 de xuño de 2003.

2. Mediante a Resolución da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 5 de novembro de 2019 aprobouse definitivamente a modificación puntual (MP) da Ordenanza nº 6 dese PXOM, no polígono industrial de Torneiros, no contorno da empresa Lonza.

3. Con data do 4.5.2020 tivo entrada na Xunta de Galicia a documentación achegada polo Concello do Porriño (solicitude de Lonza Biologics Porriño, S.L., do 17.1.2020; informes técnicos municipais do 23.1.2020 e do 19.2.2020; certificado da Secretaría Xeral do Concello do 3.3.2020; Acordo plenario do 27.2.2020 e diversa documentación administrativa dilixenciada en relación coa corrección proposta).

Segundo se desprende da documentación municipal, de cara á inscrición no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia do texto refundido elaborado polo técnico redactor da empresa promotora, detectouse un erro na transcrición literal da ordenación aprobada, respecto da Ordenanza nº 6, e que debería constar cos seguintes parámetros:

– Porcentaxe da ocupación máxima de volume edificado: 60 %.

– Separación en planta do volume edificado:

- De aliñacións: mínimo 10 metros.

- De lindeiros: mínimo: 5 metros.

4. Neste senso, consta informe da arquitecta dos servizos técnicos municipais do 19.2.2020, que completa outro do 23.1.2020, que indica que non hai obxeccións á emenda dos parámetros de ocupación e recuamentos recollidos no documento e que non se axustan ao regulado na Ordenanza nº 6 do PXOM, ordenanza á cal se remite a modificación puntual.

5. Mediante oficio do Servizo de Urbanismo de Pontevedra do 15.5.2020 solicitouse ao Concello do Porriño a emisión de documentación complementaria da súa solicitude inicial, que foi remitida mediante oficio do 5.8.2020, incluído o soporte en CD para a súa inscrición no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

II. Análise e consideracións.

1. A mercantil solicitante, Lonza Biologics Porriño, S.L. traslada ao Concello do Porriño a detección dun erro na transcrición dos parámetros de ocupación e recuamentos do texto refundido da modificación puntual do PXOM na Ordenanza nº 6, de cara á súa inscrición no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

2. Con data do 4.5.2020 achégase xustificación á corrección de erros e aos citados informes técnicos asinados pola arquitecta municipal, así como a certificación da Secretaría Xeral referida ao Acordo plenario do 27.2.2020.

3. A corrección de erros está regulada no artigo 109 (Revogación de actos e rectificación de erros) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPAC), que refire no seu número 2 que as administracións públicas poderán, así mesmo, rectificar en calquera momento, de oficio ou por instancia dos interesados, os erros materiais, de feito ou aritméticos existentes nos seus actos.

4. Constitúe reiterada doutrina xurisprudencial a consideración exposta en sentenzas como a do Tribunal Supremo, Sala 3ª, Sección 4ª, do 18 de xuño de 2001, na cal, para que sexa posible a rectificación de erros materiais ao abeiro do artigo 111 da LPA aplicable ao caso axuizado por razóns temporais, segundo constante, cómpre considerar que o erro material ou de feito se caracteriza por ser ostensible, manifesto, indiscutible e evidente por si mesmo, sen necesidade de maiores razoamentos, e por exteriorizarse prima facie pola súa soa contemplación (fronte ao carácter de cualificación xurídica, seguida dunha declaración baseada nela, que manifesta o erro de dereito), polo que, para poder aplicar o mecanismo procedemental de rectificación de erros materiais ou de feito, se require que concorran, en esencia, as seguintes circunstancias:

1) Que se trate de simples equivocacións elementais de nomes, datas, operacións aritméticas ou transcricións de documentos.

2) Que o erro se aprecie tendo en conta exclusivamente os datos do expediente administrativo en que se advirte.

3) Que o erro sexa patente e claro, sen necesidade de acudir a interpretacións de normas xurídicas aplicables.

4) Que non se proceda de oficio á revisión de actos administrativos firmes e consentidos.

5) Que non se produza unha alteración fundamental no sentido do acto (pois non existe erro material cando a súa apreciación implique un xuízo valorativo ou exixa unha operación de cualificación xurídica).

6) Que non padeza a subsistencia do acto administrativo, é dicir, que non xere a súa anulación ou revogación en canto que creador de dereitos subxectivos producindo un novo sobre bases diferentes e sen as debidas garantías para o afectado, pois o acto administrativo rectificador deberá mostrar idéntico contido dispositivo, substantivo e resolutorio ca o acto rectificado, sen que poida a Administración, so pretexto da súa potestade rectificadora de oficio, encubrir unha auténtica revisión.

7) Que se aplique cun fondo criterio restritivo.

5. Consta no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 25 de novembro de 2019 a publicación da aprobación definitiva da MP do PXOM na cal consta, entre outras circunstancias, a ocupación máxima de volume edificado 25 %.

6. Na xustificación achegada polo Concello do Porriño ponse de manifesto a existencia dun erro na transcrición dos parámetros de ocupación e recuamentos da Ordenanza nº 6 do PXOM, que debería corrixirse co seguinte teor literal na transcrición para a inscrición no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia:

«– Porcentaxe da ocupación máxima de volume edificado: 60 %.

– Separación en planta do volume edificado:

- De aliñacións: mínimo 10 metros.

- De lindeiros: mínimo 5 metros».

7. O informe da arquitecta municipal do 23.1.2020, que complementa outro do 19.2.2020, sinala que non hai obxeccións á emenda dos parámetros de ocupación e recuamentos recollidos no documento e que non se axustan ao regulado na Ordenanza nº 6 do PXOM, ordenanza á cal se remite a modificación puntual.

8. A xustificación da existencia dun erro material resulta clara e evidente, tratándose, por tanto, dun erro material de transcrición dos parámetros de ocupación e recuamentos recollidos no documento elaborado polo técnico redactor da empresa promotora, que non pode máis que corrixirse a través dunha corrección de erros.

9. Consonte o establecido na xurisprudencia, as sentenzas do Tribunal Supremo do 18.6.2001 (RX 2001, 9512) (casación 2947/1993 ) –con cita de sentenzas do 18.5.1967, do 15.10.1984 (RX 1984, 5099), do 31.10.1984, do 16.11.1984, do 30.5.1985 (RX 1985, 2325), do 18.9.1985, do 31.1.1989, do 13.3.1989, do 29.3.1989, do 9.10.1989 (RX 1989, 7033), do 26.10.1989, do 20.12.1989, do 27.2.1990 (RX 1990, 1521), do 23.12.1991, do 16.11.1999 (RX 1998, 8127)– para que sexa posible a rectificación de erros, é mester considerar que o erro material ou de feito se caracteriza por ser ostensible, manifesto, indiscutible e evidente por si mesmo, sen necesidade de maiores razoamentos, e por exteriorizarse prima facie pola súa soa contemplación (fronte ao carácter de cualificación xurídica, seguida dunha declaración baseada nela, que manifesta o erro de dereito).

10. Aínda que sempre se debe empregar a corrección de erros de xeito restritivo, no caso que nos ocupa, o erro da transcrición é indiscutible, evidente, manifesto e constatado coa comprobación dos documentos que obtiveron a aprobación definitiva, o que fai que sexa procedente a súa emenda, polo que cómpre a súa rectificación ao abeiro do previsto no artigo 109.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

11. Consonte a xustificación achegada polo Concello, cúmprense os requisitos do erro material constatable, que non precisa de interpretación nin valoración xurídica.

III. Competencia.

O artigo 109.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece que as administracións públicas poderán, así mesmo, rectificar en calquera momento, de oficio ou por instancia dos interesados, os erros materiais, de feito ou aritméticos existentes non seus actos.

A competencia para resolver corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61 e 83.5 da LSG, e no Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

IV. Resolución.

En consecuencia, visto o que antecede e de acordo co establecido no artigo 60.16 da Lei 2/2016, do solo de Galicia,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á corrección de erros do texto refundido da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Porriño, no ámbito da empresa Lonza, parroquia de Torneiros.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a corrección de erros do texto refundido da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Porriño, no ámbito da empresa Lonza, parroquia de Torneiros.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 272016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas unha vez inscrito no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 a 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda