Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Martes, 15 de decembro de 2020 Páx. 49094

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Servizos Sociais

RESOLUCIÓN do 7 de decembro de 2020 pola que se modifica a Resolución do 27 de abril de 2020 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de prazas para fillos e fillas do persoal da Xunta de Galicia nas escolas infantís dependentes desta axencia para o curso 2020/21 (código de procedemento BS402B).

O 15 de maio de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 27 de abril de 2020 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de prazas para fillos e fillas do persoal da Xunta de Galicia nas escolas infantís dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais para o curso 2020/21.

Esta resolución ten por obxecto convocar, para o curso 2020/21, o procedemento de adxudicación de prazas para fillos e fillas do persoal dos servizos centrais e das xefaturas territoriais da Xunta de Galicia en escolas infantís dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais da localidade onde presta servizos (código de procedemento BS402B).

O obxecto da presente modificación é revisar o calendario de apertura das escolas infantís con prazas reservadas para o persoal da Xunta de Galicia dependentes da AGSS no que respecta aos días de peche do período de Nadal 2020, establecidos no artigo 3.1 da dita resolución.

A modificación que afecta os días concretos de peche do período de Nadal, establecidos na dita resolución, está motivada pola conveniencia de coordinar este peche co calendario establecido pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade para os centros públicos mediante a Orde do 25 de xuño de 2020, pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2020/21 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de facilitarlles ás familias dos nenos e nenas con irmáns matriculados noutros niveis educativos a conciliación, logo de constatar, mediante a enquisa realizada ás familias de todas as escolas da AGSS, que esta é a opción preferente.

Deste xeito, substitúense os días de peche das escolas infantís durante o período de Nadal, fixados para o 21, 22, e 23 de decembro de 2020, polos días 28, 29 e 30 de decembro de 2020.

Por outra banda, a necesidade de manter os grupos estables de convivencia como consecuencia da implantación do Protocolo de actuación para as escolas infantís 0-3 fronte ao coronavirus, aplicable a escolas infantís, casas niño, puntos de atención á infancia, espazos infantís e ludotecas, impide na práctica a posibilidade de manter durante os períodos vacacionais unha escola aberta por localidade, agás que a evolución da situación epidemiolóxica evolucione de maneira favorable segundo os criterios da autoridade sanitaria.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Resolución do 27 de abril de 2020 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de prazas para fillos e fillas do persoal da Xunta de Galicia nas escolas infantís dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais para o curso 2020/21

A Resolución do 27 de abril de 2020 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de prazas para fillos e fillas do persoal da Xunta de Galicia nas escolas infantís dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais para o curso 2020/21 queda modificada como segue:

Un. O artigo 3.1 queda redactado como segue:

«1. Nas escolas infantís 0-3 a que se refire esta resolución, o curso escolar dará comezo o día 4 de setembro de 2020.

Os centros permanecerán abertos de luns a venres, excluídos os considerados festivos no calendario laboral e os días 24 e 31 de decembro de 2020.

Así mesmo, con carácter xeral, todos os centros permanecerán pechados durante os períodos seguintes:

– Os días 28, 29 e 30 de decembro de 2020.

– Os días 29,30 e 31 de marzo de 2021.

– O mes de agosto correspondente ao curso.

No caso da evolución positiva da situación epidemiolóxica, de conformidade co establecido pola autoridade sanitaria, a Dirección da Axencia Galega de Servizos Sociais poderá ditar as oportunas instrucións para a apertura dun centro por localidade.

O alumnado das outras escolas da mesma localidade que permanezan pechadas poderá ser atendido na que permaneza aberta.

Nestes supostos a familia deberá xustificar con base en motivos laborais ou de saúde a necesidade de levalo ao centro durante os citados períodos.

No mes de agosto de 2021, no caso de producirse a apertura dun centro por localidade, esta efectuarase sempre que exista unha demanda igual ou superior aos 15 alumnos/as. Nestes casos, o seu peche diario realizarase ás 17.00 horas.

O alumnado poderá asistir ao centro un máximo de once meses dentro do período de setembro a agosto do curso 2020/21.

Para o caso da apertura autorizada das escolas infantís durante todo o ano, poderase admitir a asistencia do neno ou da nena durante os 12 meses do ano en casos excepcionais debidamente xustificados.

A apertura das escolas infantís obxecto desta resolución nos períodos anteriormente citados estará condicionada pola súa participación no sistema de quendas, que se establecerá para estes efectos entre as escolas de titularidade da Axencia Galega de Servizos Sociais nas respectivas localidades».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2020

O/a director/a da Axencia Galega de Servizos Sociais
P.S. (Disposición transitoria primeira do Decreto 40/2014, do 20 de marzo)
Jacobo Rey Sastre
Director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica