Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Martes, 15 de decembro de 2020 Páx. 49061

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 11 de decembro de 2020 pola que se fai público o incremento do importe das axudas previstas na Orde do 18 de decembro de 2019, pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillos e fillas menores de tres anos para o ano 2020 (código de procedemento BS410A).

A Orde do 18 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2020 (DOG núm. 12, do 20 de xaneiro), establece no seu artigo 2 que o financiamento destas axudas se efectuará con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, a través dos créditos consignados na aplicación 13.02.312B.480.0, polo importe global de 700.000 euros. Esta orde prevé, no seu artigo 2.2, a posibilidade de incrementar o crédito final resultante destinado ao pagamento das axudas no suposto de que aínda sexa insuficiente para atender todas as solicitudes recibidas que cumpran os requisitos establecidos na devandita orde. Este crédito ten o carácter de ampliable, de acordo co artigo artigo 7.un.p) da Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

A publicidade da ampliación do crédito dada ao abeiro do disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non implica a apertura dun novo prazo para presentar solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.

Tendo en conta o volume de solicitudes recibidas e tratando de dar resposta á ampla demanda da axuda, deben artellarse as medidas necesarias para garantir o dereito das persoas solicitantes e que cumpren os requisitos determinados na Orde do 18 de decembro de 2019 para poder recibir as axudas que lles corresponden, polo que parece oportuno incrementar o importe destinado á dotación orzamentaria consignada na respectiva orde para a concesión desas prestacións económicas.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

Artigo único. Incremento dos créditos

Increméntase o importe total dos créditos para o financiamento das axudas previstas na Orde do 18 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2020, en 95.040 euros, na aplicación orzamentaria 13.02.312B.480.0.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social