Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 253 Xoves, 17 de decembro de 2020 Páx. 49570

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

DECRETO 218/2020, do 3 de decembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto denominado Parque do Barrio do Hospital, no término municipal de Monforte de Lemos (Lugo).

O Concello de Monforte de Lemos en sesión que tivo lugar 24.2.2020, acordou solicitar á Deputación Provincial de Lugo a tramitación perante a Xunta de Galicia da declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa do proxecto denominado Parque do Barrio do Hospital, ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Con data do 7.8.2020 tivo entrada no rexistro do Portelo Único da Xunta de Galicia a solicitude da Deputación Provincial de Lugo por delegación do Concello de Monforte de Lemos e parte do expediente. Con data do 13.10.2020 a Deputación de Lugo presentou documentación complementaria. O expediente contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que na zona obxecto da intervención a carencia de prazas de aparcadoiro representa un problema de tal magnitude que afecta notablemente a seguridade da circulación urbana da zona e que ao ocuparse zonas non destinadas ao aparcadoiro se podería dificultar notablemente a circulación dos vehículos de urxencias, como ambulancias e camións de bombeiros.

De todo o anterior pódese concluír que a citada carencia de prazas de aparcadoiro representa un grave problema que afecta notablemente a seguridade da circulación urbana da zona e crea, ademais, posibles dificultades para o acceso de vehículos de urxencias (ambulancias e bombeiros) e constitúe una circunstancia de gran excepcionalidade para esa parte da cidade.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de decembro de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto denominado Parque do Barrio do Hospital, no término municipal de Monforte de Lemos (Lugo), e deben, se for o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obterse as autorizacións necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, tres de decembro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo