Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 254 Venres, 18 de decembro de 2020 Páx. 49708

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

DECRETO 219/2020, do 3 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público para o ano 2020 do persoal sanitario funcionario ao servizo da Comunidade Autónoma incluído no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma.

As necesidades de recursos humanos, con asignación orzamentaria, que deban proverse mediante a incorporación de persoal de novo ingreso serán obxecto da oferta de emprego público, que será aprobada polos órganos de goberno das administracións públicas e que, como instrumento de xestión da provisión das necesidades de persoal, poderá conter, ademais, medidas derivadas da planificación de recursos humanos, tal e como se dispón no artigo 70 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público e o artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

O artigo 12 da Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, dispón que durante este ano, só se poderá proceder á incorporación de novo persoal no sector público con suxeición aos límites e requisitos establecidos na normativa básica que se estableza ao respecto e, en particular, no referente á taxa de reposición de efectivos, respectando en todo caso as dispoñibilidades orzamentarias do capítulo I dos correspondentes orzamentos de gastos.

A normativa básica, Lei 6/2018, do 3 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018, fixa no seu artigo 19.un.2) para as administracións públicas que no exercicio anterior tivesen cumprido os obxectivos de estabilidade orzamentaria e débeda pública e a regra de gasto unha taxa de reposición do 100 por cento.

No seu punto 3.b) disponse que as administracións públicas que non cumprisen os obxectivos de estabilidade orzamentaria e débeda pública e de regra do gasto terán unha taxa de reposición do 100 por cento, entre outros sectores, nas administracións públicas con competencias sanitarias respecto das prazas de persoal estatutario e equivalente dos servizos de saúde do Sistema nacional de saúde.

En consecuencia, resultando necesaria a incorporación de persoal sanitario funcionario de novo ingreso, e de conformidade co previsto no artigo 12 da Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, e o artigo 19.un, números 2) e 3.b) da Lei 6/2018, do 3 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018, cómpre a aprobación da oferta de emprego público para o ano 2020 relativa ao persoal sanitario funcionario incluído no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma.

Para o cómputo de prazas tívose en consideración a aplicación da porcentaxe de taxa ordinaria de reposición prevista no artigo 19.un, números 2) e 3.b) da Lei 6/2018, do 3 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para 2018.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Consellería de Sanidade, logo de negociación na Mesa Xeral de Empregados Públicos e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de decembro de dous mil vinte

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación da oferta de emprego público

De conformidade co disposto no artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, así como no artigo 19.un.2) e 3.b) da Lei 6/2018, do 3 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018, apróbase a oferta de emprego público do persoal sanitario funcionario ao servizo da Comunidade Autónoma incluído no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma, para o ano 2020, nas clases de persoal farmacéutico inspector de saúde pública, persoal inspector médico, persoal licenciado en ciencias biolóxicas, persoal licenciado en farmacia e persoal licenciado en medicina e cirurxía.

Artigo 2. Cuantificación da oferta de emprego público

1. O número total de prazas que integran esta oferta ascende a un total de 12 prazas.

2. A distribución do número de prazas ofertadas en cada clase detállase no anexo deste decreto.

Artigo 3. Órganos de selección

1. A composición dos órganos de selección será paritaria para o conxunto da oferta de emprego público, de acordo co disposto no artigo 48 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

2. De conformidade co establecido no artigo 60 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, a pertenza aos órganos de selección será sempre a título individual, e non se poderá ter esta en representación ou por conta de ninguén.

3. O persoal de elección ou designación política, o persoal funcionario interino e o persoal eventual non poderán formar parte dos órganos de selección.

4. Os órganos de selección aplicarán os principios de austeridade e axilidade na ordenación do desenvolvemento dos procesos selectivos, sen prexuízo do cumprimento dos demais principios de actuación establecidos pola normativa de selección e as instrucións sobre funcionamento e actuación dos tribunais que dite para o efecto o órgano competente.

Artigo 4. Promoción interna

O número de prazas reservadas á quenda de promoción interna deberá respectar a porcentaxe mínima e demais requisitos establecidos no artigo 80 da Lei 2/2015, do 29 de abril, e concretarase, para cada clase, na respectiva resolución de convocatoria.

As prazas reservadas para a promoción interna que non se cubran por este procedemento acumularanse ás de provisión libre, sempre que se trate dun proceso selectivo único rexido por unha mesma convocatoria.

Artigo 5. Persoas con discapacidade

1. Nos procesos selectivos para o ingreso nas clases de persoal sanitario funcionario serán admitidas as persoas con discapacidade nos termos previstos neste artigo e demais normativa aplicable.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións psíquicas e/ou físicas sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

2. De conformidade co establecido no artigo 59 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e no artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do total de prazas que se ofertan reservarase unha porcentaxe non inferior ao 7 por cento para seren cubertas entre persoas con discapacidade, considerando como tales as definidas no artigo 4 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade, e da súa inclusión social, sempre que superen os procesos selectivos e acrediten a súa discapacidade e a compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes.

3. A reserva de prazas de discapacidade efectuarase sobre o cómputo total das vacantes incluídas nesta oferta de emprego público e farase efectiva segundo a distribución que se recolle no anexo.

4. As prazas reservadas para persoas con discapacidade poderán convocarse conxuntamente coas prazas ordinarias ou mediante convocatorias independentes.

5. A opción a prazas reservadas a discapacidade terá que formularse na solicitude de participación no proceso selectivo con declaración expresa das persoas interesadas de reuniren a condición exixida ao respecto, que se acreditará mediante certificación dos órganos competentes na forma e prazos que se determinen en cada convocatoria.

6. No desenvolvemento das probas selectivas estableceranse para as persoas con discapacidade que o soliciten as adaptacións e axustes razoables necesarios de tempo e de medios para a súa realización, de acordo co disposto na Orde PRE/1822/2006, do 9 de xuño, pola que se establecen criterios xerais para a adaptación de tempos adicionais nos procesos selectivos para o acceso ao emprego público de persoas con discapacidade, para asegurar que estas persoas participen en condicións de igualdade. Nas convocatorias indicarase expresamente esta posibilidade, así como que as persoas interesadas deberán formular a correspondente petición concreta na solicitude de participación.

Para tal efecto, os tribunais de selección poderán requirir informe e, se é o caso, colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou dos órganos competentes.

7. No suposto de que algunha das persoas aspirantes con discapacidade que se tiver presentado pola cota de reserva supere o proceso selectivo e non obteña praza na citada cota, sendo a súa puntuación superior á obtida por outras persoas aspirantes do sistema de acceso xeral, esta será incluída pola súa orde de puntuación no sistema de acceso xeral.

8. As persoas aspirantes que superasen o proceso selectivo pola cota de prazas reservadas a persoas con discapacidade poderán solicitar ao órgano convocante a alteración da orde de prelación para a elección das prazas dentro do ámbito territorial que se determine na convocatoria, por motivos de dependencia persoal, dificultades de desprazamento ou outras análogas, que deberán ser debidamente acreditados. O órgano convocante decidirá a devandita alteración cando estea debidamente xustificada, e deberá limitarse a realizar a mínima modificación na orde de prelación necesaria para posibilitar o acceso ao posto da persoa con discapacidade.

Artigo 6. Acreditación do coñecemento da lingua galega

1. Para dar cumprimento á normalización do idioma galego e garantir o dereito das persoas usuarias dos distintos servizos sanitarios do Servizo Galego de Saúde ao seu uso, así como a promoción do uso normal do galego por parte dos poderes públicos de Galicia, nas probas selectivas que se convoquen en desenvolvemento desta oferta incluirase un exame de galego, agás para aquelas persoas aspirantes que acrediten o coñecemento da lingua galega conforme a normativa vixente.

2. As bases das convocatorias dos procesos selectivos establecerán o carácter deste exame, así como a valoración da dita proba e da equivalente acreditación do coñecemento da lingua galega.

Disposición adicional única. Igualdade en relación coas condicións de emprego da Administración pública

As convocatorias adaptaranse ás previsións do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, en relación coas condicións de emprego da Administración pública e demais normativa de aplicación en materia de igualdade.

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Facúltase a persoa titular da Consellería de Sanidade para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de decembro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Relación prazas ofertadas OPE 2020 persoal sanitario funcionario Lei 17/1989

Clase

Total prazas ofertadas

Reserva discapacidade

Farmacéutico/a inspector/a de saúde pública

1

Inspector/a médico/a

1

Licenciado/a en ciencias biolóxicas

1

Licenciado/a en farmacia

1

Licenciado/a en medicina e cirurxía

8

1

Total prazas

12

1