Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 256 Martes, 22 de decembro de 2020 Páx. 50238

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2020, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se modifica a Resolución do 13 de decembro de 2019 pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso nas categorías de médico/a de urxencias hospitalarias e médico/a asistencial do 061.

O Decreto 30/2019, do 14 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a diversas categorías de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde para o ano 2019 (Diario Oficial de Galicia núm. 62, do 29 de marzo), autorizou a convocatoria de dúas (2) prazas da categoría de médico/a de admisión e documentación clínica.

Mediante a Resolución do 13 de decembro de 2019, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 246, do 27 de decembro), convocouse concurso-oposición para o ingreso na dita categoría.

O Decreto 220/2020, do 3 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a diversas categorías de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde para o ano 2020 (DOG núm. 254, do 18 de decembro, corrección de erros no DOG núm. 255, do 21 de decembro) autoriza a convocatoria de tres (3) novas prazas de médico/a de admisión e documentación clínica.

En consecuencia, non tendo sido publicada a relación de aspirantes admitidos/as nas citadas probas, razóns organizativas, asistenciais e de eficiencia na xestión dos procesos de selección fan oportuno acumular nun único proceso a selección dos/das aspirantes para a cobertura das prazas da categoría de médico/a de admisión e documentación clínica derivada de ambos os dous decretos de oferta.

En virtude do exposto, este centro directivo, logo do seu tratamento na Mesa Sectorial de Negociación e no uso das competencias que lle atribúe o artigo 18.1.c) do Decreto 137/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde (Diario Oficial de Galicia núm. 208, do 31 de outubro),

RESOLVE:

Primeiro. Modificar o anexo I da Resolución do 13 de decembro de 2019, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso na categoría de médico/a de admisión e documentación clínica (Diario Oficial de Galicia núm. 246, do 27 de decembro).

O número de prazas que se convoca neste proceso selectivo é o que se indica no anexo desta resolución, con expresión diferenciada das prazas polo seu sistema de acceso.

Segundo. Reabrir o prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia para a presentación de solicitudes de participación neste proceso.

As persoas aspirantes que tiveran presentado a solicitude de participación neste proceso no prazo de inscrición comprendido entre o 28 de decembro de 2019 e o 31 de xaneiro de 2020 non terán que presentar nova instancia de participación nin achegar ningunha documentación.

Aquelas persoas aspirantes que tiveran presentado a solicitude de participación neste proceso no prazo de inscrición comprendido entre o 28 de decembro de 2019 e o 31 de xaneiro de 2020 e desexen modificar a quenda de acceso poderán efectualo mediante a formalización a través de Fides/expedient-e dunha nova solicitude de participación, que deixará sen efecto a inicialmente presentada e na cal se detallará a nova quenda solicitada.

Esta solicitude, logo de confirmada electronicamente, deberá ser presentada dentro do prazo de presentación de solicitudes, por rexistro electrónico, de forma presencial no Rexistro Xeral dos servizos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, ou a través de calquera dos procedementos do artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, acompañada da documentación exixida, segundo o suposto na base 2.5 da resolución de convocatoria do proceso.

Terceiro. As bases, programa das probas selectivas, exercicios, baremos, procedemento e prazo de acreditación de méritos para este proceso serán os aprobados pola Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 13 de decembro de 2019 (Diario Oficial de Galicia núm. 246, do 27 de decembro).

Os requisitos de participación no proceso deberán reunirse dentro do prazo de presentación de solicitudes e manterse no momento da toma de posesión como persoal estatutario fixo.

Os méritos que se terán en conta na fase de concurso serán os recollidos no anexo IV da resolución de convocatoria e valoraranse con referencia ao día inmediatamente anterior ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, é dicir, o 26 de decembro de 2019.

Cuarto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta dirección, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderase impugnar directamente na xurisdición contencioso-administrativa nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2020

Ana Mª Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO I

Prazas e titulación

Categoría

Grupo

Subgrupo

Acceso
libre

Promoción
interna

Total

Titulación

Médico/a de admisión e documentación clínica

A

A1

4

1

5

Graduado/licenciado en Medicina