Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 257 Mércores, 23 de decembro de 2020 Páx. 50454

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 4 de decembro de 2020, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 3 de decembro de 2020 relativa ao acto de conciliación formulada polos representantes dos montes veciñais en man común Salto do Cabalo, Castelo da Pena e Serra de Penas Libres e Lamasdeite, nos concellos de Riós e Vilardevós.

Examinada a solicitude de conciliación formulada polos representantes dos montes veciñais en man común Salto do Cabalo, Castelo da Pena e Serra de Penas Libres e Lamasdeite, nos concellos de Riós e Vilardevós, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 15 de xuño de 2019 a presidenta da CMVMC de Progo presentou un escrito no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (nº 2019/rx 1318321) relativo a un acto de deslindamento entre os MVMC Salto do Cabalo, Castelo da Pena e Serra de Penas Libres e Lamasdeite, nos concellos Riós e Vilardevós.

Entre outra documentación, achegou a demanda de conciliación presentada no Xulgado de Paz de Riós, as certificacións dos acordos das asembleas xerais, acto de conciliación do Xulgado de Paz de Riós, e arquivos informáticos cos puntos e a liña do deslindamento.

Segundo. O 18 de outubro de 2019 presentou tamén no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (nº 2019/2119041) un novo escrito no que modificou o acordo da CMVMC de Vilardevós do 6 de abril de 2019 presentada inicialmente.

Terceiro. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense con data do 22 de outubro de 2019 considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Polo que o Servizo de Montes lle propuxo ao xurado a aprobación do deslindamento, ben que co seguinte condicionado:

O tramo comprendido entre os vértices 54 e 56 afecta a confluencia do perímetro estremeiro entre o MVMC Salto do Cabalo e o MVMC Castelo da Pena e Serra de Penas Libres co MVMC San Mamede, pertencente á CMVMC de Vilariño das Touzas. Polo que este punto deberá establecerse mediante un procedemento de deslindamento que inclúa o acordo da comunidade de montes veciñais titular deste.

Consideracións legais é técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que hai que seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 2 de setembro de 2020:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Salto do Cabalo, Castelo da Pena e Serra de Penas Libres e Lamasdeite, nos concellos de Riós e Vilardevós, de acordo co informe do Servizo de Montes do 22 de outubro de 2019.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 4 de decembro de 2020

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense