O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 5 de novembro de 2020, acordou a creación da Comisión Interdepartamental de I+D+i para a planificación e coordinación dos obxectivos, actuacións, instrumentos e fondos da Comunidade Autónoma en materia de I+D+i, co obxectivo de integrar e complementar a visión e perspectivas estratéxicas dos diferentes departamentos neste ámbito.
Para xeral coñecemento, procédese á publicación do referido acordo, polo que,
RESOLVO:
Dar publicidade ao Acordo do Consello da Xunta da Galicia do 5 de novembro de 2020 que a seguir se transcribe:
«A Comunidade Autónoma de Galicia ten atribuída no artigo 27.19 do seu Estatuto de autonomía a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.
Actualmente, as competencias en materia de I+D+i repártense entre diferentes departamentos. A Axencia Galega de Innovación (GAIN) apoia maioritariamente aos axentes do ecosistema galego de I+D+i. A Secretaría Xeral de Universidades apoia a I+D que se desenvolve no Sistema Universitario de Galicia (SUG). Outras consellerías (fundamentalmente Sanidade, Medio Rural e Mar) dispoñen de fondos dirixidos a investigación e innovación e, incluso, contan con centros de coñecemento. Neste contexto, entendemos que é preciso coordinar actuacións entre os diferentes departamentos, e, por tanto, faise necesario establecer mecanismos que dean cohesión a política de I+D+i da Xunta, mellorando deste xeito a gobernanza desta política pública.
A política de I+D+i afronta ademais novos retos derivados da situación de crise económica e social provocada pola COVID-19:
• Estratexias europeas e estatais de transición ecolóxica, dixital, transición industrial sustentable, saúde, intelixencia artificial, etc.
• Informe de país e recomendacións específicas por país da Comisión Europea.
• Outro tipo de estratexias globais (ODS).
• Estratexia española de ciencia, tecnoloxía e innovación.
• Recomendacións da Comisión Europea cara á especialización intelixente.
• As estratexias e prioridades en materia industrial, tecnoloxías disruptivas, medio ambiente e cambio climático, emprego, saúde, mercado interior, enerxía, etc.
Na actual situación de pandemia a I+D+i constitúe un dos piares estratéxicos para a reconstrución e o impulso económico. Mais aló incluso da súa contribución á vacina e tratamento da enfermidade. Precisamos coordinar todas as estratexias, plans e medidas sectoriais que estean relacionadas ou inclúan a I+D+i a nivel da Xunta de Galicia, e que cada vez son máis numerosas, así como buscar as posibles sinerxías entre os distintos fondos europeos que Galicia poderá captar no futuro, acadando así unha xestión máis eficiente.
Así mesmo, é preciso implantar un sistema permanente de seguimento e avaliación dos resultados cualitativos de todas as accións en materia de I+D+i así como unha avaliación do impacto conxunto para identificar melloras e corrixir a orientación desta política, se fose preciso.
Con este fin considérase indispensable a creación dunha Comisión Interdepartamental de I+D+i en que participen as consellerías con competencias en I+D+i, ademais da consellería de Facenda que dirixe a planificación dos diferentes fondos.
Tendo en conta o anteriormente exposto,
PROPONSE:
Primeiro. Dispor, de acordo co artigo 12 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, a creación da Comisión Interdepartamental de I+D+i para a planificación e coordinación dos obxectivos, actuacións, instrumentos e fondos da Comunidade Autónoma en materia de I+D+i, co obxectivo de integrar e complementar a visión e perspectivas estratéxicas dos diferentes departamentos neste ámbito.
Segundo. A Comisión configúrase como un instrumento de ámbito autonómico, vinculado funcionalmente á consellería competente en materia de innovación.
Terceiro. A Comisión adecuará o seu funcionamento ao previsto no presente acordo e ao disposto respecto dos órganos colexiados na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
Cuarto. Son funcións desta Comisión as seguintes:
1. Coordinar as actividades en materia de I+D+i que realicen as consellerías da Xunta de Galicia no ámbito das súas competencias, así como os organismos, empresas e entes públicos adscritas ás mesmas. O que evitará posibles solapamentos nos investimentos realizados e a identificación de sinerxías entre as distintas unidades administrativas.
2. Identificar as capacidades do conxunto do ecosistema e contribuír ao seu fortalecemento desde a Administración pública.
3. Coordinar as distintas accións e estratexias baixo o paraugas da Estratexia de Especialización Intelixente.
4. Potenciar o emprego de instrumentos conxuntos, identificando actuacións complementarias entre os distintos órganos xestores.
5. Acordar propostas que permitan resolver o reto de contratación e estabilización de persoal investigador para os organismos públicos de investigación da Xunta, cun estándar común para todos.
6. Acordar e propoñer un sistema de xestión harmonizado para os organismos públicos de innovación (OPI) e outros centros de coñecemento estratéxicos para Galicia.
7. Acordar propostas de modificacións normativas no ámbito da I+D+i e, concretamente, unha proposta de modificación da Lei 5/2013, do 30 de maio, de promoción da investigación e innovación en Galicia para mellorala e adaptala á realidade actual.
8. Formular propostas destinadas a promover a investigación orientada ao mercado e a dar resposta as necesidades de coñecemento das empresas (transferencia de coñecemento directa e inversa).
9. Reunir e coordinar todos os datos e información relativa aos fondos dedicados á I+D+i, que permita desenvolver un cadro de mando integral da I+D+i da rexión, o que permite levar a cabo unha xestión máis eficaz e eficiente.
10. Participar na promoción de proxectos tractores para avanzar nos retos definidos na Estratexia de Especialización Intelixencia, e que xeren un impacto de referencia no ecosistema.
11. Analizar propostas de simplificación administrativa e definición de instrumentos de xestión das axudas que permitan dar resposta ás necesidades dos proxectos de I+D+i.
12. Realizar análises e seguimento de actuacións en materia de I+D+i, para o que poderá crear os grupos de traballo especializados que se consideren necesarios.
Quinto. A Comisión terá a seguinte composición:
Presidencia: correspóndelle a Presidencia da Comisión á persoa titular da Consellería con competencias en materia de Innovación da Xunta de Galicia. No seu caso, poderá delegar na persoa titular da Vicepresidencia da Comisión.
Vicepresidencia: correspóndelle á persoa titular da dirección da Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Vogais:
Formarán parte da Comisión as persoas titulares dos seguintes entes/centros directivos:
• Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos.
• Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.
• Escola Galega de Administración Pública, EGAP.
• Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Amtega.
• Dirección Xeral de Comercio e Consumo.
• Instituto Galego de Promoción Económica, Igape.
• Axencia Galega de Industria Forestal, XERA.
• Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostenibilidade e Cambio Climático.
• Secretaría Xeral de Universidades.
• Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, ACIS.
• Secretaría Xeral da Igualdade.
• Axencia Galega de Calidade Alimentaria, Agacal.
• Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.
No caso de ausencia, vacante ou enfermidade e, polo xeral, cando concorra unha causa que o xustifique serán substituídos pola persoa en quen deleguen para cada reunión que se celebre e que, en todo o caso, deberá ter a categoría non inferior á de subdirector/a.
Secretaría: un/unha funcionario/a da Axencia Galega de Innovación coa categoría de subdirector/a ou equivalente.
Sexto. Son funcións da Presidencia:
a) Dirixir e promover a actuación da Comisión.
b) Desempeñar a representación institucional da Comisión.
c) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias, así como a determinación da orde do día das sesións.
d) Convocar e presidir as sesións da Comisión, moderar o desenvolvemento dos debates, suspendelos por causas xustificadas e dirimir co seu voto os empates para os efectos de adopción de acordos.
g) Solicitar en nome da Comisión a colaboración que considere necesaria a institucións, autoridades, organismos, entidades, asociacións ou particulares, así como convidar a participar a persoas expertas de recoñecida competencia nos asuntos de que se trate.
h) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de presidente/a da Comisión.
Sétimo. Correspóndelle á Vicepresidencia:
a) Asumir as funcións delegadas polo presidente.
b) Asumir as funcións que corresponden á Presidencia en caso de ausencia, ou enfermidade.
Oitavo. Correspóndelle á Secretaría:
a) Asistir ás sesións da Comisión con voz e sen voto.
b) Efectuar a convocatoria das sesións por orde da Presidencia, así como as citacións ás persoas que a compoñen.
c) Recibir os actos de comunicación entre a Comisión e as persoas que a compoñen, así como recibir e cursar as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos de que deba ter coñecemento.
d) Coordinar o funcionamento da Comisión segundo o que se estableza no seu caso, no regulamento interno de funcionamento.
e) Cantas outras funcións sexan inherentes á condición da Secretaría.
Noveno. Para impulsar o funcionamento da Comisión crearase un Grupo Técnico integrado por representantes das entidades/centros directivos que forman parte da mesma, coa categoría de subdirector/a ou equivalente.
Este grupo técnico será o encargado de realizar o estudo das iniciativas, propostas e proxectos concretos en materia de I+D+i, que, posteriormente, serán sometidos á Comisión. Así mesmo, corresponderalle realizar aqueles traballos que lle encargue a Comisión.
Correspóndelle a presidencia deste grupo técnico a persoa titular da Axencia Galega de Innovación que poderá delegar en algunha das persoal titulares das súas áreas/subdireccións.
A secretaría corresponderá a un/unha funcionario/a da Axencia Galega de Innovación.
Décimo. A Comisión Interdepartamental e o Grupo Técnico adecuarán o seu funcionamento ao previsto no presente acordo e ao disposto respecto dos órganos colexiados na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia así como, de ser o caso, aos correspondentes regulamentos de réxime interno.
Décimo primeiro. Facúltase a persoa titular da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a execución e desenvolvemento do presente acordo».
Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2020
Pablo Casal Espido
Secretario xeral técnico da Vicepresidencia Segunda e Consellería de
Economía, Empresa e Innovación