A Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, recoñece a importancia do fenómeno asociativo como instrumento de integración, participación e representación dos lexítimos intereses dos cidadáns, e con este obxecto recolle unha serie de medidas para facilitar o desenvolvemento das asociacións. Entre estas medidas de fomento recóllese a posibilidade de que as entidades asociativas sen fins de lucro poidan ser declaradas de utilidade pública.
En concreto, o artigo 32 da citada Lei orgánica 1/2002 sinala que, por iniciativa das correspondentes asociacións, poderán ser declaradas de utilidade pública aquelas asociacións en que concorran determinados requisitos, que, en esencia, consisten en que os fins estatutarios promovan o interese xeral, que a súa actividade non beneficie exclusivamente os asociados, que os membros dos órganos de representación que perciban retribucións non o fagan con cargo aos fondos públicos, que conten cos medios adecuados e a organización idónea para o cumprimento dos fins e, finalmente, que se atopen constituídas, inscritas e en funcionamento durante os dous anos anteriores á solicitude.
No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o Decreto 157/2008, do 10 de xullo, sobre a asunción de funcións das administracións do Estado traspasadas á Comunidade Autónoma de Galicia mediante o Real decreto 1080/2008, do 30 de xuño, en materia de declaración de utilidade pública de asociacións e aplicación dos beneficios fiscais, e sobre a súa asignación á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (actual Consellería de Xustiza e Turismo, segundo o Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia), nos cales se establece que para resolver o procedemento de declaración de utilidade pública será competente a persoa titular da citada consellería, logo da instrución do procedemento polo órgano que resulte competente por razón do rexistro no cal conste inscrita a asociación solicitante.
En aplicación desta normativa e logo da solicitude de declaración de utilidade pública por parte da entidade interesada, instruíuse o correspondente expediente administrativo, seguindo as prescricións contidas no Real decreto 1740/2003, do 19 de decembro, sobre procedementos relativos a asociacións de utilidade pública. Constan no expediente as memorias de actividades e demais documentos previstos na normativa, así como os informes dos departamentos e organismos competentes, sinaladamente o preceptivo informe favorable do Ministerio de Facenda.
Logo do exame da normativa aplicable e da documentación que figura no expediente, ponse de manifesto que a entidade solicitante reúne os requisitos necesarios para obter a declaración de utilidade pública.
Na súa virtude, e ao abeiro das facultades previstas no Decreto 157/2008, do 10 de xullo, sobre a asunción de funcións da Administración do Estado traspasadas á Comunidade Autónoma de Galicia mediante o Real decreto 1080/2008, do 30 de xuño, en materia de declaración de utilidade pública de asociacións,
RESOLVO:
Declarar de utilidade pública a Asociación Club do Mar de Bueu, inscrita no Rexistro de Entidades Deportivas co núm. C-00119.
Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interporse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou esta orde, no prazo dun mes, de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou recurso contencioso ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2020
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Turismo