Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Martes, 5 de xaneiro de 2021 Páx. 147

IV. Oposicións e concursos

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2020 pola que se dá publicidade da convocatoria do proceso selectivo para a cobertura temporal por persoal funcionario interino dun (1) posto reservado á escala de profesores/as numerarios/as de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo.

A Consellería do Mar, dentro da súa estrutura orgánica, conta co Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo como un dos centros de ensinanzas náuticas e marítimo-pesqueiras dependentes dela, en que se imparten ensinanzas tanto regradas como non regradas. Para o correcto funcionamento destes centros resulta imprescindible que os seus cadros de persoal docente permanezan estables, motivo polo que, en caso de vacante, enfermidade ou ausencia, a Consellería do Mar solicita a cobertura temporal dos postos coa maior brevidade posible, mediante o procedemento establecido no Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.

Producida a renuncia do seu anterior ocupante, quedou vacante no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo un posto reservado á escala de profesores/as numerarios/as de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros. Tras ser solicitada a cobertura do posto polo procedemento establecido no Decreto 37/2006, do 2 de marzo, a Dirección Xeral da Función Pública, órgano competente para a elección e nomeamento de persoal funcionario interino, non puido seleccionar o persoal axeitado por non existir na lista da correspondente especialidade aspirantes que reunisen os requisitos establecidos.

Polo anterior e debido á urxente e inaprazable necesidade de cubrir o posto, a mesma dirección xeral autorizou excepcionalmente a Consellería do Mar a iniciar un procedemento similar ao establecido no artigo 7.5.b.2 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, para a cobertura do posto, e emitiu informe favorable sobre as súas bases, aprobadas por esta consellería.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.1.1 e 3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Anunciar a convocatoria do proceso selectivo para a cobertura temporal por persoal funcionario interino dun (1) posto reservado á escala de profesores/as numerarios/as de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros (especialidade de Navegación Marítima), no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo.

As bases e condicións constan na páxina web da Consellería do Mar http://mar.xunta.gal.

Para participar nesta convocatoria as persoas interesadas utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe nas bases da convocatoria.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2020

A conselleira do Mar
P.D. (Orde do 8.9.2017)
Silvia Cortiñas Fernández
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar