Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Xoves, 7 de xaneiro de 2021 Páx. 275

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2020, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se convoca para o ano 2021 a prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo (código de procedemento SI434A).

A Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, foi modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo, dispoñendo así no seu artigo 39.1 que «a Xunta de Galicia, a través do departamento competente en materia de igualdade, garantirá a existencia dunha prestación económica de carácter periódico dirixida ás mulleres vítimas de violencia de xénero. A prestación terá en conta a situación socioeconómica das mulleres e irá dirixida a posibilitar a súa autonomía e independencia económica respecto do seu agresor, ou da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación e mais a tentar axudalas a romper coa situación de violencia».

Ademais, o punto 2 do mesmo artigo 39 establece que «a Xunta de Galicia regulará esta prestación a través dunhas bases reguladoras, que serán aprobadas mediante orde ou resolución pola persoa titular do departamento competente en materia de igualdade. Estas bases reguladoras garantirán en todo caso un prazo de solicitude aberto durante todo o ano e establecerán como potenciais beneficiarias as vítimas de formas de violencia de xénero sinaladas nas alíneas a) Violencia física, b) Violencia psicolóxica e f) Trata de mulleres e nenas, do artigo 3».

Así, a Resolución do 17 de decembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade (DOG núm. 1, de 2 de xaneiro), modificada a través da Resolución do 12 de febreiro de 2019 (DOG núm. 36, de 20 de febreiro), aproba as bases reguladoras para a concesión da dita prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, e establece no seu artigo 3.4, que dado o carácter permanente desas bases reguladoras, a Secretaría Xeral da Igualdade publicará no Diario Oficial de Galicia, unha vez aprobado o proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para cada ano, unha resolución convocando a prestación periódica establecida nesas bases reguladoras.

A Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (en adiante, Orde do 11 de febreiro de 1998), posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos que se vaian a imputar os correspondentes gastos, sempre que exista normalmente no orzamento crédito axeitado e suficiente. Así mesmo, en cumprimento do artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a concesión das subvencións tramitadas nesta resolución queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta resolución enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto proceder á convocatoria para o ano 2021 das axudas económicas individuais de carácter periódico de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero reguladas no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo.

2. A finalidade destas axudas é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para tentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor, ou da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación para os casos das mulleres vítimas de trata con fin de explotación sexual, e mais a tentar axudalas a romper coa situación de violencia, que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación en que corren perigo.

3. O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, tendo en conta en todo caso os principios recollidos no artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O código do procedemento correspondente a estas axudas é o SI434A.

Artigo 2. Orzamento

1. Para a concesión destas axudas destinaranse 5.050.000,00 euros, imputables á aplicación orzamentaria 11.02.313D.480.0 (código de proxecto 2014 00180), de acordo coa seguinte distribución:

• Ano 2021: 2.250.000,00 euros.

• Ano 2022: 2.800.000,00 euros, para o financiamento das axudas que, pola súa duración, xeren dereitos económicos das beneficiarias durante o exercicio seguinte.

Este crédito poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado da súa previsión legal ou dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas no antedito artigo.

2. Segundo o establecido no artigo 5 da Orde do 11 de febreiro de 1998, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta resolución enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción. Así mesmo, en cumprimento do artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a concesión das subvencións tramitadas nesta resolución queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 3. Prazo, lugar e forma de presentación das solicitudes

1. O prazo, lugar e forma de presentación das solicitudes para o exercicio 2021 será o establecido nas bases reguladoras para a concesión da dita prestación periódica, aprobadas pola Resolución do 17 de decembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, modificada pola Resolución do 12 de febreiro de 2019.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 4. Requisitos e documentación

1. Os requisitos necesarios para poder ser beneficiaria desta axuda son os establecidos no artigo 5 das bases reguladoras para a concesión da dita prestación periódica, aprobadas pola Resolución do 17 de decembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, modificada pola Resolución do 12 de febreiro de 2019.

2. A solicitude da axuda deberá presentarse no formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) xunto coa documentación sinalada no artigo 7 das citadas bases reguladoras da axuda.

Artigo 5. Instrución, resolución e notificación

1. A instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero da Secretaría Xeral da Igualdade.

2. A resolución dos expedientes de solicitude destas axudas correspóndelle á secretaria xeral da Igualdade.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco (5) meses que se computarán a partir do día seguinte ao da presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. As resolucións ditadas esgotan a vía administrativa, e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante a Secretaría Xeral da Igualdade, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa.

5. A instrución, resolución e notificación do procedemento axustarase ao establecido nas bases reguladoras desta axuda.

Artigo 6. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI434A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nas unidades administrativas de igualdade das xefaturas territoriais da Consellería de Emprego e Igualdade a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos ou da Secretaría Xeral da Igualdade, https://igualdade.xunta.gal, no teléfono 881 99 91 64 ou no enderezo electrónico vx.igualdade@xunta.gal

Artigo 7. Réxime xurídico

As solicitudes presentadas ao amparo desta convocatoria rexeranse en todos os aspectos polo disposto na Resolución do 17 de decembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade (DOG núm. 1, de 2 de xaneiro), pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo (DOG núm. 59, do 24 de marzo), modificada a través da Resolución do 12 de febreiro de 2019 (DOG núm. 36, do 20 de febreiro).

Disposición adicional

As solicitudes recibidas ao abeiro da Resolución do 13 de decembro de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se convoca para o ano 2020 a prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo, que ao final do exercicio anterior non acadasen a fase de resolución por non estar completos os trámites previos, resolveranse con cargo aos créditos desta resolución.

Nestes supostos, o cómputo das mensualidades que lle corresponden percibir iniciarase no exercicio 2021, rexéndose o resto das regras para o cálculo da contía polo disposto no artigo 6.1 da antedita Resolución do 17 de decembro de 2018, modificada a través da Resolución do 12 de febreiro de 2019.

Disposición derradeira primeira

A secretaria xeral da Igualdade ditará as instrucións necesarias para o axeitado desenvolvemento e cumprimento desta resolución.

Disposición derradeira segunda

Esta disposición entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2020

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade