Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 11 de xaneiro de 2021 Páx. 1132

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 17 de decembro de 2020, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do recurso de reposición contra a clasificación do monte denominado Alvelle-parcela R, solicitado a favor dos veciños da comunidade de montes veciñais en man común de Santiago de Oliveira, concello de Ponteareas (Pontevedra).

Para os efectos previstos no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1º da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, na sesión do día 23 de novembro de 2020 adoptou a seguinte resolución:

Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Alvelle-parcela R, solicitado a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santiago de Oliveira, concello de Ponteareas, resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Danse por reproducidos todos e cada un dos antecedentes de feito que constan na resolución ditada polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra do 27 de febreiro de 2020. Por medio desta resolución acordouse non clasificar o monte Alvelle-parcela R.

Segundo. Fronte á citada resolución, unha vez notificadas todas as persoas interesadas segundo consta no expediente e publicada no DOG número 68, do 7 de abril de 2020, a CMVMC de Santiago de Oliveira, o 1 de xuño de 2020, presenta recurso de reposición que, en resume, expón que a resolución é contraria a dereito:

– Improcedencia da argumentación ofrecida na resolución agora impugnada sobre o alcance da denegación acordada no ano 1996 da clasificación da mesma parcela a favor dos veciños de Guillade e a apreciación de conflitividade sobre os límites entre os montes das comunidades de montes de Santiago de Oliveira e Guillade.

– Improcedencia da argumentación ofrecida na resolución agora impugnada sobre a falta de presentación pola comunidade de montes de Santiago de Oliveira de documentación suficiente que acredite o uso veciñal patente e indiscutible da parcela obxecto de clasificación>.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra é o órgano competente para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as súas resolucións en virtude do disposto no artigo 12 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. Procede admitir a trámite o recurso de reposición interposto de contrario por concorreren os requisitos fixados nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015 e tendo en conta a circunstancia excepcional da paralización de prazos decretada pola situación da COVID-19.

Terceira. As alegacións da CMVMC de Santiago de Oliveira deben rexeitarse en canto son unha simple oposición á clasificación, baseadas na reprodución das cuestións esgrimidas durante o procedemento de clasificación e que xa foron estudadas e valoradas polo Xurado para ditar a resolución.

Vistos os feitos, as consideracións legais e técnicas Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, o Xurado Provincial, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Non estimar o recurso presentado polo promotor, coa ratificación íntegra da resolución de non clasificación do monte Alvelle-parcela R, do 27 de febreiro de 2020.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados dende o día seguinte ao da súa publicación, de acordo con disposto nos artigos 114.c) e 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 17 de decembro de 2020

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra