Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 12 de xaneiro de 2021 Páx. 1380

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2020 pola que se reaxustan as anualidades da Resolución do 20 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das bolsas de formación deste instituto e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento VI440D).

Antecedentes.

Primeiro. O 3 de outubro de 2019 publícase no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 20 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras polas que se rexe a concesión de bolsas de formación en materia de vivenda do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento VI440D).

O ordinal décimo da citada resolución determina que a duración e contía das axudas serán as que se determinen na resolución de convocatoria, mentres que o seu ordinal vixésimo dispón que as actividades de formación se iniciarán coa incorporación das/dos bolseiras/os na data que indique a resolución de concesión, e terán unha duración de doce mensualidades. Finalmente, o ordinal vixésimo sexto regula o orzamento da convocatoria, e indica no seu primeiro parágrafo que o custo total destas actividades de formación é de 96.000 euros, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451A.480.1, programa de bolseiros, dos orzamentos xerais para 2019, e á correspondente no orzamento de 2020, coa seguinte distribución de anualidades: 24.000 euros en 2019 e 72.000 euros en 2020.

Segundo. O día 27 de febreiro de 2020 o director xeral dita a resolución de concesión de sete bolsas; queda deserta unha das prazas de titulados no grao de estudos de Arquitectura Técnica por falta de candidatos. Esta resolución establece que deben incorporarse o primeiro día hábil do mes de marzo.

Terceiro. O día 9 de marzo de 2020 prodúcese a renuncia expresa dunha bolseira, polo que queda vacante a súa bolsa. O día 11 de marzo concédese a dita bolsa ao candidato de reserva.

Cuarta. O día 24 de marzo de 2020 dítase a resolución pola que se apraza a incorporación deste último bolseiro xa que, debido ás medidas de prevención recollidas no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, non puido incorporarse na data prevista e incorporouse finalmente o 15 de xuño.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A incorporación das persoas beneficiarias das bolsas máis tarde da data prevista de cando se orzou a convocatoria, así como o feito de quedar deserta unha das bolsas, obriga a unha redistribución dos créditos establecidos inicialmente. Así resulta do artigo 26.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, que establece o seguinte: «A modificación da distribución inicialmente aprobada requirirá a tramitación do correspondente reaxuste de anualidades no expediente de gasto».

O artigo 27.2 do dito decreto dispón: «será necesaria a autorización previa do Consello da Xunta de Galicia cando os importes ou os prazos resultantes da modificación da resolución superen os requisitos fixados no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, ou cando a aprobación inicial da subvención fose autorizada previamente polo Consello da Xunta».

Neste senso, o artigo 58.1.b) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, establece que: «poderán adquirirse compromisos de gastos de carácter plurianual, aínda que a súa execución teña que iniciarse no exercicio seguinte, cando o seu contido coincida cos que a continuación se especifican: (..) transferencias correntes derivadas de normas con rango de lei ou que se concedan a través de convocatorias ou sinatura de convenios, logo de autorización do compromiso plurianual por parte do Consello da Xunta».

Doutra banda, o día 19 de setembro de 2019 o Consello da Xunta autorizou os compromisos de gasto plurianuais derivados da citada resolución do 20 de setembro de 2019.

Segundo. O día 23 de decembro o Consello da Xunta autorizou os compromisos de gasto plurianuais derivados do reaxuste de anualidades da citada Resolución do 20 de setembro de 2019.

Terceiro. En atención ás facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS,

RESOLVO:

Redistribuír os créditos dispoñibles establecidos no «Resolvo» vixésimo sexto da citada resolución, que terán a seguinte distribución plurianual:

Partida orzamentaria

2020

2021

07.83.451A.480.1 2019 00010

66.597,83 €

17.402,17 €

07.83.451A.484.0 2019 00010

3.291,88 €

1.300,00 €

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo