Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 14 de xaneiro de 2021 Páx. 2089

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2020, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso na categoría de técnico/a en farmacia en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual.

De conformidade co establecido no Decreto 220/2020, do 3 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a diversas categorías de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde para o ano 2020, este centro directivo, logo da elaboración pola Comisión Técnica de Mellora dos Procesos Selectivos e posterior negociación coa representación sindical no seo da Mesa Sectorial de Negociación e no uso das competencias que lle atribúen o artigo 18 do Decreto 137/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde (Diario Oficial de Galicia núm. 8, do 31 de outubro) e o artigo 7 da Orde do 22 de abril de 2020, de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (Diario Oficial de Galicia núm. 82, do 29 de abril), resolve convocar concurso-oposición para o ingreso na categoría de técnico/a en farmacia, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, de acordo coas seguintes

Bases

I. Normas xerais.

1.1. Prazas.

1.1.1. Convócase concurso-oposición para o ingreso na categoría de técnico/a en farmacia do Servizo Galego de Saúde.

1.1.2. O número de prazas que se convoca neste proceso selectivo é de dez (10). Todas as prazas convocadas resérvanse para a súa cobertura por persoas que acrediten discapacidade intelectual nos termos que se indican nas bases desta convocatoria.

1.2. Normativa aplicable.

Ao presente proceso selectivo seralle aplicable a Lei 55/2003, do 16 de decembro, pola que se aproba o Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde; a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e o Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

II. Requisitos.

As persoas interesadas en participar neste proceso deberán posuír na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes e no momento da toma de posesión como persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde os seguintes requisitos:

2.1.1. Nacionalidade:

a) Posuír a nacionalidade española ou a dun Estado membro da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, estar incluído no ámbito de aplicación dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España en que sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as ou ter recoñecido tal dereito por norma legal.

b) Así mesmo, poderán participar o cónxuxe dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito, e sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

2.1.2. Idade: ter feitos os dezaseis anos de idade e non exceder a idade de xubilación forzosa legalmente vixente.

2.1.3. Capacidade funcional: posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que deriven do correspondente nomeamento.

2.1.4. Habilitación: non ter sido separado do servizo, mediante expediente disciplinario, de calquera servizo de saúde ou Administración pública nos seis anos anteriores á convocatoria, nin estar inhabilitado con carácter firme para o exercicio de funcións públicas nin, de ser o caso, para a correspondente profesión.

No caso dos/das nacionais doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a por sanción ou pena, para o exercicio profesional ou para o acceso a funcións ou servizos públicos nun Estado membro, nin ser separado/a, por sanción disciplinaria, dalgunha das administracións ou servizos públicos nos seis anos anteriores á convocatoria.

2.1.5. Titulación: estar en posesión da titulación que se especifica no anexo I desta resolución ou estar en condicións de obtela dentro do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de titulacións extracomunitarias ou obtidas noutro Estado membro da Unión Europea, deberán posuír o documento que acredite, fidedignamente, a súa homologación ou a credencial de recoñecemento do título para efectos profesionais, respectivamente.

2.1.6. Protección xurídica do menor. Non ter sido condenado/a por sentenza firme por algún delito contra a liberdade e indemnidade sexual, que inclúe agresión e abuso sexual, acoso sexual, exhibicionismo e provocación sexual, prostitución e explotación sexual e corrupción de menores, así como por trata de seres humanos, de conformidade coa previsión contida no artigo 13 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, segundo a redacción efectuada pola Lei 26/2015, do 28 de xullo.

2.1.7. Discapacidade: ter recoñecida unha discapacidade intelectual e que o grao de discapacidade global recoñecido sexa igual ou superior ao trinta e tres por cento.

2.1.8. Segundo o disposto no artigo 23 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras, os/as participantes neste proceso selectivo están exentos/as do aboamento da taxa por inscrición en procesos selectivos.

Non poderán formalizar a súa inscrición no proceso selectivo as persoas que reunisen na dita data a condición de persoal estatutario fixo da mesma categoría.

III. Solicitude.

3.1. Formulario de participación.

3.1.1. As persoas interesadas en participar no proceso selectivo deberán cubrir unha solicitude de participación, no modelo de instancia que estará dispoñible na Oficina Virtual do Profesional (FIDES/expedient-e/Sección de Procesos/OPE), á cal se accederá a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), seguindo as instrucións contidas no anexo IV.

O/a aspirante deberá seleccionar no formulario electrónico de inscrición o idioma, galego ou castelán, no que desexa que se lle faciliten, na data de exame, os cuestionarios de preguntas da fase de oposición.

3.1.2. Non se admitirán as solicitudes que conteñan algunha emenda, marca ou riscada no formulario de participación ou en calquera dos documentos acreditativos dos requisitos de participación.

As modificacións que, con carácter excepcional, resulte necesario que efectúe o/a aspirante nalgún dos datos contidos na solicitude de participación impresa efectuaranse mediante escrito dirixido á mesma unidade de validación á cal se dirixa a instancia de participación e no cal se indicará con claridade a modificación que se pretende.

Tal solicitude de modificación deberá presentarse, xunto coa instancia que modifica ou copia desta, a través do procedemento e prazo previstos nas cláusulas 3.2 e 3.3 desta convocatoria.

Transcorrido o prazo para a presentación de solicitudes, non se admitirán as modificacións das solicitudes previamente presentadas.

3.1.3. Os/as aspirantes que o precisen deberán sinalar na solicitude as adaptacións de tempo e medios para a realización dos exercicios. No formulario de inscrición deberán reflectir con claridade as necesidades específicas que ten o/a candidato/a para acceder ao proceso de selección en condicións de igualdade, debendo achegar o ditame técnico facultativo emitido polo órgano técnico de cualificación do grado de discapacidade competente, acreditando, de formada fidedigna, a/s deficiencia/s permanente/s que deron orixe ao grao de discapacidade recoñecido.

As solicitudes de adaptación serán resoltas polos respectivos órganos de selección. Para tal efecto, os tribunais poderán requirir informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou dos demais órganos competentes. A adaptación non se outorgará de forma automática senón unicamente naqueles casos en que a discapacidade garde relación directa coa proba que se vai realizar.

3.1.4. A consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación achegada polos/as aspirantes sancionarase coa anulación da solicitude, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.

3.1.5. O domicilio que figure nas solicitudes considerarase como o único válido para os efectos de notificacións, sendo responsabilidade exclusiva do/a aspirante tanto o erro na súa consignación como a comunicación ao Servizo Galego de Saúde de calquera cambio del. O mesmo será aplicable aos outros medios de comunicación posibles, como os teléfonos de contacto e o correo electrónico.

A Administración convocante poderá comunicar a través de Fides/expedient-e, de forma xeral ou individualizadamente, calquera nova que se produza no desenvolvemento do proceso.

3.2. Lugar de presentación.

As solicitudes de participación no concurso-oposición dirixiranse a unha unidade de validación das relacionadas no propio formulario electrónico de inscrición e poderán presentarse por rexistro electrónico, de forma presencial no rexistro xeral dos servizos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, ou a través de calquera dos procedementos do artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As solicitudes subscritas no estranxeiro poderanse cursar, no prazo expresado no número tres desta base, a través das representacións diplomáticas ou consulares españolas correspondentes, que as remitirán seguidamente ao organismo competente.

As solicitudes que se presenten a través das oficinas de Correos deberán ir en sobre aberto para ser datadas e seladas polo persoal de Correos antes de seren certificadas.

3.3. Prazo de presentación.

O prazo para a presentación das solicitudes de participación será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

3.4. Prazo e procedemento de acreditación dos requisitos de participación.

3.4.1. As persoas aspirantes, excepto no suposto e respecto da documentación que se sinala na base 3.5 deberán presentar xunto coa solicitude de participación, e dentro do prazo de presentación de instancias a seguinte documentación:

1. Fotocopia do documento nacional de identidade, pasaporte ou número de identidade estranxeiro en vigor.

Os/as aspirantes que non posúan a nacionalidade española e teñan dereito a participar neste proceso selectivo segundo o disposto na base 2.1.1.b) deberán presentar, ademais, copia compulsada dos documentos oficiais que acrediten o vínculo de parentesco, así como unha declaración xurada ou promesa do/da español/a ou do/da nacional dalgún dos demais estados membros da Unión Europea co que existe este vínculo, de que non está separado/a de dereito do seu cónxuxe e, se é o caso, da circunstancia de que o/a aspirante vive ás súas expensas ou está ao seu cargo.

2. Fotocopia compulsada do título exixido para o ingreso na correspondente categoría ou a documentación acreditativa de estar en condicións de obtelo, nos termos previstos nos anexos I e V desta resolución.

Deberá presentarse tradución xurada ou equivalente segundo o disposto no anexo III daqueles títulos que estean redactados nun idioma distinto a calquera dos oficiais do Estado español.

No caso de titulacións extracomunitarias ou obtidas noutro Estado membro da Unión Europea, deberá achegarse, ademais, o documento que acredite fidedignamente a súa homologación e recoñecemento, respectivamente.

O/a aspirante non terá a obriga de achegar a documentación acreditativa da titulación cando esta conste como validada (V) en FIDES/expedient-e.

3. Copia compulsada do certificado que lle acredite ter recoñecida a condición legal de persoa cun grao de discapacidade igual ou superior ao trinta e tres por cento. Ademais, deberá presentar dentro do mesmo prazo, copia compulsada do ditame técnico facultativo que acredite que ten recoñecida unha discapacidade intelectual.

3.4.2. A falta de acreditación pola persoa interesada dos requisitos de participación determinará a súa exclusión do proceso de selección.

3.4.3. En todo caso, a autoridade convocante reservara para si o dereito a exixir que se acredite convenientemente a existencia ou non dos requisitos de participación e idoneidade dos/das aspirantes, en calquera momento anterior á resolución definitiva do concurso-oposición.

3.5. Verificación dos requisitos de participación a través da plataforma de intermediación.

3.5.1. Excepto no suposto de oposición expresa do/da aspirante manifestada no espazo habilitado para o efecto no formulario electrónico de inscrición no proceso (Fides/expedient-e), o órgano convocante procederá a verificar na plataforma de intermediación (PasaXe!) a seguinte documentación acreditativa dos requisitos de participación:

– DNI/NIE.

– Certificado de discapacidade expedido por un órgano da Comunidade Autónoma de Galicia.

Fóra destes supostos ou cando conste a oposición expresa á súa consulta, os/as aspirantes deberán presentar a documentación acreditativa de todos os requisitos nos termos que se indican na base 3.4.

3.5.2. Se unha incidencia técnica debidamente acreditada imposibilita o funcionamento ordinario dos sistemas, o órgano convocante poderá requirir ao/á aspirante a acreditación en papel de todos os requisitos de participación.

IV. Méritos.

4.1. Méritos que se valorarán.

Os méritos que se terán en conta na fase de concurso deste proceso serán os recollidos na base 8.2.1 e valoraranse con referencia ao día inmediatamente anterior, inclusive, ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Tales méritos deberán estar debidamente rexistrados no sistema informático Fides/expedient-e e acreditados documentalmente pola persoa interesada na forma e prazos que se indican nesta convocatoria.

4.2. Rexistro electrónico e acreditación de méritos.

4.2.1. Para o rexistro electrónico dos méritos, os/as aspirantes deberán proceder da seguinte forma:

As persoas interesadas accederán a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) ao expediente electrónico do profesional (FIDES/expedient-e) segundo se indica no anexo IV destas bases e comprobarán os datos do seu currículo baremables no proceso de selección que constan rexistrados na aplicación informática, así como o seu estado.

Se non consta ningunha información ou está incompleta, a persoa aspirante, ata o último día do prazo de presentación de solicitudes, deberá rexistrar no sistema Fides/Expediente-e os méritos que posúe para os efectos da súa valoración na fase de concurso. Logo do seu rexistro electrónico, deberá imprimir a solicitude de validación, que estará dispoñible na aplicación informática na epígrafe de «informe».

A solicitude de validación para este proceso dirixirase a unha unidade de validación das relacionadas no formulario electrónico de inscrición e poderá presentarse ata o último día do prazo de presentación de instancias en rexistro administrativo, electrónico ou presencial, ou a través de calquera dos procedementos que se indican na base 3.2.

Para o rexistro electrónico da solicitude requirirase dun certificado dixital válido: FNMT, DNI electrónico ou Camerfirma.

4.2.2. Xunto coa solicitude de validación, o/a aspirante deberá achegar a documentación acreditativa dos méritos que figuren pendentes de validación nos termos que se indican no anexo III. Só se admitirá como medio de acreditación válido o que se indica para cada un dos méritos no indicado anexo.

A documentación acreditativa dos méritos deberá presentarse na orde que figura cada un dos méritos na solicitude de validación.

4.2.3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva non se admitirá, unha vez rematado o prazo de presentación de instancias e para os efectos da súa valoración neste proceso, ningunha documentación acreditativa de novos méritos aínda que consten rexistrados no expediente electrónico, agás aquela documentación que, exixida no anexo III e constando documentalmente ter sido solicitada polo/a interesado/a ao organismo ou entidade competente no prazo de presentación de solicitudes ou nun momento anterior, esta non fose recepcionada polo/a interesado/a no indicado prazo, suposto en que se admitirá a súa presentación no prazo de reclamación contra a lista provisional de admitidos/excluídos.

Fóra deste suposto, e prazo non se admitirá a presentación de ningunha documentación acreditativa de novos méritos.

4.2.4. Aquelas persoas que, con anterioridade á data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia solicitasen, mediante a achega da documentación correspondente, a validación dalgún mérito previamente rexistrado no expediente electrónico e que se atope validado ou pendente de catalogar pola Administración, non terán que presentar novamente a documentación acreditativa de tal/es mérito/s agás a complementaria que resulte necesaria para a súa actualización.

É responsabilidade do/da aspirante a actualización de méritos consonte a data de referencia deste proceso mediante a presentación de novos certificados. No suposto de que non se produza tal actualización, só se terán en conta os achegados inicialmente.

4.2.5. Aquelas persoas que, con anterioridade á data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia solicitasen, mediante a presentación da documentación correspondente, a validación dalgún mérito previamente rexistrado no expediente electrónico e que se atope pendente de validar, deberán presentar, de ser o caso, dentro do prazo de presentación de solicitudes, a documentación complementaria para acreditar debidamente o mérito nos termos do anexo III.

4.2.6. Aquelas persoas que, con anterioridade á data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia rexistrasen no sistema informático os seus méritos, que figuran como pendentes de validar sen que presentasen ningunha documentación acreditativa deles, deberán solicitar a súa validación e acreditar documentalmente a súa posesión nos termos do anexo III dentro do prazo de presentación de instancias para que poidan ser, se é o caso, valorados no dito procedemento.

4.2.7. Non será necesaria a acreditación documental do cumprimento dos seguintes méritos:

– A experiencia profesional como persoal estatutario nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade.

– A formación recibida e impartida pola Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

4.2.8. A Administración poderá requirir, en calquera momento, a achega de documentación complementaria acreditativa de calquera requisito ou mérito aínda que conste validado.

4.2.9. Para os efectos deste proceso, e sen prexuízo da súa validación e catalogación nun momento posterior, poderán deixarse sen validar e catalogar no expediente electrónico persoal do/da aspirante aqueles méritos que non teñan incidencia na puntuación a asignar na fase de concurso por ter acadado o/a aspirante, cos méritos xa validados e catalogados, a puntuación máxima na respectiva epígrafe do baremo.

4.2.10. Os méritos que na data de publicación desta convocatoria figuren como validados en Fides/expedient-e permanecerán no dito estado, agás nos supostos en que se aprecie un erro de validación que obrigue á súa modificación.

Os méritos que non consten rexistrados no sistema informático na data de finalización do prazo de presentación de instancias non serán obxecto de valoración.

V. Acreditacion do coñecemento da lingua galega.

Para os efectos de resultar exento/a da realización do exercicio de lingua galega, aqueles/as aspirantes de calquera quenda de acceso, que estean en posesión do Celga 3 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido na Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2007, que regula os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega, deberán rexistrar este na epígrafe «idiomas» do expedient-e e achegar copia compulsada del dentro do prazo de presentación da solicitude de participación, salvo que xa conste este título como validado no expedient-e.

Admitirase a súa acreditación ata o último día do prazo de presentación de reclamacións contra a lista provisional de admitidos/excluídos.

As persoas aspirantes que non acheguen a documentación acreditativa do coñecemento da lingua galega nos termos establecidos nesta base deberán realizar o exercicio de lingua galega.

VI. Admisión de aspirantes.

6.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se declaren con carácter provisional os/as aspirantes admitidos/as e excluídos/as, co motivo da exclusión, así como os aspirantes exentos e non exentos da realización do exercicio acreditativo do coñecemento de lingua galega.

6.2. Os/as aspirantes excluídos/as e os/as declarados/as non exentos/as da realización do exercicio de galego disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución para poderen corrixir, se for o caso, o defecto que motivou a súa exclusión ou a non exención do exercicio de lingua galega.

Disporán do mesmo prazo de reclamación as persoas que, tendo presentado debidamente solicitude de participación no proceso, non consten como admitidas nin excluídas na relación publicada.

6.3. Non se poderá emendar a presentación da solicitude fóra do prazo habilitado para este efecto. A estimación ou desestimación das solicitudes de emenda entenderanse implícitas na resolución pola que se aprobe a listaxe definitiva de admitidos/as e excluídos/as, así como a listaxe definitiva de exentos e non exentos do exercicio acreditativo do coñecemento da lingua galega, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Contra tal resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O feito de figurar na relación de admitidos/as non prexulga que se recoñeza aos/ás interesados/as a posesión de todos os requisitos exixidos no procedemento que se convoca. Cando da documentación que debe presentarse, no caso de superar o proceso selectivo, se desprenda que non posúen algún dos requisitos, os/as interesados/as decaerán en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación no procedemento.

VII. Tribunal.

7.1. O tribunal cualificador do concurso-oposición será nomeado pola autoridade convocante cunha antelación mínima dun mes ao da data de realización das probas, para este efecto publicarase a oportuna resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sen prexuízo das competencias de ordenación material e temporal propias do órgano convocante, correspóndenlle ao tribunal as funcións relativas á determinación concreta do contido das probas, a cualificación dos/as aspirantes, a emisión de cantos informes sexan requiridos derivados da súa intervención no proceso así como, en xeral, a adopción de cantas medidas sexan precisas en prol do correcto desenvolvemento das probas selectivas e a resolución de incidencias.

7.2. O tribunal terá a súa sede, para os efectos de comunicacións, envío de documentación ou incidencias, na Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, situada en San Lázaro, s/n, 15703 de Santiago de Compostela.

7.3. O tribunal estará composto por un número de membros non inferior a cinco e deberase designar o mesmo número de membros suplentes.

De conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, a pertenza aos órganos de selección será sempre a título individual e non se poderá posuír esta en representación ou por conta de ninguén.

O persoal de elección ou de designación política, os funcionarios interinos e o persoal eventual non poderán formar parte do órgano de selección.

Os membros do tribunal terán a condición de persoal funcionario de carreira ou estatutario fixo das administracións públicas ou dos servizos de saúde, ou de persoal laboral fixo dos centros vinculados ao Sistema nacional de saúde, en praza ou categoría para a que se exixa posuír titulación de nivel académico igual ou superior á exixida para o ingreso.

O tribunal poderá propoñer ao órgano convocante a incorporación aos seus traballos dos/as asesores/as especialistas ou de apoio que xulgue oportunos. Os/as ditos/as asesores/as limitaranse a prestar a súa colaboración nas especialidades técnicas, con voz e sen voto.

7.4. Os/as membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo á autoridade convocante, cando concorra neles/as algunha circunstancia das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público e no Acordo adoptado no Consello da Xunta do 8 de abril de 2010 ou realicen tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas da correspondente categoría nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O/a presidente/a deberá solicitar dos/das membros do tribunal declaración expresa de non atoparse incursos/as nas circunstancias previstas no citado artigo 23 da Lei de réxime xurídico do sector público nin nas demais causas de abstención previstas nesta base. Esta declaración deberá ser tamén realizada polos/as asesores/as especialistas previstos e polo persoal auxiliar que o tribunal incorpore aos seus traballos.

Así mesmo, os/as aspirantes poderán recusar aos membros do tribunal e demais persoal colaborador cando concorra neles algunha das circunstancias previstas na presente base, conforme o artigo 24 da Lei de réxime xurídico do sector público.

7.5. A autoridade convocante publicará, de ser o caso, no Diario Oficial de Galicia, resolución pola que se nomeen os/as novos/as membros que teñan que substituír os que perderon a súa condición por algunha das causas previstas.

7.6. Logo da convocatoria do/a presidente/a, constituirase o tribunal coa asistencia da maioría dos seus membros, titulares ou suplentes, coa presenza en todo caso do/a presidente/a e do/a secretario/a. Na dita sesión, o tribunal adoptará as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a asistencia da maioría dos seus membros, con presenza, en todo caso, do/a presidente/a e do/a secretario/a.

Por acordo dos seus membros, o tribunal poderá decidir a autoconvocatoria para a seguinte ou seguintes sesións que teñan lugar sen necesidade de citación por escrito.

Das sesións celebradas polo tribunal redactarase a correspondente acta que será asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/a presidente/a.

Resultarán de aplicación á constitución e funcionamento dos órganos de selección as disposicións sobre órganos colexiados contidas na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

7.7. Os acordos do tribunal que supoñan para o/a interesado/a a imposibilidade de continuar o procedemento poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

7.8. O tribunal que actúe no proceso selectivo terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, actualizado pola Resolución do 20 de xuño de 2008 (DOG núm. 138, do 17 de xullo), segundo o acorde o órgano competente na materia.

VIII. Procedemento de selección.

Procedemento de selección.

De acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, o sistema de selección será o de concurso-oposición.

8.1. Fase de oposición.

8.1.1. Primeiro exercicio (eliminatorio).

Consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de 30 preguntas tipo test con catro respostas alternativas, máis 2 de reserva, sobre o contido da parte específica do programa do anexo II, nun prazo máximo de 120 minutos.

Este exercicio será valorado de 0 a 90 puntos.

As respostas correctas puntuarán positivamente, as non contestadas non terán valoración ningunha e as contestadas erroneamente non serán penalizadas.

Para superar este exercicio deberá alcanzarse unha puntuación do 50 % do seu valor.

8.1.2. Segundo exercicio (obrigatorio non eliminatorio).

Consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de 5 preguntas tipo test con catro respostas alternativas, máis unha pregunta de reserva, sobre o contido da parte común do programa do anexo II, nun prazo máximo de 30 minutos.

Este exercicio será valorado de 0 a 5 puntos.

As respostas correctas puntuarán positivamente, as non contestadas non terán valoración ningunha e as contestadas erroneamente non se penalizarán.

8.1.3. Terceiro exercicio (obrigatorio non eliminatorio).

Consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de 5 preguntas tipo test con catro respostas alternativas, máis 1 pregunta de reserva, mediante o cal se evidencie o coñecemento por parte dos/das aspirantes da lingua galega, nun prazo máximo de 30 minutos.

Este exercicio será valorado de 0 a 5 puntos.

As respostas correctas puntuarán positivamente, as non contestadas non terán valoración ningunha e as contestadas erroneamente non terán penalización.

Estarán exentos/as da realización deste exercicio os/as aspirantes que acrediten posuír o Celga 3 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido na Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2007, que regula os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega, aos cales se lles asignarán 5 puntos.

8.1.4. No suposto en que deba anularse un número de preguntas dun exercicio superior ao de reserva, o valor de cada resposta correcta será o que resulte de dividir a puntuación máxima acadable no respectivo exercicio entre o número de preguntas válidas que finalmente resulten.

Desenvolvemento dos exercicios.

8.1.5. Os exercicios da fase de oposición realizaranse na/s data/s, hora e lugar que se fixe nunha resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde que se publicará no Diario Oficial de Galicia cun prazo mínimo de antelación de cinco días hábiles, ademais de poder ser anticipada para efectos informativos na web www.sergas.es.

8.1.6. Durante o tempo fixado para a realización dos exercicios, non se poderán utilizar nin manipular de ningunha maneira aparellos de telefonía móbil, reloxos ou soportes con memoria, e queda prohibido o acceso ao recinto de realización das probas con tales dispositivos, constituíndo causa de inadmisión ao chamamento a simple tenza deles.

8.1.7. En calquera momento os/as aspirantes poderán ser requiridos/as coa finalidade de acreditar a súa personalidade.

8.1.8. Os/as aspirantes serán convocados/as para cada exercicio nun único chamamento, sendo excluídos/as do concurso-oposición os/as que non comparezan. En todo caso, para garantir a unidade de acto, non serán tidas en conta causas de forza maior ou calquera outra causa para emendar a non comparecencia.

8.1.9. No marco das previsións do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, e da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, o Servizo Galego de Saúde permitirá ás mulleres embarazadas ou que teñan dado a luz, e que por estes motivos estean ingresadas no mesmo día do exame, facer os distintos exercicios da fase de oposición derivados deste proceso selectivo. Por iso, coa única limitación de respectar, en todo caso, a unidade de acto e de tempo de execución fixados nos chamamentos para a realización dos exames, como garantía de igualdade e de imparcialidade para todos/as os/as aspirantes, o Servizo Galego de Saúde desprazará a un centro hospitalario radicado na Comunidade Autónoma de Galicia unha delegación do tribunal que permita a execución material da proba a aquelas opositoras xestantes que tivesen posto en coñecemento do órgano convocante, cunha antelación mínima de 72 horas á data de realización do exame, a situación de embarazo e a súa vontade de realizar a proba no centro sanitario para o suposto de estar ingresadas na data da súa realización e se tivese recibido na Dirección Xeral de Recursos Humanos comunicación e xustificación do seu ingreso en centro hospitalario por tal motivo con anterioridade á realización dos exercicios.

Por razóns temporais e organizativas, unicamente serán atendidas as solicitudes de desprazamento a centro sanitario pola causa exposta que consten debidamente xustificadas na Dirección Xeral de Recursos Humanos cunha antelación mínima de cinco horas á publicada no Diario Oficial de Galicia como hora de inicio das probas.

Para os efectos do disposto nesta base, só se admitirá como medio válido de comunicación o seguinte enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es.

8.1.10. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento de que algún/algunha dos/as aspirantes non cumpre un ou varios dos requisitos exixidos pola presente convocatoria, logo de audiencia do/a interesado/a, deberá propoñer a súa exclusión á autoridade convocante. Do mesmo xeito, o tribunal deberá dar conta das inexactitudes ou falsidades en que puidesen incorrer os/as aspirantes, para os efectos procedentes.

8.1.11. Establécese un prazo único de cinco días hábiles seguintes á publicación dos modelos provisionais de respostas para que os/as interesados/as poidan presentar reclamación contra os exercicios.

Se o tribunal, de oficio ou con base nas reclamacións presentadas, modifica a opción de resposta válida ou anula algunha ou algunhas das preguntas incluídas nun exercicio anunciarao na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Neste último caso serán tidas en conta as preguntas de reserva, que terán unha puntuación igual que o resto das preguntas do correspondente exercicio.

A estimación ou desestimación das reclamacións entenderase implícita na resolución pola que se publiquen as puntuacións provisionais e as respostas definitivas dos distintos exercicios, que se efectuará na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

8.1.12. Tras a publicación das puntuacións provisionais dos exercicios, os/as aspirantes poderán presentar reclamación ante o tribunal no prazo de cinco días hábiles seguintes ao de dita publicación, unicamente de existiren erros na confección aritmética da puntuación obtida. A estimación ou desestimación das ditas reclamacións entenderase implícita na resolución pola que se aproben as puntuacións definitivas dos distintos exercicios, que se publicará no Diario Oficial de Galicia. Se no mesmo período o tribunal, de oficio, aprecia algún erro na confección aritmética da puntuación obtida na fase de oposición por algún/algunha aspirante poderá proceder á súa corrección.

8.1.13. Poderán superar a fase de oposición un número de aspirantes superior ao das prazas convocadas na correspondente categoría/especialidade.

8.1.14. Finalizada na súa totalidade a fase de oposición, publicarase no Diario Oficial de Galicia o acordo de finalización desta fase do proceso.

8.2. Fase de concurso.

8.2.1 Baremo de méritos.

Nesta fase do proceso só poderán participar os/as aspirantes que superaron a fase de oposición do proceso. A puntuación máxima a acadar será de 20 puntos, que se desagregan nos seguintes méritos e coa seguinte ponderación:

a) Formación (8 puntos).

Pola asistencia debidamente xustificada a cursos de formación e perfeccionamento convocados e impartidos pola Administración estatal, autonómica, universidades, Servizo Público de Emprego, Cruz Vermella, asociacións do ámbito da discapacidade legalmente constituídas, organizacións sindicais ou avalados polo Servizo Galego de Saúde ou por calquera organismo público ou realizados en aplicación dos acordos de formación continuada das administracións públicas, sempre que teñan un contido relacionado maioritariamente coas funcións propias da categoría a que opta.

Valoración:

– Por crédito distinto a ECT: 0,30 puntos.

– Por crédito ECT: 0,15 puntos.

– Por hora: 0,030 puntos.

Para o caso de que o certificado indique os créditos e as horas de duración, a valoración realizarase sempre polos créditos que figuren neste.

Os cursos de prevención de riscos, informática, xestión clínica, bioestatística e metodoloxía da investigación valoraranse cunha puntuación máxima de 4 puntos.

Así mesmo, valorarase en todo caso a formación en igualdade entre mulleres e homes e en prevención e loita contra a violencia de xénero.

b) Experiencia profesional (12 puntos).

– Por cada mes completo de servizos prestados na mesma categoría en virtude de nomeamento administrativo ou contrato laboral pola conta e baixo a dependencia de institucións sanitarias do sistema sanitario público dun país da Unión Europea/Espazo Económico Europeo/Suíza: 0,50 puntos/mes.

– Por cada mes completo de servizos prestados na mesma categoría por conta e baixo a dependencia dunha Administración pública de España/Unión Europea/Espazo Económico Europeo/Suíza ou entidade privada: 0,25 puntos/mes.

– Por cada mes completo de servizos prestados noutra categoría, en virtude de nomeamento administrativo ou contrato laboral, por conta e baixo a dependencia dunha Administración pública de España ou dun país da Unión Europea/Espazo Económico Europeo/Suíza: 0,10 puntos/mes.

– Por cada mes completo de servizos prestados noutra categoría, por conta e baixo a dependencia doutras entidades: 0,05 puntos/mes.

Só se valorará a experiencia profesional acreditada en virtude de nomeamento administrativo ou contrato laboral, máis informe de vida laboral en ambos os supostos. Non serán obxecto de valoración as relacións de colaboración social nin os certificados de desempeño de funcións.

8.2.2. O tribunal poderá requirir, de oficio, dos/as aspirantes ou de calquera Administración pública, a documentación complementaria ou as aclaracións precisas coa finalidade de asegurar a máxima obxectividade na adxudicación da puntuación nesta fase de concurso.

8.2.3. Realizada polo tribunal a baremación correspondente, a Dirección Xeral de Recursos Humanos publicará no Diario Oficial de Galicia o anuncio da súa exposición, con indicación da puntuación provisional obtida por cada aspirante nas distintas epígrafes, así como a valoración total da fase de concurso.

Contra os resultados da baremación provisional, os/as aspirantes que o consideren oportuno poderán presentar reclamación ante o propio tribunal no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

8.2.4. Á vista das reclamacións presentadas ou apreciado de oficio polo órgano de selección algún erro material na baremación provisional asignada aos/ás aspirantes, o tribunal practicará as oportunas correccións e aprobará as puntuacións definitivas da fase de concurso e a relación de aspirantes seleccionados/as, pola orde de puntuación alcanzada nas diferentes quendas de acceso, elevando esta relación á autoridade convocante para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

8.2.5. O sistema de desempate efectuarase a favor dos/das aspirantes que teñan a maior puntuación na fase de oposición no seu conxunto e, de persistir o empate, pola maior puntuación nos exercicios da parte específica e común do programa, por esta orde. De persistir aínda o empate, dirimirase a favor do/da aspirante con maior puntuación na fase de concurso e, de ser necesario, sucesivamente por cada epígrafe da fase de concurso e pola súa orde. Para rematar, decidirá a maior idade do/da aspirante.

8.2.6. A puntuación obtida na fase de concurso non poderá ser aplicada para superar a fase de oposición.

IX. Relación de aspirantes seleccionados/as e elección de destino.

9.1. Os/as aspirantes definitivamente seleccionados/as disporán do prazo dun mes contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución prevista no número 8.2.4 para a presentación da seguinte documentación:

a) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separado/a do servizo, mediante expediente disciplinario, de calquera servizo de saúde ou Administración pública nos seis anos anteriores á convocatoria, nin estar inhabilitado/a con carácter firme para o exercicio de funcións públicas nin, de ser o caso, para a correspondente profesión.

No caso dos/das nacionais doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a, por sanción ou pena, para o exercicio profesional ou para o acceso a funcións ou servizos públicos nun Estado membro, nin ser separado/a, por sanción disciplinaria, dalgunha das administracións ou servizos públicos nos seis anos anteriores á convocatoria.

b) Certificado médico oficial no que se acredite a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións propias da categoría.

c) Por exixencia do artigo 13 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, segundo a redacción efectuada pola Lei 26/2015, do 28 de xullo, certificación do Rexistro Central de delincuentes sexuais dependente do Ministerio de Xustiza de non ter sido condenado/a por sentenza firme por algún delito contra a liberdade e indemnidade sexual ou, na súa falta, autorización escrita ao Servizo Galego de Saúde para consultar os datos contidos no citado Rexistro e solicitar no seu nome a oportuna certificación.

d) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter a condición de persoal estatutario fixo da mesma categoría a que opta.

e) Os/as participantes deberán achegar neste momento, ademais da documentación anterior, orixinal ou certificación compulsada acreditativa do mantemento do grao de discapacidade exixido para acceder pola quenda de discapacidade intelectual, de non ter carácter definitivo a resolución pola que se lle recoñeceu a discapacidade, e que foi achegada ao inicio do proceso selectivo.

9.2. Os/as que dentro do prazo fixado non presenten a documentación ou do exame dela se deduza que carecen dalgún dos requisitos para participar no presente proceso selectivo, non poderán ser nomeados/as persoal estatutario fixo e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

9.3. Comprobada a documentación de todos/as os/as aspirantes aprobados/as, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde publicará no Diario Oficial de Galicia a relación definitiva de aspirantes seleccionados/as.

En ningún caso se poderá declarar que superaron o concurso-oposición un número de aspirantes superior ao de prazas convocadas. Tal declaración será nula de pleno dereito.

9.4. Nesta mesma resolución aprobarase a relación, por institución sanitaria, de prazas que se oferten aos/ás aspirantes seleccionados/as e o procedemento e o prazo para que estes manifesten a súa opción polos destinos ofertados.

9.5. De acordo co establecido no artigo 17 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, as prazas vacantes que se oferten corresponderán sempre a prazas básicas da correspondente categoría.

9.6. As prazas adxudicaranse entre os/as aspirantes pola orde de puntuación acadada no concurso-oposición e segundo a prelación de destino/s que tivesen efectuado, que terá carácter vinculante e irrenunciable.

9.7. Só aos efectos de elección de destino, de conformidade co artigo 9 do Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, os/as aspirantes que superasen o concurso-oposición pola quenda reservada a persoas con discapacidade, poderán solicitar á autoridade convocante, no prazo previsto na base 9.1 a alteración da orde de prelación para a elección das prazas por motivos de dependencia persoal, dificultades de desprazamento ou outras análogas, que deberán ser debidamente acreditados. O órgano convocante decidirá dita alteración cando se atope debidamente xustificada, e deberá limitarse a realizar a mínima modificación na orde de prelación necesaria para posibilitar o acceso ao posto da persoa con discapacidade.

9.8. Adoptaranse as medidas precisas para a valoración e adaptación dos destinos que se lles oferten ás condicións de discapacidade acreditadas.

9.9. O/a aspirante que, no prazo e conforme o procedemento que se estableza, non tivese seleccionado todos os destinos que se oferten pola orde de prelación que considere, e non resultase adxudicatario/a de ningún polos que tivese optado, non poderá ser nomeado/a, e quedarán sen efecto todas as súas actuacións. Neste suposto, a autoridade convocante procederá ao chamamento de novos/as aspirantes, no número que se corresponda coas prazas ofertadas e non elixidas, coa finalidade de que manifesten a súa opción por elas, logo de acreditación do cumprimento dos requisitos exixidos. Esta opción realizarase pola orde de prelación que resulte da lista definitiva.

X. Nomeamento e toma de posesión.

10.1. Unha vez adxudicados os destinos, publicarase no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se declare finalizado o proceso selectivo, con nomeamento como persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde e asignación de destino a aqueles/as aspirantes seleccionados/as que acrediten o cumprimento dos requisitos exixidos.

Non poderán ser nomeados persoal estatutario fixo as persoas aspirantes seleccionadas que no momento de expedir o correspondente nomeamento se encontren en situación de incapacidade permanente total para a profesión habitual, incapacidade permanente absoluta ou grande invalidez ou teñan a condición de persoal estatutario fixo da mesma categoría noutro servizo de saúde.

10.2. Os/as nomeados/as disporán do prazo dun mes para incorporarse á praza adxudicada. O cómputo deste prazo iniciarase o día seguinte ao da publicación a que se refire o punto anterior. A toma de posesión da praza efectuarase no centro de xestión ao cal pertenza esta. A falta de incorporación no prazo referido, cando sexa imputable ao/á interesado/a e non responda a causas xustificadas, producirá o decaemento do seu dereito a obter a condición de persoal estatutario fixo como consecuencia do concreto proceso selectivo. Non obstante, en casos de forza maior, e por instancia do/da interesado/a, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde poderá prorrogar o prazo de toma de posesión. A incorporación ás prazas adxudicadas levará aparellado o cesamento do persoal temporal que, se é o caso, as ocupe, de acordo cos criterios de incorporación e cesamento vixentes.

10.3. De conformidade coa disposición adicional segunda do Decreto 70/2017, do 13 de xullo (DOG núm. 145, do 1 de agosto), como condición para o perfeccionamento do nomeamento que se expida, os/as aspirantes seleccionados/as deberán realizar, con carácter obrigatorio, e nun prazo non superior aos seis meses contados desde a data de publicación no Diario Oficial de Galicia do correspondente nomeamento como persoal estatutario fixo, as actividades formativas para a obtención do nivel básico de coñecemento en materia de igualdade de xénero e prevención e loita contra a violencia de xénero, previstas no artigo 4 da citada regulación, que impartirá o Servizo Galego de Saúde.

Non terán que realizar esta actividade formativa os/as aspirantes seleccionado/as que a teñan realizado con anterioridade, conste rexistrada en Fides/expedient-e e teña sido debidamente validada.

10.4. Co fin de garantir a protección da saúde dos/das aspirantes que superen definitivamente o proceso selectivo, efectuarase unha avaliación inicial da súa saúde que permita adoptar as medidas preventivas e de protección necesarias para evitar que se poidan ver afectados/as de xeito singular por algún risco laboral identificado no seu posto de traballo. A dita avaliación será realizada pola Unidade Periférica de Prevención de Riscos Laborais de referencia para o centro de xestión a que pertenza a praza adxudicada.

XI. Norma derradeira.

11.1. Esta convocatoria e as súas bases vinculan a Administración, o tribunal encargado de xulgar o concurso-oposición e os/as que participen nel.

11.2. Así mesmo, cantos actos administrativos sexan producidos polo tribunal, pola autoridade convocante ou o órgano encargado da xestión, poderán ser impugnados polos/as interesados/as de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

11.3. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta Dirección, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderase impugnar directamente na xurisdición contencioso administrativa nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2020

Ana Mª Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO I

Prazas e titulación

Categoría

Subgrupo

Total prazas

Titulación

Técnico/a en farmacia

C2

10

Título de técnico/a en Farmacia ou titulación equivalente na normativa de ordenación da formación profesional

ANEXO II

Programa das probas selectivas

Parte común.

Tema 1. A Constitución española: principios fundamentais, dereitos e deberes fundamentais dos españois. A protección da saúde na constitución.

Tema 2. Estatuto de autonomía de Galicia. O Parlamento. A Xunta e o seu Presidente. A Administración pública galega.

Tema 3. Lexislación sanitaria: dereitos e deberes dos usuarios do sistema sanitario público. Confidencialidade da información sanitaria e historia clínica. Competencias das administracións públicas. O Servizo Galego de Saúde.

Tema 4. Selección e provisión de prazas: o Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

Tema 5. Prevención de riscos laborais: aspectos básicos. Principais riscos e medidas de prevención nas institucións sanitarias. Igualdade e violencia de xénero.

Parte específica.

O temario da parte específica consta publicado como anexo da Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, do 17 de xuño de 2015 (Diario Oficial de Galicia núm. 121, do 30 de xuño).

Os textos legais serán os vixentes na data de publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se nomea o tribunal de cualificación.

ANEXO III

Procedemento de acreditación de méritos

a) Formación académica

Acreditarase, segundo o suposto, mediante orixinal ou copia compulsada do título oficial ou certificación académica de ter superados os estudos necesarios para a súa obtención.

Noutro suposto, non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

b) Formación continuada

Acreditarase tal mérito mediante copia compulsada do certificado de asistencia ao curso en que deberá constar o organismo ou entidade que convocou e impartiu a dita actividade formativa, as datas de realización, contido do curso e número de créditos e/ou horas asignados. Poderá requirirse á persoa aspirante a achega do programa formativo ou categoría/s destinataria/s.

Normas específicas para a formación en liña. Serán válidos aqueles diplomas asinados dixitalmente por Dixital Learning cun certificado dixital emitido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT) así como aqueles que se poidan referenciar a unha web verificable ou cotexable polo órgano de selección. Noutro suposto, deberá achegarse certificación orixinal asinada polo órgano que impartiu a actividade formativa que conterá toda a información exixida neste punto.

No suposto de formación en liña con desenvolvemento nun rango de datas, será válida a formación que conste superada dentro das ditas datas.

Valoraranse os módulos ou partes integrantes dun curso nos supostos nos que quede debidamente acreditada a carga lectiva e horas/créditos asignados de forma diferenciada.

Non se valorarán nesta epígrafe os cursos/módulos que sexan parte dunha titulación de formación académica.

O órgano de selección reserva para si o dereito de poder exixir ao aspirante calquera documentación complementaria e/ou rexeitar calquera certificado en liña cando existan dúbidas razoables sobre a súa autenticidade.

Noutro suposto, non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

c) Experiencia profesional

A experiencia profesional en institucións públicas acreditarase mediante certificación emitida pola Dirección de Recursos Humanos do centro ou órgano equivalente, na cal deberá constar a seguinte información: categoría, tipo de vínculo (fixo, temporal, atención continuada, formación, promoción profesional temporal), réxime xurídico de vinculación (laboral, funcionario, estatutario), data de inicio e fin de cada unha das vinculacións, número de horas no suposto de vínculos de atención continuada, total de días de vinculación, réxime de xornada (xornada completa, tempo parcial).

Non será necesario acreditar documentalmente a experiencia profesional nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade.

A experiencia profesional en centros privados acreditarase mediante certificación da empresa, na cal deberá constar a información arriba indicada, ou contrato laboral. En ambos os supostos xunto coa citada documentación deberá presentarse un informe de vida laboral emitido polo INSS.

Noutro suposto, non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

Non serán obxecto de valoración as relacións de colaboración social nin os certificados de desempeño de funcións.

d) Compulsa de documentos

As copias dos documentos acreditativos de méritos que se acheguen deberán estar cotexadas polo responsable do rexistro onde se presenten ou compulsadas por notario ou funcionario público acreditado para a realización de tales funcións.

e) Tradución de documentos

Os títulos ou certificacións que estean redactados nun idioma distinto a calquera dos oficiais do Estado español deberán acompañarse da súa tradución para o castelán ou o galego, que deberá ser efectuada:

a) Por tradutor xuramentado, debidamente autorizado ou inscrito en España.

b) Por calquera representación diplomática ou consular do Estado español no estranxeiro.

c) Pola representación diplomática ou consular en España do país de que é cidadán/cidadá o/a solicitante ou, de ser o caso, do de procedencia do documento.

ANEXO IV

Instrucións de acceso ao expediente electrónico (FIDES)

A Oficina Virtual do Profesional (FIDES) constitúe o punto de encontro telemático entre o Servizo Galego de Saúde e os/as profesionais cos que mantén unha vinculación, así como coas persoas aspirantes e profesionais doutros servizos de saúde que participen nos procesos de selección e provisión de prazas convocados por este organismo, e configúrase como a plataforma de acceso ao expediente electrónico do/da profesional ou aspirante.

O acceso a FIDES, poderase realizar desde:

– Internet (profesionais do Servizo Galego de Saúde e procedentes doutros servizos autonómicos de saúde)

– A Intranet do Servizo Galego de Saúde (só dispoñible para profesionais en activo do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, e desde equipamentos informáticos situados fisicamente na rede corporativa).

1. Acceso desde a internet.

1.1. Acceso desde a internet con certificado dixital.

Os profesionais do Servizo Galego de Saúde así como os que procedan doutro servizo de saúde autonómico poderán acceder desta forma a FIDES a través do enderezo http://fides.sergas.es.

É requisito indispensable dispoñer dun certificado dixital para acceder a través desta vía. Os certificados aceptados son os expedidos pola FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre) e o DNI electrónico (DNIe).

Para obter o certificado dixital expedido pola FNMT será preciso solicitalo a través da internet (no enderezo www.cert.fnmt.es), ou ben en calquera oficina da Axencia Tributaria (Ministerio de Economía e Facenda).

Se o usuario xa dispón dunha tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde con chip electrónico, esta xa contén un certificado da FNMT, polo que non será necesario solicitar un novo. De feito, a solicitude dun novo certificado inhabilitará o que existe na tarxeta sanitaria.

Pola súa parte, o DNI electrónico (DNIe) poderase solicitar nas oficinas da Dirección Xeral da Policía.

Para a identificación do usuario mediante tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde con chip electrónico ou a través do DNI electrónico, será preciso, con carácter xeral, dispoñer dunha lectora de tarxetas. Non se requirirá lectora de tarxetas unicamente no suposto de dispoñer dun certificado dixital da FNMT instalado no propio equipamento.

Os/as usuarios/as poderán solicitar información e obter asesoramento sobre a acreditación electrónica nos PAE (Punto de acreditación electrónica) habilitados polo Servizo Galego de Saúde nos diversos centros sanitarios de atención especializada e atención primaria do organismo.

Os servizos que, a través desta forma de acceso, terán dispoñibles os/as profesionais actualmente vinculados ao Servizo Galego de Saúde, así como aqueles profesionais procedentes doutros servizos de saúde que nalgún momento do pasado tivesen algún tipo de vinculación co citado organismo serán tanto o acceso á xestión do expediente electrónico e á inscrición electrónica no proceso de concurso de traslados e demais procesos de selección e provisión de prazas que convoque este organismo como ao resto de funcionalidades existentes na Oficina Virtual do Profesional (FIDES).

Os servizos que, a través desta forma de acceso, terán dispoñibles os profesionais que nunca tiveron un vínculo co Servizo Galego de Saúde serán tanto o acceso á xestión do expediente electrónico como á inscrición electrónica no proceso de concurso de traslados e demais procesos de selección e provisión de prazas que convoque este organismo.

A primeira vez que un profesional acceda con certificado dixital a FIDES solicitaráselle que cubra un formulario de alta con datos básicos.

1.2. Acceso desde a internet sen certificado dixital.

O acceso a FIDES desde a internet sen certificado dixital pode efectuarse a través do enderezo http://fides.sergas.es, mediante o sistema Chave 365, que permite aos/ás cidadáns/cidadás maiores de idade identificarse tanto en FIDES como na sede electrónica da Xunta de Galicia sen necesidade de usar certificados dixitais nin DNI electrónico.

Pódese atopar toda a información relativa ao sistema Chave 365 neste enderezo: https://sede.xunta.gal/chave365

2. Acceso desde a intranet do Servizo Galego de Saúde.

Esta vía só estará dispoñible para profesionais en activo do Servizo Galego de Saúde e desde equipamentos informáticos situados fisicamente na rede corporativa do citado organismo.

Os/as profesionais cun vínculo activo terán, mediante este sistema, acceso á totalidade de servizos e funcionalidades de FIDES, incluído o acceso á xestión do expediente electrónico e á inscrición electrónica nos procesos de selección e provisión.

O acceso a FIDES realizarase mediante o código de usuario e contrasinal que os/as profesionais en activo xa teñen asignado e utilizan habitualmente para acceder ao resto de funcionalidades do sistema.

3. Acceso a Fides/expedient-e por usuarios, menores de idade.

O acceso efectuarase mediante DNI electrónico.

4. Manual de instrucións de acceso e funcionamento do expediente electrónico e validación da documentación.

Na sede electrónica do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) figura á disposición dos aspirantes un manual de instrucións sobre o acceso e funcionamento do expediente electrónico, os diferentes estados en que pode atopar a información relativa aos seus méritos e normas de validación da documentación que hai que achegar.

5. Caixa de correo electrónico.

Para efectuar as consultas e resolver as dúbidas que xurdan en relación con este procedemento, habilítase o seguinte enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es.