Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 18 de xaneiro de 2021 Páx. 2722

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas dos sectores industria e servizos para o ano 2021, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020 (código de procedemento IN417Y).

A sensibilidade especial que para a cidadanía está a ter o uso racional das enerxías e a busca de novas fontes enerxéticas calou de forma importante no enfoque das administracións públicas, que unanimemente están a actuar neste campo, prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre aforro e eficiencia enerxética ou enerxías renovables se están a desenvolver na actualidade.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) constitúese en Axencia polo Decreto 142/2016, do 22 de setembro, mantendo a súa adscrición á Consellería competente en materia de enerxía, conforme ao establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo, e entre cuxas funcións destacan o impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, a mellora do aforro e da eficiencia enerxética, o fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia. Igualmente prevé a participación na xestión e prestación de servizos noutros campos sinérxicos ao enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.

Para o desenvolvemento dos obxectivos anteriores, e na procura de incentivar a transformación da actividade industrial en Galicia cara a unha industria 4.0 que aumente a súa competitividade nun mercado global, o Inega establece este sistema de subvencións, complementario aos creados por outras entidades públicas, relacionados con proxectos que fomenten o aforro e eficiencia enerxética en empresas do sector industrial e servizos. As actuacións a desenvolver enmárcanse dentro das directrices enerxéticas de Galicia 2018-2020, aprobadas o 8 de marzo de 2018, e a Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3), que alude á utilización do aforro e eficiencia enerxética como instrumento para a mellora da competitividade e o fomento do emprego.

A dotación da presente convocatoria con cargo aos orzamentos do Inega para o ano 2021 ascende a 10.000.000,00 euros financiados con fondos comunitarios derivados do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020.

Trátase de actuacións desenvolvidas pola Xunta de Galicia encadradas no eixe 4 prioridade de investimento 4b, obxectivo específico 4.2.1 Avanzar na avaliación e mellora da eficiencia enerxética das empresas, en particular das pemes, obxectivo do CPSO 4.2.1.1. Desenvolvemento de auditorías enerxéticas, implantación de sistemas de xestión e proxectos de aforro e eficiencia enerxética no sector industrial e servizos. O financiamento da convocatoria correspóndese con fondos comunitarios derivados do programa Feder-Galicia 2014-2020 nun 80 %, computándose como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios.

Como un dos órganos encargados de desenvolver a política enerxética da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, o Inega considera de máximo interese potenciar as actuacións de mellora do aforro e a eficiencia enerxética, as enerxías renovables e a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores en Galicia.

Por todo o anterior, en virtude do disposto nos artigos 7.1 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

RESOLVO:

Aprobar as bases reguladoras da concesión de subvencións a proxectos de aforro e eficiencia enerxética e convocar a todos aqueles interesados en solicitalas en función do establecido nestas bases reguladoras.

Artigo 1. Obxecto e normativa de aplicación

1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións para a realización de aforro e eficiencia enerxética nas empresas do sector industria e servizos, que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución (código de procedemento IN417Y).

2. Convocar para o ano 2021, en réxime de concorrencia non competitiva, segundo o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas dos sectores industria e servizos. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude, do que se fará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.

Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial en promover proxectos que fomenten o aforro e eficiencia enerxética, que cumprindo os requisitos especificados nas presentes bases piodan levarse adiante en Galicia. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de maneira continuada.

3. As axudas para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas do sector industrial e servizos obxecto destas bases están suxeitas ás condicións que se establecen no capítulo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (Regulamento xeral de exención por categorías) publicado no DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014. A presente convocatoria refírese ás axudas que aparecen definidas dentro da sección 7, axudas para a protección do ambiente, do capítulo III como axudas ao investimento destinadas a medidas de eficiencia enerxética (artigo 38). O citado Regulamento 651/2014 no artigo 1.3.b) establece que este non se aplicará ás axudas concedidas no sector da produción agrícola primaria a excepción, entre outras, das axudas para a protección do ambiente.

Artigo 2. Condicións dos proxectos

1. Enténdese por inicio dos traballos, conforme a definición recollida no artigo 2 do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, ou ben o inicio dos traballos de construción ou ben o primeiro compromiso en firme para o pedido de equipos ou outro compromiso que faga o investimento irreversible, se esta data é anterior. A merca de terreos e os traballos preparatorios como a obtención de permisos e a realización de estudos previos de viabilidade non se consideran inicio dos traballos.

2. O investimento mínimo para que a actuación sexa subvencionable debe ser de 10.000 euros por actuación, o IVE non está incluído.

3. Cada empresa poderá presentar unha ou máis solicitudes. Cada solicitude preverá un único proxecto técnico que pode constar de dunha soa actuación ou de varias actuacións homoxéneas executadas nun mesmo emprazamento e que se valorarán de xeito conxunto.

Considéranse actuacións homoxéneas que deben preverse nunha única solicitude: todas as actuacións de iluminación que se realicen no centro de traballo e a renovación de varios equipos para o mesmo fin. Por exemplo, a instalación de varios electrodomésticos, ou de dúas caldeiras para proceso aínda que estas non sexan iguais (ademais debe incluírse no mesmo proxecto calquera actuación relacionada que se efectúe na sala de caldeiras como pode ser a instalación dun economizador ou tanque de revaporización).

Consideránse actuacións non homoxéneas e que, polo tanto, deben cursarse en solicitudes independentes a combinación de proxectos independentes, por exemplo, a renovación dun compresor, a renovación dos equipamentos de iluminación, a renovación das caldeiras, a instalación de variadores de frecuencia en motores, etc.

Artigo 3. Financiamento

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2021 e imputaranse a aplicación orzamentaria 06.A3.733A.770.0.

O crédito máximo segundo a tipoloxía de proxecto e tipo de solicitante será o seguinte:

Distribución por líña de axuda

Tamaño empresa

Ano 2021 (€)

Ano 2022 (€)

Total (€)

PAEI-Proxectos de aforro e eficiencia enerxética no sector industrial

Peme

2.400.000,00

1.200.000,00

3.600.000,00

Grande empresa

1.600.000,00

800.000,00

2.400.000,00

PAES-Proxectos de aforro e eficiencia enerxética no sector servizos

Peme

1.369.200,00

1.030.800,00

2.400.000,00

Grande empresa

912.800,00

687.200,00

1.600.000,00

Total

6.282.000,00

3.718.000,00

10.000.000,00

O crédito máximo recollido na táboa anterior poderá ser redistribuído se pasados dous meses desde a apertura do prazo de solicitudes nalgunha das epígrafes non se rexistran solicitudes suficientes para esgotar os fondos dispoñibles e noutra das epígrafes existe listaxe de espera.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria.

O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 31.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se fora o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios fixados nestas bases.

3. De producirse a ampliación de crédito publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

4. A presente convocatoria tramítase polo procedemento anticipado de gasto. O outorgamento das subvencións queda condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases:

a) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia, incluídas no sector servizos ou na industria. Para os efectos destas bases defínese empresa conforme o recollido no artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014. Só serán subvencionables as actuacións realizadas en centros de traballo ubicados en Galicia.

Considerarase sector servizos as actividades incluídas nas seccións: G, H, I, J, L, M, N, O, P, Q, R, S, T ou U do CNAE 2009. Dentro do sector industria serán subvencionables as empresas cuxo CNAE 2009 comece pola división da 07 a 39, excluídas as que comecen pola división 10.2 e 12.

Tamén serán subvencionables as actividades previstas no IAE que se correspondan con estas seccións do CNAE 2009.

b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos de servizos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía. Os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia, corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación das presentes bases e, en concreto, desenvolver algunha das actividades recollidas na alínea a) deste artigo e amparadas polo Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior.

Para poder ser destinatarias últimas das axudas, estas empresas deberán actuar en función dun contrato de servizos enerxéticos con algunha empresa das indicadas no alínea a) e deberán contar, en todo caso, co visto e prace do titular da instalación, por se a concesión da axuda dese lugar á modificación do contrato existente entre ambas as partes.

As empresas de servizos enerxéticos deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 56/2016 para o desenvolvemento da actividade profesional de provedor de servizos enerxéticos, e deberán estar incluídos na listaxe de provedores de servizos enerxéticos regulada no capítulo III do citado real decreto.

2. As persoas ou entidades que resulten beneficiarias da subvención e con posterioridade contratasen a xestión enerxética, total ou parcialmente, a unha empresa de servizos das definidas no punto anterior deste artigo, poderán solicitar a modificación da resolución de concesión no sentido de que pase a ser beneficiaria esta última, xuntando unha copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o que se solicita a axuda. Esta solicitude deberá presentarse, como mínimo, 20 días hábiles antes da finalización do prazo de xustificación do investimento do proxecto, podendo dar lugar á minoración da axuda inicialmente outorgada tras a aplicación da metodoloxía de cálculo da axuda segundo o establecido nestas bases, no caso de que se produza unha variación do investimento elixible ou das características técnicas do proxecto.

3. As empresas deberán cumprir co criterio de autonomía e demais requisitos que se establecen no anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías.

4. Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, o máis tardar, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 5. Persoas e entidades excluídas destas axudas

1. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non poderán ser centros consumidores de enerxía as persoas particulares (comunidades de propietarios).

3. Cando se trate de axudas para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas do sector industrial ou servizos non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en que concorran algunhas das circunstancias previstas no artigo 1.3 do Regulamento (UE) núm. 651/2014, do 17 de xuño de 2014, entre as que figuran as empresas do sector da pesca e da acuicultura segundo se recolle no Regulamento (UE) núm. 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2013.

4. Non poderán concederse axudas con fondos Feder, segundo o disposto no artigo 3.3 do Regulamento (UE) 1301/2013, do 17 de decembro de 2013 , nos seguintes ámbitos:

a) Investimentos para lograr a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro procedentes de actividades enumeradas no anexo I da Directiva 2003/87/CE.

b) Empresas en crise segundo a definición do Regulamento (UE) núm. 651/2014.

5. Non poderán obter a condición de beneficiarias as empresas suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que tivese declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 6. Proxectos que se subvencionan

1. Poderán obter dereito a subvención todas aquelas actuacións que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma e o prazo de execución dos proxectos subvencionables iniciarase unha vez se teña efectuada a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará no prazo previsto no artigo 26.

2. Proxectos de aforro e eficiencia enerxética

a) Serán elixibles os custos de investimentos adicionais necesarios para lograr un nivel máis elevado de eficiencia enerxética. Determinarase do seguinte xeito:

1º Cando os custos do investimento en eficiencia enerxética poidan identificarse nos custos totais do investimento como investimento separado, estes custos relacionados coa eficiencia enerxética serán subvencionables.

2º En todos os demais casos, os custos do investimento en eficiencia enerxética determinaranse por referencia a un investimento similar, que implique menor eficiencia enerxética, que se podería realizar de xeito crible sen a axuda. A diferenza entre o custs de ambos os investimentos determinará o custo relacionado coa eficiencia enerxética e será o custo subvencionable.

Os custos dos proxectos que non estean directamente vinculados á consecución dun nivel máis elevado de eficiencia enerxética non serán subvencionados. Non serán subvencionables aqueles proxectos con ratios de aforro enerxético anual de enerxía final inferiores a 0,4 kWh por € de investimento elixible por considerarse que a finalidade do investimento non é a consecución dunha maior eficiencia enerxética. Esta ratio redúcese a 0,3 para medianas empresas e 0,2 para pequenas empresas para ter en conta o seu menor poder de mercado para negociar os prezos de adquisición de enerxía.

Os investimentos só poderán ser subvencionados sobre a base dunha auditoría enerxética, cuxos resultados se plasmarán na memoria técnica da solicitude.

b) Poden ser obxecto de subvención as actuacións que se recollen a continuación:

1ª Os investimentos en substitución ou mellora de equipos e instalacións consumidores de enerxía do proceso produtivo do sector industrial, así como dos sistemas auxiliares necesarios para o seu funcionamento, por equipos e instalacións que utilicen tecnoloxía de alta eficiencia ou a mellor tecnoloxía dispoñible. O aforro enerxético mínimo requirido para ser subvencionable deberá ser dun 5 % respecto do consumo inicial.

2ª A renovación ou mellora de equipamentos de instalacións existentes de produción de calor e frío destinadas a atender a demanda de benestar e hixiene das persoas, por outras de alta eficiencia enerxética, seleccionados con base nun maior rendemento enerxético. O aforro enerxético mínimo requirido para ser subvencionable deberá ser dun 20 % respecto do consumo inicial.

3ª A mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación existentes que leven asociada unha redución anual de, polo menos, un 40 % respecto ao consumo inicial en iluminación, garantindo un confort lumínico adecuado á tarefa que se vai realizar.

4ª Os investimentos en substitución ou mellora de equipos e instalacións consumidores de enerxía do sector servizos, así como dos sistemas auxiliares necesarios para o seu funcionamento, por equipos e instalacións que utilicen tecnoloxía de alta eficiencia ou a mellor tecnoloxía, que implique un aforro enerxético mínimo dun 20 % respecto do consumo inicial.

5ª Para contribuír á comprobación dos resultados enerxéticos obtidos será subvencionable a implantación de medidas de contabilización, monitorización e telexestión do consumo de enerxía asociadas ás actuacións de aforro para as que se solicita axuda e incluso a implantación de sistemas de procesado avanzado de datos e intelixencia artificial aplicados á optimización do consumo enerxético da empresa no tocante á análise dos consumos enerxéticos das actuacións subvencionadas. Entenderase por intelixencia artificial aqueles desenvolvementos que de xeito sistemático sexan capaces de reaxustar algúns dos seus parámetros en función das experiencias pasadas co obxecto de optimizar o consumo enerxético. Será subvencionable a realización de auditorías enerxéticas que inclúan en detalle a actuación subvencionada salvo que se trate dunha auditoría obrigatoria conforme a normativa vixente. Será subvencionable a implantación de sistemas de xestión enerxética certificados conforme a Norma ISO 50.001 por entidade acreditada durante o período de xustificación que contribúan a medir o aforro enerxético derivado da actuación.

Para as solicitudes tramitadas baixo a modalidade de empresas de servizos enerxéticos terase en conta a actividade asimilable ao centro de traballo en que se instalen.

Artigo 7. Requisitos técnicos dos proxectos que se subvencionan

1. Levar asociado o aforro enerxético mínimo requirido para cada proxecto segundo o indicado no artigo 6. O dito aforro debe quedar xustificado na memoria técnica e na ficha de consumos a que se fai referencia no artigo 13. Non se considerarán válidos para a xustificación os resultados de experiencias anteriores ao menos que se presente a documentación que acredite tales aforros.

2. No caso de mellora de instalacións de iluminación a instalación resultante debe cumprir os requisitos que sexan de aplicación definidos na norma UNE-EN 12464 (iluminación dos lugares de traballo) e na Guía técnica para a avaliación e prevención de riscos relativos a utilización de lugares de traballo.

Nas estancias en que o fluxo luminoso total despois da mellora sexa inferior ao fluxo luminoso inicial e a potencia final instalada sexa superior a 1kW deberá xustificarse cun estudo lumínico que o nivel de iluminancia mantida (Em) é adecuado á actividade prevista.

3. Cando se valoricen enerxeticamente residuos ou enerxías residuais considerarase aforro enerxético toda a nova enerxía valorizada. Considerase que a instalación contribúe a aumentar a eficiencia enerxética da empresa cando a enerxía xerada/recuperada se consume na súa práctica totalidade no centro de traballo asociado.

4. Os proxectos que se presenten deberán ser técnica, xurídica, económica e financeiramente viables.

Artigo 8. Investimentos subvencionables

1. Os proxectos que non cumpran cos requisitos técnicos mínimos recollidos no artigo 7 non serán subvencionables.

2. Non se admitirá no orzamento partidas alzadas; todas as partidas deberán levar as súas correspondentes medicións.

3. Non serán subvencionables as seguintes actuacións:

a) As instalacións que utilicen enerxías renovables salvo as que procedan da valorización de residuos non propiamente enerxéticos e as bombas de calor.

b) Operacións de mantemento (simples reposición de lámpadas, ...)

c) Vehículos de todas clases utilizables para o transporte terrestre, marítimo ou aéreo de persoas, animais, materiais ou mercadorías, excepto os que se deban rexistrar na conta de maquinaria. A conta de maquinaria inclúe o conxunto de máquinas ou bens de equipo mediante os cales se realiza a extracción ou elaboración dos produtos. Nesta conta figurarán todos aqueles elementos de transporte interno que se destinen ao traslado de persoal, animais, materiais e mercadorías dentro de factorías, talleres, etc. sen saír ao exterior.

4. Considéranse custos subvencionables: a elaboración dos proxectos técnicos, dirección facultativa e obra civil relacionados coas actuacións, o prezo dos equipamentos, a súa montaxe e posta en marcha.

5. Non se consideran custos subvencionables:

a) Os gastos de legalización.

b) O imposto sobre o valor engadido (IVE).

c) Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. En ningún caso serán subvencionables as instalacións/equipamentos que xa foran obxecto de axuda en anos anteriores.

7. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Cando nunha actuación de aforro se incremente substancialmente a capacidade produtiva final do proceso só se considerará elixible o custo correspondente á mellora enerxética da capacidade produtiva inicial.

Artigo 9. Contía da axuda

1. A contía da subvención será do 35 % do custo elixible da actuación. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.

2. Con carácter xeral, establécese unha axuda máxima por proxecto de 500.000 euros. Poderase aumentar a axuda máxima por proxecto ata 1.000.000 euros en aquelas actuacións que en fase de solicitude xustifiquen a consecución de elevados niveis de aforro enerxético. Na seguinte táboa establécese o valor máximo de axuda en función do aforro enerxético anual xustificado.

Aforro enerxético anual

Axuda máxima (€)

AE<125 tep/ano

500.000

AE≥125 tep/ano

4.000 × AE

Onde AE = Aforro enerxético anual en (tep/ano) xustificado en fase solicitude.

No caso de que a axuda que se vaia conceder veña limitada pola axuda máxima indicada no parágrafo anterior, o custo elixible limitarase dividindo a axuda máxima entre a intensidade de axuda que corresponda ao solicitante.

3. A axuda máxima por empresa beneficiaria no conxunto da convocatoria será de 2.000.000,00 de euros.

4. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Artigo 10. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes subscribiranse directamente polos interesados ou por persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará 20 de xaneiro de 2021 e concluirá o 15 de outubro de 2021.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

No ámbito do sector público autonómico estarán obrigados a relacionares a través de medios electrónico para a realización de calquera trámite dun procedemento administrativo os traballadores autónomos e traballadoras autónomas para os trámites e actuacións que realicen no exercicio da súa actividade profesional, así o dispón o artigo 10.1 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

A publicación dos formularios da solicitude no DOG faise unicamente para os efectos informativos.

4. Para formular a solicitude, ademais de encher o correspondente formulario cos datos de identificación do solicitante e xerais da actuación (anexo I de solicitude), deberase achegar a través da aplicación, a seguinte documentación mínima:

– Poder de representación da persoa que presenta a solicitude.

– Memoria técnica do proxecto segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) en función da tipoloxía da actuación.

5. Os fondos solicitados e os validados polo Inega para cada liña poderán visualizarse en todo momento a través da aplicación informática. Unha vez presentada unha solicitude, a aplicación informática descontará a contía de axuda correspondente ao expediente dos fondos dispoñibles para a liña de axudas de que se trate. Polo tanto, a axuda máxima a que se vai conceder ao expediente estará limitada pola axuda indicada na solicitude inicial.

De chegarse a esgotar os fondos dispoñibles para unha liña de axudas as seguintes solicitudes presentadas incluiranse nunha listaxe de espera para esta liña; no momento da presentación, a aplicación informática informará da posición que ocupa a solictitud na listaxe de espera. As inadmisións, desistencias, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados liberarán fondos que poderán ser reasignados aos expedientes que se atopen en listaxe de espera segundo a orde de prelación que lle corresponda.

6. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

Os documentos da solicitude deberán incluír unha parte administrativa e unha parte técnica.

a) Documentación administrativa:

i. Documento oficial en que conste o código CNAE correspondente á actividade da empresa, tal como: declaración censual, declaración de vida laboral, imposto de actividades económicas. Tamén se aceptarán os documentos en que aparezan as actividades previstas no IAE que se correspondan coas seccións do CNAE 2009.

ii. Declaración responsable asinada polo representante legal do solicitante de ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se conceda a axuda (Modelo dispoñible na páxina web do Inega).

iii. As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, debe ter solicitado o solicitante. Cando o investimento sen IVE da actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario superior a 15.000 € o beneficiario deberá solicitar e achegar ao Inega como mínimo o contido de 3 ofertas de distintos provedores. Non se aceptará como válido o certificado, informe ou documento similar en que se indique que se cumpriu co dito trámite de solicitar as 3 ofertas, pois o que se debe achegar é copia do contido de cada unha das ofertas.

A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, que terá que incluír unha comparación das especificacións técnicas dos elementos ofertados e o motivo da elección.

Non será necesario presentar as 3 ofertas se polas especiais características dos gastos que se subvencionan non existe no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, debendo o beneficiario neste suposto prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

As ofertas deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, enderezo e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non IVE) e a descrición técnica dos elementos ofertados.

Cando o investimento sen IVE da actuación non sexa superior a 15.000 € o beneficiario deberá achegar unha oferta que avale o orzamento do proxecto.

iv. Declaración responsable emitida polo representante da empresa en que se indique a cualificación como empresa autónoma, ou ben se indique as empresas asociadas ou vinculadas, incluíndo os datos de participación respectivos.

v. As empresas, cando non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán copia da documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente.

vi. Copia do documento que acredite a existencia dun centro de traballo en Galicia ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso das empresas de servizos enerxéticos o que debe estar situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia son os centros de consumo.

vii. Cando unha empresa de servizos enerxéticos xestione total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía, deberá achegar ademais:

a. Unha copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o que se solicita a axuda.

b. Constancia por escrito da autorización e coñecemento por parte do titular ou titulares da instalación de que se solicita a subvención.

viii. Para a acreditación da condición de pequena ou mediana empresa deberase achegar ademais:

a. Contas anuais da empresa solicitante, e das empresas asociadas ou vinculadas, correspondentes ao último exercicio contable pechado, co xustificante de ser depositadas no rexistro correspondente.

b. Declaración responsable emitida polo representante da empresa en que se reflicta o número de empregados da empresa, así como os das empresas asociadas ou vinculadas.

b) Documentación técnica:

i. Memoria técnica do proxecto segundo modelo «Memoria técnica PAE» dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) ou modelo «Memoria técnica PAE_ILU» para proxectos de mellora de iluminación.

ii. Documento denominado «Ficha de consumos PAE» segundo modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) en que se relacione o número de factura e o consumo enerxético de todas as facturas (electricidade, gas, fuel óleo, gasóleo,…) do período anual tomado como referencia (2020 ou últimos doce meses), así como os datos enerxéticos do proxecto. Non será preciso a presentación desta ficha no caso de proxectos de iluminación.

iii. Fotografías da instalación actual. Incluíndo cando proceda a placa de características técnicas dos equipos sobre os que se actúa. As fotografías deberán vir identificadas coa estancia en que se atopan.

iv. Plano de situación das instalacións no establecemento coa distribución dos equipos.

v. Características técnicas dos equipos para os que se solicita a axuda subministradas polo fabricante (catálogo, certificado ou ficha técnica do fabricante) onde se inclúan datos da produtividade do equipo e do seu consumo e rendemento enerxético.

vi. No caso de investimentos en eficiencia enerxética non separables, achegar oferta técnica dun provedor que avale o orzamento dun investimento similar que implique menor eficiencia enerxética e que se podería realizar de forma crible sen subvención (investimento de referencia).

vii. No caso de actuacións de iluminación, deberase presentar unha declaración responsable asinada por un técnico cualificado (especificar no documento o nome completo, DNI e cualificación do técnico asinante) en que se relacionen as estancias reformadas (coa mesma estrutura utilizada no documento «Memoria técnica PAE_ILU»), o seu uso, e se declare que tras os estudos lumínicos realizados se constata o cumprimento da norma UNE-EN 12464 (Iluminación. Iluminación nos lugares de traballo), e na Guía técnica para a avaliación e prevención de riscos relativos á utilización de lugares de traballo, se é o caso. Nas estancias en que o fluxo luminoso total despois da mellora sexa inferior ao fluxo luminoso inicial e a potencia final instalada sexa superior a 1kW, deberá achegarse estudo lumínico en que se xustifique o nivel de iluminancia mantida (Em) é adecuado á actividade prevista.

viii. Ademais, nas instalacións de iluminación que estean incluídas total ou parcialmente no ámbito de aplicación do documento HE3 do Código técnico da edificación, xustificación asinada por un técnico competente de que cumpren coas exixencias establecidas nel. Nos casos en que a instalación non estea incluída total ou parcialmente no ámbito de aplicación do HE3, xuntar escrito xustificativo dos motivos.

ix. Ademais, nos casos en que proceda tamén se debe achegar memoria técnica adicional para actuacións de renovación de edificios segundo modelo «Memoria técnica adicional edificios PAE» dispoñible na web do Inega (www.inega.gal).

x. Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente achegar para a correcta avaliación do proxecto.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsablilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que e van presentar de forma electrónica supera os tamaños máximos establecidos (5MB) ou ten un formato non admitido, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

5. Os interesados poderán consultar na aplicación informática e na Carpeta cidadá-Mi Sede, accesibles desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación de este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Certificado de alta no imposto de actividades económicas.

b) Certificacións de estar ao día no pagamento coa AEAT, a Seguridade Social e Facenda Autonómica.

c) DNI/NIE da persoa solicitante.

d) NIF da entidade solicitante.

e) Consulta administradores da sociedade, cando se trate dunha persoa xurídica.

f) NIF da entidade representante.

g) DNI/NIE da persoa representante.

h) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

i) Concesión de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o esixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilita a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 15. Publicidade

1. O Inega publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na súa páxina web oficial (www.inega.gal ) e no Diario Oficial de Galicia expresando a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade. A publicidade no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Inega.

2. En cumprimento do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, de 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

3. Na publicación que se faga no DOG e no taboleiro electrónico das axudas cofinanciadas con fondos Feder e individualmente concedidas ao abeiro desta convocatoria, incluirase unha referencia expresa ás disposicións pertinentes do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, ao seu título e á data de publicación no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE).

Artigo 16. Compatibilidade das subvencións

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que non se supere o 100 % do investimento subvencionable ou, se é o caso, o límite máximo establecido no artigo 9 das bases reguladoras, no marco dos números 4 e 5 do artigo 38 do Regulamento (UE) 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014.

Non obstante, e de acordo co establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) 1303/2013, o proxecto poderá recibir axuda doutros fondos EIE, dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, a condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pagamento correspondente a un dos fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro fondo ou instrumento da Unión, ou axuda do mesmo fondo no marco dun programa distinto.

2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 22 destas bases reguladoras.

Artigo 17. Órganos competentes

A xefa da Unidade Xurídico-Administrativa do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións e corresponde ao director do Inega ditar as diferentes resolucións que se deriven do dito procedemento.

Artigo 18. Instrución do procedemento de concesión das axudas

1. A solicitude de axuda con reserva de fondos será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Inega en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e na documentación complementaria presentada. De ser o caso, tamén poderán ser avaliadas as solicitudes de axudas que figuren nos postos de máis prelación da listaxe de espera, sen que tal avaliación supoña garantía de que os expedientes se cheguen a subvencionar ata que, eventualmente, recaia resolución expresa de concesión de axuda.

Se a solicitude non reúne algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos; coa advertencia expresa de que, se así non o fixer, se lle terá por desistido na súa petición e arquivarase o expediente.

Igual requirimento efectuarase no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT); Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS); consellería competente en materia de economía e facenda; Rexistro Mercantil e outros rexistros públicos.

2. Sen prexuízo do establecido no disposto no punto anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

3. Tras o informe dos servizos técnico e xurídico, as solicitudes serán avaliadas por un comité de avaliación formado pola persoa titular do Departamento de Enerxía e Planificación Enerxética, a persoa titular da Área de Aforro e Eficiencia Enerxética e dous técnicos do Inega (un da Xerencia e outro da Área de Aforro e Eficiencia Enerxética). O comité de avaliación elaborará unha proposta en que figuren os criterios consensuados durante a tramitación dos expedientes e, de xeito individualizado, os primeiros solicitante propostos para obter a subvención, así como o importe da subvención para cada un deles. O prazo máximo para a avaliación das solicitudes establécese en 4 meses.

Artigo 19. Resolución

1. Unha vez avaliada a solicitude, a proposta de resolución elevarase ao director do Inega. O procedemento de concesión resolverase no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución e axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o contido da resolución.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, contía da subvención, obrigacións dos beneficiarios, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que se deban obter coa axuda, o Plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operacións que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA).

Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, concederase, sen necesidade dunha nova convocatoria, a subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes na orde de entrada da solicitude.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de catro (4) meses, contados desde a data de presentación da solicitude ou, se for o caso, da súa emenda.

Se transcorrese o prazo sen que recaese resolución expresa os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Réxime de recursos

1. Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fora expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o presidente da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 22. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os requisitos previstos no punto seguinte.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. As modificacións de proxectos que non se comuniquen con anterioridade á xustificación do investimento, ou aquelas que de xeito previo non acheguen a documentación necesaria para a súa valoración, tramitaranse conxuntamente coa documentación xustificativa do investimento, utilizando o requirimento de emenda de xustificación para completar o expediente. Poderán formalizarse a aceptación da modificación do proxecto e a xustificación deste mediante a Resolución de pagamento sempre e cando a modificación do proxecto respecte os requisitos establecidos no punto 3 deste artigo e se achegue toda a documentación da solicitude modificada.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, será ditado polo director do Inega logo da instrución do correspondente expediente no cal se lle dará audiencia aos interesados.

Artigo 23. Aceptación e renuncia

No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá enviar un escrito, por medios electrónicos a través da aplicación informática, comunicando este feito co fin de proceder ao arquivamento do expediente.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución que se notificará ao interesado por medios electrónicos, de conformidade co procedemento establecido no artigo 20.2 destas bases reguladoras.

Artigo 24. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo das demais obrigas que figuran no artigo 11 da lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

3. Dispoñer da capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se concede a axuda.

4. Someterse ás actuacións de comprobación que se efectuasen polo Inega, así como a calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, as comprobacións e verificacións que realicen polo organismo intermedio, a autoridade de xestión e a autoridade de control e , se fro o caso, os órganos de Control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e outras instancias de control, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Os beneficiarios someteranse ás verificacións que levará a cabo a autoridade de xestión sobre a base do disposto nos números 4 e 5 do artigo 125 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013, polo que se fixan as disposicións comúns relativas ao Feder, FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013), así como ás comprobacións pertinentes dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

5. Comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

6. Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de tres anos unha vez rematado o proxecto, no caso de grandes empresas, o período mínimo será de cinco anos, previsión que para o suposto de cofinanciamento con fondos comunitarios está recollida no artigo 71 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013, polo que se fixan as disposicións xerais relativas ao Feder, FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013), sobre a invariabilidade das operacións durante cinco anos desde o remate da operación, manténdose o investimento sen modificacións substanciais.

Nos contratos de servizos enerxéticos que teñan unha duración inferior a 5 anos terase que achegar un documento asinado polo propietario da instalación en que asume o compromiso de manter o investimento hasta que se cumpra este período.

7. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta axuda e conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de tres anos no caso de operacións cun gasto subvencionable inferior a un 1.000.000 € a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas cales estean incluídos os gastos da operación. O Inega informará aos beneficiarios da data a partir da cal se realizará o cómputo anterior.

No caso das operacións non previstas no parágrafo primeiro, todos os documentos xustificativos estarán dispoñibles durante un prazo de dous anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída.

8. En cumprimento do artigo 15.3 da Lei de 9/2007, de subvencións de Galicia, no caso de promoción ou difusión pública que as persoas beneficiarias realicen da actuación subvencionada por calquera soporte, deberán constar o cofinanciamento con fondos da Xunta de Galicia a través do Instituto Enerxético de Galicia, que se efectuará incorporando de forma visible o símbolo e logotipo da Xunta de Galicia e do Inega.

9. En relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, número 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013, o beneficiario deberá:

a) En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Inega, da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto incluíndo a imaxe institucional do Inega e a Xunta de Galicia e mostrando o emblema da Unión, así como unha referencia á Unión Europea, e unha referencia ao Fondo, que dá apoio á operación, o lema do Fondo «Unha maneira de facer Europa».

b) Durante a realización do proxecto, e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento ou emprego, o beneficiario informará o público do apoio obtido do Inega, Xunta de Galicia e Feder: a) Facendo unha breve descrición no seu sitio da internet, no caso de que dispoña dun, da operación, de maneira proporcional ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados e destacando o apoio financeiro da Unión. b) Colocando, polo menos, un cartel con información sobre o proxecto (de un tamaño mínimo A3), en que mencionará a axuda financeira da Unión, nun lugar ben visible para o público, por exemplo na entrada dun edificio excepto cando o importe da axuda supere os 500.000 €.

Durante a execución de toda operación de financiamento de obras de infraestrutura ou construción que se beneficie dunha axuda de Feder superior a 500.000 €, o beneficiario colocará un cartel temporal de tamaño significativo nun lugar ben visible para o público.

O beneficiario colocará, nun lugar ben visible para o público, un cartel ou placa permanente de tamaño significativo nun prazo de tres meses a partir da conclusión dunha operación que reúna as características seguintes:

1ª A contribución pública total á operación supera os 500.000 euros.

2ª A operación consiste na compra dun obxecto físico, no financiamento dunha infraestrutura ou en traballos de construción.

O Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 especifica nos artigos 3 e 4 a forma na que se debe crear o emblema e as súas características técnicas e no artigo 5 as características técnicas das placas fixas e dos carteis publicitarios temporais e permanentes.

– Inega facilitarán modelos aos beneficiarios a través da súa páxina web.

10. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

11. A aceptación da axuda cofinanciada con fondos Feder implica a aceptación da inclusión dos beneficiarios na lista de operacións a que fai referencia o artigo 115, número 2, e co contido previsto no anexo XII, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facienda: http://www.dgfc.sepg.minhafp.gob.es/sitios/dgfc/es-Es/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx

Artigo 25. Subcontratación

Permitirase que o beneficiario subcontrate con terceiros a execución de hasta o 100 % da actuación que se subvenciona nos termos recollidos no artigo 27 e concordantes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Prazo para a execución da instalación

A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 15 de setembro de 2022.

Artigo 27. Xustificación da subvención

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado debe presentarse de forma electrónica a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal ) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal)

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvencións aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 20 destas bases reguladoras.

Igual requirimento se efectuará por parte do Inega no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física).

3. No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado ningunha documentación, requirirase igualmente ao beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente.

A presentación da xustificación no prazo adicional de dez (10) días non eximirá das sancións que, conforme a lei correspondan.

Artigo 28. Documentación xustificativa da subvención

1. Para o cobramento da subvención concedida o beneficiario deberá xustificar previamente o investimento que lle supuxo executar o proxecto ou actuación subvencionada. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados, na data límite de xustificación do proxecto.

2. Sempre que sexa obrigatorio, o beneficiario da axuda deberá contar coa autorización emitida pola consellería competente en materia de industria para a posta en servizo da instalación. No caso de que aínda non se obtivese a autorización, si deberá acreditar documentalmente a súa solicitude.

3. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario deberá presentar, toda a documentación que se sinala nos puntos seguintes:

a) Conta xustificativa composta de facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados, en orixinal ou copias auténticas electrónicas. Os gastos aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra.

Para os efectos da súa xustificación, as facturas que se paguen de xeito fraccionado terán que incluírse no expediente nunha única solicitude de pagamento.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

No obstante no presente procedemento, admitiranse os documentos en papel ou copias debidamente compulsadas debido a circunstancias funcionais e/ou tecnolóxicas derivadas da implantación progresiva por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma en relación coa organización da emisión das copias auténticas electrónicas.

A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas polo propio beneficiario da subvención) .

Os provedores non poderán estar vinculados co organismo solicitante ou coa empresa beneficiaria final, ou cos seus órganos directivos ou xestores, agás que concorran as seguintes circunstancias, previstas no artigo 27.7 d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia: que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado e que se obteña a pertinente autorización por parte da dirección do Inega.

A non vinculación demostrarase a través dunha declaración responsable do solicitante, que se cubrirá no formulario da solicitude.

Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

1º Xustificante bancario (transferencia bancaria, certificación bancaria, xustificante bancario de ingreso efectivo polo portelo), en que conste: o titular da conta desde a que se realiza a operación ou persoa que realiza o ingreso efectivo, que debe coincidir, en todo caso, coa persoa beneficiaria da subvención, receptor do pagamento (empresa ou autónomo) e número da factura obxecto de pagamento.

2º Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

No caso de que non quede acreditado o concepto do gasto, deberá achegar, ademais, recibo asinado e selado polo provedor en que se especifique o número de factura pagada, número e data do cheque e NIF e nome da persoa receptora do cobramento.

Tanto no caso do cheque nominativo como de obriga de pagamento, para os efectos de data de pagamento, estimarase a data de cargo na conta do extracto bancario. En ningún caso se estimará como data de pagamento efectivo a entrega do cheque ao provedor.

Non se admitirán en ningún caso como xustificante os documentos acreditativos de pagamentos en metálico, nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou se non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior á data de solicitude de axuda e terá como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de xustificación previsto no artigo 26.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

b) Declaración expresa por parte do beneficiario de que o proxecto foi executado conforme ao indicado na solicitude e na documentación inicial ou indicando os cambios acontecidos, que o proxecto se axusta á normativa vixente e se obtiveron todos os permisos e autorizacións necesarias para a súa execución. Na páxina web do Inega (www.inega.gal) estará dispoñible o modelo de declaración ao que se refire este apartado.

De existiren modificacións no proxecto deberase indicar no informe técnico da actuación realizada e achegar a documentación técnica presentada coa solicitude que se vexa afectada polas modificacións.

c) Informe técnico da actuación realizada, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal).

d) Documentación que acredite a existencia dunha contabilidade separada ou diferenciada para todas as transaccións relacionadas. Achegando a documentación xustificativa que corresponda.

e) Certificado do instalador/provedor en que se indique a data de finalización da instalación/actuación subvencionada asinado polo técnico competente; en todo caso, a data de finalización da obra/actuación debe estar comprendida dentro do período de xustificación.

f) Nos casos en que proceda, xustificante de solicitude de inscrición no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria en que se recolla tanto a identificación do titular da instalación como o código de acceso, para ter a posibilidade de verificación, se fose necesario.

g) Sempre que sexa obrigatorio, o beneficiario da axuda deberá contar coa autorización emitida pola consellería competente en materia de industria para a posta en servizo da instalación. No caso de que aínda non se obtivese a autorización, si deberá acreditar documentalmente a súa solicitude.

h) Nos proxectos de enerxía xeotérmica, o beneficiario deberá achegar certificado de obra do sistema de captación asinado por un técnico conforme o modelo dispoñible na web do Inega. Sempre que sexa obrigatoria unha autorización para a execución do proxecto, o beneficiario deberá xustificar a obtención desta.

i) Memoria técnica de xustificación da publicidade de Fondos Feder, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal).

j) Fotografías dos equipamentos principais instalados no lugar (realizadas desde os mesmos puntos que as fotografías presentadas na solicitude), incluíndo cando proceda a placa de características técnicas dos equipos.

k) No caso de actuacións de iluminación, deberase presentar un certificado asinado por un técnico cualificado en que se relacionen as estancias reformadas (coa mesma estrutura utilizada no documento «Memoria técnica PAE_ILU»), o seu uso, e se declare que tras as medicións realizadas se constata o cumprimento dos requisitos que se definen na norma UNE-EN 12464 (Iluminación. Iluminación nos lugares de traballo) e na Guía técnica para a avaliación e prevención de riscos relativos á utilización de lugares de traballo, se é o caso.

4. Con carácter xeral, a documentación presentada permitirá ao Inega medir o indicador de produtividade asociado a estas bases reguladoras, que é o E001Z- redución do consumo de enerxía final nas infraestruturas públicas ou empresas (ktep/ano).

Artigo 29. Pagamento das axudas

1. O beneficiario poderá solicitar un anticipo unha vez notificada a resolución de concesión e coa data límite do 1 de decembro de 2021.

2. Os interesados poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % do importe da subvención concedida, naqueles supostos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. A solicitude de anticipo será obxecto de resolución motivada polo órgano concedente da subvención.

3. A súa concesión supeditarase á constitución, con carácter previo ao pagamento, dunha garantía bancaria nos termos previstos no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que deberá cubrir o 110 % da cantidade que se vai aboar.

A presentación da garantía realizarase ante o órgano concédente no prazo de quince (15) días a partir da notificación da resolución de concesión. Este prazo poderá ser ampliado cando concorran circunstancias que dificulten a súa formalización.

A presentación da garantía terá validez ata que o Inega autorice a súa cancelación, unha vez que o beneficiario da axuda acredite a realización e pagamento dos investimentos e o cumprimento dos obxectivos e condicións estipulados na resolución de concesión da axuda.

4. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

5. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se debido á redución do investimento se superan as porcentaxes máximas de subvención.

6. Previamente á proposta de pagamento, e sempre que se trate de subvencións de capital cun importe superior a 60.000 euros, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material en que certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

Artigo 30. Perda do dereito a subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no titulo II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento dos proxectos:

a) Incumprimento total. Se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe total do investimento subvencionable, se entenderá que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención.

b) Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, e a xustificación sexa igual ou superior ao 60%, poderá apreciarse un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión.

Sen prexuízo doutros supostos que poidan concorrer, no caso de condicións referentes á contía ou concepto da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a un concepto distinto do considerado subvencionable, debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

4. Reintegros das axudas no caso de non manter as condicións establecidas nestas bases:

a) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder

b) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non dar publicidade ao financiamento do proxecto de acordo co establecido nestas bases.

c) Suporá a perda dun 5 % non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo concepto subvencionable, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención, unha vez recalculada a subvención e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

d) Suporá a perda da subvención de forma proporcional ao período en que se incumpra o requisito, non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período de tres ou cinco anos, segundo se trate de pemes ou de grandes empresas.

e) Suporá a perda da subvención, cando se trate de operacións que comprendan investimentos en infraestruturas ou investimentos produtivos se, nos 10 anos seguintes ao pagamento final ao beneficiario, a actividade produtiva se somete a unha localización fora da Unión (excepto cando o beneficiario sexa unha peme) ou no prazo que determine a normativa de axudas de Estado.

No caso de condicións que constitúan obrigas que o beneficiario debe acreditar en fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberán xustificarse, en todo caso, para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso en que se detecten en controis posteriores ao pagamento dalgún incumprimento relativo a esas obrigas.

Artigo 31. Réxime de sancións

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 32. Fiscalización e control

1. Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Inega para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, á autoridade de xestión e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013, polo que se fixan as disposicións comúns relativas ao Feder, FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013), que xa foron mencionadas no artigo 22.4 destas bases.

2. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidersen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención General de la Administración del Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

Artigo 33. Comprobación de subvencións

1. O órgano competente para conceder a subvención comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gastos será de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos das operacións. Así se recolle no artigo 140 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013, polo que se fixan as disposicións comúns relativas ao Feder, FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347 do 20 de decembro de 2013).

2. Previamente á proposta de pagamento, e sempre que se trate de subvencións de capital con un importe superior a 60.000 euros, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material do investimento, quedando constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada, tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

3. O Inega poderá realizar comprobacións sobre aqueles aspectos declarados polos beneficiarios no relativo ao tamaño da empresa e a consideración como empresa en crise.

Artigo 34. Remisión normativa

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras rexeranse, entre outras, polas seguintes normas:

a) Regulamento (UE) nº 651/2014, da Comisión, de 17 de xuño de 2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE l 187, do 26 de xuño de 2014).

b) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, de 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Fondo Social Europeo, Fondo de Cohesión, Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca e se derroga o Regulamento (CE) no 1083/2006 do Consello, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

c) Regulamento (UE) nº 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

d) Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

2. Así mesmo, rexeranse pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na Comunidade Autónoma, en particular a seguinte:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

f) Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

g) Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE, do 26 de febreiro de 2014.

h) Lei Orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

i) Regulamento xeral de protección de datos (RXPD): norma de aplicación directa en toda a Unión Europea, relativa á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos.

j) Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade no ámbito da Administración electrónica (ENS)-versión consolidada.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2020

Paula María Uría Traba
Directora do Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file