Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 22 de xaneiro de 2021 Páx. 4069

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2020, da Secretaría Xeral de Cultura, pola que se lles oferta ás editoriais que participen na Orde do 23 de decembro de 2020, que poidan incorporar as súas novidades editoriais en galego e formato físico á plataforma de novidades editoriais para o ano 2021.

Antecedentes:

A Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, no artigo 16.3 establece que a Xunta de Galicia se compromete a adquirir, con periodicidade estable, para a súa difusión en todas as bibliotecas públicas, os produtos editoriais galegos, segundo os criterios de selección e idoneidade das persoas con responsabilidades profesionais destes centros de lectura pública.

Pola súa parte, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e as restantes normas vixentes en materia de procedementos administrativos, fan ver a necesidade de poñer en marcha un novo sistema de adquisición de novidades editoriais en lingua galega, acorde á nova realidade dos servizos públicos.

Esta é a razón deste sistema de adquisición dos libros editados como novidades editoriais a través dunha plataforma dixital electrónica, que facilitará a visibilidade e a celeridade da subministración do material bibliográfico aos servizos bibliotecarios dependentes da Rede de bibliotecas públicas de Galicia, ao tempo que se inicia a súa comercialización. Con este sistema garántese a actualización continua dos fondos bibliográficos en galego nas bibliotecas públicas á vez que serve de escaparate único e dinámico de todas as publicacións en galego que realizan as editoriais.

En consecuencia,

RESOLVO:

Primeiro. Requisitos para a inscrición e condicións de participación na plataforma das novas editoriais

1. Requisitos.

As editoriais que desexen participar nesta convocatoria e accedan á plataforma por primeira vez deben cumprir os seguintes requisitos:

– Poderá inscribirse toda persoa física ou xurídica que teña a condición de editora. No imposto de actividades económicas (IAE) debe figurar a epígrafe «edición de libros» ou outra en que quede claro a súa condición de editora.

– Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Inscribirse a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o día 17 de setembro de 2021 (incluído) na plataforma dixital de novidades editoriais da Xunta de Galicia, https://novidadeseditoriais.xunta.gal, co obxecto de presentar as súas ofertas editoriais, e que estas se poidan adquirir desde as entidades locais de Galicia que sexan titulares de bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas, beneficiarias da subvención para a adquisición de novidades editoriais en galego en formato físico, establecida na correspondente orde de convocatoria para o exercicio 2021.

2. Condicións.

Para proceder á inscrición na plataforma, as editoriais que cumpran os requisitos establecidos nesta resolución poden acceder a ela a través de https://novidadeseditoriais.xunta.gal, premer en «rexistrar editorial» e cubrir o formulario de alta.

3. Autorización.

A inscrición na plataforma electrónica comporta a autorización á Secretaría Xeral de Cultura, unidade tramitadora da plataforma electrónica, https://novidadeseditoriais.xunta.gal, para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, e tamén comporta a autorización para consultar o imposto de actividades económicas (IAE). Non obstante, a editorial ou o representante que se opoña á consulta debe enviar entón as certificacións á Secretaría Xeral de Cultura, a través do seguinte enderezo de correo electrónico: servizo-libro-publicacions.cultura@xunta.gal.

Segundo. Requisitos e condicións de participación na plataforma para as editoriais xa inscritas en convocatorias anteriores

1. Requisitos.

As editoriais que participasen en convocatorias anteriores deberán cumprir os requisitos establecidos no punto primeiro: manter a condición de editoriais e estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Solicitar a activación da alta na plataforma dixital a partir do día siguiente ao da publicación desta resolución no DOG ata o día 17 de setembro de 2021 (incluído).

2. Condicións.

As editoriais xa inscritas na plataforma que desexen volver participar na nova convocatoria deben acceder á plataforma electrónica https://novidadeseditoriais.xunta.gal e solicitar a activación da alta, premendo en «solicitar activación» e indicando o número de NIF con que a editorial está dada de alta na plataforma.

3. Autorización.

Esta «activación da alta» na plataforma comporta a autorización á Secretaría Xeral de Cultura para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, e tamén comporta a autorización para consultar o imposto de actividades económicas (IAE). Non obstante, a editorial ou o representante que se opoña á consulta debe indicalo na correspondente comunicación e, ao mesmo tempo, achegar os documentos oportunos a través do seguinte enderezo de correo electrónico: servizo-libro-publicacions.cultura@xunta.gal.

Terceiro. Condicións xerais para as editoriais participantes

1. Se a editorial, ao longo do período de inscrición das súas publicacións, non cumpre cos requisitos mencionados, a Secretaría Xeral de Cultura anulará o seu dereito de permanecer na plataforma dixital ata que regularice a súa situación.

2. As editoriais que participen na presente convocatoria non poderán incorporar libros á plataforma electrónica, https://novidadeseditoriais.xunta.gal, con data posterior ao 1 de outubro de 2021.

Cuarto. Requisitos das novidades editoriais

As novidades editoriais ofertadas polas editoriais presentadas na plataforma dixital deberán cumprir os seguintes requisitos:

– Estar publicadas en lingua galega, de acordo coa vixente normativa ortográfica e morfolóxica do idioma galego, fixada pola Real Academia Galega o 12 de xullo de 2003, tal e como se establece na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (DOG núm. 84, do 14 de xullo) e en formato impreso.

– A primeira edición deberá estar editada entre o 1 de outubro de 2020 e o 30 de setembro de 2021, ambos incluídos.

– Non seren libros de texto ou outro material curricular.

Quinto. Obrigas das editoriais

1. As novidades editoriais que se inscriban estarán dispoñibles na plataforma dixital, ben como publicacións xa editadas, ben como futuras; neste último suposto, a editorial deberá cambialas de estado na plataforma dixital no momento en que inicie a súa comercialización; en ambos os dous casos deben estar editadas dentro do seguinte período: 1.10.2020-30.9.2021, ambos incluídos.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través do Servizo do Libro Publicacións e Depósito Legal, excluirá as publicacións que non cumpran os requisitos antes mencionados. O incumprimento relativo ao ano de edición do libro suporá, ademais, a exclusión da editorial da plataforma para as dúas seguintes convocatorias.

2. A plataforma dixital xestionará os pedidos recibidos desde os titulares de bibliotecas da Rede de bibliotecas públicas de Galicia, e serán as editoriais as que se encargarán do envío dos libros a cada solicitante, asumindo os custos da distribución. O pedido deberá ser enviado e recibido coa maior brevidade posible, sen que poida superar un prazo máximo de 15 días naturais desde a data de recepción de cada un.

Sexto. Pagamento

A entidade local, titular das bibliotecas ou axencias de lectura pública que realizase os pedidos de libros a través da plataforma, será a encargada de realizar o pagamento ás editoriais que os entregaron.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2020

Anxo Manuel Lorenzo Suárez
Secretario xeral de Cultura