Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Martes, 26 de xaneiro de 2021 Páx. 4445

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 21 de xaneiro de 2021, da Dirección Xeral de Saúde Pública, pola que se determinan os territorios para os efectos da aplicación da obriga de comunicación prevista na Orde do 27 de xullo de 2020 pola que se establecen medidas de prevención para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, en relación coa chegada á Comunidade Autónoma de Galicia de persoas procedentes doutros territorios.

Mediante a Orde da Consellería de Sanidade do 27 de xullo de 2020 establécense medidas de prevención para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 en relación coa chegada á Comunidade Autónoma de Galicia de persoas procedentes doutros territorios. As ditas medidas son de aplicación en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e enténdense dentro do necesario respecto ás competencias doutras administracións públicas e ás medidas que, no exercicio de tales competencias, estas adopten.

De conformidade co disposto no punto cuarto da dita orde, as persoas que cheguen á Comunidade Autónoma de Galicia despois de ter estado, dentro do período dos catorce días naturais anteriores á dita chegada, en territorios cunha alta incidencia do COVID-19 en comparación coa existente na Comunidade Autónoma galega ou respecto dos cales non se dispoña de información ou de datos fiables sobre a situación epidemiolóxica existente neles deberán comunicar, nun prazo máximo de 24 horas desde a súa chegada, os datos de contacto e da súa estadía na Comunidade Autónoma de Galicia a través do formulario dispoñible no enderezo https://coronavirus.sergas.gal/viaxeiros ou ben chamando ao teléfono 881 00 20 21. Así mesmo, tamén será posible a comunicación dos datos de contacto a través da aplicación que para estes efectos poida habilitar a Consellería de Sanidade.

Os citados datos serán empregados polas autoridades sanitarias autonómicas exclusivamente para contactar coas ditas persoas para o cumprimento de finalidades de saúde pública cos efectos de facilitarlles a información e as recomendacións sanitarias que procedan, así como, de ser o caso, en atención ás concretas circunstancias concorrentes, para a adopción das medidas sanitarias que resulten necesarias, sempre de acordo coa lexislación aplicable e buscando, de maneira preferente, a colaboración voluntaria da persoa afectada coas autoridades sanitarias.

A determinación dos territorios debe efectuarse mediante resolución da persoa titular da dirección xeral competente en materia de saúde pública, os cales poderán ser territorios pertencentes a outras comunidades autónomas, países estranxeiros ou territorios dentro deles. A dita resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Servizo Galego de Saúde e deberá ser obxecto de actualización, como mínimo, cada 15 días naturais.

Con data do 27 de xullo de 2020 a Dirección Xeral de Saúde Pública ditou resolución en que se determinaron os territorios para os efectos da aplicación desta obriga de comunicación prevista na Orde do 27 de xullo de 2020. Na dita resolución prevese a súa actualización nun prazo máximo de quince días naturais, prazo que, tendo en conta o seu carácter de máximo, non impide que a actualización poida efectuarse con anterioridade, de considerarse necesario. Neste sentido, mediante Resolución do día 5 de agosto de 2020 procedeuse á actualización dos países incluídos na Resolución do 27 de xullo de 2020.

Tendo en conta a evolución dos datos epidemiolóxicos dalgúns territorios, así como a experiencia na aplicación da Orde do 27 de xullo de 2020, procede ditar unha nova resolución, actualizando as ditadas os días 27 de xullo de 2020, 5 de agosto de 2020, 19 de agosto de 2020, 2 de setembro de 2020, 16 de setembro, 1 de outubro, 15 de outubro, 11 de novembro , 24 de novembro de 2020, 9 de decembro de 2020, 22 de decembro de 2020 e 5 de xaneiro de 2021.

Na determinación dos territorios que se realiza na presente resolución mantense o criterio de incluír aqueles países e territorios cunha incidencia acumulada (IA) de casos de COVID-19 por 100.000 habitantes nos últimos 14 días superior a 500, de acordo cos datos do Informe do 20 de xaneiro de 2021, do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade, e coa información sobre países do mundo do Centro Europeo para a Prevención e o Control das Enfermidades (ECDC) que corresponde á semana 2 de 2021 e que foron publicados o día 21 de xaneiro de 2021. Así mesmo, tal e como se indica na Orde do 27 de xullo de 2020, en aplicación do principio de precaución, inclúense tamén aqueles países respecto dos cales se carece de información ou de datos fiables sobre a situación epidemiolóxica existente neles.

En atención ao exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Determinación dos territorios para os efectos da aplicación da obriga de comunicación prevista na Orde do 27 de xullo de 2020 pola que se establecen medidas de prevención para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 en relación coa chegada á Comunidade Autónoma de Galicia de persoas procedentes doutros territorios

De acordo co punto cuarto da Orde do 27 de xullo de 2020 pola que se establecen medidas de prevención para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 en relación coa chegada á Comunidade Autónoma de Galicia de persoas procedentes doutros territorios, deberán comunicar os datos de contacto e da súa estadía na Comunidade Autónoma de Galicia previstos no anexo da dita orde, nun prazo máximo de 24 horas desde a súa chegada, as persoas que cheguen á Comunidade Autónoma de Galicia despois de ter estado, dentro do período dos catorce días naturais anteriores á dita chegada, nos seguintes territorios:

a) En calquera dos países do continente africano.

b) Nos seguintes territorios do continente americano: Aruba, Ecuador, Estados Unidos, O Salvador, Guatemala, Honduras, Illas Turks e Caicos, Panamá, Paraguai, Venezuela, Haití, Xamaica, Nicaragua e República Dominicana.

c) Nos seguintes territorios de Asia: Bangladesh, India, Irán, Iraq, Israel, Kazakstán, Kyrguistán, Líbano, Omán, Palestina, Filipinas, Afganistán, Bután, Brunei, Camboxa, Indonesia, Laos, Mongolia, Myanmar, Nepal, Paquistán, Siria, Tailandia, Iemen.

d) Nos seguintes territorios de Europa: Acerbaixán, Andorra, Chipre, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Holanda, Irlanda, Kosovo, Latvia, Lituania, Malta, Mónaco, Montenegro, Portugal, República Checa, Reino Unido, San Mariño, Suecia e Xibraltar.

e) Nas comunidades autónomas e cidades autónomas de España: Andalucía, Aragón, La Rioja, Baleares, Castilla-La Mancha, Castilla y León, Cataluña, Comunidade Valenciana, Extremadura, Madrid, Melilla e Murcia.

Segundo. Actualización

A presente resolución será obxecto de actualización nun prazo máximo de 15 días naturais.

Terceiro. Eficacia

A presente resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Recursos

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase recorrer en alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2021

Carmen Durán Parrondo
Directora xeral de Saúde Pública