Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 27 de xaneiro de 2021 Páx. 4929

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

EXTRACTO da Orde do 31 de decembro de 2020, conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa predoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2021 (códigos de procedemento ED481A e IN606A).

BDNS (Identif.): 545614.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdns/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

As universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur) e os centros do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e do Instituto Español de Oceanografía (IEO) radicados en Galicia, que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato predoutoral de duración determinada e con dedicación a tempo completo, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á institución onde desenvolva a súa actividade, asumindo ambas as partes as obrigas contractuais que deriven del e que, en todo caso, se adecuarán ao contido da solicitude de axuda.

Poderán acceder a estas axudas os organismos e entidades sinalados no parágrafo anterior que presenten como candidatas a ser destinatarias delas persoas que cumpran, na data de peche da convocatoria, os requisitos que se indican no artigo 2 da convocatoria.

Segundo. Obxecto

O obxecto desta convocatoria é outorgar axudas ás universidades do SUG, aos organismos públicos de investigación de Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur) e aos centros do CSIC e ao IEO radicados en Galicia que contraten persoas tituladas superiores para a súa formación como doutoras e doutores nos seus centros.

Este programa procura a formación de persoas investigadoras para a obtención do título de doutora ou doutor e a adquisición das competencias e habilidades relacionadas coa investigación dentro dun programa de doutoramento.

Ademais, co obxecto de que poidan acadar a mención de doutora ou doutor internacional, de acordo co establecido no Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, fináncianse estadías de tres meses de duración no estranxeiro.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

O importe total da convocatoria é de 8.262.000 euros, para os anos 2021, 2022, 2023 e 2024.

Convócanse 102 axudas (90 para as universidades do SUG e 12 para o resto de entidades beneficiarias), dun máximo de tres anos de duración. O importe de cada axuda inclúe os seguintes conceptos:

1. Un total de 24.000 euros brutos anuais en concepto de salario e custos sociais.

2. Estadías de tres meses de duración no estranxeiro, de ata 6.000 € en función da zona.

3. Un complemento anual por axuda de 1.000 €, destinado ás entidades beneficiarias para cubriren os gastos asociados á contratación e para o seguro durante o período de estadía.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

Francisco Conde López
Vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación e presidente da Axencia Galega de Innovación