Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 29 de xaneiro de 2021 Páx. 6033

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 19 de xaneiro de 2021, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se nomean os membros da Comisión Técnica de Valoración da proba do galego no concurso unitario de provisión de postos reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional, se convocan os concursantes para a realización da proba e se fai pública a data, a hora e o lugar da súa realización.

Mediante a Resolución do 30 de outubro de 2020, da Dirección Xeral da Función Pública do Ministerio de Política Territorial e Función Pública, convocouse o concurso unitario de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional (BOE núm. 295, do 9 de novembro).

De acordo co disposto na base quinta da antedita resolución, en aplicación do artigo 3 do Decreto 103/2008, do 8 de maio, polo que se regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter nacional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, os concursantes que non acrediten estar en posesión do Celga 4 ou equivalente, participarán nunha proba de galego eliminatoria.

No citado precepto establécese que a valoración desa proba a realizará unha comisión técnica composta por tres persoas expertas na materia e que por cada membro titular se nomeará un suplente.

Na súa virtude, vista a proposta realizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Dirección Xeral de Administración Local

DISPÓN:

Primeiro. Nomear as persoas que a seguir se relacionan como membros da Comisión Técnica de Valoración da proba de galego no concurso unitario de traslados para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional:

Titulares:

– Gregorio Ferreiro Fente.

– Purificación Galán Boutureira.

– Concepción Armas Quintá.

Suplentes:

– Ruth Otero Vilar.

– Olga López López.

– Isabel Gil Gil.

Esta comisión terá a categoría primeira das previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño. O número máximo de asistencias que se percibirán será de tres.

Segundo. Convocar os concursantes que non acreditaron xunto coa solicitude de participación no concurso unitario, convocado mediante a Resolución do 30 de outubro de 2020, estar en posesión do Celga 4 ou equivalente para a realización dunha proba eliminatoria de galego.

A relación de concursantes que deberá realizar a devandita proba exporase no taboleiro de anuncios da Dirección Xeral de Administración Local e na páxina web (http://www.eidolocal.es).

Terceiro. A proba terá lugar o vindeiro día 4 de febreiro de 2021, ás 10.00 horas, na Escola Galega de Administración Pública, sita na rúa Madrid nº 2-4, Santiago de Compostela.

Os concursantes deberán ir provistos do DNI ou de documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo da comisión.

Non se permitirá o acceso ao lugar da proba con teléfono móbil, axendas ou demais dispositivos de carácter electrónico.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2021

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local