Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 4 de febreiro de 2021 Páx. 7292

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 25 de xaneiro de 2021 pola que se dá publicidade do esgotamento de crédito da Resolución do 19 de decembro de 2019 pola que se convocan para o ano 2020, con financiamento plurianual, as subvencións do Programa do bono de alugueiro social do Plan RehaVIta, Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020 (códigos de procedemento VI482A e VI482B).

Feitos:

Primeiro. A Resolución da presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) do 19 de decembro de 2019, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 22, do 3 de febreiro de 2020, convocou as subvencións do Programa do bono de alugueiro social do Plan RehaVIta para o ano 2020 (códigos de procedemento VI482A e VI482B).

Segundo. O artigo 14, punto 2, da Orde do 18 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa do bono de alugueiro social do Plan RehaVIta, Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, dispón que o criterio que se utilizará para a tramitación das solicitudes de subvención será a orde cronolóxica de entrada no Rexistro da Área Provincial do IGVS e que, para tal fin, considerarase como data de presentación aquela en que esta quedase validamente presentada por terse cuberto na forma correcta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta orde.

Terceiro. Unha vez revisadas e ordenadas todas as solicitudes presentadas coa documentación completa, a derradeira solicitude que se puido conceder antes do esgotamento do crédito dispoñible para a anualidade 2021 da convocatoria do 2020 corresponde á proposta realizada pola Área Provincial de Ourense o 29 de decembro de 2020.

Cuarto. Non obstante, infórmase de que as persoas interesadas poderán solicitar novamente esta axuda ao abeiro da Resolución do 22 de decembro de 2020 pola que se convocan para o ano 2021, con financiamento plurianual, as subvencións do Programa do bono de alugueiro social.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Orde do 18 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa do bono de alugueiro social do Plan RehaVIta, Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, no seu artigo 1, punto 2, dispón que a concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, a través de convocatoria pública, mediante resolución da persoa titular da Presidencia do IGVS, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segunda. Do mesmo xeito, o ordinal primeiro, punto 2, da Resolución de convocatoria da presidenta do IGVS do 19 de decembro de 2019, establece que a concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceira. O artigo 14, punto 2, da Orde do 18 de decembro de 2018 establece que serán denegadas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución.

Cuarta. Os artigos 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 32 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, establecen que cando o procedemento administrativo establecido non leve consigo o esgotamento do crédito nun único acto de concesión, senón que a súa disposición se realice en actos sucesivos, o órgano xestor deberá publicar, no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web, o esgotamento da partida orzamentaria asignada.

En virtude do exposto anteriormente, e de acordo co establecido no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

RESOLVO:

Dar a coñecer que o 29 de decembro de 2020 se esgotou o crédito autorizado para a anualidade 2021 da convocatoria de 2020, destinado a sufragar as subvencións do Programa do bono de alugueiro social do Plan RehaVIta, Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2021

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo