Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 5 de febreiro de 2021 Páx. 7484

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 18/2021, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Guitiriz da estrada LU-241 na súa totalidade.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Guitiriz solicita á Xunta de Galicia o cambio de titularidade a prol do concello da estrada LU-241 na súa totalidade. Esta estrada correspóndese coa rúa Rosalía de Castro, parte da estrada N-VI e remata na súa intersección coas rúas do Ferrocarril e Xermolos. Conta cunha lonxitude de 210 m e discorre na súa totalidade polo solo urbano de Guitiriz. Posúe marcadas características urbanas e un tráfico rodado de ámbito local, carecendo de funcionalidade dentro da RAEGA, polo que a súa transferencia se considera viable por razóns dunha xestión administrativa coherente e eficiente coa realidade desta estrada autonómica.

Con relación ao dominio público vén claramente definido polas beirarrúas e as edificacións existentes en ambas as marxes da estrada. Non se dispón de planos parcelarios.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e un de xaneiro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo 1

– Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Guitiriz de:

Clave

Denominación

PQi

Coordenadas UTM(ETRS89)

PQf

Coordenadas UTM(ETRS89)

LU-241

Guitiriz (N-VI)-Estación de Guitiriz

0+000

X=589.832

Y=4.781.508

0+210

X=589.822

Y=4.781.306

– Modificar o Decreto 308/2003 suprimindo da relación de estradas da Comunidade Autónoma de Galicia a estrada LU-241:

Estrada

Rede

Denominación

Clave anterior

LU-241

S

Guitiriz (N-VI)-Estación de Guitiriz

LU-241

Artigo 2

En aplicación dos puntos 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Guitiriz deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Correspóndelle ao Concello de Guitiriz, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de xaneiro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade