Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 10 de febreiro de 2021 Páx. 8296

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 26 de xaneiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras da segunda convocatoria para a concesión de axudas a entidades locais asinantes do Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía sustentable, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva para o ano 2021, tramitada como anticipado de gasto (código de procedemento MT210A).

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, segundo o establecido no Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a súa estrutura orgánica, é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ao cal lle corresponden, entre outras, as competencias e funcións en materia de ambiente, conforme o establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados na Constitución española.

Segundo se sinala no citado decreto, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático exercerá as competencias e funcións en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana, o fomento de sistemas e estratexias de corrección da dita incidencia, a avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, a xestión dos sistemas de observación ambiental e predición meteorolóxica de Galicia e o impulso da investigación ambiental e o desenvolvemento tecnolóxico para o logro da adecuada protección ambiental.

Un dos problemas ambientais primordiais a que se enfronta a nosa sociedade na actualidade é a loita contra o cambio climático. Aínda que este se presenta como un fenómeno de dimensións globais que debe ser abordado no ámbito internacional, o feito é que a súa solución pasa, necesariamente, polo traballo conxunto de todos os sectores da sociedade, incluídos os diferentes niveis administrativos e, dentro destes, mención especial merece o labor dos concellos pola súa proximidade e relación directa cos cidadáns.

A Comisión Europea puxo en marcha en 2008 o Pacto dos alcaldes (Covenant of Mayors), unha iniciativa aberta a todas as cidades e municipios en Europa co obxectivo de involucrar as autoridades locais e aos cidadáns no desenvolvemento e a aplicación da política enerxética da Unión Europea. A partir do éxito do Pacto dos alcaldes, en 2014 lanzouse a iniciativa Mayors Adapt, baseada no mesmo modelo de xestión pública, mediante a cal se invitaba as cidades a asumir compromisos políticos e tomar medidas para anticiparse aos efectos inevitables do cambio climático.

O 15 de outubro de 2015, a Comisión Europea lanzou o Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía sustentable (Covenant of Mayors for Climate & Energy), fusionando as iniciativas anteriores. Esta nova ferramenta pretende reunir os alcaldes das cidades europeas nunha rede permanente de intercambio de información para a aplicación de boas prácticas: mellorar a eficiencia enerxética no ámbito urbano, conseguir unha redución das emisións de CO2 no ámbito territorial local e aumentar a resiliencia fronte ao cambio climático.

O Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía consiste no compromiso dos concellos signatarios de facer propios os obxectivos da Unión Europea para o ano 2030 e reducir as emisións de CO2 no seu territorio en, polo menos, o 40 % a través de medidas de eficiencia enerxética e dun maior uso de fontes de enerxía renovable, traballando pola súa vez na implantación de medidas de adaptación ao cambio climático e aumento da resiliencia fronte a este, así como un aumento da cooperación coas autoridades locais e rexionais similares na UE e fóra dela para mellorar o acceso á enerxía segura, sustentable e alcanzable.

Para alcanzar estes obxectivos, os municipios adheridos ao Pacto comprométense a redactar un Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES), nun prazo máximo de dous anos desde a data de adhesión. O PACES inclúe un inventario de referencia de emisións (IRE) e unha avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático. Ademais, cada dous anos deberase presentar un informe de seguimento do PACES.

Sectores como os municipais, residenciais e terciarios e o transporte considéranse sectores clave para a mitigación. As autoridades locais deberán concentrar os seus esforzos en reducir a demanda de enerxía nos seus territorios e adaptar a demanda enerxética á oferta promovendo a utilización de recursos enerxéticos locais.

Neste sentido, a presente convocatoria de axudas pretende apoiar as entidades locais no cumprimento dos seus compromisos de adhesión, e concretamente na realización do Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES), nun prazo máximo de dous anos desde a data de adhesión. Desta maneira, os concellos integran a loita contra o cambio climático como unha das variables que deben ter presente nas súas políticas, tanto desde o punto de vista de redución de gases de efecto invernadoiro como da necesaria adaptación ás consecuencias derivadas do quecemento global que está a sufrir o noso planeta.

A Xunta de Galicia, co fin de apoiar as entidades locais no cumprimento dos seus compromisos de adhesión, e concretamente na realización do Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES) publicou, no DOG do 14 de maio de 2020, a Orde do 5 de maio de 2020 pola que se establecían as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais asinantes do Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía sustentable, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procedía á súa convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva, para o ano 2020.

Para continuar co seu apoio ás entidades locais, a Xunta de Galicia, consciente de que existen concellos aos cales non lles foi posible a súa adhesión ao Pacto e outros que, aínda que adheridos, non puideron presentar o PACES no prazo indicado na anterior convocatoria, realiza a segunda convocatoria para a concesión destas axudas.

Cómpre sinalar que as actuacións están cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), de acordo co disposto no Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello.

As actuacións subvencionables están incluídas, segundo se sinala a continuación, no eixe prioritario 05 «Promover a adaptación ao cambio climático e a prevención e xestión de riscos»; prioridade de investimento 05.01 «Apoio ao investimento destinado á adaptación ao cambio climático, incluídos enfoques baseados nos ecosistemas»; obxectivo específico 05.01.01 «Desenvolvemento de coñecementos e elaboración de plans en relación coa adaptación ao cambio climático e a prevención de riscos, incluíndo os sistemas de alerta preventiva, de seguimento e avaliación»; actuación 5.1.1.3 «Integración da adaptación ao cambio climático nos instrumentos de xestión e planificación sectorial»; liña de actuación 60 «Redes de observación, prevención de riscos e análise sectorial de adaptación ao cambio climático en Galicia», do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

En consecuencia, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda fai públicas, por medio desta orde, as bases reguladoras e a segunda convocatoria destas axudas, para o ano 2021, destinadas a subvencionar as actuacións que se sinalan no ámbito das competencias atribuídas á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático coa finalidade de mellorar as condicións ambientais e acadar un desenvolvemento sustentable na Comunidade Autónoma de Galicia.

O indicador de produtividade considerado ao abeiro da presente convocatoria é o identificado baixo o código denominación E023-Poboación beneficiada por medidas de planificación para prevención de catástrofes e restauración de zonas danadas (persoas).

Por outra banda, a Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (en diante Orde do 11 de febreiro de 1998), posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo VII no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no correspondente proxecto de lei de orzamentos aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao de disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados no desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a correspondente lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

En virtude do anterior, no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto regular a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas para a elaboración dos plans de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES) destinadas ás entidades locais municipais, supramunicipais e agrupacións de entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia, asinantes do Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía sustentable (procedemento MT210A), e facer pública a súa convocatoria para o ano 2021.

Artigo 2. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias da subvención as entidades locais municipais e supramunicipais, así como as agrupacións de entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran simultaneamente os seguintes requisitos:

a) Estar adheridas formalmente ao Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía sustentable, aprobado pola Comisión Europea o 15 de outubro de 2015, antes da solicitude da axuda. Considerarase a adhesión formal cando se rexistren na web da Oficina do Pacto da Unión Europea (www.pactodelosalcaldes.eu).

b) Non ter Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES) presentado na web da Oficina do Pacto da Unión Europea.

No caso das entidades locais supramunicipais e agrupacións de entidades locais, deberán cumprir ambos os requisitos todos os concellos agrupados ou asociados, polo que o incumprimento por parte dalgún dos concellos participantes na solicitude de subvención suporá a inadmisión da entidade incumpridora; o resto das entidades poderán continuar coa súa solicitude.

2. No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, observarase o establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no tocante, en particular, á identificación dos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, do importe de subvención que se aplicaría a cada un deles que terán, igualmente, a condición de beneficiarios, así como en relación co necesario nomeamento da entidade local que actuaría como representante da agrupación para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación.

Os concellos agrupados terán, en todo caso, a condición de entidade beneficiaria, polo que para poder conceder a subvención solicitada todos eles teñen que cumprir os requisitos, condicións, obrigas e compromisos establecidos nesta orde. A falta de acreditación do cumprimento dalgún requisito por parte dalgunha das entidades participantes suporá a inadmisión da solicitude conxunta cando afecte a entidade que ten a representación; nos outros casos, manterase a validez da solicitude sempre que se comunique por escrito a exclusión do concello afectado polo incumprimento, dentro do prazo concedido para o efecto.

3. Unha entidade non pode concorrer á convocatoria de maneira simultánea individualmente e a través da entidade supramunicipal ou agrupación en que se integre. De darse o caso inadmitirase a solicitude que, de conformidade coa data de presentación, fose posterior no tempo.

4. Para poder ser beneficiaria destas axudas as entidades locais deberán ter presentado as contas as que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, do exercicio orzamentario que corresponda, no Consello de Contas de Galicia.

5. Non poderán ter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Actuacións subvencionables

1. Serán subvencionables os traballos de asistencia técnica para a elaboración dos plans de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES) destinados ás entidades locais municipais e supramunicipais, así como ás agrupacións de entidades locais, da Comunidade Autónoma de Galicia asinantes do Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía sustentable. A realización destes plans é un dos compromisos adquiridos polos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia asinantes do citado pacto. Nel tamén se comprometen a ter realizados os ditos plans no prazo máximo de dous anos desde a data de adhesión da entidade ao Pacto dos alcaldes.

O PACES que se realizará debe conter:

a) Un inventario de referencia de emisións (IRE) para facer o seguimento da súa efectividade das accións de mitigación;

b) Unha avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático;

c) As medidas previstas para reducir e limitar as emisións de gases de efecto invernadoiro e prepararse para os impactos do cambio climático. En relación coas medidas de adaptación, pódense incluír agora no documento do PACES ou incluílas máis tarde, seguindo o indicado na web europea do Pacto (catro anos desde a adhesión). Neste último caso, o concello incluirá no documento do PACES unha epígrafe referida as ditas medidas, indicando o prazo aproximado en que teñen previsto presentalas.

A entidade responsable comprometerase á elaboración, cada dous anos, dun informe de seguimento (o denominado Informe de acción) sobre a implantación do PACES (anexo I). No caso de entidades locais supramunicipais e agrupacións de entidades locais, a dita declaración responsable deberá ser presentada por cada un dos concellos participantes.

2. Unha vez redactado o PACES, este terá que estar aprobado polo pleno da corporación municipal e correctamente rexistrado, telematicamente, no sitio web da Oficina do Pacto da Unión Europea, segundo os procedementos establecidos pola propia oficina.

3. En caso de entidades locais supramunicipais e de agrupacións de entidades locais, o inventario de emisións deberá ser elaborado por cada un dos concellos participantes, pero a avaliación de riscos e a vulnerabilidade ante o cambio climático deberán ser realizadas para o conxunto dos concellos asociados.

Artigo 4. Gastos subvencionables

1. Terán a consideración de gastos subvencionables os custos realizados relacionados directamente coa contratación dos servizos de elaboración dos PACES co contido exixido no artigo 3.

2. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de forma indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable e cumpran o establecido na Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020 (BOE nº 315, do 30 de decembro).

3. En todo caso, non serán subvencionables os seguintes gastos:

a) Os gastos realizados fóra do prazo de execución establecido para o desenvolvemento da actuación obxecto de subvención.

b) Os gastos non xustificados correctamente ou que non sexan obxecto de subvención, así como os gastos non imputables ao investimento.

c) No tocante ao imposto sobre o valor engadido, non é subvencionable cando é recuperable. Os concellos e demais entidades de dereito público non teñen a consideración de suxeito pasivo, nos termos previstos no artigo 13, número 1 da Directiva 2006/112/CE do Consello, polo que o IVE soportado por estes se considerará subvencionable.

d) As taxas de calquera tipo, así como os gastos financeiros derivados do investimento.

e) Ningún gasto propio da entidade solicitante tales como os gastos de persoal desta (tanto propio como contratado), gastos de mantemento e explotación (alugamento, comunidade, seguros, reparación e conservación do local e mobiliario de oficina,...), gastos de subministración como servizo de telecomunicación (teléfono, fax e internet), servizo de correos, material de oficina, electricidade, auga e limpeza, ...

f) Todos aqueles gastos que figuren no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como non subvencionable.

4. As entidades solicitantes poderán subcontratar a totalidade da actuación subvencionable, de conformidade co disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Deberase observar o disposto na normativa aplicable en materia de contratación pública vixente na tramitación do procedemento de contratación e, se é o caso, respecto de contrato menor con adxudicación directa.

Artigo 5. Financiamento e contía das axudas

1. As axudas reguladas ao abeiro desta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.541E.760.1 (código de proxecto 2017 00056 actuación 087.097), ata un importe máximo de cincocentos oitenta mil euros (580.000 €) correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

2. Esta orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001; a concesión das subvencións quedará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

3. No caso de esgotamento do crédito dispoñible, informarase do dito aspecto a través da páxina web oficial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda
(https://cmatv.xunta.gal/).

4. A axuda económica que se conceda poderá acadar:

a) Para as entidades locais municipais: a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por concello segundo o indicado na seguinte táboa, ata o esgotamento do crédito a que se refire o presente artigo.

b) Para as entidades locais supramunicipais e as agrupacións de entidades locais: a totalidade do investimento realizado cun límite máximo que será a suma do financiamento máximo correspondente a cada concello da entidade local supramunicipal ou da agrupación de entidades locais solicitante, segundo o indicado na seguinte táboa.

Poboación dos concellos

Financiamento máximo

Ata 2.000 habitantes

Ata 3.000 €

De 2.001 a 5.000 habitantes

Ata 4.000 €

De 5.001 a 10.000 habitantes

Ata 6.000 €

De 10.001 a 20.000 habitantes

Ata 9.000 €

De 20.001 a 50.000 habitantes

Ata 11.000 €

De 50.001 a 100.000 habitantes

Ata 15.000 €

Máis de 100.001 habitantes

Ata 20.000 €

5. Segundo o previsto no artigo 21.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, a achega pública fíxase como un importe certo e sen referencia a unha porcentaxe ou fracción do custo total, polo que non se aboará máis que o importe xustificado co límite da subvención concedida. Enténdese que queda por conta do beneficiario a diferenza de financiamento necesario para a total execución da actividade subvencionada, de ser o caso.

6. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento derive dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo; ou no suposto previsto no artigo 25.3 do regulamento. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, de ser o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que procede. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 6. Solicitude e prazos

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
http://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

2. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. As solicitudes poderán ser presentadas individualmente por un concello ou conxuntamente por máis dunha entidade local, ben sexa por medio de entidades de carácter supramunicipal, que pola súa vez teñen a consideración de entidade local, ben baixo a modalidade de agrupación de entidades locais.

No caso de solicitudes conxuntas presentadas baixo a modalidade de agrupación, farase constar na propia solicitude, na parte destinada á identificación do solicitante, a referencia a «Agrupación de» seguido da identificación das entidades de que se trate.

4. As solicitudes (anexo I) serán subscritas directamente polas persoas que posúan a súa representación. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

No caso de solicitudes formuladas por agrupacións de entidades locais, a entidade local designada para actuar como representante deberá xuntar, ademais da documentación requirida ao abeiro do artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, un documento en que se deixe constancia de que as persoas representantes das entidades locais participantes autorizan a presentación da solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

5. No caso de solicitudes presentadas de forma presencial, requirirase a entidade solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

6. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

7. Para o caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir máis información, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do enderezo de correo electrónico
axudas.cmaot@xunta.gal

Artigo 7. Documentación complementaria

1. Para solicitar as axudas que se regulan mediante esta orde, ás entidades locais municipais e supramunicipais, así como as agrupacións de entidades locais, presentarán a documentación xeral e técnica que se indica a seguir:

a) Acreditación do nomeamento da persoa representante para as súas relacións coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

b) Certificación do/da secretario/a do concello en que figure o acordo adoptado polo órgano competente en que conste a decisión da entidade ou entidades locais polo cal se aproba a súa participación nesta convocatoria (anexo II).

c) Certificación de que a entidade solicitante remitiu, ao Consello de Contas de Galicia, as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigada. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes (anexo II).

d) No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, deberán presentar:

1º. Documentación xustificativa da persoa ou entidade local designada para actuar como representante para formular a solicitude presentada.

2º. Relación de entidades locais participantes.

3º. Xustificación, se é o caso, de que as persoas representantes das entidades locais participantes autorizan a presentación da solicitude, así como no relativo á remisión das contas do último exercicio orzamentario a que legalmente están obrigadas ao Consello de Contas (anexo II).

4º. O importe da subvención que se vai solicitar para cada entidade membro da agrupación tendo en conta os importes máximos que constan no artigo 5.

e) Deberase remitir, ademais, unha memoria sobre a realización do PACES que, sen superar as 10 páxinas de extensión, inclúa a información técnica oportuna en relación cos datos e aspectos que se sinalan:

1) Denominación e breve descrición da actuación obxecto de solicitude.

2) Tarefas que se realizarán para a elaboración do PACES.

3) Cronograma da elaboración do PACES, incluíndo a aprobación polo pleno do concello do documento definitivo e o traspaso dos datos na web da oficina europea do Pacto, tendo en conta o prazo límite establecido no artigo 17. Este documento deberá incluír datas concretas, polo menos, de inicio e finalización.

4) Orzamento detallado do custo de elaboración do PACES, indicando as tarefas incluídas na súa elaboración. O documento deberá especificar claramente as diferentes fases que comprende a redacción do PACES incluíndo o importe económico que supón a execución de cada unha delas. Ademais tamén deberán constar os importes finais: base impoñible, IVE e importe total da actuación solicitada.

5) A entidade solicitante deberá presentar unha declaración responsable (anexo I) en que se faga constar o seu compromiso de presentación, cada dous anos, dun informe de seguimento (o denominado Informe de acción) sobre a implantación do PACES. No caso de entidades locais supramunicipais e agrupacións de entidades locais, a dita declaración responsable deberá ser presentada por cada un dos concellos participantes.

6) Calquera outra información que se considere de interese.

f) A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

g) Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

h) No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

i) Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

No suposto de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirllo á persoa interesada, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día do pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día do pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

f) Certificado de non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Certificado onde se sinalen outras subvencións ou axudas concedidas á entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Procedemento de concesión

O procedemento que se empregará para a concesión das axudas será o de concorrencia non competitiva establecido no artigo 19, punto 2º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Tramitación

1. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático como órgano instrutor do procedemento, revisará as solicitudes recibidas e a documentación presentada. No caso de estar incompleta, ter erros ou non presentar toda a necesaria, o defecto nas solicitudes seralles notificado ás persoas interesadas e, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, daráselles un prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento, para emendar os erros ou omisións, con indicación de que, de non facelo así, se lles terá por desistidos da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), á Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS) e á consellería competente en materia de economía e facenda; nestes casos o solicitante terá que achegar as correspondentes certificacións ou documentos.

Nestes casos, o crédito inicialmente asignado ás ditas solicitudes destinarase ás seguintes, respectando a orde de prelación.

2. Os requirimentos de emenda, así como calquera tipo de notificación, realizaranse a través de medios electrónicos, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, de maneira que, cando existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorresen dez días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, salvo que de oficio ou por instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

3. En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as subvencións resolveranse por orde de rexistro de entrada das solicitudes presentadas. Non obstante, naqueles supostos en que, ao abeiro do establecido no parágrafo un deste artigo, se lles requirise aos solicitantes a emenda de erros ou omisións na solicitude ou documentación presentada, entenderase por rexistro de entrada da solicitude presentada a data en que o dito requirimento estivese correctamente atendido.

4. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12. Resolución, notificación e modificación

1. A persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático elevará as correspondentes propostas de concesión á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, quen resolverá.

As resolucións de concesión poderán ditarse sucesivamente ou de forma individual para cada unha das solicitudes presentadas, a medida que se vaia verificando que toda a documentación que exixe o artigo 7 da presente orde é correcta e está completa, ata o esgotamento do crédito consignado na correspondente partida orzamentaria.

2. Nas resolucións figurarán os seguintes aspectos:

a) O nome da entidade local beneficiaria.

b) O importe dos gastos considerados subvencionables sobre os que se fai o cálculo da contía.

c) A contía da axuda.

d) Que a axuda está cofinanciada nun 80 % con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, o que exixe o cumprimento da normativa aplicable a este fondo, en particular, o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e o Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

e) Que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión do beneficiario na lista de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e que se publicará co contido previsto no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 no seguinte sitio web: http://www.dgfc.sepg.hacienda.gob.es/sitios/dgfc/es-ES/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx

f) Prazo para a execución do servizo.

g) As obrigas que corresponden ao beneficiario, os requisitos específicos relativos ao proxecto subvencionable, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa para a selección da operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA).

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos realizaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación realizada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

6. As notificacións entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

8. O prazo para resolver e notificar os procedementos iniciados en virtude desta orde será dun mes, contado a partir da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

9. Segundo o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima aos interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

10. Será causa de denegación de concesión da subvención o esgotamento do crédito consignado para estes efectos na partida orzamentaria fixada no artigo 5 da presente orde.

Artigo 13. Recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente.

Artigo 14. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, en todo caso, deberán cumprirse, os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Aceptación e renuncia

1. A persoa representante das entidades locais municipais, supramunicipais ou agrupacións de entidades locais beneficiarios disporá dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida.

Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención.

2. As entidades locais beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.

3. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

4. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución que se notificará ao interesado por medios electrónicos.

Artigo 16. Obrigas das beneficiarias

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as entidades beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigadas a:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.

3. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real.

4. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Someterse ás actuacións de comprobación e control que deba efectuar o órgano concedente, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, a Intervención Xeral da Administración Xeral do Estado, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, ás comprobacións e verificacións que realizará o organismo intermedio, a autoridade de xestión ou a autoridade de certificación e, se é o caso, os órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e outras instancias de control, presentando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, así como ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello.

6. Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

7. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamenten a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

8. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con cargo á subvención.

9. Dispor de capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.

10. Conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas cales estean incluídos os gastos da operación.

11. Segundo o establecido no artigo 15, punto 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, toda actividade, investimento ou material (incluído o que se difunda de maneira electrónica ou empregando medios audiovisuais) que se realice contando con financiamento obtido a partir destas axudas deberá cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto, de conformidade co establecido no anexo III destas bases, sobre o apoio procedente dos fondos Feder, recollidas no anexo XII número 2 do Regulamento (CE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.

12. Facilitar a recolla de indicadores de resultado cuantitativos e cualitativos tras a execución do proxecto subvencionable, e nun prazo de entre seis meses e tres anos despois da finalización.

13. Subministrar toda a información necesaria para que a Consellería poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 17. Período subvencionable e prazo de execución

1. O período subvencionable será o comprendido entre o 1 de xaneiro e o 3 de decembro de 2021, ambos os dous incluídos.

2. Non serán subvencionables os proxectos concluídos materialmente na data de presentación da solicitude.

3. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados no período comprendido entre as datas referidas no punto anterior.

4. A data límite para executar o proxecto, así como para presentar a documentación xustificativa dos investimentos, será o 3 de decembro de 2021.

Artigo 18. Xustificación

1. As beneficiarias das axudas quedan obrigadas a acreditar, no prazo máximo a que se refire o artigo anterior, a realización do proxecto subvencionado e a xustificar a totalidade do orzamento; en caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción.

2. A solicitude do pagamento será efectuada polo beneficiario a través de medios electrónicos, mediante a presentación do anexo IV, que se xunta a título informativo, que estará accesible na Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Á dita solicitude xuntarase a documentación xustificativa do investimento requirida. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polas beneficiarias, porao no seu coñecemento e concederalles un prazo de dez días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados segundo o establecido nas presentes bases reguladoras.

Igual requirimento se efectuará no suposto do resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería competente en materia de economía e facenda, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física) e do representante da persoa xurídica e o NIF do solicitante (persoa xurídica), ou cando como resultado da comprobación se obteña un resultado negativo na comprobación de causas de inhabilitación para recibir subvencións ou axudas; neste caso, o solicitante terá que achegar as correspondentes certificacións ou documentos.

No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen se ter presentado ningunha documentación, requirirase igualmente o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días hábiles a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 19. Documentación xustificativa de investimentos

As entidades beneficiarias terán de prazo para presentar a correspondente xustificación dos investimentos realizados ata o 3 de decembro de 2021.

A conta xustificativa con entrega de xustificantes de gastos, de conformidade co establecido no artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 20, do 29 de xaneiro), conterá a seguinte documentación:

1. Solicitude de aboamento efectuada pola entidade beneficiaria conforme o modelo que se facilita no anexo IV que se xunta a título informativo.

2. Documento que acredite a aprobación do PACES polo pleno do concello e a súa presentación, na páxina web europea do Pacto.

3. Memoria explicativa do investimento realizado e dos resultados obtidos asinada electronicamente polo/a alcalde/alcaldesa do concello beneficiario ou por quen actúe en representación deste. Esta memoria, xunto coa solicitude de pagamento, irá acompañada de calquera outro material informativo (fotografías, publicacións, reseñas en web, etc.) que se considere de interese. Tamén deberá presentarse un cronograma final sinalando cando tiveron lugar as diferentes actuacións executadas e comparándoo co presentado na solicitude.

4. Memoria económica xustificativa das actividades realizadas, que conterá:

a) Tanto os xustificantes de gasto como os dos pagamentos deberán ter data comprendida dentro do período de subvencionabilidade previsto no artigo 17 destas bases.

b) A entidade beneficiaria achegará unha certificación que deberá estar expedida pola Intervención ou o órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida. Farase constar como mínimo:

1) O cumprimento da finalidade da subvención.

2) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e data de pagamento. No caso de que a subvención se outorgue segundo un orzamento, indicaranse as desviacións producidas.

c) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior. Os gastos aparecerán desagregados polos mesmos conceptos que foron incluídos no orzamento presentado no momento da solicitude.

Tratándose de administracións públicas presentaranse facturas orixinais, ou facturas electrónicas rexistradas no punto xeral de entrada de facturas electrónicas da Administración xeral do Estado (FACE) ou plataforma similar.

A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Cando a beneficiaria non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

Non obstante, no presente procedemento admitiranse os documentos en papel ou copias debidamente compulsadas debido a circunstancias funcionais e/ou tecnolóxicas derivadas da implantación progresiva por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma en relación á organización da emisión das copias auténticas electrónicas.

d) Xustificantes bancarios dos aboamentos efectuados (transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario do ingreso efectivo polo portelo) en que deberán constar, ademais do emisor e receptor do pagamento, o número de factura obxecto do pagamento así como a data en que se efectuasen, a cal deberá estar comprendida entre a data de inicio e a data límite da xustificación.

Non se admitirán os pagamentos en efectivo. Tampouco serán válidos aqueles xustificantes obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

e) Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

No momento da xustificación da execución do proxecto e, en calquera caso, antes do pagamento, o peticionario debe presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

f) Certificación expedida pola secretaría da entidade local, na cal se acredite que se respectaron os procedementos de contratación pública e se faga referencia á aprobación por parte do órgano competente da conta xustificativa da subvención.

g) Certificado da secretaría ou intervención onde se sinale que o IVE subvencionado non é recuperable por parte do concello beneficiario.

h) No caso de agrupacións de concellos, presentarase un documento asinado por todos os participantes que conformen a agrupación beneficiaria da axuda no cal se recollan expresamente todos os termos dos aspectos requiridos nas presentes bases para as solicitudes presentadas de forma conxunta.

5. Documentación de ter realizada a publicidade axeitada (fotografías dos carteis informativos, publicidade a través de páxina web, exemplares da documentación escrita, etc.) que xustifique ter dado cumprimento ás obrigas establecidas no anexo III, sobre o apoio procedente dos fondos Feder, recollidas no anexo XII número 2 do Regulamento (CE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, e segundo o que se establece no anexo III que se xunta ás presentes bases reguladoras.

Artigo 20. Pagamento da axuda

1. O aboamento da subvención será realizado directamente ao concello beneficiario na conta bancaria indicada por este, que deberá ser da súa titularidade. En caso das entidades locais supramunicipais ou agrupacións de entidades locais, o concello que asuma a representación recibirá a axuda atribuída a este fin.

No caso de agrupacións de entidades locais, o concello que actúe como representante deberá presentar, no prazo máximo dun mes desde a recepción dos importes cobrados, xustificantes bancarios dos aboamentos efectuados (transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario do ingreso efectivo polo portelo) aos restantes concellos que constitúen a devandita agrupación.

2. Poderá anticiparse ata o 50 % do importe concedido, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, no artigo 63 do Decreto 11/2009 e nesta convocatoria, que se fará efectivo, por solicitude da entidade beneficiaria, unha vez realizada a notificación da subvención e logo da aceptación expresa desta.

No caso de que a entidade beneficiaria desexe solicitar a modalidade de pagamento anticipado, no prazo máximo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da notificación da resolución de concesión deberá presentar unha solicitude de pagamento anticipado, empregando o modelo que se incorpora como anexo V.

3. Transcorrido o prazo establecido neste artigo sen ter presentada a correspondente xustificación entenderase que a entidade renuncia á subvención, sen prexuízo do establecido nos artigos 45.2 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

4. Conforme o artigo 65.4. do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, para a concesión dos pagamentos anticipados, non se exixirá a presentación de garantías por parte dos concellos beneficiarios.

5. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería concedente, antes de proceder ao seu pagamento final, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinaron a concesión da subvención, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007.

Os órganos competentes da consellería concedente poderán solicitar ao beneficiario as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes, advertíndolle de que a falta de presentación da xustificación no prazo concedido para o efecto poderá comportar a perda do dereito á subvención e a exixencia do reintegro no caso de ter recibido cantidades en concepto de anticipo, e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007.

6. Cando o custo xustificado da actividade ou investimento sexa inferior ao que figura na resolución de concesión, manterase a axuda pero diminuirase proporcionalmente o seu importe.

7. O pagamento realizarase logo de verificación do órgano concedente do cumprimento da obriga de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 21. Incumprimento de obrigas

1. No caso de incumprimento das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en todo caso, nos supostos establecidos no artigo 33 da devandita lei, a entidade beneficiaria comprométese a reintegrar as cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora que deba aquela, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da mesma norma legal.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A entidade beneficiaria tamén terá que reintegrar as cantidades percibidas en caso de que:

a) O PACES non estea correctamente rexistrado telematicamente no sitio web da Oficina do Pacto da Unión Europea, segundo os procedementos establecidos pola propia oficina, e

b) O concello non presente o primeiro dos informes de seguimento que, cada dous anos, deberá presentar sobre a implantación do PACES.

No caso das entidades supramunicipais ou agrupacións de entidades locais, será a entidade municipal que incumpra o indicado neste punto 3 a que terá que reintegrar a subvención, sin que isto afecte o resto dos concellos implicados.

4. Reintegro das axudas no caso de non manter as condicións establecidas nestas bases:

a) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas e os investimentos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.

b) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido nestas bases.

c) Suporá a perda dun 5 % non lle comunicar ao órgano concedente desta axudas a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

5. No caso de condicións que constitúan obrigas que a entidade beneficiaria deba acreditar en fase de xustificación, tales como obrigas de publicidade ou comunicación doutras axudas, estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a graduación fixada no punto anterior so resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso que se detecte en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo ás ditas obrigas.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á cal estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 23. Compatibilidade das axudas

1. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas destinadas á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou organismo internacional, sempre que o importe total das axudas percibidas non supere o 100 % do investimento subvencionable do proxecto.

2. Non obstante, e de acordo co establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, unha operación poderá recibir axuda dun ou varios Fondos EIE ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, a condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pagamento correspondente a un dos Fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro fondo ou instrumento da Unión, ou axuda do mesmo fondo no marco dun programa distinto. O importe do gasto que deberá consignarse nunha solicitude de pagamento dun Fondo EIE pode ser calculado para cada Fondo EIE e para o programa ou programas de que se trate a pro rata, segundo o documento en que se establezan as condicións da axuda.

3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a documentación xustificativa da execución do servizo.

4. En todo caso, antes de conceder a axuda e no momento da xustificación, solicitaráselle á entidade solicitante ou beneficiaria unha declaración sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto.

5. O incumprimento do disposto neste artigo poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos nestas bases reguladoras ou, de ser o caso, á iniciación do procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito ao cobramento da subvención ou para o seu reintegro.

Artigo 24. Infraccións e sancións

O réxime de infraccións e sancións aplicable ao establecido nesta orde é o previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Medidas antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puideran ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total o parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto: http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf.

Artigo 26. Réxime xurídico

Respecto de todo o non previsto nesta orde observarase o disposto nas seguintes normas, entre outras de procedente aplicación:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

f) Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

g) Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

h) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello.

i) Normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

j) Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

Disposición derradeira primeira

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde.

Así mesmo, deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático as facultades relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para a execución desta orde.

Disposición derradeira terceira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Publicidade do cofinanciamento comunitario

Obrigas do beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras:

Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, número 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, o beneficiario deberá cumprir os seguintes requisitos de publicación e comunicación:

1. En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, o beneficiario deberá recoñecer o apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto, incluíndo a imaxe institucional correspondente, a marca turística de Galicia e mostrando:

a) O emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea.

b) Referencia ao Fondo Feder que dá apoio ao proxecto.

c) Referencia ao lema do Fondo «Unha maneira de facer Europa». O formato que se utiliza é o seguinte:

missing image file

2. Durante a realización do proxecto e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento ou emprego:

i. Breve descrición no seu sitio da internet do que dispoña a entidade beneficiaria, do proxecto desenvolvido ao abeiro da subvención concedida, dos obxectivos perseguidos e resultados acadados, na cal se destaque o apoio financeiro da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto, incluíndo a imaxe institucional correspondente, a marca turística de Galicia, a referencia ao Xacobeo 2021, e mostrando:

a) O emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea.

b) Referencia ao Fondo Feder que dá apoio ao proxecto.

c) Referencia ao lema do Fondo «Unha maneira de facer Europa».

d) Mención ao obxectivo «Frear o cambio climático».

ii. Colocar, polo menos, un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), en que se mencionará o apoio financeiro da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto, incluíndo a imaxe institucional correspondente, a marca turística de Galicia, a referencia ao Xacobeo 2021, e mostrando:

a) O emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea.

b) Referencia ao Fondo Feder que dá apoio ao proxecto.

c) Referencia ao lema do Fondo «Unha maneira de facer Europa».

d) Mención ao obxectivo «Frear o cambio climático».

O cartel, elaborado con materiais que permitan certa perdurabilidade no tempo, deberase colocar nun lugar visible para o público.

Para os efectos do sinalado, poderase empregar o seguinte modelo tanto para a publicación en web como para a elaboración do cartel:

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file