Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 10 de febreiro de 2021 Páx. 8339

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 23 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2021 (código de procedemento TR331A).

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, a Consellería de Emprego e Igualdade asume o exercicio das competencias e funcións, en materia de intermediación e orientación laboral, promoción da empregabilidade e formación profesional para o emprego, e singularmente, o deseño, planificación e execución das medidas dirixidas á prestación dos servizos previstos na carteira común de servizos do Sistema nacional de emprego na estratexia española de activación para o emprego.

Con base no exposto, correspóndelle a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as que están as medidas dirixidas, por unha banda, a fomentar a creación de emprego de calidade e, por outra, incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, prestando especial atención aos colectivos con especiais dificultades de inserción, no marco do respectivo Plan anual de política de emprego (PAPE) e no eido da colaboración institucional entre o goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.

Esta regulamentación autonómica é posible á vista do novo enfoque que dá ao deseño e á xestión das políticas activas de emprego o número 3 do artigo 36 do texto refundido da Lei de emprego, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2015, do 23 de outubro, do que resulta que as comunidades autónomas están habilitadas para o deseño e execución de novos programas e servizos de políticas activas de emprego adaptadas ás peculiaridades e características dos seus mercados de traballo locais que, en todo caso, deberán preverse no respectivo Plan anual de política e emprego (PAPE).

Os elementos que caracterizan o Programa de orientación laboral que prestarán as entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde concordan cos definidos no Real decreto 7/2015, do 16 de xaneiro, polo que se aproba a carteira común de servizos do Sistema nacional de emprego. Desta maneira, configúrase un programa autonómico nesta materia, que a Xunta de Galicia incluirá no Plan anual de política de emprego (PAPE) no eixo 1 para 2021.

Este programa caracterízase en Galicia pola adopción dun modelo de orientación aberta que, baseándose no traballo en rede do persoal orientador, procura unha maior implicación, compromiso e protagonismo da persoa demandante na configuración, execución e mellora do seu propio proceso de busca activa de emprego.

Por outra banda, e de conformidade co Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 28 de febreiro de 2013, polo que se determinan os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da comunidade autónoma, para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal, esta orde establece criterios de valoración específicos para aqueles proxectos de xestión compartida ou fusión municipal que representen un aforro de custos e unha xestión máis eficaz no desenvolvemento das accións de orientación laboral subvencionadas.

Por último, requírese o uso de medios telemáticos de cara á presentación da solicitude e realización dos trámites administrativos do procedemento a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo coa Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, que regula o réxime xurídico da utilización dos medios electrónicos por parte do sector público galego no desenvolvemento da súa actividade e nas súas relacións coa cidadanía, coas demais administracións públicas e coas empresas e as entidades, as infraestruturas e os servizos do sector público galego, as medidas para o desenvolvemento dixital na sociedade con criterios de inclusión e non discriminación e os órganos con competencias en relación coa administración dixital. Esta exixencia comporta a necesaria obtención por parte das persoas representantes legais das entidades, cando non dispoñan deles, do DNI electrónico ou certificado electrónico de persoa física da FNMT.

Esta convocatoria tramítase ao abeiro do disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola do 25 de outubro de 2001. A concesión da subvención queda sometida á existencia de crédito axeitado e abondo nos orzamentos da comunidade autónoma no momento da resolución.

En consecuencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe favorable da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Delegada, e tendo en conta as regras establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no que resulte de aplicación, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, en virtude das atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e financiamento

1. Esta orde ten por finalidade o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións ás entidades que presten servizos de orientación laboral para o emprego e asistencia para o autoemprego, articuladas en itinerarios personalizados para o emprego e dirixidas a mellorar as posibilidades de ocupación das persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, a través da contratación de persoal técnico de orientación laboral para o exercicio 2021, no ámbito da colaboración da Consellería de Emprego e Igualdade coas entidades locais e entidades sen ánimo de lucro, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na mellora da empregabilidade e ocupabilidade das persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia (código do procedemento TR331A).

2. O financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo ás aplicacións orzamentarias 11.05.322A.460.4 e 11.05.322A.481.1 (código de proxecto 2015 00524) polos importes máximos de 2.700.000 e 4.112.189 euros, respectivamente, correspondentes a fondos finalistas recibidos do Servicio Público de Empleo Estatal, ao existir crédito adecuado e abondo no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 20 de novembro de 2020. De acordo coas normas que regulan a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, a concesión das subvencións queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e abondo no momento da resolución.

3. Os importes máximos recollidos no parágrafo anterior poderán ser obxecto de modificación como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos finalistas para o financiamento dos programas e servizos en materia de emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais, así como nos supostos previstos nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, logo da aprobación, se é o caso, da modificación orzamentaria que proceda. Os incrementos de crédito serán obxecto da oportuna publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 2. Entidades beneficiarias. Requisitos

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas na presente orde:

a) As entidades locais, coa excepción das entidades de ámbito territorial provincial, ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha das anteriores, cuxa titularidade corresponda integramente a ela, sempre que por si soas ou asociadas entre concellos limítrofes teñan unha media de paro rexistrado no ano 2021 superior a 350 persoas, ou formen parte dunha agrupación que comprenda, cando menos, tres concellos limítrofes galegos (ou a dous no caso de que un deles proceda da fusión de concellos).

Neste caso, un mesmo concello non poderá presentar solicitude por si só e en agrupación a través de convenio de colaboración.

b) As confederacións e asociacións empresariais e sindicais de Galicia, e as fundacións delas dependentes con experiencia na realización de accións de orientación laboral.

c) As entidades sen ánimo de lucro especializadas en atención a persoas con discapacidade, así como aquelas entidades que teñan por obxecto a atención a un colectivo específico de persoas en determinadas situacións de exclusión social (por razóns étnicas, adiccións, ex reclusos, etc.) que realicen accións de orientación laboral de acordo co previsto nestas bases reguladoras. A entidade solicitante deberá xustificar e cuantificar a súa atención a un número significativo de persoas na dita situación.

d) As entidades sen ánimo de lucro non incluídas na alínea anterior, que teñan entre as súas finalidades a atención a colectivos de persoas en risco ou situación de vulnerabilidade ou exclusión social que realicen accións de orientación laboral de acordo co previsto nestas bases reguladoras. A entidade solicitante deberá xustificar e cuantificar a súa atención a un número significativo de persoas na dita situación.

Para os efectos desta orde, entenderase como entidade sen ánimo de lucro aquelas entidades nas cales concorra a forma xurídica de asociación segundo a clasificación establecida pola Administración tributaria en relación co número de identificación fiscal.

2. As entidades solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Dispoñer de locais con espazos diferenciados para a atención individual ás persoas demandantes de emprego e que reúnan as condicións de accesibilidade e calidade necesarias para o correcto desenvolvemento das actividades descritas no artigo 3 da presente orde. Os locais e espazos deberán atoparse completamente habilitados na data de inicio do período subvencionable.

b) Estar en condicións de habilitar unha conta de correo electrónico que actúe como caixa de correo do servizo (polo que na súa denominación deberá constar, necesariamente, o termo «orientación» e a denominación da entidade), para os efectos de realizar as comunicacións electrónicas coa entidade.

c) Dispoñer dos medios técnicos e materiais para habilitar unha conexión coa rede corporativa da Xunta de Galicia vía internet. O hardware de comunicación que posibilite a conexión á rede corporativa da Xunta de Galicia terá que cumprir os estándares definidos polo organismo xestor da dita rede.

d) Dispoñer dun ordenador persoal con protocolo TCP/IP. A conexión do ordenador á rede corporativa da Xunta de Galicia deberá ser exclusiva. Unha vez establecida esta, non se poderá acceder a través doutras canles de comunicación por elementos situados en redes alleas á propia entidade. A entidade para o seu acceso vía Internet deberá dispor dunha IP fixa. Tanto o software de base instalado como as características do hardware da estación de traballo deberán posibilitar o correcto funcionamento da aplicación informática cliente do Servizo Público de Emprego de Galicia.

e) Dispoñer de acceso a internet e correo electrónico e aplicar medidas de seguridade de nivel medio no tratamento da información de carácter persoal; as entidades que teñan acceso a datos de nivel alto deberán contar coas medidas de seguridade acordes á información que tratan. Ademais, deberase contar con software antivirus debidamente actualizado e con mantemento periódico en todas as estacións de traballo que teñan acceso á rede corporativa da Xunta de Galicia.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades que incorran nalgunha das prohibicións que establece o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Actividades do servizo de orientación laboral

1. Os servizos de orientación laboral que presten as entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde deberán axustarse para a súa realización ao establecido no artigo 8 do Real decreto 7/2015, do 16 de xaneiro, polo que se aproba a carteira común de servizos do Sistema nacional de emprego, incluíndo as seguintes actividades:

a) Diagnóstico individualizado e elaboración do perfil ocupacional da persoa demandante de emprego: comprenderá a atención específica a esta co obxecto de identificar, coa participación e compromiso da persoa demandante, os seus recursos para o emprego, compostos polas súas habilidades, competencias, formación e experiencia, os seus intereses, as súas circunstancias persoais en relación co acceso ao emprego e as posibles oportunidades profesionais, así como outras variables relevantes para a elaboración do seu perfil e a súa clasificación en función da súa dispoñibilidade, da súa ocupabilidade e da súa empregabilidade e da evolución ó longo da súa busca activa de emprego.

b) Deseño do itinerario personalizado para o emprego: consistirá na elaboración coa participación e o compromiso da persoa demandante, conforme as metodoloxías e coas ferramentas que en cada momento se determinen desde a Dirección Xeral de Formación e Colocación, do proceso que se considere máis axeitado para o seu acceso ao emprego de acordo co seu perfil, situación do mercado laboral no seu ámbito de busca, necesidades e expectativas, a través de criterios técnicos e estatísticos atendendo a aspectos cuantitativos e cualitativos de relevancia obxectiva, incluíndo as principais actuacións acordadas e o calendario de realización pactado coa persoa demandante, que deberá asumir un papel de protagonismo fundamental en todo o proceso, así como os elementos de verificación e seguimento.

Este itinerario deberá incorporar, polo menos:

1º. A identificación de alternativas profesionais a partir da análise motivada de oportunidades de emprego para a persoa demandante ás cales poida acceder de acordo co seu perfil profesional, coa súa dispoñibilidade persoal para acceder ao emprego e co potencial existente no seu ámbito de procura.

2º. A identificación dun itinerario formativo, cando se precise de acordo co perfil da persoa usuaria, mediante a proposta das accións de formación e/ou acreditación da experiencia profesional que resulten axeitadas para a mellora de competencias e cualificación profesional da persoa usuaria.

3º. A identificación das actuacións de procura activa de emprego que, de acordo co seu perfil, a persoa usuaria se compromete a realizar, así como o seguimento previsto para elas.

c) Acompañamento personalizado no desenvolvemento do itinerario e o cumprimento do compromiso de actividade: consistirá no seguimento individual e personalizado por parte dunha persoa que exerza as funcións de titoría e orientación das actuacións que a persoa usuaria vaia levando a cabo na execución do seu itinerario, a súa revisión e actualización e a fixación e supervisión do cumprimento de fitos, etapas e obrigas. Para isto poderá planificarse, de acordo coa persoa orientada e co seu perfil competencial, o uso de medios telemáticos de entre os postos á disposición pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, para unha interacción mellor e maior, así como máis rápida e continuada coa persoa demandante durante o desenvolvemento do proceso, como complemento ás sesións presenciais acordadas.

d) Deseño, planificación e execución de accións grupais de orientación laboral que poidan ser de interese, en función dos perfís das persoas orientadas, tanto para mellorar a eficiencia do servizo como para fomentar a interrelación e o intercambio de experiencias entre elas.

e) Asesoramento e axuda técnica adicional para:

1º. A definición do seu currículo, que reflicta o seu perfil profesional en termos de competencias profesionais: comprenderá a información e asesoramento persoal, grupal ou xeral ás persoas usuarias, así como a provisión de instrumentos e técnicas de axuda para a elaboración do seu currículo personalizado ou o uso de novas ferramentas de presentación profesional a través do uso das TIC.

2º. A aplicación de técnicas para a procura activa de emprego: considerará a provisión de información, e manexo básico dos medios, técnicas e ferramentas accesibles para a procura de emprego por conta allea, con especial atención ao uso da internet para a procura de emprego, sempre que o perfil competencial da persoa demandante así o recomende.

f) Información e asesoramento adicional sobre:

1º. A situación do mercado de traballo e as políticas activas de emprego que poidan resultarlles de utilidade ás persoas demandantes de emprego para incrementar as súas posibilidades de empregabilidade.

2º. A oferta formativa e os programas que faciliten a mobilidade para a formación e cualificación europeas.

3º. A posta en marcha de proxectos emprendedores ou de emprego autónomo, así como os recursos de apoio de todo tipo dispoñibles no seu contorno para un asesoramento ou acompañamento máis especializado.

g) Apoio á xestión da mobilidade laboral.

h) Coordinación e colaboración co resto de persoal de orientación laboral e coa Rede de técnicos de emprego de Galicia para o intercambio de información e boas prácticas no eido do emprego, o emprendemento e a análise e prospección do mercado laboral.

i) Mellora continuada das súas propias competencias e recursos profesionais para a orientación laboral a través da participación nas accións de formación e capacitación específicas que se determinen desde a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

2. As entidades que colaboren coa Dirección Xeral de Formación e Colocación na realización destas accións levaranas a cabo cos seus medios propios e nas instalacións habilitadas por cada entidade para o seu desenvolvemento.

No caso de que as entidades prevexan a realización das ditas actividades de xeito temporal ou parcial en instalacións distintas ás autorizadas segundo o descrito nos artigos 2.2.a) así como 14.1.e) e 14.2 desta orde, deberan someter estas actuacións á aprobación previa da Dirección Xeral de Formación e Colocación, co fin de garantir as condicións mínimas de atención para os demandantes, todo iso sen prexuízo das circunstancias e normativa de carácter xeral que se deba aplicar por circunstancias excepcionais.

A Dirección Xeral autorizará a través do Servizo de Orientación Laboral o acceso aos medios e ferramentas informáticas dispoñibles no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) para a xestión e o seguimento dos servizos de orientación, así como para a actualización continua das competencias do persoal orientador e para a coordinación do seu traballo en rede co resto de profesionais da orientación laboral e do persoal da Rede de técnicos de emprego de Galicia.

Para tal efecto, as entidades beneficiarias mecanizarán, nas aplicacións informáticas que se poñan á súa disposición, os servizos prestados ás persoas demandantes correspondentes ás tarefas de orientación e elaboración de itinerarios, de acordo co catálogo e código de accións de orientación do SPEG.

3. Serán destinatarias destas accións todas as persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, ben cando o soliciten expresamente ben cando lles sexa ofertado polo dito servizo, sendo colectivo prioritario, de acordo co previsto no artigo 30 do texto refundido da Lei de emprego aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2015, do 23 de outubro, as persoas con especiais dificultades de integración no mercado de traballo, especialmente persoas mozas con particular atención a aquelas con déficit de formación, mulleres, con especial consideración ás vítimas de violencia de xénero, persoas paradas de longa duración, maiores de 45 anos, persoas con responsabilidades familiares, persoas con discapacidade ou en situación de exclusión social (en especial, as persoas beneficiarias da renda de integración social de Galicia), e inmigrantes, con respecto á lexislación de estranxeiría, ou outros que se poidan determinar, no marco do Sistema nacional de emprego.

Artigo 4. Contía e modalidades da subvención, período subvencionable e compatibilidade das axudas

1. A contía máxima da subvención que se concederá con carácter xeral será de 25.000 euros por cada persoa técnica de orientación laboral contratada a tempo completo durante un período de 12 meses, tomando como referencia os custos de contratación totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social.

No caso das entidades sen ánimo de lucro que teñan entre as súas finalidades fundacionais e se adiquen prioritaria e habitualmente á realización de actividades de atención a persoas con discapacidade, e en consideración coas especialidades no desempeño dos servizos de orientación que require este colectivo para garantirlle as mesmas posibilidades de atención e utilización dos servizos de orientación laboral en todo o territorio de actuación destes, a contía establecida no parágrafo anterior será de 28.000 euros por cada persoa técnica de orientación laboral contratada a tempo completo durante un período de 12 meses, tomando como referencia os custos de contratación totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social.

En ambos os casos a citada contía máxima reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, no caso de que a prestación de servizos sexa a tempo parcial.

2. En ningún caso se subvencionarán servizos que supoñan contratacións a tempo parcial con xornadas inferiores ao 50 % da xornada laboral a tempo completo.

3. O salario que percibirán as persoas contratadas como persoal técnico de orientación laboral será aquel que corresponda legal ou convencionalmente e será acorde coa súa categoría profesional e titulación requirida para o posto subvencionado.

4. En ningún caso, o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade solicitante.

5. As axudas reguladas pola presente orde serán incompatibles con calquera outra que financie as mesmas actividades que se recollan na resolución de concesión da subvención.

6. As modalidades de subvención previstas nesta orde son:

– Mantemento de servizo: prevista para as entidades que pretendan a continuidade na prestación de servizo, sen interrupción, desde a data de finalización do anterior período subvencionable.

– Novo servizo: prevista para todas as entidades que non foran beneficiarias de axudas no período anterior ou incrementen os servizos que se vaian subvencionar respecto deste, así como aquelas que, sendo beneficiarias no dito período, non opten pola modalidade de mantemento de servizo.

Artigo 5. Presentación de solicitudes e prazo

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

Forma parte de cada solicitude a declaración responsable que se contén nela e que fai constar os aspectos seguintes:

a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, incluído o de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

b) O cumprimento dos requisitos exixidos no artigo 2.2 desta orde.

c) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

d) A veracidade da documentación presentada xunto coa solicitude así como aquela que a entidade solicitante se obriga a presentar ante a Dirección Xeral de Formación e Colocación, logo de petición, e a documentación acreditativa dos puntos a que se refire a presente declaración responsable.

2. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 6. Documentación que se debe presentar

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo II, en que se recollen as accións e medidas realizadas pola entidade con relevancia para a aplicación dos criterios de valoración establecidos no artigo 12.3.

b) Anexo III, no que se recollerá información para cada un dos postos que foron financiados no exercicio anterior. Deberán presentar este anexo todas as entidades que fosen beneficiarias de subvención na convocatoria 2020.

As entidades que ao 31 de decembro de 2020 tivesen vixentes servizos de orientación subvencionados ao abeiro da convocatoria anterior poderán solicitar o mantemento provisional do servizo mentres non se resolva a convocatoria de axudas.

No caso de que os ditos servizos anteriores finalicen antes da presentación da solicitude de axuda para 2021, a petición de mantemento provisional acompañarase da información recollida na ficha que figura como anexo III desta orde. Para o resto dos casos, o mantemento provisional considerarase solicitado unha vez presentada a solicitude das axudas na modalidade de mantemento de servizo.

O Servizo de Orientación Laboral autorizará provisionalmente os servizos e non poderán exceder dos vixentes na data citada nin dos que se soliciten con cargo a esta convocatoria.

Esta autorización provisional non xerará dereitos de cara á resolución desta convocatoria de axudas, polo que se a entidade non resulta beneficiaria delas, en todo ou en parte dos servizos solicitados, entenderase revogada a autorización para o seu desempeño e non se xerarán dereitos económicos polos servizos prestados durante o tempo transcorrido desde a data de finalización do período subvencionado anterior.

c) Documentación acreditativa de representación legal para asinar a solicitude, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolucións, mandato, certificado expedido pola persoa que teña atribuídas as funcións de secretaría ou acta onde se determine a dita representación.

d) Só para o caso das entidades previstas no artigo 2.1 b), c) e d) desta orde, documento constitutivo e dos estatutos da entidade, onde conste que dispón de personalidade xurídica e carece de fins lucrativos.

e) Para o caso de agrupacións de concellos baixo calquera modalidade: convenio de colaboración e memoria explicativa, se é o caso, da prestación conxunta do servizo de orientación laboral con indicación das achegas económicas ou doutra índole dos concellos agrupados, o importe da subvención que se vai aplicar a cada un deles, así como o nomeamento da persoa representante ou apoderada única da agrupación, de acordo co exixido no artigo 8.3 in fine da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Coas solicitudes deberán achegarse os documentos ou informacións previstos nesta norma.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– NIF da entidade solicitante.

– DNI/NIE da persoa representante.

– Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.

– Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día do pagamento das obrigas tributarias coa Atriga.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. Non será precisa a presentación e comprobación dos correspondentes certificados no caso de que a entidade opte por asinar a declaración responsable que ao respecto se contén no anexo I da orde.

Artigo 8. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 9. Procedemento, competencia e resolución

1. O procedemento de concesión das axudas será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Orientación Laboral da Dirección Xeral de Formación e Colocación.

3. Se do exame do expediente segundo o procedemento establecido neste artigo se comproba que a documentación non reúne os requisitos necesarios, é insuficiente ou non se achega na súa totalidade, requirirase a entidade solicitante para que, nun prazo de dez días hábiles, emende o erro ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, de acordo co disposto no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, terase por desistida a súa petición, logo da correspondente resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 21 desta lei.

4. Revisados os expedientes e completados, de ser o caso, remitiranse á comisión de valoración para que esta, nun acto único, proceda á súa avaliación e informe, no cal se concretará o resultado da avaliación efectuada á totalidade dos expedientes.

Para estes efectos, a comisión de valoración estará composta pola persoa titular da Subdirección Xeral de Colocación, a persoa titular do Servizo de Orientación Laboral e unha persoa funcionaria adscrita ao dito servizo, que exercerá as funcións de secretaría.

Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puider asistir, será substituída pola persoa que para o efecto se designe polo órgano competente para resolver.

5. O órgano instrutor elevará o informe da comisión de valoración xunto coa proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación, logo da fiscalización pola Intervención Delegada, que resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade.

6. A resolución pola que se conceda a subvención determinará, como mínimo, o servizo e número de persoas técnicas para as que se concede a subvención, duración e datas de inicio e fin, e contía. A resolución poderá ter carácter retroactivo sempre que non se interrompese a prestación dos servizos de orientación laboral de acordo co previsto no artigo 6.1.b).

O Servizo de Orientación Laboral autorizará as modificacións da resolución que soliciten as entidades beneficiarias nos casos en que estas non afecten aspectos substanciais desta: datas de inicio da contratación das persoas técnicas de orientación laboral por ampliación do prazo previsto ou cambio de localidade para novas contratacións.

7. A resolución e a notificación deberanse producir nun prazo de tres meses, que se contará desde o día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes, deberase ter en conta o disposto nos artigos 40, 41 e 43 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 23.5 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, esta entenderase desestimada.

A notificación da resolución favorable comportará a aceptación da axuda, salvo que nos 10 días hábiles contados desde o día seguinte a esta a entidade beneficiaria manifeste expresamente a súa renuncia.

8. A resolución que finaliza os procedementos regulados na presente orde esgota a vía administrativa, polo que contra ela se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación do dito acto se fose expreso, de acordo co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, con anterioridade á interposición do dito recurso contencioso-administrativo, e de acordo co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poderase interpoñer recurso de reposición perante o mesmo órgano que ditou o acto administrativo no prazo dun mes se o dito acto fora expreso, sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e outras posibles persoas interesadas.

9. As resolucións de concesión serán obxecto de publicación segundo o establecido no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

10. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 10. Trámites posteriores

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes

A concesión das subvencións previstas na presente orde realizarase atendendo aos seguintes criterios, que serán aplicados e avaliados pola comisión de valoración prevista no artigo 9.4:

1. Criterios de exclusión e limitación:

Atendendo a criterios de eficiencia e eficacia na prestación dos servizos de orientación laboral, establécense limitacións ao financiamento en función do número de actividades de orientación realizadas polas persoas técnicas de orientación laboral, para aquelas entidades que tivesen concedidas subvencións para servizos de orientación laboral ao abeiro da correspondente convocatoria de axudas para o exercicio 2020 (Orde do 17 do decembro de 2019).

Para estes efectos, teranse en consideración as citas de orientación e itinerario presenciais, así como as telefónicas e telemáticas realizadas unha vez finalizado o período de alarma decretado por razón do COVID-19, atendidas e mecanizadas nos correspondentes aplicativos por cada unha das persoas técnicas de orientación en cada servizo subvencionado. No caso de entidades que non acaden a cifra mínima de citas por servizo, limitáraselles na presente convocatoria a posibilidade de obtención de subvención de xeito que o número de contratos subvencionados non poderá ser superior ao que resulte de restarlle ao número obtido na anterior convocatoria o número daqueles que non acaden o citado mínimo.

As contías mínimas a considerar para este fin establécense en 70 citas por cada servizo de orientación subvencionado e vixente ao 31 de decembro de 2020 para as entidades en xeral, e 40 citas no caso de entidades sen ánimo de lucro que atendan persoas con discapacidade.

Terase en conta para este cómputo o período anual correspondente a 2020, polo que para cada servizo vixente ao 31 de decembro de 2020 incluiranse, de ser o caso, as citas realizadas ao abeiro das ordes de convocatoria de axudas para o exercicio 2019 e 2020. De non existir coincidencia co período anual, extrapolaranse os datos obtidos segundo o período que corresponda. En ningún caso o intervalo de datos que se extrapole poderá ser inferior a tres meses desde a data de apertura das axendas, e naqueles casos en que non se dispoña deste período mínimo, non será de aplicación o criterio de limitación e exclusión.

2. Asignación por servizos de orientación prestados.

Co obxecto de promover unha rede estable de servizos de orientación laboral que permita achegar estes ao maior número de persoas desempregadas de todo o territorio galego, e atendendo a criterios de eficacia e resultados acadados, en primeiro lugar asignarase a cada unha das entidades solicitantes que acaden a puntuación mínima establecida nos criterios de valoración de solicitudes recollidos no número 3 deste artigo, o financiamento necesario para manter, para cada localidade e xornada laboral, cada un dos postos de orientación laboral que acade o número mínimo de servizos de orientación laboral prestados que se establece a continuación:

– Entidades sen ánimo de lucro que teñan entre as súas finalidades fundacionais e se adiquen prioritaria e habitualmente á realización de actividades de atención a persoas con discapacidade: 200.

– Resto entidades: 300.

Os servizos prestados computaranse do xeito e no período establecido no número 1 deste artigo.

3. Asignación por criterios de puntuación.

Unha vez asignado o financiamento correspondente aos criterios de eficacia e resultados establecidos no punto anterior, distribuirase o importe restante proporcionalmente á puntuación obtida por cada entidade solicitante despois de aplicar os criterios de valoración que se definen de seguido:

A. Para todas as solicitudes:

a) Índices de paro segundo a comarca e/ou concello en que se sitúe a entidade (para as entidades recollidas no artigo 2.1.a) desta orde), especialización para centros que atenden persoas con discapacidade ou un colectivo específico de persoas en situación de exclusión social (para as entidades recollidas no artigo 2.1.c) desta orde), así como ámbito territorial de actuación para o resto de entidades sen ánimo de lucro (para as entidades recollidas no artigo 2.1.b) e 2.1.d) desta orde): ata 25 puntos

A valoración desta epígrafe realizarase tendo en conta os seguintes criterios:

• Entidades locais.

a.1. Agrupacións de concellos, mancomunidades e concellos cunha media de paro no ano 2020 superior ás 5.000 persoas: 25 puntos.

a.2. Concellos cunha media de paro no ano 2020 superior ás 2.000 persoas: 20 puntos.

a.3. Concellos cunha media de paro no ano 2020 superior ás 350 persoas: 15 puntos.

a.4. Entidades locais menores: 10 puntos.

• Entidades sen ánimo de lucro.

a.1. Centros que atenden persoas con discapacidade ou un colectivo específico de persoas en situación de exclusión social: 25 puntos.

a.2. Outras entidades sen ánimo de lucro con ámbito territorial pluriprovincial: 20 puntos.

a.3. Outras entidades sen ánimo de lucro con ámbito territorial provincial ou comarcal: 15 puntos.

a.4. Outras entidades sen ánimo de lucro con ámbito territorial local: 10 puntos.

O ámbito territorial determinarase tendo en conta o número e a localización dos centros en que a entidade realice a actividade propia do seu obxecto social.

b) Experiencia acreditada da entidade no desenvolvemento das accións de orientación laboral: ata 30 puntos.

A valoración desta epígrafe realizarase tendo en conta os seguintes criterios:

b.1. Por cada ano dos últimos 5 de experiencia no desenvolvemento das accións de orientación de convocatorias anteriores, segundo os datos obrantes no servizo de orientación laboral: 3 puntos.

b.2. Desenvolvemento, por parte da entidade solicitante, doutras medidas de mellora da empregabilidade complementarias ás definidas nesta orde, ao abeiro de convocatorias realizadas por administracións públicas que teñan por finalidade a mellora da empregabilidade e a cualificación das persoas desempregadas. A valoración deste criterio terá unicamente en conta as medidas activas de emprego desenvolvidas nos anos 2019 e 2020 e sempre que estean correctamente identificadas mediante un número de expediente e denominación concreta da medida: ata 15 puntos. Non serán valoradas aquelas medidas que non se identifiquen correctamente coa súa denominación, anualidade e número de expediente.

A valoración desta epígrafe realizarase tendo en conta os seguintes criterios:

– Por cada medida activa de emprego diferenciada desenvolvida nos anos 2019 e 2020 pola entidade solicitante (e os concello agrupados, de ser o caso) en colaboración co Servizo Público de Emprego de Galicia: 2 puntos.

c) Redución no financiamento das accións subvencionadas por achegas económicas por parte da entidade: ata 18 puntos.

A valoración desta epígrafe realizarase tendo en conta a porcentaxe da redución proposta na solicitude respecto do importe máximo da subvención que correspondería atendendo á xornada laboral por cada persoa técnica de orientación segundo os seguintes tramos:

c.1. Redución de entre o 4 e o 5 por cento: 2 puntos.

c.2. Redución de entre o 6 e o 10 por cento: 4 puntos.

c.3. Redución de entre o 11 e o 20 por cento: 8 puntos.

c.4. Redución de máis do 20 por cento: 12 puntos.

c.5. Redución de máis do 40 por cento: 18 puntos.

B. Para as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local:

a) Proxectos presentados por agrupacións de concellos baixo calquera fórmula (asociación, mancomunidade...) agás a fusión de concellos: 33 puntos, distribuídos do seguinte xeito:

– Pola presentación da solicitude, sempre que resulte acreditada, na memoria presentada, a redución de custos e a xestión máis eficaz do servizo de orientación laboral, en virtude das achegas económicas ou doutra índole da totalidade dos concellos asociados no proxecto: 11 puntos.

– Polo número de concellos asociados: ata 11 puntos.

• 2 concellos: 9 puntos.

• Máis de 2 concellos: 11 puntos.

– Pola porcentaxe de aforro da prestación conxunta do servizo de orientación laboral con respecto á prestación de forma individual: ata 11 puntos.

b) Proxectos presentados por entidades locais resultantes dun proceso de fusión municipal de acordo coa Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia: 33 puntos.

c) Serán inadmitidas aquelas solicitudes conxuntas nas cales non resulte acreditada a realización conxunta do servizo de orientación laboral e que supoñan actuacións independentes de cada entidade local.

4. Para o caso de que se produza un empate nas puntuacións obtidas en aplicación dos criterios do primeiro parágrafo, terán preferencia aquelas solicitudes en que conste o emprego da lingua galega na realización das accións de orientación laboral debidamente declarado no formulario da solicitude pola persoa representante da entidade.

5. A valoración mínima para a consecución da condición de entidade beneficiaria debe ser de 20 puntos.

Artigo 13. Requisitos e selección do persoal técnico de orientación

1. As entidades beneficiarias, unha vez ditada resolución favorable, realizarán a preselección do persoal concedido, que en todo caso deberá contar con titulación universitaria de primeiro ou segundo ciclo, necesaria para o desenvolvemento das funcións referidas no artigo 3 da presente orde. Non será necesario realizar este proceso de selección cando a persoa que se vai contratar estea prestando servizos na entidade beneficiaria da subvención e cumpra os requisitos establecidos neste artigo.

2. Unha vez realizada a dita preselección, a entidade remitiralle ao Servizo de Orientación Laboral da Dirección Xeral de Formación e Colocación, o currículo acreditado da persoa seleccionada. O persoal do devandito servizo avaliará o currículo presentado de acordo co seguinte baremo:

Requisitos imprescindibles para superar a fase de baremación do currículo:

Requisitos de titulación:

• Título de licenciado/a universitario/a, arquitecto/a, enxeñeiro/a ou grao.

• Título universitario de enxeñeiro/a técnico/a, diplomado/a universitario/a, arquitecto/a técnico/a ou grao.

Requisitos de puntuación:

• Acadar unha puntuación mínima total no currículo de 3,5 puntos.

Formación específica en materia de orientación laboral (máximo 3,5 puntos)

Puntuación

Máster ou cursos en materias de orientación laboral relacionada coas tarefas definidas no artigo 3 desta orde.

0,5 puntos por cada 25 horas formativas

Experiencia profesional (máximo 3,5 puntos)

Puntuación

A experiencia profesional deberá acreditarse exclusivamente a través do contrato de traballo en que conste o desempeño dunha ocupación igual ou equivalente á requirida, das recollidas na CNO. No caso de traballadores autónomos, acreditarase coa alta en IAE (e actualización) e coas facturas en que consten os servizos prestados. Xuntarase informe de vida laboral en ambos os casos.

Cando se trate de colaboracións, bolsas, titorías, docencia, educación social ou servizos sociais, acreditarase coa certificación de organismos oficiais en que deberá constar o tempo de realización e, de ser o caso, copia das condicións da convocatoria.

Por cada mes realizando tarefas directamente relacionadas co posto ofertado: técnico/a de orientación: orientación laboral/profesional, titorías laborais con persoas adultas, inserción laboral, etc.

0,40 puntos por cada mes

Por cada mes realizando tarefas técnicas indirectamente relacionadas co posto ofertado (máximo 2 puntos nesta epígrafe) (axentes de emprego, prospectores de emprego administración publica, etc.)

0,20 puntos por cada mes

Coñecementos ofimáticos debidamente acreditados (máximo 1 punto nesta epígrafe).

1 punto

Os coñecementos débense acreditar mediante a achega de títulos, diplomas e/ou certificacións académicas.

Polos cursos acreditados sobre sistemas operativos, programas ofimáticos, programas de deseño e navegadores web, xestión de redes sociais ou espazos web para a publicación de contidos (blogues, wikis...)

Non puntuan os cursos inferiores a 15 horas.

0,10 puntos por cada 15 horas de curso

Outros méritos (0,25 puntos)

Puntuación

Celga 4 ou equivalente debidamente homologado

0,25 puntos

Discapacidade (1 punto)

Puntuación

Por ter recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, e a compatibilidade entre a discapacidade e o desenvolvemento das tarefas e funcións do posto mediante o correspondente certificado do órgano competente

1 punto

Este procedemento de baremación carece de vinculación cos procedementos de selección de persoal que, de ser o caso, realicen as entidades beneficiarias da subvención. A súa finalidade é verificar que a persoa proposta pola entidade beneficiaria cumpre cos requisitos mínimos que se consideran imprescindibles para o exercicio da orientación laboral nas entidades beneficiarias ao abeiro desta orde.

A acta de baremación asinarase polo servizo de orientación laboral e recollerá a puntuación total obtida pola persoa preseleccionada para os únicos efectos de establecer se supera ou non o antedito baremo. Para o caso de que a persoa preseleccionada non acade a puntuación mínima exixida, a entidade beneficiaria deberá presentar unha nova persoa candidata dentro do prazo previsto para a selección e contratación. No caso de que a persoa preseleccionada supere a puntuación mínima, a entidade non poderá solicitar a baremación dunha nova persoa salvo que xustifique os motivos que impidan o desempeño da actividade pola persoa xa baremada favorablemente.

O establecido neste punto non será de aplicación para o persoal técnico que xa fose baremado positivamente ao abeiro dos programas de orientación laboral en exercicios anteriores, ao cal se lle considerará vixente a dita baremación.

3. O persoal seleccionado conforme o establecido nos epígrafes anteriores poderá ter relación contractual previa coa entidade colaboradora ou ser obxecto de nova contratación pola modalidade contractual máis axeitada, incluíndo, se fose o caso, a contratación mediante a modalidade prevista no artigo 10.c) do Estatuto básico do empregado público, así como no artigo 23.2.c) da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, cando se trate dunha entidade local das recollidas no artigo 2.1.a) desta orde.

En todo caso, no contrato de traballo subscrito deberá constar con claridade a prestación dos servizos de orientación laboral.

A entidade beneficiaria asume a súa condición de empregadora respecto ao devandito persoal e o compromiso de cumprir a normativa laboral en materia de contratación.

Así mesmo, deberalles facilitar ás persoas traballadoras os elementos persoais e materiais necesarios para levar a cabo o seu traballo e achegar a súa propia dirección e xestión para a articulación da colaboración conservando a estrutura de mando sobre o seu persoal, sendo responsable da calidade técnica das tarefas que desenvolvan.

A concesión e uso destas axudas non suporá, en ningún caso, relación contractual ou laboral coa Xunta de Galicia.

4. Cando se produza a extinción do contrato antes de que remate o período de 12 meses tomado como referencia para o cálculo da subvención, ou se produzan baixas temporais por nacemento de filla ou fillo a cargo ou por outras causas que se prevexa que sexan de longa duración, a entidade beneficiaria deberá contratar outra persoa técnica en substitución daquela que causou baixa durante o tempo restante. Esta contratación deberá realizarse, como máximo, dentro dos 30 días naturais seguintes ao da baixa na Seguridade Social do inicialmente contratado, no caso de extinción de contrato, ou de dous meses máximo nos restantes casos. O dito prazo poderá ampliarse por autorización expresa da Dirección Xeral de Formación e Colocación logo de solicitude fundamentada da entidade beneficiaria.

No caso de baixas sucesivas cuxa duración non sexa posible prever iniciarase o proceso de substitución como máis tarde cando se cumpran 2 meses desde a baixa inicial, co límite máximo dun mes para a realización da contratación.

No caso de que na data de inicio do período de mantemento do servizo a persoa asignada a este estea en situación de baixa laboral ou cesamento por extinción do contrato producidos antes do remate do período subvencionado anterior, os prazos fixados nesta orde para a súa substitución computaranse desde o día no que se produciu o dito cese ou baixa.

En todo caso, a contratación da persoa substituta deberá realizarse de acordo cos requisitos e procedemento establecidos neste artigo.

En todos os casos de falta de prestación do servizo de orientación por baixas laborais ou extinción de contrato, xerará a perda do dereito ao cobramento, de ser o caso, a obriga de reintegro da parte proporcional da subvención correspondente ao período de baixa ou de interrupción do servizo.

Artigo 14. Pagamento da subvención

1. O pagamento da subvención farase efectivo dunha soa vez, unha vez cumprido o obxecto para o cal foi concedida, o que se xustificará mediante a presentación, dentro dos prazos establecidos na resolución de concesión da subvención e, en todo caso, con data límite de xustificación o 30 de decembro de 2021, da seguinte documentación:

a) Comunicación electrónica de cada contratación no modelo publicado na páxina web institucional da Xunta de Galicia no enlace https://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/direccion-xeral-de-orientacion-e-promocion-laboral?content=iniciativa_0040.html.

b) Declaración de inicio, no modelo publicado no antedito enlace, en que consten:

– Os custos de contratación do persoal técnico subvencionado referidos a un período anual.

– Declaracións responsables do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes e de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade de Galicia.

– A titularidade da conta da entidade beneficiaria onde se deba efectuar o pagamento.

c) Unha fotografía do cartel informativo e a súa localización.

d) Documentación relacionada co contrato de traballo:

– Contratos de traballo do persoal subvencionado e comunicación destes a través de Contrat@, e/ou, de ser o caso certificado do órgano responsable onde conste que foi acordada a prórroga da contratación da persoa orientadora.

– Informes de datos de cotización (modelo IDC) do persoal contratado. No caso de que o inicio da contratación non coincida co inicio do período subvencionado, deberá actualizarse a súa descarga.

e) Para o caso de novas concesións nos centros de orientación, ademais:

– Certificado do órgano competente da entidade beneficiaria, relativo á existencia de título lexítimo que habilite para a posesión dos inmobles e instalacións correspondentes e da licenza municipal de apertura, de ser esta necesaria.

– Planos a escala do local, en que debe figurar o enderezo do centro ou centros a que corresponden, e con indicación expresa do espazo ou espazos diferenciados que se dedicarán á realización das accións de orientación laboral, tendo en conta que a entidade solicitante deberá garantir que estean delimitados coas suficientes garantías de confidencialidade para a atención individual das persoas demandantes.

2. O Servizo de Orientación Laboral resérvase a facultade de verificar, con carácter previo á autorización dun novo centro de orientación, se este cumpre as condicións de accesibilidade e calidade necesarias para o correcto desenvolvemento das actividades descritas no artigo 3.

Artigo 15. Seguimento, control e xustificación das accións

1. Sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da comunidade autónoma, a Consellería de Emprego e Igualdade realizará as comprobacións e verificacións presenciais e aleatorias que considere precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta orde e demais normativas vixentes que resulten de aplicación, e co obxecto de avaliar cuantitativa e cualitativamente o desenvolvemento das accións previstas na presente orde.

No caso de levarse a cabo visitas de seguimento por parte da Consellería de Emprego e Igualdade, as entidades beneficiarias na área de orientación laboral, facilitarán o acceso ás instalacións en que se realizan as accións, así como toda a documentación de carácter técnico, administrativo, informático ou contable que teña relación coa subvención concedida que se lles solicite.

Nas visitas de seguimento elaborarase un informe checklist que asinarán a persoa responsable da visita e a persoa responsable da entidade. A sinatura do responsable da entidade non implicará a conformidade co contido do informe.

2. Para os efectos da xustificación final da subvención percibida, as entidades beneficiarias deberán presentar, no prazo de dous meses desde a finalización do servizo, a seguinte documentación:

– Un certificado de fin de servizo segundo o modelo que se publicará na web institucional da Xunta de Galicia https://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/direccion-xeral-de-orientacion-e-promocion-laboral?content=iniciativa_0040.html.

– Nóminas aboadas ás persoas traballadoras que se contraten e boletíns de cotización á Seguridade Social (recibo de liquidación de cotizacións, relación nominal de traballadores, etc.), así como os documentos bancarios correspondentes que acrediten o seu pagamento, e mais os impresos de liquidación nominal do IRPF e xustificantes do seu pagamento, unha vez se dispoña deles.

– Memoria final resumo das accións realizadas durante a totalidade do período subvencionado, segundo o modelo que se publicará na web institucional da Xunta de Galicia https://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/direccion-xeral-de-orientacion-e-promocion-laboral?content=iniciativa_0040.html.

Artigo 16. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención de acordo co previsto na solicitude e na resolución de concesión, nesta orde e nos documentos de instrucións operativas que se porán á disposición das entidades beneficiarias na páxina web institucional da Xunta de Galicia no enlace https://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/direccion-xeral-de-orientacion-e-promocion-laboral?content=iniciativa_0040.html.

b) Retribuír ás persoas contratadas cos salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes a súa categoría profesional e titulación.

c) Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer no momento do seu vencemento e mediante transferencia bancaria as obrigas económicas que deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.

d) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poida efectuar a Consellería de Emprego e Igualdade e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas e ás que poidan corresponder, se é o caso, á Comisión e ao Tribunal de Contas Europeo.

e) Comunicar, no prazo de 10 días hábiles, á Dirección Xeral de Formación e Colocación:

• As subvencións ou axudas solicitadas e/ou obtidas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

• Aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade a desenvolver polo persoal técnico contratado, co obxecto de que poida valorarse se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

f) Manter as condicións relativas ás instalacións e medios dedicados á realización das accións de orientación laboral e poñer á disposición do persoal técnico todos os medios materiais necesarios para o correcto desenvolvemento das súas funcións e, en particular, os equipamentos informáticos precisos, o acceso á internet e ao correo electrónico. Neste sentido deberán informar e, se é o caso, solicitar autorización, previamente e por escrito, sobre calquera cambio que se puider producir nos datos expresados pola entidade no inicio da súa colaboración, especialmente no que atinxe aos cambios de local.

g) Manter á disposición do Servizo Público de Emprego de Galicia e custodiar durante o período en que se executen as accións de orientación laboral o expediente completo de cada persoa usuaria. En caso de cesamento das súas actividades ou de perda da súa condición de entidade colaboradora do Servizo Público de Emprego de Galicia na área da orientación laboral, a entidade remitirá os expedientes das persoas usuarias á oficina de emprego que lle indique a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

h) Obter o consentimento das persoas usuarias para o tratamento automatizado dos seus datos persoais e facilitarlles información do estado dos seus datos de carácter persoal incluídos nos ficheiros automatizados en calquera das formas expresadas na Lei orgánica3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, adoptando as medidas técnicas e organizativas necesarias para garantir a seguranza dos datos.

i) Gardar o segredo profesional respecto dos datos contidos nos ficheiros automatizados de titularidade da Consellería de Emprego e Igualdade ou rexistrados en soportes físicos susceptibles de tratamento automatizado. Esta obriga subsistirá cando a entidade finalice a súa colaboración coa Dirección Xeral de Formación e Colocación.

l) Non percibir retribución económica ningunha das persoas usuarias pola realización das accións de orientación laboral desenvolvidas en colaboración coa Dirección Xeral de Formación e Colocación no marco desta disposición.

2. Ademais co fin de efectuar un seguimento adecuado da execución dos proxectos, a entidade beneficiaria deberá someterse ao cumprimento das seguintes obrigas:

I. Relacionadas coas medidas de información e publicidade:

a) No lugar onde se realicen as accións, deberá figurar, de forma visible, un cartel informativo, en modelo normalizado establecido e publicado pola Dirección Xeral de Formación e Colocación na web institucional da Xunta de Galicia no enlace: https://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/direccion-xeral-de-orientacion-e-promocion-laboral?content=iniciativa_0040.html, no cal constará o cofinanciamento por parte dos servizos públicos de emprego.

b) Deberán utilizar axeitadamente as identificacións segundo as instrucións da Dirección Xeral de Formación e Colocación e, en todo caso, incluír en toda a documentación relativa ás accións de orientación laboral os logotipos dos servizos públicos de emprego.

c) Deberán, ademais, obter autorización previa por parte da Dirección Xeral de Formación e Colocación para a difusión publicitaria das accións previstas no artigo 3 desta orde.

II. Relacionadas coas verificacións administrativas e sobre o terreo, e sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na presente norma:

a) As entidades beneficiarias das axudas deberán manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada de todas as transaccións realizadas con cargo aos proxectos subvencionados, referidos ás operacións da afectación da subvención á finalidade da súa concesión.

b) Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.

c) Someterse ás actuacións de comprobación administrativas e sobre o terreo que se poidan acordar.

Artigo 17. Perda do dereito ao cobro e reintegro

1. No caso de que a entidade beneficiaria da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigacións estipuladas nesta orde, procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións ou, de ser o caso, o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora, nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se deba reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado e a exixencia de xuros de demora.

b) Non realizar a actividade, ou adoitar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado e a exixencia de xuros de demora.

c) A non prestación dos servizos de orientación como consecuencia de baixas laborais ou cesamento do persoal que presta o servizo de orientación non se penalizará mentres se cumpran os prazos establecidos para a substitución do citado persoal, aínda que procederá o reintegro ou a perda do dereito ao cobramento, de ser o caso, das contías correspondentes nos termos establecidos no artigo 12.4.

Non obstante, a falta de substitución do persoal de orientación nos casos de baixas laborais, nacemento de filla ou fillo a cargo ou similares e extinción do contrato nos termos establecidos no artigo 13.4 comportará, ademais dos reintegros establecidos no parágrafo anterior, unha penalización do 3 % sobre o gasto subvencionado, que sumado aos reintegros anteditos, non poderá ser superior ao 100 % da contía finalmente subvencionada.

d) O atraso no cumprimento da obriga de satisfacer no momento do seu seu vencemento, con independencia do cobramento da subvención e mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas de carácter salarial: reintegro do 10 % sobre o gasto subvencionado.

e) Incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 16.2.I: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

f) Procederá o reintegro do exceso da axuda percibida ou, de ser o caso, o reintegro total, máis os xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a entidade beneficiaria, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas que financien as actuacións subvencionadas.

g) Procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.

h) O atraso no inicio das tarefas de orientación por causas non imputables á Administración comportará o reintegro ou desconto da parte proporcional do gasto subvencionado, correspondente ao período que transcorra desde a data de contratación da persoa orientadora ata a data de inicio das súas actuacións.

2. A obriga do reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Disposición adicional primeira

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación para conceder, autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para exixir da entidade beneficiaria o reintegro da subvención cando aprecie a existencia dalgún dos supostos de reintegro de cantidades percibidas establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa responsable da Dirección Xeral de Formación e Colocación, as atribucións citadas no parágrafo anterior serán exercidas temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, de conformidade co disposto na disposición adicional primeira do Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade.

Disposición adicional segunda

As entidades beneficiarias destas axudas están suxeitas ao réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións, previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional terceira

En todo o non disposto na presente disposición, será de aplicación supletoria a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2020

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file