Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 11 de febreiro de 2021 Páx. 8765

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras dos premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural e se convoca, mediante tramitación anticipada de gasto, a décimo segunda edición (código de procedemento MR709A).

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) foi creada pola disposición adicional sexta da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, como o instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia no fomento e na coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego, para mellorar as condicións de vida e contribuír a frear o despoboamento deste territorio.

No exercicio das funcións que ten encomendadas, correspóndelle á Agader promover as condicións para que os axentes socioeconómicos locais das zonas rurais formulen iniciativas de desenvolvemento. Neste marco, resulta de interese pór en marcha as actuacións que animen a participación privada no proceso de desenvolvemento rural e que contribúan a conservar e dinamizar o contorno rural facendo del un medio máis atractivo.

Por estas razóns, considérase conveniente convocar os premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural, coa finalidade de premiar aquelas actuacións que contribúan de xeito singular a promocionar o medio rural e a xerar unha sociedade rural máis dinámica e cohesionada.

A facultade para aprobar as bases dos premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural e para convocalos está delegada na persoa titular da Dirección Xeral da Agader, segundo o acordo do Consello de Dirección da Agader do 11 de xullo de 2013, sobre delegación de funcións do Consello de Dirección, publicado mediante a Resolución do 24 de xullo de 2013 (DOG núm. 148, do 5 de agosto).

De acordo co exposto,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Aprobar as bases reguladoras dos premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural, que se xuntan a esta resolución como anexo I, co código de procedemento administrativo MR709A.

2. Convocar para o ano 2021, en réxime de concorrencia competitiva, a décimo segunda edición dos premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural. Os premios que se convocan correspóndense coas seguintes categorías:

a) Categoría mocidade, para as iniciativas levadas a cabo por persoas mozas, que constitúan unha aposta polo presente e o futuro do medio rural galego e da súa poboación. Para estes efectos, terá a consideración de persoa moza quen non teña máis de corenta anos na data en que finalice o prazo para presentar a iniciativa ou, no caso de persoas xurídicas, cando polo menos o 25 % dos seus membros cumpran este requisito.

b) Categoría paisaxe rural, para iniciativas de intervención, mellora e posta en valor das paisaxes rurais produtivas de Galicia nas cales se integren os elementos e valores culturais e naturais co aproveitamento agrario.

c) Categoría proxectos de interese social, para as iniciativas orientadas á integración dos colectivos máis desfavorecidos, á inserción social ou ao coidado dos nosos maiores.

d) Categoría turismo, para as iniciativas que contribúan ao desenvolvemento económico potenciando a ampla riqueza dos recursos turísticos do medio rural de Galicia.

e) Categoría sector agrogandeiro, dirixida a iniciativas desenvolvidas dentro dos sectores da gandaría, a agricultura e/ou a transformación agroalimentaria que aposten polo valor engadido na súa produción.

f) Categoría mulleres, para as iniciativas levadas a cabo por mulleres ou destinadas a elas, no medio rural, desde unha óptica de igualdade e progreso, en que sexan fundamentais valores como o asociacionismo, a profesionalización e a innovación.

g) Categoría innovación tecnolóxica, dirixida ás iniciativas desenvolvidas no rural galego que incorporen a innovación para obter un novo produto ou mellorar a calidade nos seus produtos ou servizos, para diminuír custos, para ofrecer unha maior gama de produtos ou servizos ou para seren máis rápidas na súa introdución no mercado.

h) Categoría recuperación e posta en valor da terra agraria, destinada ás iniciativas que contribúan, directa ou indirectamente, a recuperar e poñer en valor terras que están infrautilizadas.

Cada un dos premios constará dun diploma e unha dotación en metálico de 10.000 €.

Cada iniciativa só poderá presentarse a unha categoría, para o cal debe marcar no modelo de solicitude (anexo II) o recadro correspondente á categoría a que opta.

No suposto de que unha categoría quede deserta, o importe do premio destinado a esa categoría repartirase proporcionalmente entre as demais categorías respectando, en todo caso, os límites establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, e no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro.

3. Aprobar os anexos que se xuntan a esta resolución para a xestión da convocatoria.

Artigo 2. Financiamento

Para financiar esta convocatoria (código de proxecto 2017-00002) está previsto un crédito de 80.000 € que se imputará ás aplicacións orzamentarias 14-A1-712A-770.0 (03.01 03/04/01 656701) e 14-A1-712A-781.0 (03.01 03/04/01 656811) dos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para o ano 2021.

Esta convocatoria tramítase conforme o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito axeitado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2021. Así mesmo, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 3. Prazo para presentar as solicitudes de axuda

O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG).

De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, LPACAP), entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación; se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Artigo 4. Prazo de resolución da convocatoria

O prazo de resolución é de catro meses contado desde que finalice o prazo para presentar as solicitudes. En caso de silencio administrativo este producirá efectos desestimatorios.

Artigo 5. Obriga de relacionarse a través de medios electrónicos

Nos termos previstos no artigo 14.2 da LPACAP e no artigo 10.1.a) da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a cal se requira obrigatoriamente estar colexiado para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional, as persoas que representen un interesado que estea obrigado a relacionarse a través de medios electrónicos coa Administración e as persoas físicas que teñan a condición de autónomos están obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas.

Artigo 6. Normativa comunitaria aplicable

Esta convocatoria ampárase no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro) e no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro).

Disposición adicional primeira. Recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección da Agader, no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG; ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela que corresponda, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.

Disposición adicional segunda. Información

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web da Agader: http://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda.

b) Na Guía de procedementos e servizos, no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos.

c) No teléfono 981 54 58 58 (Agader).

d) De xeito presencial, na Agader (lugar da Barcia, 56, Laraño 15897 Santiago de Compostela), con cita previa no teléfono 981 54 58 58.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da convocatoria

A persoa titular da Dirección Xeral da Agader poderá ditar os actos necesarios para asegurar a correcta aplicación desta convocatoria.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución aplicarase desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2020

Inés Santé Riveira
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO I

Bases reguladoras dos premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural

Artigo 1. Obxecto

Estas bases teñen por obxecto regular a concesión dos premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural.

O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos previstos nos artigos 20 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, LSG).

En todo o non previsto nestas bases aplicarase a LSG, así como o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada LSG.

O código identificativo do procedemento administrativo na sede electrónica da Xunta de Galicia é o MR709A.

Artigo 2. Persoas destinatarias

Poderán presentar iniciativas aos premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural as persoas físicas ou xurídicas de natureza privada que sexan titulares das iniciativas que presenten.

Artigo 3. Iniciativas que poden ser premiadas

1. O premio Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural está dirixido ás iniciativas que contribúan de xeito singular a promocionar o medio rural e a xerar unha sociedade rural máis dinámica e cohesionada. Nos termos destas bases, poderanse conceder os premios ás iniciativas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que se localicen no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que estean executadas con carácter previo á data de publicación da convocatoria.

2. Exclúense destes premios as iniciativas:

a) Que obtivesen premio nalgunha das anteriores edicións dos premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural ou do premio Agader ao embelecemento do medio rural.

b) Que se encontren en fase de deseño ou execución na data de publicación da convocatoria dos premios.

c) Que se desenvolvan nos sectores da pesca e da acuicultura.

d) Que estean relacionadas coa exportación a terceiros países ou a Estados membros.

Artigo 4. Compatibilidade con outras axudas

Para os efectos de determinar a compatibilidade e acumulación das axudas, a persoa beneficiaria deberá declarar outras axudas solicitadas, concedidas e/ou pagadas para a mesma iniciativa, nos termos previstos na solicitude de axuda (anexo II).

Artigo 5. Notificacións

As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicarse por medios electrónicos.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Agader practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas físicas que teñan a condición de autónomos, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a cal se requira obrigatoriamente estar colexiado para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional e as persoas que representen un interesado que estea obrigado a relacionarse a través de medios electrónicos coa Administración.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16 da LPACAP, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento

As persoas interesadas deben achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo III (descrición da iniciativa, cun máximo de 2.000 caracteres, que poña de manifesto os seus aspectos máis relevantes, valiosos ou atractivos).

b) Documento que acredite a constitución da entidade: certificado expedido polo Rexistro Mercantil ou outros rexistros públicos que correspondan en función da personalidade xurídica de que se trate. De non achegarse o dito certificado, deberán presentar copia das correspondentes escrituras de constitución debidamente inscritas no rexistro público que corresponda segundo o tipo de personalidade xurídica de que se trate. Así mesmo, deberanse presentar as modificacións posteriores dos documentos indicados.

Os empresarios individuais acreditarán a súa condición mediante a documentación que xustifique a alta no imposto de actividades económicas e a afiliación ao réxime especial de traballadores autónomos da Seguridade Social.

c) Poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade solicitante.

d) Anexo IV (autorización de representación), asinado pola persoa solicitante e pola designada como representante, no caso de que as persoas físicas actúen a través de representante.

e) Calquera outra documentación que o promotor da iniciativa presentada considere interesante, tal como cartas de apoio, publicacións, fotografías, outros documentos gráficos e, en xeral, calquera outra que contribúa a fortalecer a iniciativa que se presenta.

Non será necesario que as persoas solicitantes presenten a documentación que xa conste en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, poderán acollerse ao establecido nos artigos 28.3 da LPACAP e 20.3 da LSG, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e sempre que non transcorresen máis de cinco anos desde que finalizou o procedemento a que corresponda. Presumirase que as persoas interesadas autorizan esta consulta, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, e antes de formular a proposta de resolución, o órgano competente poderá requirir a persoa solicitante para que o presente ou para que acredite por outros medios os requisitos a que se refire o documento.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para cotexar a copia electrónica presentada.

As persoas que están obrigadas a presentar de forma electrónica a solicitude tamén deben presentar de forma electrónica a documentación complementaria. Se algunha das persoas interesadas a presenta de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas non obrigadas á presentación electrónica da solicitude, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na LPACAP.

Sempre que se presenten documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato que non admite a sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. As persoas interesadas que non estean obrigadas a presentar de forma electrónica as solicitudes tamén poderán realizar trámites de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Comprobación de datos

Para tramitar este procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos, elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa física solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

No caso de que a persoa interesada se opoña a estas consultas, deberá indicalo no cadro correspondente habilitado na solicitude de axuda e achegar os correspondentes documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia impida obter os citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 10. Instrución do procedemento

Os actos de instrución do procedemento en virtude dos cales deba ditarse a resolución de concesión corresponderán á Secretaría Xeral da Agader.

A Agader poderá requirir o solicitante para que achegue os datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

Logo de revisar as solicitudes e as emendas feitas, as iniciativas que reúnan todos os requisitos remitiranse ao xurado ou, se é o caso, á comisión de preselección, encargados de valoralas.

Artigo 11. Proceso de selección das iniciativas

Para conceder os premios constituirase un xurado, que será designado para o efecto por resolución da persoa titular da Dirección Xeral da Agader, no prazo máximo dun (1) mes contado desde que se publique a convocatoria no DOG.

Competen ao xurado, entre outras actuacións:

a) Avaliar as iniciativas de acordo cos criterios referidos no artigo 12 destas bases.

b) Efectuar a proposta de resolución, que terá carácter vinculante para o órgano encargado de resolver a selección das iniciativas premiadas.

c) Resolver as incidencias que puidesen presentarse no curso do procedemento de selección de iniciativas naqueles supostos non previstos nestas bases.

A actuación do xurado rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2015, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Poderase constituír unha comisión de preselección, integrada por aqueles membros do xurado que designe a persoa titular da Dirección Xeral da Agader mediante resolución ditada para o efecto. A comisión de preselección encargarase, de ser o caso, de estudar e revisar a documentación que integra as iniciativas e de preseleccionalas, de acordo cos criterios establecidos no artigo 12 destas bases, así como de decidir sobre aquelas incidencias que poidan xurdir no exercicio destas funcións.

No curso do procedemento de selección, o xurado ou, de ser o caso, a comisión de preselección, pode solicitar canta información considere oportuna respecto das iniciativas presentadas, e pode, para estes efectos, realizar visitas sobre o terreo.

O xurado poderá propor que se declare deserto calquera dos premios. Así mesmo, poderá propor a concesión compartida dun premio entre varias iniciativas, que repartirán entre si a dotación económica.

Unha vez tramitado o procedemento nos termos anteriormente previstos, a persoa titular da Dirección Xeral da Agader resolverá a concesión dos premios, nos termos previstos na proposta motivada efectuada polo xurado. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interporse, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación, un recurso potestativo de reposición perante o Consello de Dirección da Agader, nos termos previstos nos artigos 123 e 124 da LPACAP, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela que corresponda, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso administrativa. Non obstante, pode interpoñerse calquera outro recurso que se considere procedente.

Artigo 12. Criterios de valoración

Os premios outorgaranse ás iniciativas que se adecúen aos requisitos exixidos nestas bases, conforme os seguintes criterios de valoración:

a) Contribución da iniciativa á actividade económica do territorio en que se desenvolve (máximo 15 puntos).

b) Grao de contribución á creación de emprego (máximo 15 puntos).

c) Grao de sustentabilidade da iniciativa desde o punto de vista económico, ambiental e sociocultural (máximo 10 puntos).

d) Contribución á incorporación e inserción laboral da muller (máximo 10 puntos).

e) Grao de consolidación da iniciativa (máximo 10 puntos).

f) Grao de innovación, excelencia e orixinalidade (máximo 10 puntos).

g) Grao de contribución á inserción de colectivos ou persoas socialmente desfavorecidas (máximo 10 puntos).

h) Grao de implicación en políticas de igualdade (máximo 10 puntos).

i) Grao de apoio social (máximo 10 puntos).

Artigo 13. Obrigas das persoas premiadas

Son obrigas das persoas premiadas:

a) Destinar o importe dos premios a realizar melloras, conservación ou actuacións complementarias respecto das iniciativas premiadas durante o ano seguinte ao pagamento do premio. O importe dos premios non pode destinarse a gastos correntes propios do funcionamento ordinario da iniciativa premiada que non teñan a consideración de inventariables. As persoas premiadas acreditarán o destino dado ao premio ante a Agader ou ante os órganos de control financeiro cando estes o soliciten, mediante a presentación da documentación xustificativa dos gastos e dos pagamentos realizados.

b) Acreditar, con carácter previo á concesión e ao pagamento dos premios, que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e que non teñen débedas pendentes de ningunha natureza coa Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Reintegrar, total o ou parcialmente, o importe do premio no suposto de incumprimento dos requisitos e condicións establecidas para a súa concesión.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

e) Comunicar á Agader todos os cambios que se produzan nos requisitos e condicións que determinaron a concesión do premio.

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Á marxe do anterior, a Agader fará unha difusión axeitada dos premios concedidos, a través dos medios que, en cada caso, se consideren convenientes, co fin de dar a coñecer as iniciativas premiadas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file