Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 23 de febreiro de 2021 Páx. 11202

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 15 de febreiro de 2021, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva do Proxecto sectorial PS-1, área de vías, espazos libres e infraestruturas, nos terreos da ETEA, Vigo, mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 11 de febreiro de 2021, así como as súas disposicións normativas.

En cumprimento do disposto no artigo 13 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, faise pública a aprobación definitiva, mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 11 de febreiro de 2021, do Proxecto sectorial PS-1, área de vías, espazos libres e infraestruturas, en desenvolvemento do Plan sectorial do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar nos terreos da ETEA, no concello de Vigo, cuxa parte dispositiva ten o seguinte teor literal:

«Aprobar definitivamente o Proxecto sectorial PS-1, área de vías, espazos libres e infraestruturas, do Plan sectorial de ordenación territorial do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar, nos terreos da ETEA, en Vigo, ao abeiro do previsto na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal».

En virtude do previsto no artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, fanse públicas, como anexo a esta resolución, as disposicións normativas do dito proxecto sectorial.

O contido íntegro do documento poderá consultarse na seguinte ligazón: http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/siotuga/iot

De conformidade co previsto no artigo 32 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, indícase que mediante anuncio do 24 de abril de 2019, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, publicado no DOG núm. 87, do 8 de maio de 2019, fíxose público o informe ambiental estratéxico do referido proxecto sectorial, que pode consultarse, xunto coa restante documentación do procedemento de avaliación ambiental estratéxica, no seguinte enderezo da internet: https://cmatv.xunta.gal/busca-por-palabra-clave

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2021

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

Disposicións normativas

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Ámbito

1. O ámbito de aplicación destas disposicións normativas é o delimitado polo Proxecto sectorial PS-1, área de vías, espazos libres e infraestruturas.

2. Esta normativa aplícase á superficie total do ámbito do proxecto, que é de 20.029 m².

Artigo 2. Obxecto

O presente proxecto sectorial desenvolve as determinacións do Plan sectorial de ordenación territorial do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar, nos terreos da ETEA, en Vigo.

Artigo 3. Vixencia e modificación

1. O presente proxecto sectorial terá vixencia indefinida, sen prexuízo das modificacións que puideren introducirse nel, así como do disposto na normativa vixente en materia de ordenación do territorio sobre os supostos de caducidade.

2. A modificación do proxecto sectorial poderase realizar en calquera momento, de conformidade coas disposicións recollidas na normativa vixente.

Artigo 4. Eficacia

As determinacións deste proxecto sectorial terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente.

Artigo 5. Alcance normativo dos documentos

1. O alcance normativo do proxecto sectorial deriva do contido normativo dos documentos urbanísticos que o integran e, en particular, da normativa urbanística e planos de ordenación.

2. A cartografía a escala 1/1000, que constitúe a base gráfica sobre a cal se debuxou a planimetría, terá carácter de cartografía oficial e o seu uso será obrigatorio para reflectir a localización e determinacións de calquera petición de licenza urbanística.

Artigo 6. Desenvolvemento do proxecto sectorial

1. Para a execución do proxecto sectorial redactaranse os correspondentes proxectos técnicos de execución.

2. Para o desenvolvemento urbanístico das actividades, redactaranse os proxectos de parcelación, edificación e instalacións correspondentes.

Artigo 7. Cumprimento da lexislación vixente

1. O cumprimento dos preceptos contidos nesta normativa non exime da obrigatoriedade de cumprir as restantes disposicións vixentes, ou que poidan ser ditadas, sobre as distintas materias sectoriais afectadas, en cada caso.

2. Nos aspectos non recollidas nesta normativa, observarase o disposto no Plan sectorial de ordenación territorial do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar nos terreos da ETEA en Vigo e a normativa urbanística e sectorial vixente.

Artigo 8. Sistema de actuación

O sistema de actuación para o desenvolvemento do proxecto sectorial observará o previsto no número 7 do documento do proxecto sectorial.

CAPÍTULO II

Normas comúns de uso

Artigo 9. Condicións xerais de uso

1. Son as condicións que regulan as diferentes utilizacións dos terreos segundo a actividade que se produza.

2. Os usos divídense en permitidos, tolerados e prohibidos con base na súa adecuación a cada ámbito de solo e aos fins da ordenación e á compatibilidade dos usos entre si.

3. De acordo coas prescricións de cada ordenanza, poderán ser definidos como usos permitidos, tolerados ou prohibidos todos ou algúns dos seguintes:

a) Espazos libres e zonas verdes.

b) Infraestruturas básicas de servizos técnicos.

c) Transporte e comunicacións.

Artigo 10. Regulación do uso de espazos libres e zonas verdes

1. Corresponde a todos aqueles espazos non edificados destinados, fundamentalmente, á plantación de arboredo e xardinaría, con diversos tratamentos do solo e cuxo obxecto é garantir a salubridade, repouso e esparexemento da poboación, a protección e illamento entre zonas que o requiran e a obtención de mellores condicións ambientais.

2. Inclúense nestes espazos:

a) Aqueles destinados ao uso público en que a vexetación non é o elemento característico, tales como prazas ou espazos análogos.

b) As áreas axardinadas con acondicionamento vexetal destinadas a repouso e recreo dos habitantes e con mobiliario urbano.

3. Nestas áreas cumpriranse as seguintes condicións:

a) A urbanización destes espazos comprenderá a limpeza das zonas verdes, así como a restauración vexetal e a creación e acondicionamento de sendeiros para uso de todo o espazo dotacional.

b) Acondicionarase cando menos o 10 % da superficie con características estanciais. Estes espazos serán dotados de iluminación pública, abastecemento de auga e rede de sumidoiros necesarios para o seu funcionamento e conservación.

c) Integrarán os elementos e formacións arbóreas catalogados no plan sectorial e no proxecto sectorial.

d) Os pavimentos que se deberán empregar seguirán as directrices incluídas na memoria xustificativa do proxecto sectorial:

d.1) Aplicación do criterio de sustentabilidade, mediante o aproveitamento dos elementos de pavimentación pétrea existente na medida do posible.

d.2) Definir unha linguaxe de materiais vinculada á xerarquía funcional do espazo público. Deste xeito, xérase unha lectura coherente e homoxénea da paisaxe e unha imaxe ordenada do espazo urbano.

d.3) Proponse a reutilización do lastro de granito existente para a pavimentación das zonas de tráfico rodado do sistema viario definido e a lousa de granito e o formigón para as zonas peonís seguindo os seguintes esquemas. Cabe sinalar que, naquelas zonas en que se permite o acceso rodado secundario e auxiliar de vehículos, se propón unha pavimentación mixta de lastro e lousa, de xeito que se transmita o seu carácter secundario con respecto á circulación rodada.

missing image file

missing image file

d.4) A pavimentación deseñada procura a plasmación da memoria histórica do lugar, no senso de que se buscan as relacións xeométricas existentes na estrutura urbanística do conxunto para logo reflectilas no pavimento, contribuíndo á percepción da dimensión espacial por parte do camiñante.

missing image file

missing image file

Esquemas da pavimentación da praza de Beiramar

d.5) A linguaxe de materiais empregarase tamén para singularizar fitos de interese no ámbito. Neste xeito proponse deixar constancia na avenida principal da traza da porta de acceso ás instalacións orixinais, para achegar ao camiñante unha orde de magnitude a escala territorial con respecto á evolución espacial da estrutura urbanística valorizada sobre a cal se asentará o campus. Para iso proponse a adopción dun pequeno xesto a través do tratamento da pavimentación da avenida Central, mediante a prolongación do pavimento de lousa sobre a calzada. Poderase levar a cabo outra solución, sempre e cando garanta a funcionalidade do espazo público.

e) O tráfico rodado nestes espazos queda restrinxido ao derivado das necesidades de acceso de persoas de mobilidade reducida e ao vinculado aos labores de mantemento da urbanización e as zonas verdes, o acceso de persoas de mobilidade reducida ou as actividades de avituallamento, mantemento, vixilancia, salvamento e similares, debidamente xustificadas.

Tamén se permitirá o acceso do tráfico rodado necesario para garantir a funcionalidade dos usos previstos nas edificacións do ámbito, así como o necesario para levar a cabo os labores de mantemento e conservación propios dos edificios.

En liñas xerais, o tráfico rodado circulará polos espazos delimitados para tal fin mediante a pavimentación diferenciada.

f) Permítese a inserción de instalacións de servizos técnicos sen que sobresaian das rasantes da zona verde e debidamente protexidas con tratamento vexetal, sempre e cando non afecten os elementos arbóreos obxecto de protección. No caso de noiros, as instalacións de servizos técnicos incorporarán as medidas axeitadas para a súa integración na estrutura urbana.

g) Poderá autorizarse, así mesmo, a localización de construcións e quioscos desmontables para fins propios dos usos públicos destas zonas (mantemento e limpeza, seguridade cidadá, etc.), así como o mobiliario urbano correspondente. Por outra banda, poderase manter a caseta de control existente no acceso ás instalacións para o desenvolvemento das funcións de control e información.

En todo caso, deberán garantir o cumprimento do regulado no artigo 25 da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, e a súa normativa de desenvolvemento. Por iso, no caso de que se prevexa algunha construción ou quiosco desmontable na zona de servidume de protección, esta quedará condicionada ao cumprimento do artigo citado, de tal maneira que, con carácter xeral, calquera edificación ou instalación se deberá instalar fóra da zona de servidume de protección, sen prexuízo da xustificación en debida forma de que as obras e instalacións pretendidas, das non expresamente prohibidas, non poidan ter, pola súa natureza, outra localización que a prevista na zona de servidume de protección, ou acreditar que a través desa actuación se prestan os servizos «necesarios ou convenientes para o uso do dominio público marítimo-terrestre».

En todo caso, os usos permitidos na zona de servidume de protección estarán suxeitos a autorización autonómica, sen prexuízo dos informes preceptivos regulados na normativa sectorial de costas.

h) Cumprirán o establecido na normativa sectorial aplicable e na normativa urbanística do plan municipal.

Artigo 11. Regulación do uso de infraestruturas básicas de servizos técnicos

1. Compóñeno o conxunto de elementos pertencentes ás redes de servizos básicos tales como abastecemento, saneamento, subministración eléctrica, telecomunicacións, etc., así como os espazos de reserva previstos para a ampliación ou nova execución destes elementos.

2. Recibirán o tratamento superficial previsto para os espazos libres de uso público e as zonas verdes públicas, procurando a integración adecuada dos elementos de rexistro da rede na pavimentación.

3. Cumprirán o establecido na normativa sectorial aplicable e na normativa urbanística do plan municipal.

Artigo 12. Regulación do uso transporte e comunicacións

1. É o propio da comunicación entre os diversos ámbitos do espazo urbano e sobre os que se desenvolven os movementos das persoas, as mercadorías e os vehículos, así como os que permiten a permanencia e o estacionamento destes.

2. Categorías:

a) Clase de rede viaria.

a.1) Os que, formando parte do viario, se destinan ao tránsito de persoas, bicicletas e vehículos sen motor. É dicir, as beirarrúas da avenida central.

a.2) Rodada con separación de tránsito, cinguida á calzada da avenida Central.

b) Clase de portos: portos non incluídos dentro da categoría de portos do Estado cuxo uso e destino é o relacionado co mar. Asígnase este uso ao cantil situado ao leste e á explanada anexa a el.

3. Deberán terse en conta as seguintes determinacións:

a) A urbanización destas áreas integrará os elementos e formacións arbóreas catalogados no plan sectorial e no proxecto sectorial.

b) Os pavimentos que se van empregar seguirán as directrices incluídas na memoria xustificativa do proxecto sectorial e descritas na epígrafe de regulación dos espazos libres e zonas verdes da normativa urbanística do proxecto sectorial.

c) O proxecto sectorial establece nos correspondentes planos de ordenación o sistema viario público dentro do seu ámbito, tanto rodado como peonil, definindo xeometricamente a rede viaria co seu trazado en planta e a súa altimetría. As rasantes definidas poderanse reaxustar no proxecto de obra, en coherencia co desenvolvemento en detalle da ordenación.

d) A avenida Central terá unha sección mínima de 14 m de largura, formada por unha calzada de 6 m e as súas beirarrúas de 4 m. A súa urbanización integrará os plátanos existentes, catalogados, e completará as súas aliñacións.

e) Cumprirán o establecido na normativa sectorial aplicable e na normativa urbanística do plan municipal.

CAPÍTULO III

Normas de urbanización

Artigo 13. Obrigatoriedade

Para a execución do proxecto sectorial redactaranse os proxectos técnicos que desenvolvan as súas determinacións, de acordo coas presentes normas.

Artigo 14. Obxecto, alcance e características xerais dos proxectos técnicos

1. Os proxectos técnicos teñen por obxecto a definición precisa para a realización da totalidade das obras de urbanización, dunha fase completa das previstas para a execución das determinacións do proxecto sectorial.

2. Os proxectos técnicos non poderán modificar as previsións do proxecto sectorial que executan, sen prexuízo de que se poidan efectuar adaptacións de detalle, exixidas pola execución material das obras.

3. Os proxectos técnicos deberán resolver adecuadamente, e nas condicións previstas no proxecto sectorial, o enlace dos servizos urbanísticos do ámbito cos xerais do territorio municipal a que se conectan.

Artigo 15. Contido dos proxectos técnicos

Os proxectos técnicos terán o contido acorde coa súa finalidade e en cumprimento da normativa aplicable no momento da súa redacción.

Artigo 16. Aprobación dos proxectos técnicos

Os proxectos técnicos tramitaranse e aprobaranse conforme a lexislación vixente.

Artigo 17. Condicións da urbanización

En todo o non prescrito expresamente nas presentes normas, a urbanización atenderá ao prescrito ao respecto no planeamento urbanístico municipal.

Artigo 18. Condicións xerais establecidas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural

1. En relación coa pavimentación da praza de Beiramar, deberase xustificar en detalle a cuadrícula proposta no proxecto sectorial en relación coa xeometría e características do lugar e edificios protexidos que a rodean. Detallarase o encontro do novo pavimento coas edificacións, que deberá respectar as cotas de acceso e relacións orixinais da implantación no terreo.

2. Desenvolverase o espazo libre de uso público que leva ata a praia con criterios harmónicos que non supoñan alteración do lugar, evitando as construcións ou quioscos cun uso alleo á finalidade e características do ámbito.

3. En canto ao mobiliario urbano, deberase realizar unha análise dos elementos orixinais que aínda se conservan ou que se poidan identificar en fotografías antigas, que sirvan de referencia a novos deseños acordes coa contorna. Estudarase a posición e incidencia dos elementos que se van instalar, con especial atención na praza de Armas, co fin de preservar o seu carácter.

4. Xustificarase a integración das características da urbanización no conxunto do campus, procurando acadar unha unificación de criterios.

Artigo 19. Rede viaria

A rede viaria cumprirá as condicións establecidas na normativa que resulte exixible e deberanse ter en conta as seguintes condicións:

1. A pavimentación de beirarrúas e calzadas farase tendo en conta as condicións do soporte e as do tránsito que discorrerá sobre el, así como as que deriven dos condicionantes de ordenación urbana e de integración ambiental.

2. Para calcular a pavimentación das calzadas terase en conta tanto o espesor das capas de firme necesario, como o material que se vai empregar na capa de rodadura, atendendo ao carácter e tráfico delas.

3. Deberase prever a drenaxe profunda do viario, sobre todo en casos onde o nivel freático do terreo poida estar próximo á superficie. Empregaranse tubos dren lonxitudinais onde proceda.

4. Os materiais de pavimentación elixiranse de acordo cun código funcional que distinga a categoría do espazo, circulación rodada, peonil, estadía de persoas e de vehículos, uso conxunto de persoas e de vehículos, etc.

5. O pavimento das beirarrúas e percorridos peonís resolverase con materiais que non dificulten a circulación das persoas e dos vehículos de man.

6. As tapas de arquetas, rexistros, etc. orientaranse tendo en conta as xuntas dos elementos do pavimento e nivelaranse co seu plano de tal xeito que non resalten sobre el.

7. As diferenzas de nivel entre distintos pavimentos resolveranse con bordos e outros elementos de separación que definan claramente os seus perímetros.

8. Se se instalasen reixas de ventilación de redes e outros elementos subterráneos, deseñaranse de xeito que non supoñan risco para o tránsito peonil.

9. Como norma xeral, procurarase que a pendente mínima de calquera tipo de rúa sexa do 0,5 % para facilitar a drenaxe das plataformas.

10. Os proxectos de execución que desenvolvan o proxecto sectorial terán en conta as actuacións necesarias para garantir que non se produzan desprendementos procedentes dos noiros que delimitan o ámbito na contorna da praia de Punta da Guía.

11. O trazado do sistema viario definido neste documento poderase reformar puntualmente para levar a cabo a conexión viaria dos restantes ámbitos do campus, nos correspondentes proxectos sectoriais que regulen o seu desenvolvemento.

12. O proxecto de execución da urbanización definirá a localización de dúas prazas de aparcamento para persoas de mobilidade reducida nas zonas de acceso rodado restrinxido. As características das prazas cumprirán o establecido pola lexislación vixente.

Artigo 20. Zonas verdes

1. En zonas verdes e terreiros disporase de terra vexetal, para permitir o desenvolvemento dos arbustos e céspede.

2. Tamén se sementarán os ribazos que se poidan considerar inestables e deseñaranse os foxos necesarios para a recollida de augas destes.

3. Dotaranse dun número suficiente de árbores do tipo e características especificados no proxecto, para colocar nas zonas verdes e/ou terreiros, e prohíbese a plantación de árbores sobre a vertical de calquera infraestrutura.

4. Na medida do posible, integraranse no proxecto as especies arbóreas existentes conservando, en todo caso, as catalogadas polo Plan sectorial de ordenación territorial do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar e o proxecto sectorial.

Artigo 21. Redes de servizos

1. Observarán o disposto na normativa sectorial de aplicación e na normativa urbanística municipal.

2. En todo caso, deberán terse en conta as seguintes consideracións:

a) O proxecto de execución xustificará o cálculo das redes de abastecemento e saneamento segundo as ITOGH.

b) As augas pluviais non necesitarán autorización de vertedura.

c) Utilizaranse sistemas de drenaxe urbana sustentable como pavimentos permeables, tanques de tormenta, etc.

d) Reducirase ao mínimo imprescindible a selaxe do solo, procurando empregar pavimentos filtrantes, zonas verdes, etc.

e) Os trazados das redes de servizos teñen carácter orientativo, e poderase adaptar o seu trazado conforme o resultado dos estudos pormenorizados dos correspondentes proxectos técnicos.

f) Na fase de proxecto de execución deberá solicitarse subministración eléctrica á distribuidora pola potencia máxima admisible da instalación.

CAPÍTULO IV

Condicións ambientais e hixiénicas

Artigo 22. Condicións ambientais e hixiénicas

O deseño da reurbanización (pavimentación, redes de servizos, equipamento urbano, etc.) e os medios definidos para a súa execución cumprirán o establecido na normativa sectorial e na normativa urbanística do planeamento urbanístico en relación coas emisións á atmosfera, augas residuais, emisións acústicas, residuos sólidos, consumo eléctrico e consumo de auga.

CAPÍTULO V

Condicións de composición estética

Artigo 23. Disposicións xerais

1. En canto ás condicións estéticas, o deseño do espazo público basearase no criterio da revalorización da estrutura urbana existente e integración paisaxística na contorna, procurándose a reutilización dos elementos da pavimentación existente en bo estado.

2. En relación coa dotación do mobiliario urbano, o deseño procurará a homoxeneización dos acabados para favorecer unha imaxe ordenada da escena urbana.

3. A disposición dos elementos da pavimentación procurará a coincidencia de xuntas cos elementos de rexistro das redes de servizos.

CAPÍTULO VI

Normativa sectorial

Artigo 24. Normas xerais en relación coas servidumes aeronáuticas

1. A totalidade do ámbito do proxecto sectorial está incluída nas zonas de servidumes aeronáuticas correspondentes ao aeroporto de Vigo. Nos planos do proxecto sectorial represéntanse as liñas de nivel das superficies limitadoras das servidumes aeronáuticas do aeroporto de Vigo que afectan o ámbito, as cales determinan as alturas (respecto ao nivel do mar) que non debe exceder ningunha construción (incluídos todos os seus elementos tales como antenas, pararraios, chemineas, equipamentos de aire acondicionado, caixas de ascensores, carteis, remates decorativos, etc., incluídos os guindastres de construción e similares), modificacións do terreo ou obxecto fixo (postes, antenas, aeroxeradores, incluídas as súas pas, carteis, etc.), así como o gálibo de viario ou vía férrea.

2. A execución de calquera construción, instalación (postes, antenas, aeroxeradores, incluídas as pas, medios necesarios para a construción, incluídos guindastres e similares, ou plantacións) requirirá acordo favorable previo da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), conforme os artigos 30 e 31 do Decreto 584/1972, na súa actual redacción.

Artigo 25. Normas xerais en relación coas servidumes e afeccións de costas

1. A utilización do dominio público marítimo-terrestre regularase segundo o especificado no título III da Lei de costas. En calquera caso, as actuacións que se pretendan levar a cabo nos ditos terreos de dominio público deberán contar co correspondente título habilitante.

2. Os usos na zona de servidume de protección axustaranse ao disposto nos artigos 24 e 25 da Lei de costas, e os usos permitidos nesta zona deberán contar coa autorización do órgano competente da Comunidade Autónoma.

3. Deberase garantir o respecto das servidumes de tránsito e acceso ao mar establecidas nos artigos 27 e 28, respectivamente, da Lei de costas, e o cumprimento das condicións sinaladas no artigo 30 para a zona de influencia.

De conformidade co previsto no artigo 28 de la Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, os accesos peonís e rodados ao mar, representados graficamente nos planos do proxecto sectorial, serán de uso público e gratuíto.

4. As obras e instalacións existentes no momento da entrada en vigor da Lei de costas, situadas en zona de dominio público ou de servidume, regularanse polo especificado na disposición transitoria cuarta da Lei de costas.

5. As instalacións da rede de saneamento deberán cumprir as condicións sinaladas no artigo 44.6 da Lei de costas e concordantes do seu regulamento.

Artigo 26. Normas xerais en relación coa protección do patrimonio cultural e natural

1. Serán obxecto de protección, conservación e integración na urbanización os elementos arbóreos ornamentais ou formacións de interese do patrimonio natural catalogados polo Plan sectorial de ordenación territorial do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar nos terreos da ETEA en Vigo.

A documentación gráfica do presente proxecto sectorial inclúe a localización dos elementos catalogados mencionados no parágrafo anterior.

Os proxectos de execución deberán obter autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

2. No relativo á protección do patrimonio natural observarase o disposto na normativa sectorial de aplicación e o establecido no Plan sectorial de ordenación do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar nos terreos da ETEA, en Vigo, así como o disposto na normativa do presente proxecto sectorial.