Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 24 de febreiro de 2021 Páx. 11630

VI. Anuncios

b) Administración local

Deputación Provincial de Ourense

ANUNCIO de delegación do Concello de Larouco do exercicio das competencias de xestión, liquidación e recadación voluntaria e executiva, así como a revisión dos actos da taxa polo abastecemento de auga domiciliaria.

O Pleno da Corporación provincial, na sesión ordinaria realizada o día 18 de decembro de 2020, aceptou por unanimidade a delegación do Concello de Larouco na Deputación Provincial do exercicio das competencias para a xestión tributaria, liquidación e recadación voluntaria e executiva, así como a revisión dos actos da taxa polo abastecemento de auga domiciliaria. De conformidade co disposto no artigo 7 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, e no artigo 106.3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, publícase o citado acordo, nos seguintes termos:

Aceptar a delegación de competencias efectuada polo Concello de Larouco a favor da Deputación Provincial mediante acordos plenarios de datas 22 de outubro e 26 de novembro de 2020, nas condicións recollidas no acordo de delegación:

Primeiro. Delegar na Deputación Provincial de Ourense, de acordo co disposto na normativa mencionada, as facultades que este concello ten atribuídas en materia de xestión tributaria, liquidación e recadación voluntaria e executiva, así como a revisión dos actos ditados dos seguintes tributos:

– Taxa polo abastecemento de auga domiciliaria.

– Canon da auga.

A delegación abranguerá as actuacións pendentes dos últimos catro anos e anteriores non prescritas sobre os mesmos tributos, co alcance, contido, condicións e vixencia que se establecen no presente acordo.

Segundo. En virtude da delegación conferida, será competencia da Deputación Provincial de Ourense a xestión, liquidación e recadación, así como a revisión dos actos ditados dos tributos delegados, e comprenderá, entre outras, as seguintes funcións:

– A recepción e tramitación de declaracións, autoliquidacións, comunicacións de datos e demais documentos con trascendencia tributaria.

– Recoñecemento e denegación de exencións e bonificacións.

– Realización das liquidacións conducentes á determinación das débedas tributarias.

– Emisión de listas cobratorias e documentos de cobramento.

– Realización de actuacións de control do cumprimento da obriga de presentar declaracións tributarias e doutras obrigas formais.

– Realización de actuacións de verificación de datos, comprobación de valores e de comprobación limitada.

– Emisión de certificados tributarios.

– Liquidacións de xuros por demora.

– Resolución dos expedientes de devolución de ingresos indebidos.

– Resolución dos recursos que se interpoñan contra os actos anteriores.

– Actuacións para a asistencia e información ao contribuínte referidas ás anteriores materias.

– Aprobación e mantemento dos censos tributarios.

– Tramitación de solicitudes de aprazamento e fraccionamento.

– Ditar a providencia de constrinximento e expedir relacións certificadas de debedores.

Terceiro. De conformidade co disposto no artigo 106.3 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e no artigo 8 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, co obxecto de facilitar o exercicio das competencias delegadas na Deputación de Ourense, a entidade delegante deberá prestarlle a esta a colaboración necesaria, especialmente nos seguintes aspectos:

– Pór á disposición dos servizos tributarios da Deputación os seus rexistros e bases de datos que conteñan información de interese tributario, respectando en todo caso o que establece a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e as normas que a desenvolven. Esta colaboración implica a obriga do Concello á remisión dos padróns (por única vez) para os efectos de que a Deputación o informatice. Remitirá, así mesmo, a relación de debedores dos últimos 4 anos, para os efectos de poder iniciar a executiva. A Tesouraría/Secretaría municipal expedirá para tal efecto certificación de descuberto coas débedas pendentes, para a xestión de débedas anteriores aos últimos 4 anos. A Tesouraría/Secretaría municipal expedirá, ademais, certificación de que as débedas non están prescritas e indicará as diferentes datas de notificación da débeda en executiva; remitirá á Deputación as altas, transferencias, baixas, cambios de domicilio e demais circunstancias que poidan afectar a liquidación dos tributos de que teñan coñecemento; remitirá as domiciliacións existentes e as ordenanzas fiscais aplicables.

– Remisión á Deputación de calquera solicitude ou recurso que afecte os tributos obxecto de delegación, tales como solicitudes de exención ou bonificación, solicitudes de aprazamento ou fraccionamento, solicitudes de domiciliación, recursos de reposición...

– A localización de suxeitos pasivos, contribuíntes, obrigados ao pagamento ou debedores – con certificación ou información respecto da súa veciñanza ou non no termo municipal– , a posesión ou carencia de bens e o exercicio ou non de actividades.

– A exposición pública no taboleiro de anuncios do Concello e noutros lugares de costume dos edictos que se diten no exercicio das competencias delegadas.

– A localización de suxeitos pasivos, e identificación destes, correspóndelle ao Concello; a non inclusión do DNI do contribuínte motivará a non aceptación por parte da Deputación da débeda para xestionar en executiva.

– A Deputación Provincial porá á disposición do Concello os medios necesarios para a subministración da colaboración e dará conta periodicamente dos resultados da xestión das competencias delegadas, poñendo á súa disposición na sede electrónica da Deputación información sobre a situación dos recursos xestionados.

Cuarto. Outras condicións da delegación

1. Para o exercicio das facultades delegadas, o servizo aterase ao ordenamento local e á lexislación aplicable de acordo co establecido na Lei reguladora das facendas locais, así como na Ordenanza fiscal xeral de xestión, inspección e recadación tributaria da Deputación Provincial de Ourense (BOP nº 66, do 23 de marzo de 2015) e na Ordenanza fiscal e na Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación dos servizos de xestión, inspección e recadación pola Deputación Provincial de Ourense (BOP nº 210, do 12 de setembro de 2014).

2. Polo exercicio das funcións delegadas no presente acordo, a Deputación Provincial percibirá as compensacións económicas previstas na vixente Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación dos servizos de xestión, inspección e recadación pola Deputación Provincial de Ourense. As cantidades a que dea lugar a dita compensación económica serán retiradas das entregas e liquidacións correspondentes que se realicen ao Concello.

3. A devolución dos ingresos indebidos que, de ser o caso, se produza ocasionará a dedución da cantidade correspondente das liquidacións que deban renderse ao Concello. A compensación de débedas en período voluntario que, de conformidade coa lexislación aplicable, o Concello puidese acordar requirirá a intervención do servizo para a súa realización, e deberán, en calquera caso, entenderse como débedas cobradas para os efectos do premio de cobranza e das recargas ou participacións que á Deputación Provincial lle poidan corresponder nelas.

4. Os anticipos á conta da recadación rexeranse polo disposto na ordenanza fiscal antes mencionada. En todo caso, non se concederán anticipos sobre a recadación da taxa de recollida do lixo, dado que os gastos do servizo son asumidos integramente pola Deputación Provincial, ao estar delegada a xestión nesta última.

5. As cantidades que correspondan pola recadación obtida serán transferidas ao Concello trimestralmente, xunto coa documentación xustificativa, e renderase anualmente polo servizo a conta da súa xestión recadatoria. Das ditas cantidades deduciranse, se é caso, as liquidacións que emita o Servizo de Xestión Tributaria e Recadación pola prestación dos distintos servizos efectuada pola Deputación, tales como recollida de residuos sólidos urbanos, limpeza viaria, verteduras, canceiras ou calquera outro.

Quinto. Entrada en vigor e prazo de vixencia

Unha vez aceptada pola Deputación Provincial a presente delegación, entrará en vigor con efectos de 1 de xaneiro de 2021.

A presente delegación estará vixente por un período de catro anos e quedará tacitamente prorrogada, por períodos iguais de catro anos, se ningunha das partes manifesta expresamente a súa vontade en contra comunicándollo á outra cunha antelación non inferior a seis meses á súa finalización ou á de calquera dos períodos de prórroga.

Sexto. Causas de resolución

O presente acordo de delegación poderá resolverse polas seguintes causas:

– Por mutuo acordo entre as partes.

– Por denuncia de calquera das dúas partes, formulada cunha antelación mínima de seis meses ao remate de cada ano natural. En todo caso, a efectividade da resolución por denuncia de parte entenderase referida sempre ao 1 de xaneiro do exercicio seguinte.

– Por incumprimento de obrigas esenciais recollidas no presente acordo de delegación.

Sétimo. O presente acordo deberá notificarse á Deputación Provincial de Ourense para os efectos de que proceda á aceptación da delegación aquí conferida.

Oitavo. Unha vez aceptada a delegación pola Deputación Provincial, o presente acordo publicarase no Boletín Oficial da provincia e no da Comunidade Autónoma, para xeral coñecemento, de acordo co previsto no artigo 7 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais.

Ourense, 7 de xaneiro de 2021

José Manuel Baltar Blanco
Presidente da Deputación Provincial de Ourense