Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 2 de marzo de 2021 Páx. 12559

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 35/2021, do 18 de febreiro, polo que se aproba o cambio de titularidade, a prol do Concello de Cenlle, dun treito antigo da N-120 denominado Variante de Trasariz.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou os seus treitos, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra banda, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Cenlle solicítalle á Axencia Galega de Infraestruturas a transferencia dun treito antigo da N-120 ao seu paso pola localidade de Trasariz, desde o punto quilométrico 589+79 ata o punto quilométrico 598+11, aproximadamente 420 metros. O dito treito correspóndese coa denominada Variante de Trasariz, que entronca no seu inicio e final coa N-120, cunha lonxitude total de 430 m. O treito obxecto de transferencia debe referenciarse segundo a Variante de Trasariz no lugar da N-120. Os puntos quilométricos solicitados da N-120 correspóndense cos puntos quilométricos 0+000 ata o punto quilométrico 0+430 da citada variante. Este treito de 430 m de lonxitude de titularidade autonómica que discorre polo núcleo rural de Trasariz carece de funcionalidade dentro da Rede autonómica de estradas, polo que a Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaoito de febreiro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Cenlle de:

Clave

Denominación

p.q.

Coordenadas UTM (ETRS89)

p.q.

Coordenadas UTM (ETRS89)

Lonxitude

Resto da estrada N-120

Variante de Trasariz

0+000

X=576.445 Y=4.686.464

0+430

X=576.285 Y=4.686.202

430 m

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Cenlle deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Correspóndenlle ao Concello de Cenlle, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de febreiro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade