Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 5 de marzo de 2021 Páx. 13318

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 26 de febreiro de 2021, da Dirección Xeral de Formación e Colocación, pola que se convocan probas de avaliación en competencias clave para acceder aos certificados de profesionalidade dos niveis 2 e 3 de cualificación (código de procedemento TR306A).

Para a mellora da calidade na formación para o emprego, o Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, que regula os certificados de profesionalidade, establece criterios de acceso do alumnado para garantir que se posúen as competencias clave para cursar con aproveitamento os certificados de profesionalidade que lles facilitarán a súa inserción laboral. Este real decreto modificouse mediante os reais decretos 1675/2010, do 10 de decembro, e 189/2013, do 15 de marzo, e posteriormente foi desenvolvido pola Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro.

Para adecuar a normativa autonómica á lexislación estatal publícase a Orde da Consellería de Traballo e Benestar, do 7 de xaneiro de 2014, pola que se establecen os requisitos formativos para o acceso á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional e se regulan as probas de avaliación en competencias clave dentro das accións formativas de formación profesional para o emprego na Comunidade Autónoma de Galicia (Diario Oficial de Galicia núm. 9, do 15 de xaneiro).

Esa orde é un instrumento fundamental das políticas activas de emprego que favorece a calidade e a integración da formación profesional para o emprego, facendo posible que as persoas que carecen das titulacións académicas requiridas poidan acceder á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3, que lles permitirá progresar no mercado laboral.

Segundo os artigos 5 e 6 da dita orde, a Dirección Xeral de Formación e Colocación convocará probas de avaliación polo menos unha vez ao ano, mediante a publicación dunha resolución onde se concretarán todos os aspectos do procedemento e o Instituto Galego das Cualificacións terá as funcións de coordinación, xestión e desenvolvemento das probas na nosa comunidade autónoma.

No Decreto 130/2020, do 17 de setembro, fíxase a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, que no artigo 7 establece os órganos superiores e de dirección da Consellería de Emprego e Igualdade.

A Dirección Xeral de Formación e Colocación, segundo dispón o Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade, ten atribuídas, entre outras funcións, a xestión e execución do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral e vías non formais de formación e as que lle correspondan á consellería en materia de expedición de certificados de profesionalidade ou da acreditación parcial acumulable correspondente.

De acordo co exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos, consultado o Consello Galego de Formación Profesional e no uso das atribucións conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta resolución é convocar probas de avaliación en competencias clave para o acceso ás accións formativas dos certificados de profesionalidade de niveis 2 e 3 de cualificación profesional da formación profesional para o emprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR306A).

Así mesmo, cómpre establecer as posibles exencións ás probas e validacións das distintas competencias clave, así como consideracións sobre a expedición de certificados de profesionalidade.

Artigo 2. Competencias clave que se convocan

1. Convócanse probas nos niveis de cualificación profesional 2 e 3, nas seguintes competencias clave:

– Comunicación en lingua galega.

– Comunicación en lingua castelá.

– Comunicación en lingua estranxeira (inglés).

– Competencia matemática.

2. De conformidade co artigo 20, número 2, letra f), do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, modificado polo Real decreto 189/2013, do 15 de marzo, a superación das probas de competencias clave permitirá o acceso aos certificados de profesionalidade do nivel correspondente.

3. As competencias clave requiridas para todos os certificados de profesionalidade das 26 familias profesionais do Repertorio nacional de certificados de profesionalidade para os niveis de cualificación 2 e 3, son competencia matemática, comunicación en lingua castelá e comunicación en lingua galega.

A competencia de comunicación en lingua estranxeira soamente se require nos certificados de profesionalidade que teñen un módulo formativo de lingua estranxeira e que se especifican no anexo VI desta resolución.

Artigo 3. Requisitos de participación

1. Poderán presentarse ás probas para a obtención do certificado de superación das competencias clave necesarias para o acceso a certificados de profesionalidade tanto do nivel 2 como do nivel 3, as persoas que cumpran os dous seguintes requisitos:

a) Maiores de 16 anos ou que os fagan en 31 de decembro do ano natural en que se celebran as probas;

b) Non estar en posesión de ningún dos requisitos de acceso á formación dos certificados de profesionalidade establecidos no artigo 2 da Orde do 7 de xaneiro de 2014 pola que se establecen os requisitos formativos para o acceso á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional e se regulan as probas de avaliación en competencias clave dentro das accións formativas de formación profesional para o emprego na Comunidade Autónoma de Galicia (Diario Oficial de Galicia núm. 9, do 15 de xaneiro).

2. No anexo III desta resolución infórmase das titulacións, certificacións ou acreditacións oficiais que reúnen os requisitos formativos de acceso aos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional a que se refire o punto anterior.

Artigo 4. Exencións e validacións ás probas de avaliación

1. Estarán exentas de presentarse á proba da competencia de comunicación en lingua galega aquelas persoas que cumpran algún dos requisitos establecidos no anexo IV desta resolución.

2. No anexo V desta resolución establécense as validacións por ter superado estudos regrados e probas do sistema educativo para as competencias clave que se convocan.

Artigo 5. Presentación de solicitudes e prazo

1. Para participar nestas probas deberá presentarse unha solicitude segundo o modelo do anexo I desta resolución.

2. As solicitudes, xunto coa documentación requirida, presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365
(https://sede.xunta.gal/chave365).

A solicitude tamén estará dispoñible no portal web da Consellería de Emprego e Igualdade

(https://ceei.xunta.gal/recursos/temas-de-interese/c/Formacion-ocupacional-e-continua? content=topic_0145.html).

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. As persoas interesadas con discapacidade recoñecida cun grao igual ou superior ao 33 %, no caso de solicitaren adaptacións, teñen que indicalo na solicitude de inscrición nos recadros do bloque de persoas con algunha discapacidade.

5. O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 7 de abril de 2021.

Artigo 6. Documentación

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) No caso de identificación co pasaporte en vigor hai que achegar a súa copia.

b) No caso de ter recoñecida a discapacidade por outra comunidade autónoma, cun grao igual ou superior ao 33 %, e que solicitan algún tipo de adaptación das especificadas na solicitude, deberán achegar o certificado de grao de discapacidade e o informe da procedencia das adaptacións solicitadas pola dita comunidade, agás que solicitase o traslado do seu expediente a esta comunidade autónoma.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. De conformidade co establecido na normativa de protección de datos, para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identificación de estranxeiros (NIE) da persoa solicitante.

b) Certificado de grao de discapacidade da persoa solicitante emitido pola Xunta de Galicia, cando sexa de aplicación.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os documentos acreditativos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Relación provisional e definitiva de persoas inscritas admitidas e excluídas

1. A relación provisional das persoas admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión, publicaraa o Instituto Galego das Cualificacións na páxina web
https://ceei.xunta.gal/recursos/temas-de-interese/c/Formacion-ocupacional-e-continua? content=topic_0145.html, da Consellería de Emprego e Igualdade, segundo o establecido no calendario previsto que figura no anexo II desta resolución.

2. As persoas interesadas poderán reclamar contra a relación provisional de persoas admitidas e excluídas mediante un escrito dirixido ao Instituto Galego das Cualificacións (Edificio Administrativo de San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela), que presentarán por calquera dos medios previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo de catro días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación das cualificacións na páxina web da Consellería de Emprego e Igualdade.

3. A relación definitiva de persoas admitidas e excluídas será publicada na páxina web

https://ceei.xunta.gal/recursos/temas-de-interese/c/Formacion-ocupacional-e-continua? content=topic_0145.html, da Consellería de Emprego e Igualdade, segundo o establecido no calendario previsto que figura no anexo II desta resolución.

4. A publicación tanto das listas provisionais como das definitivas de admitidos/as e excluídos/as no proceso terán os efectos de comunicación ás persoas solicitantes e reclamantes, de conformidade co disposto no artigo 10 da Orde do 7 de xaneiro de 2014.

5. Contra a relación definitiva de persoas solicitantes admitidas e excluídas poderase interpor recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación das listas definitivas, ante a persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade.

Artigo 9. Realización das probas de avaliación en competencias clave

1. O lugar de realización das probas de avaliación en competencias clave será exposto na páxina web https://ceei.xunta.gal/recursos/temas-de-interese/c/Formacion-ocupacional-e-continua?content=topic_0145.html, da Consellería de Emprego e Igualdade. O calendario da convocatoria inclúese no anexo II desta resolución.

2. O/a candidato/a realizará unha proba por cada unha das competencias clave convocadas nas cales se inscribise. A duración da proba en cada competencia clave é dunha hora.

3. Todas as persoas candidatas se deberán presentar no horario que figura no anexo II para ser chamadas por orde alfabética en chamamento único. Para realizar as probas de avaliación nas distintas competencias clave poderanse ditar instrucións específicas na orde de chamada das persoas admitidas nelas; as ditas instrucións serán publicadas na páxina web https://ceei.xunta.gal/recursos/temas-de-interese/c/Formacion-ocupacional-e-continua?content=topic_0145.html, da Consellería de Emprego e Igualdade, como mínimo 3 días antes da data de inicio de realización das probas.

4. Para a realización das probas, as persoas aspirantes deberán ir provistas do documento nacional de identidade, do número de identificación de estranxeiros ou do pasaporte. Tamén deberán levar bolígrafo de tinta de cor azul ou negra.

Nas probas de competencia matemática poderase acudir con calculadora.

5. O exame das competencias clave en matemáticas estará redactado en galego e castelán; os exames de comunicación en lingua galega, comunicación en lingua castelá e de comunicación en lingua inglesa estarán redactados na lingua obxecto da proba.

6. Non se permitirá o acceso ao recinto onde se realicen as probas con teléfonos móbiles, axendas electrónicas ou calquera outro instrumento de que se poida valer o aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará no recinto ningún servizo de recollida de móbiles.

7. As persoas participantes nas probas terán cuberto o risco de accidente derivado da asistencia a estas.

Artigo 10. Comisións de avaliación

1. Segundo o establecido no artigo 8 da Orde do 7 de xaneiro de 2014, a persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación nomeará unha comisión de avaliación para as probas de competencias clave de nivel 2 e unha comisión de avaliación para as probas de competencias clave de nivel 3, que terán como sede o Instituto Galego das Cualificacións (Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

2. Á vista do número de persoas inscritas nas probas poderase ampliar o número de comisións de avaliación. Así mesmo, poderase incorporar ás comisións de avaliación o número de vixilantes e correctores/as que se considere necesario.

3. No caso de nomear avaliadores/as auxiliares, estes formarán parte das comisións de avaliación para a realización das probas.

Artigo 11. Resultados da avaliación das probas

1. Os resultados da avaliación das probas estarán accesibles para as persoas que as realizaron nas listaxes provisionais que se poderán consultar na páxina web da Consellería de Emprego e Igualdade, segundo o calendario previsto que figura no anexo II desta resolución. Estes resultados provisionais terán efectos de comunicación para todas as persoas participantes.

2. O resultado de apto suporá a superación da proba na correspondente competencia clave e o dereito do interesado ou da interesada a que se lle expida un documento acreditativo que certificará o resultado obtido segundo establece o artigo 9 da Orde do 7 de xaneiro de 2014.

Artigo 12. Reclamación contra as cualificacións

1. As persoas interesadas poderán reclamar contra as cualificacións provisionais, mediante un escrito dirixido ao presidente ou presidenta da comisión de avaliación, cuxa sede estará no Instituto Galego das Cualificacións (Edificio Administrativo de San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela), que presentarán por calquera dos medios previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo de catro días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación das cualificacións na páxina web da Consellería de Emprego e Igualdade.

2. A publicación das listas definitivas de cualificacións terán efectos de comunicación ás persoas reclamantes, de conformidade co disposto no artigo 10 da Orde do 7 de xaneiro de 2014.

3. Contra a cualificación definitiva poderase interpor recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación das listas definitivas, ante a persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para os efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Recursos

Contra a presente resolución que non pon fin á vía administrativa e de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, cabe interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira. Adopción de medidas en relación coa COVID-19

A realización presencial destas probas implica unha concentración masiva de persoas aspirantes e de empregados públicos encargados da organización nas instalacións en que se realizan, motivos polos cales se atenderá ás recomendacións que autoridades sanitarias establezan consonte o momento temporal en que as probas teñan lugar e ditaranse as instrucións que, se é o caso, sexan necesarias.

Disposición adicional segunda. Reactivación solicitudes

1. No Diario Oficial de Galicia do 20 de xullo de 2020, publicouse a Resolución do 22 de xuño de 2020, da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, pola que se deixaba sen efecto a Resolución do 13 de febreiro de 2020 pola que se convocaban probas de avaliación en competencias clave para acceder aos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación, motivada pola situación da crise sanitaria provocada pola COVID-19.

2. Na dita resolución, no seu resolvo segundo, establecíase que na convocatoria de 2021 se recollería o sistema de reactivación das solicitudes xa presentadas ao abeiro da Resolución do 13 de febreiro de 2020. Porén, as circunstancias actuais fan aconsellable prever adopcións de medidas que permitan poder realizar o procedemento convocado pola presente resolución coas maiores garantías e entre esas medidas estará, de ser o caso, a distribución das persoas aspirantes por áreas sanitarias.

Para esa distribución por áreas sanitarias que, de ser o caso, se tivera que aplicar, cómpre ter recollida a información actualizada dos domicilios das persoas aspirantes para que o sistema informático que dá soporte a este procedemento poida realizar a distribución e por ese motivo, ao non poder realizarse a reactivación nos termos inicialmente previstos, cómpre que toda persoa que queira participar no procedemento deba realizar a súa solicitude conforme o establecido no artigo 6 da presente resolución.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízase a directora do Instituto Galego das Cualificacións para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2021

Zeltia Lado Lago
Directora xeral de Formación e Colocación

ANEXO II

Calendario previsto

Datas

Prazo de presentación de solicitudes

Desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 7 de abril de 2021

Publicación da lista provisional de admitidos

Data estimada: aproximadamente un mes despois do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Presentación de alegacións

4 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da lista provisional

Publicación da lista definitiva de admitidos

1 semana despois da finalización da presentación de alegacións

Realización das probas:

Competencias clave de nivel 2

Competencias clave de nivel 3

Ao longo do número de días calculados en función da limitación de capacidade vixente no momento de realización das probas

Publicación dos resultados provisionais das probas

Os resultados provisionais serán publicados na web da consellería aproximadamente 1 mes despois do desenvolvemento do último día de realización das probas

Presentación de reclamacións

4 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación dos resultados provisionais

Publicación dos resultados definitivos das probas

1 semana despois da finalización da presentación de reclamacións

Lugar e horarios das probas

– Na páxina web da Consellería de Emprego e Igualdade publicaranse o lugar e os días de realización das probas.

– A repartición dos aspirantes por días virá determinado, se é o caso, pola limitación de capacidade vixente no momento da realización das probas, a consecuencia da crise da COVID-19, e nos chamamentos poderase atender a criterios territoriais e sanitarios ou calquera outro que nese momento se considere pertinente.

– As listaxes de acceso para cada día estarán dispoñibles na páxina web da Consellería de Emprego e Igualdade e nos paneis informativos situados para tal efecto no lugar onde se realicen as probas.

– Todas as persoas candidatas deberán presentarse á hora indicada para ser chamadas por orde alfabética.

Competencia clave

Para todos os días de exame

Chamamento único

Matemáticas

Sesión de mañá

Nivel 2

9.00 horas

Lingua castelá

Lingua galega

Lingua estranxeira (inglés)

Matemáticas

Sesión de tarde

Nivel 3

16.00 horas

Lingua castelá

Lingua galega

Lingua estranxeira (inglés)

ANEXO III

Requisitos de acceso aos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3

de cualificación profesional

A Orde do 7 de xaneiro de 2014 (DOG núm. 9, do 15 de xaneiro de 2014) establece no seu artigo 2 os requisitos que as persoas aspirantes deberán cumprir para acceder á formación dos certificados elaborados en base ao Catálogo nacional de cualificacións profesionais (CNCP).

• Nivel 2.

Para acceder á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2, considérase que posúen a formación básica necesaria as persoas que acrediten posuír as seguintes titulacións, certificacións ou acreditacións:

a) Certificado de profesionalidade de nivel 2.

b) Certificado de profesionalidade de nivel 1 da mesma familia e área profesional.

c) Título de graduado ou graduada en educación secundaria obrigatoria (LOE).

d) Título de graduado ou graduada en educación secundaria (LOXSE).

e) Título profesional básico (Real decreto 127/2014).

f) Superar os módulos obrigatorios dun programa de cualificación profesional inicial (PCPI).

g) Superar un curso de formación específico para o acceso a ciclos de grao medio en centros públicos ou privados autorizados pola Administración educativa.

h) Ter superado a proba de acceso aos ciclos formativos de grao medio.

i) Requisito académico de acceso a ciclos formativos de grao medio.

j) Título de técnico auxiliar (FP1).

k) Título de técnico (ciclo formativo de grao medio).

l) 2º de BUP cun máximo de dúas materias pendentes entre os cursos de 1º e 2º de BUP.

m) 2º curso do primeiro ciclo experimental de reforma das ensinanzas medias (REM).

n) Título de técnico deportivo.

o) Título de técnico de artes plásticas e deseño.

p) Oficialía industrial.

q) Título de técnico militar.

r) Tres cursos comúns do plan de 1963 ou 2º curso de comúns experimental, das ensinanzas de artes aplicadas e oficios artísticos.

s) Dous cursos comúns do plan experimental do ano 1984 (artes aplicadas e oficios artísticos).

t) Ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos ou para maiores de 45 anos.

u) Ter superado estudos regrados e probas do sistema educativo que se recollen no anexo V desta resolución.

v) Outros estudos declarados equivalentes para os efectos académicos con algún dos anteriores.

w) Calquera titulación, certificación ou acreditación que dea acceso aos certificados de profesionalidade de nivel 3 de cualificación.

• Nivel 3.

Para acceder á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 3, considérase que posúen a formación básica necesaria, as persoas que acrediten posuír as seguintes titulacións, certificacións ou acreditacións:

a) Certificado de profesionalidade de nivel 3.

b) Certificado de profesionalidade de nivel 2 da mesma familia e área profesional.

c) Título de bacharel LOE.

d) Título de bacharel LOXSE.

e) Título de bacharel expedido tras cursar o antigo bacharelato unificado e polivalente (BUP).

f) COU.

g) PREU.

h) Segundo curso de bacharelato experimental de reforma das ensinanzas medias (REM).

i) Cumprir o requisito académico de acceso aos ciclos formativos de grao superior.

j) Título de técnico (ciclo formativo de grao medio). Os títulos de FP1 non son equivalentes ao grao medio porque teñen equivalencia só para os efectos profesionais, non académicos.

k) Ter superado a proba de acceso aos ciclos formativos de grao superior.

l) Título de técnico superior (ciclo formativo de grao superior).

m) Título de técnico especialista (FP2).

n) Título de perito mercantil.

o) Título de bacharelato laboral superior do plan do ano 1963.

p) Título de técnico superior de artes plásticas e deseño (segundo a especialidade cursada).

q) Título de técnico deportivo superior (segundo a modalidade).

r) Título de mestre ou mestra industrial.

s) Título de graduado ou graduada en cerámica e artes plásticas.

t) Ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos ou para maiores de 45 anos.

u) Ter superado estudos regrados e probas do sistema educativo que se recollen no anexo V desta resolución.

v) Outros estudos declarados equivalentes para os efectos académicos con algún dos anteriores ou estudos superiores a estes.

ANEXO IV

Exencións ás probas de avaliación das competencias clave
en comunicación en lingua galega, niveis 2 e 3 de cualificación profesional

Estarán exentos de presentarse ás probas de avaliación na competencia clave de comunicación en lingua galega as persoas aspirantes que presenten algún destes requisitos, segundo o nivel de cualificación profesional correspondente:

• Nivel 2.

a) Cumprir algún dos requisitos de acceso aos certificados de profesionalidade de nivel 2 do anexo III desta resolución.

b) Estar en posesión do certificado Celga 2.

c) Título de graduado escolar, sempre que se estudase toda a EXB en Galicia e se cursase de maneira oficial a materia de Lingua Galega en todos os cursos dos ditos estudos ou ben que se superase a materia de Lingua Galega nas probas libres tendentes a esta titulación.

d) Título de graduado escolar obtido por equivalencia cos estudos da ESO, ao abeiro do anexo I do Real decreto 986/1991, sempre que se cursase e aprobase a materia de Lingua Galega en todos os cursos.

e) Certificado de ter cursado e aprobado en Galicia de maneira oficial a materia de Lingua Galega en todos os cursos da educación primaria e máis en dous cursos da ESO.

f) Certificado de ter cursado e aprobado as materias de Ciencias Sociais e as materias optativas de galego da ESO nos centros do Bierzo e Sanabria acollidos ao programa de formación previsto no convenio para a promoción do idioma galego nos territorios limítrofes das comunidades autónomas de Galicia e Castela e León, subscrito entre ambas as dúas comunidades.

g) Certificado de ter cursado e aprobado a materia optativa de Lingua Galega en primeiro e segundo de bacharelato do Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres, sempre que se superasen as materias optativas de Lingua Galega en primeiro, segundo e terceiro da ESO ou se estea en posesión do Celga 1.

h) Certificado de ter cursado e aprobado nos sete cursos do nivel primario as materias correspondentes a cada curso de Lingua Galega e Literatura Galega e máis o certificado de ter cursado e aprobado nos tres primeiros cursos do nivel secundario as materias correspondentes a cada curso de Lingua e Literatura Galega, xunto coas de Historia e as de Xeografía de Galicia no Colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires.

i) Certificación oficial de ter superado o nivel intermedio (B1) das ensinanzas de galego da escola oficial de idiomas expedida consonte o establecido no Decreto 191/2007.

j) Certificado do curso de nivel medio de Lingua e Cultura Galegas para estranxeiros impartido polas universidades de Galicia, ata o 1 de setembro de 2007.

k) Certificado do nivel medio dos estudos de galego da UNED ata o 1 de setembro de 2007.

l) Superar estudos regrados e probas do sistema educativo que se recollen no anexo V desta resolución, no relativo á competencia clave de Comunicación en Lingua Galega para o nivel 2.

m) Calquera certificación oficial que acredite que se adquiriron os coñecementos na competencia clave de comunicación en lingua galega de nivel 3 de cualificación.

n) Superar con avaliación positiva unha acción formativa de competencia clave en lingua galega de nivel 2 dentro das especialidades formativas aprobadas pola Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

o) Outras acreditacións declaradas equivalentes ou superiores con algunha das anteriores.

• Nivel 3.

a) Cumprir algún dos requisitos de acceso aos certificados de profesionalidade de nivel 3 do anexo III desta resolución.

b) Estar en posesión do certificado Celga 3.

c) Título de graduado en educación secundaria obrigatoria (ESO) ou técnico auxiliar (FP1), sempre que se estudase en Galicia na súa totalidade e se cursase e aprobase de maneira oficial a materia de Lingua Galega en todos os cursos dos ditos estudos (ou, de ser o caso, se se superou a materia de Lingua Galega nas probas libres tendentes á titulación de FP1). Tamén se o título de ESO se obtivo despois de estudar un ano fóra de Galicia, sempre que non sexa o derradeiro.

d) Título de graduado en ESO se o título se obtivo superando o ámbito de comunicación en que estea incluída a materia de Lingua Galega en todos os cursos da educación secundaria para persoas adultas, nas probas libres para a obtención do graduado en ESO realizadas na Comunidade Autónoma de Galicia ou nos módulos formativos de carácter voluntario conducentes ao título de graduado en ESO do Programa de cualificación profesional inicial.

e) Título de graduado en ESO se o título se obtivo superando en Galicia de maneira oficial a materia de Lingua Galega en primeiro e segundo de ESO e o ámbito lingüístico e social –en que estea incluída a materia de Lingua Galega– do Programa de diversificación curricular. Se o alumno ou a alumna se incorporou ao Programa de diversificación curricular en cuarto de ESO, deberá ter aprobado a materia de Lingua Galega en 3º de ESO.

f) A equivalencia co título de graduado en ESO por ter estudos parciais do bacharelato unificado polivalente, sempre que se cursase e superase a materia de Lingua Galega de 7º e 8º de EXB a partir do curso 1979/80 e que ningunha das materias que se admite ter pendentes nos dous primeiros cursos do bacharelato sexa de Lingua Galega.

g) Certificado de ter cursado e aprobado as materias de Ciencias Sociais e as materias optativas de galego na ESO e no bacharelato nos centros do Bierzo e Sanabria acollidos ao programa de formación previsto no convenio para a promoción do idioma galego nos territorios limítrofes das comunidades autónomas de Galicia e de Castela e León, subscrito entre ambas as dúas comunidades. Se só se teñen cursado e aprobado as materias de bacharelato, poderá obterse tamén a validación do Celga 3 se se acredita estar en posesión do Celga 2.

h) Certificado de ter cursado e aprobado as materias de Lingua e Literatura Galega en 4º e 5º do nivel secundario no Colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires, sempre que se conte co Celga 2 ou coa súa validación.

i) Certificado do ciclo elemental de galego expedido pola escola oficial de idiomas ao abeiro do Real decreto 47/1992, do 24 de xaneiro.

j) Certificación oficial do nivel avanzado (B2) das ensinanzas de galego da escola oficial de idiomas expedida consonte o Decreto 239/2008, do 25 de setembro.

k) Estar en posesión do certificado de aptitude dos cursos de iniciación de lingua galega (segundo a Orde do 10 de febreiro de 2014).

l) Superar estudos regrados e probas do sistema educativo que se recollen no anexo V desta resolución, no relativo á competencia clave de comunicación en lingua galega para o nivel 3.

m) Superar con avaliación positiva unha acción formativa de competencia clave en lingua galega de nivel 3 dentro das especialidades formativas aprobadas pola Dirección Xeral de Formación e Colocación.

n) Outras acreditacións declaradas equivalentes ou superiores con algunha das anteriores.

ANEXO V

Validacións das competencias clave necesarias para a obtención
dos certificados de profesionalidade de nivel 2 por ter superado
estudos regrados e probas do sistema educativo

Competencia clave

Módulos IV das ensinanzas de secundaria para persoas adultas (Orde do 24 de xuño de 2008)1

Módulos IV das ensinanzas de secundaria para persoas adultas (Orde do 26 de maio de 1997)1

Probas libres para a obtención do graduado en secundaria (Orde do 19 de febreiro de 2009)2

Materias de 4º curso de educación secundaria obrigatoria1

Materias de 2º de BUP (Lei 14/1970, do 4 de agosto)1

Probas de acceso a ciclos de grao medio (Orde do 2 de decembro de 2008)3

Comunicación en lingua galega

Ámbito de

comunicación

Ámbito de

comunicación

Probas do

ámbito da

comunicación

Lingua Galega e Literatura

Lingua Galega

e Literatura

Exención ou

superación

da parte

sociolingüística

Comunicación en lingua castelá

Ámbito de

comunicación

Ámbito de

comunicación

Probas do

ámbito da

comunicación

Lingua Castelá e Literatura

Lingua Española
e Literatura

Exención ou

superación

da parte

sociolingüística

Comunicación en lingua estranxeira

Ámbito de

comunicación

Ámbito de

comunicación

Probas do

ámbito da

comunicación

Primeira ou

segunda Lingua Estranxeira

Lingua

Estranxeira

Competencia matemática

Ámbito científico-tecnolóxico

Ámbito tecnolóxico-matemático

Probas do

ámbito científico-tecnolóxico

Matemáticas

Matemáticas

Exención ou superación

da parte

matemática

1 Acreditarase a través de certificación académica expedida por un centro público.

2 Acreditarase a través do certificado de superación das probas libres para a obtención do graduado en secundaria.

3 Acreditarase a través do certificado de realización das probas de acceso a grao medio.

Nota: estas táboas poderían ter modificacións ou novas validacións ditadas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, de ser o caso.

Poderase acreditar a competencia clave de comunicación en lingua estranxeira mediante un certificado oficial que se corresponda como mínimo cun nivel de usuario básico A2 do Marco común europeo para as linguas (MCERL) da lingua estranxeira en cuestión, as súas equivalencias ou algunha das validacións oficiais.

• Outras validacións-nivel 2.

Certificación académica en que conste que superaron todas as materias de 5 cursos do bacharelato do Plan de 1957.

Validacións das competencias clave necesarias para a obtención
dos certificados de profesionalidade de nivel 3 por ter superado
estudos de bacharelato e probas do sistema educativo

Competencia clave

Materias de 2º curso

de bacharelato1

Materias COU1

Probas de acceso a ciclos de grao superior2 (Orde do 2 de decembro de 2008)

Competencia en lingua galega

Lingua Galega e Literatura II

Lingua Galega ou Literatura Galega

Superación ou exención de parte común

Competencia en lingua castelá

Lingua Castelá e Literatura II

Lingua Española

Superación ou exención de parte común

Comunicación en lingua estranxeira

Lingua Estranxeira II

Lingua Estranxeira

Superación ou exención de parte específica (opción A)

Competencia matemática

Matemática II ou Matemáticas aplicadas ás Ciencias Sociais II

Matemática I ou Matemáticas II

Superación ou exención de parte común

1 Acreditarase a través de certificación académica expedida por un centro público.

2 Acreditarase a través do certificado de realización das probas de acceso a grao superior.

Nota: estas táboas poderían ter modificacións ou novas validacións ditadas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, de ser o caso.

Poderase acreditar a competencia clave de comunicación en lingua estranxeira mediante un certificado oficial que se corresponda como mínimo cun nivel de usuario intermedio B1 do Marco común europeo para as linguas (MCERL) da lingua estranxeira en cuestión, as súas equivalencias ou algunha das validacións oficiais.

ANEXO VI

Certificados de profesionalidade con competencias clave en linguas estranxeiras

Familia profesional: Administración e Xestión

Código

Certificado de profesionalidade

Lingua estranxeira

ADGG0108

Asistencia á dirección-nivel 3

Inglés e outra

lingua estranxeira

ADGG0208

Actividades administrativas na relación co cliente-nivel 2

Lingua estranxeira

ADGN0208

Comercialización e administración de produtos e servizos financeiros-nivel 3

Lingua estranxeira

ADGN0110

Xestión comercial e técnicas de seguros e reaseguros privados-nivel 3

Lingua estranxeira

Familia profesional: Comercio e Márketing

Código

Certificado de profesionalidade

Lingua estranxeira

COML0109

Tráfico de mercadorías por estrada-nivel 3

Inglés

COML0209

Organización do transporte e a distribución-nivel 3

Inglés

COML0210

Xestión e control do aprovisionamento-nivel 3

Inglés

COML0211

Xestión comercial e financeira do transporte por estrada-nivel 3

Inglés

COMM0110

Márketing e compravenda internacional-nivel 3

Inglés e outra

lingua estranxeira

COMM0112

Xestión de márketing e comunicación-nivel 3

Inglés

COMT0110

Atención ao cliente, consumidor ou usuario-nivel 3

Inglés

COMT0111

Xestión comercial inmobiliaria-nivel 3

Inglés

COMT0210

Xestión administrativa e financeira do comercio internacional-nivel 3

Inglés

COMT0411

Xestión comercial de vendas-nivel 3

Inglés

COMV0108

Actividades de venda-nivel 2

Inglés

Familia profesional: Hostalaría e Turismo

Código

Certificado de profesionalidade

Lingua estranxeira

HOTA0308

Recepción en aloxamentos-nivel 3

Inglés

HOTG0108

Creación e xestión de viaxes combinadas e eventos-nivel 3

Inglés

HOTG0208

Venda de produtos e servizos turísticos-nivel 3

Inglés

HOTI0108

Promoción turística local e información ao visitante-nivel 3

Inglés

HOTR0209

Sumillaría-nivel 3

Lingua estranxeira

HOTR0309

Dirección en restauración-nivel 3

Inglés

HOTR0409

Xestión de procesos de servizo en restauración-nivel 3

Inglés

HOTR0508

Servizos de bar e cafetaría-nivel 2

Inglés

HOTR0608

Servizos de restaurante-nivel 2

Inglés

HOTT0112

Atención a pasaxeiros en transporte ferroviario-nivel 2

Inglés

HOTU0111

Garda de refuxios e albergues de montaña-nivel 2

Lingua estranxeira

Familia profesional: Transporte e Mantemento de Vehículos

Código

Certificado de profesionalidade

Lingua estranxeira

TMVO0212

Asistencia a pasaxeiros, tripulacións, aeronaves e mercadorías en aeroportos-nivel 2

Inglés

TMVO0111

Tripulación de cabina de pasaxeiros-nivel 3

Inglés

Familia profesional: Marítimo-Pesqueira

Código

Certificado de profesionalidade

Lingua estranxeira

MAPN0712

Operacións portuarias de carga, estiba, descarga, desestiba e transbordo-nivel 2

Inglés

Familia profesional: Téxtil, Confección e Pel

Código

Certificado de profesionalidade

Lingua estranxeira

TCPF0412

Asistencia técnica en loxística dos procesos de externalización da produción téxtil, pel e confección-nivel 3

Inglés

Familia profesional: Seguridade e Medio Ambiente

Código

Certificado de profesionalidade

Lingua estranxeira

SEAD0312

Teleoperacións de atención, xestión e coordinación de emerxencias-nivel 3

Inglés

missing image file
missing image file