Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 9 de marzo de 2021 Páx. 13811

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 2021, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Ribas de Sil para a delimitación dos núcleos rurais de San Pedro, Pousanova, Pousavella e Relosío.

O día 23.11.2020 o Concello de Ribas de Sil remitiu o proxecto de modificación puntual (MP) datado en setembro de 2020, aprobado provisionalmente polo Pleno do 23.10.2020, para os efectos de resolver sobre a súa aprobación definitiva, conforme o establecido no artigo 60.16 da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG).

Analizada a documentación achegada; e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Ribas de Sil réxese polo Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente o 17.3.2009, que delimita na área de San Pedro un núcleo rural –NR-2– que abrangue terreos desta entidade de poboación, así como, parte dos terreos correspondentes ás entidades de Pousanova, Pousavella e Relosío.

2. De acordo coa documentación remitida polo Concello, a tramitación incluíu:

• Emisión de informes municipais, xurídico (20.3.2014) e técnico (29.4.2014).

• Aprobación inicial da delimitación (acordo plenario do 5.5.2014).

• Exposición pública, con anuncios en El Progreso (14.5.2014), La Voz de Galicia (17.5.2014) e DOG (16.5.2014). Non se presentaron alegacións.

• Aprobación provisional da delimitación (acordo plenario do 1.9.2014).

• Emisión de informes sectoriais:

a) ADIF (2.1.2015), no cal se indican prescricións normativas para incorporar

b) DX de Telecomunicacións do Ministerio de Industria (28.1.2015), favorable.

c) Servizo de Montes de Lugo (24.2.2015). Manifesta inafeccións forestais.

d) Deputación de Lugo (17.4.2015), favorable.

e) Comisión Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) (21.9.2016), favorable.

f) DX Patrimonio Cultural (21.10.2016), favorable condicionado a correccións.

g) SubdX Planificación Ferroviaria do Min. de Fomento (24.4.2017) favorable.

• Emisións de informe-proposta de secretaría municipal (26.10.2016 e 20.11.2017).

• Aprobación provisional (2ª e 3ª) da modificación (27.10.2016 e 5.12.2017).

• Emisións de informe técnico e xurídico municipal (1.3.2019 e 1.3.2019).

• Aprobación provisional (4ª) da modificación (6.3.2019).

• Emisións de informe técnico e xurídico municipal (19.10.2020 e 28.9.2020).

• Aprobación provisional (5ª) da modificación (22.10.2020).

II. Aspectos xerais. Alcance da modificación.

II.1. A modificación ten por obxecto a delimitación e ordenación de varios asentamentos poboacionais existentes: tres de carácter tradicional –en San Pedro, Pousavella e Relosío– e dúas de carácter máis recente –en Pousanova e San Pedro–.

II.2. Os ámbitos nucleares delimitados atópanse na parroquia de San Clodio de Ribas de Sil, próximos ao núcleo da cabeceira municipal. Ocupan no seu conxunto unhas 14,15 ha, das cales 9,38 ha se tipifican como núcleo rural tradicional (NRT) –en San Pedro, Pousavella e Relosío–, e 4,77 ha como núcleo rural común (NRC) –en Pousanova e San Pedro–.

II.3. A modificación afecta, en conxunto, unha superficie dunhas 21,65 ha e leva unidos cambios de clasificación: 3,668 ha de solo rústico de especial protección reclasifícanse como solo de núcleo rural, e 7,538 ha –que forman parte do NR-2 delimitado polo PXOM– reclasifícanse como solo rústico.

II.4. O NRC de San Pedro e NRT de San Pedro están afectados pola vía férrea 06-800 León-A Coruña e pola estrada provincial LU-P-5302; o NRT de San Pedro atópase atravesado por un curso fluvial (río de San Pedro).

II.5. Ademais da clasificación dos terreos afectados e da delimitación dos núcleos, o proxecto define o trazado da rede viaria dentro destes –mantendo na maior parte as aliñacións existentes e propondo a ampliación dalgúns treitos viarios e a creación dun novo– e delimita as zonas edificables, regulando as condicións de usos e edificación. Identifica unha dotación pública existente (capela de San Pedro) e cataloga 4 ámbitos de edificación tradicional e 25 elementos arquitectónicos de valor cultural.

III. Análise e observacións.

III.1. Analizada a documentación achegada, púidose comprobar que foron corrixidas as deficiencias sinaladas no requirimento desta DXOTU do 25.4.2019.

III.2. Porén, e respecto á documentación que presentar, cómpre sinalar que o 25.5.2020 entrou en vigor a Orde do 10.10.2019 de aprobación das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia. Na disposición transitoria segunda sinálase que os documentos de planeamento aprobados inicialmente á entrada en vigor destas normas que se remitan á consellería competente en materia de urbanismo para informe ou aprobación, achegarán os datos xeográficos do documento en soporte vectorial xeorreferenciado ou axustado ás normas técnicas do planeamento.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dunha modificación puntual de planeamento xeral que teña por obxecto delimitacións de solo de núcleo rural corresponde á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de conformidade co disposto no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

IV. Resolución.

Visto canto antecede, en virtude do establecido no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a modificación do Plan xeral de ordenación municipal de Ribas de Sil para a delimitación dos núcleos rurais de San Pedro, Pousanova, Pousavelle e Relosío, con subxección ao cumprimento do sinalado na parte III.2 desta resolución.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, esta Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. Notifíquese ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

4. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar a normativa da modificación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

5. Contra esta resolución cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2021

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo