Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 11 de marzo de 2021 Páx. 14209

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 26 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se convocan para os anos 2021, 2022, 2023 e 2024 (código de procedemento BS403C).

O Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, establece no artigo 1.3.d) que a protección da maternidade é unha necesidade social e que todas as cargas e coidados que supón a gravidez, o parto, a crianza, a socialización das fillas e fillos deben recibir axuda directa das institucións públicas galegas, a fin de non constituír discriminación gravosa para as mulleres.

Neste sentido, a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 3, os obxectivos do Sistema galego de servizos sociais, incluíndo entre estes o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recoñece no seu artigo 6 como un dos principios de responsabilidade pública o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

De conformidade co Decreto 216/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, atribúeselle á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas públicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garanten un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias.

A atención das necesidades de conciliación das familias galegas é igualmente unha das áreas estratéxicas do Programa de apoio á natalidade (PAN), un programa posto en marcha pola Administración autonómica co obxectivo de dar unha resposta global ás necesidades das nais e dos pais galegos de forma que se garanta o benestar das familias e estas sexan apoiadas dun xeito integral e continuo.

Por iso, e tendo en conta a experiencia doutros países europeos seguida noutras comunidades autónomas, o Goberno da Xunta de Galicia considera de interese seguir potenciando un recurso inspirado na figura da assistante maternelle francesa ou childminder do Reino Unido, que atende, a miúdo no seu propio domicilio, grupos reducidos de nenos e nenas.

En consonancia co anterior, esta orde de convocatoria diríxese a apoiar de novo a posta en marcha de experiencias piloto nos núcleos rurais de Galicia que, por mor da súa escaseza de poboación, carecen de recursos de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, coa finalidade de que as ditas experiencias piloto poidan garantir a posta en marcha eficiente de servizos de conciliación formalmente regulados.

Estes servizos, baixo a denominación de casas niño, proporcionarán atención a nenos e nenas en pequenos grupos, de xeito flexible e con garantías de seguridade e calidade.

Con esta actuación aténdense as necesidades de conciliación das familias e favorécese a equidade no acceso aos servizos con independencia do lugar de residencia. Ao mesmo tempo, póñense en valor cualificacións maiormente posuídas polas mulleres, o que favorece o seu acceso ao mercado laboral e a súa permanencia no territorio, e contribúe tanto a promocionar a igualdade entre mulleres e homes como a frear o declive demográfico.

Por outra banda, impulsarase e apoiarase a prestación destes servizos de atención á infancia mediante fórmulas de autoemprego e de economía social, que teñen demostrado ser eficaces para a dinamización económica local e, en consecuencia, para a fixación de poboación ao territorio.

Con esta estratexia preténdese crear oportunidades vitais para reter e atraer poboación nova ao rural galego e fomentar o reequilibrio territorial, aspectos ambos os dous especialmente importantes en territorios afectados polo declive demográfico, como as áreas rurais de Galicia, sobre todo as de interior, onde a fixación de poboación se presenta como unha cuestión prioritaria e as oportunidades laborais como un piar de desenvolvemento.

En consecuencia, como un elemento máis de avance na corrección dos desequilibrios territoriais e demográficos que experimenta Galicia, a través desta orde prestarase especial atención a factores como a dispersión xeográfica e ao envellecemento da poboación, para contribuír á revitalización demográfica e á cohesión territorial.

O impulso desta experiencia piloto realízase a través desta convocatoria pública de axudas baixo o procedemento de concorrencia competitiva financiada parcialmente polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no programa operativo de Galicia 2014-2020, eixe prioritario 10, prioridade de inversión 05, obxectivo específico 01.

Esta orde de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Así mesmo, enmárcase no programa operativo Feder Galicia para o período 2014-2020, de conformidade co disposto no artigo 125.3.e) do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, e no Regulamento (UE) 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) 1080/2006.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas para a posta en marcha de experiencias piloto destinadas á atención de nenas e nenos de ata tres anos de idade mediante o establecemento dunha casa niño, nos núcleos rurais do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia en que non exista ningún outro recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade (código de procedemento BS403C).

Para os efectos desta orde, considéranse núcleos rurais os concellos de menos de cinco mil habitantes e enténdense por recursos de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade as escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais, as escolas infantís 0-3 dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, as escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais e as escolas infantís 0-3 dependentes das entidades privadas de iniciativa social que reciban axudas da Xunta de Galicia para o mantemento do centro. Igualmente, entenderase que existen recursos de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade se os anteditos equipamentos dos ditos servizos están en construción ou previstos nun documento de planificación da Administración autonómica ou local.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas axudas para a posta en marcha de experiencias piloto de casas niño durante os anos 2021, 2022, 2023 e 2024.

Artigo 2. Características do proxecto piloto

1. A casa niño ofrecerá unha atención integral e personalizada a nenos e nenas en idades comprendidas entre os 3 meses e os 3 anos, a cal comprenderá a atención específica das súas necesidades básicas de alimentación, hixiene e descanso de acordo coa súa idade e a contribución ao seu desenvolvemento físico, motor, afectivo, intelectual e social. A este respecto deseñarase e organizarase un ambiente que faga posible a construción das primeiras aprendizaxes de identidade e autonomía persoal, de relación co contorno e de comunicación social, sempre en estreita colaboración coas familias.

2. Este proxecto piloto desenvolverase con carácter gratuíto na modalidade de atención diúrna e de luns a venres durante todo o ano, agás os días festivos e un mes cada doce, no cal a casa niño permanecerá pechada por vacacións.

3. Salvo as excepcións contidas no número anterior, o proxecto debe manterse en funcionamento ininterrompidamente durante todo o ano, polo que é necesario contar cunha persoa que substitúa a titular no caso de ausencia, enfermidade ou algunha situación de emerxencia.

4. A atención prestada comprenderá o servizo de cociña, entendendo por este quentar alimentos, a hixiene dos nenos e nenas e o desenvolvemento de actividades de tipo educativo, como obradoiros e xogos e acompañamento no xogo libre. En todo caso, serán achegados polas familias tanto o leite e os alimentos xa cociñados como o material de hixiene, tales como cueiros, toalliñas ou cremas.

5. As familias poderán levar os nenos e nenas un máximo de oito horas diarias nun horario flexible que se pactará co/coa profesional que desenvolva o proxecto piloto. Tamén se pactará coas familias un mes ao ano, ou parte proporcional ao período de desenvolvemento do proxecto, no cal a casa niño permanecerá pechada por vacacións.

6. Cada casa niño terá un máximo de cinco prazas e para os efectos desta orde as nenas e nenos con necesidades específicas de apoio educativo suporán dúas prazas. En ningún caso poderá haber máis dun neno ou nena con estas necesidades por casa.

Os nenos e nenas que acudan á casa niño deberán estar en todo caso empadroados/as no concello en que esta se sitúe ou nun limítrofe onde non existan recursos de atención á infancia de ata tres anos de idade e acreditar o cumprimento do calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.

No suposto de que haxa unha demanda de prazas superior ás que se ofertan, circunstancia que deberá ser posta en coñecemento da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, terán prioridade, se as houber, as solicitudes de mulleres vítimas de violencia de xénero empadroadas no concello en que se sitúe a casa niño ou nun limítrofe onde non existan recursos de atención á infancia de ata tres anos de idade, a continuación as de irmáns/ás de nenos e nenas que xa están asistindo á casa niño e as de nenos e nenas empadroados/as no concello, por esta orde. De ser aínda necesario, aplicarase o baremo coas puntuacións establecidas no anexo VIII.

7. Para acceder ao financiamento previsto, é necesario que no concello onde se propoña o desenvolvemento do proxecto exista un mínimo de tres nenos/as potenciais usuarios/as. Igualmente, é preciso que se atenda un mínimo de nenos/as, que na primeira anualidade de desenvolvemento do proxecto piloto se establece en tres, número mínimo que, por falta de demanda, poderá baixar a dous nas sucesivas anualidades, circunstancia que en todo caso deberá ser comunicada e debidamente xustificada á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

Artigo 3. Financiamento

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total dun millón seiscentos setenta e dous mil euros (1.672.000 €), distribuído en catro anualidades e que se imputará ás aplicacións orzamentarias que se indican:

Aplicación

Importe 2021

Importe 2022

Importe 2023

Importe 2024

Importe total

13.02.312B.770.0

300.000 €

-----

-----

300.000 €

13.02.312B.470.0

196.000 €

392.000 €

392.000 €

392.000 €

1.372.000 €

Total

496.000€

392.000 €

392.000 €

392.000 €

1.672.000 €

2. A partida 13.02.312B.770.0 destinarase ao financiamento de gastos de investimento e estará cofinanciada ao 80 % con fondos do programa operativo Feder de Galicia 2014/2020.

3. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas para pór en marcha unha casa niño as persoas físicas que se establezan como empresarias autónomas e as cooperativas de traballo asociado que reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión, ou contar cando menos cunha persoa socia que o estea no caso de cooperativas de traballo asociado, de calquera das titulacións que se recollen a continuación, ou equivalentes, ou da formación ou experiencia seguintes:

1º. Técnico/a superior en Educación Infantil.

2º. Grao en mestre/a de Educación Infantil/Educación Primaria.

3º. Grao en Pedagoxía, Psicoloxía ou Educación Social.

4º. Diploma que acredite ter realizado o curso de formación integral ou o curso de formación complementaria para futuros/as profesionais das casas niño impartidos pola Xunta de Galicia.

5º. Formación acreditada en áreas relacionadas coa atención á infancia e coidados infantís ou experiencia profesional acreditada neste ámbito.

b) Residir nun núcleo rural en que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, ou facelo con anterioridade á posta en marcha do proxecto piloto.

c) Contar cun inmoble nun núcleo rural en que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, ou dispor del con anterioridade á posta en marcha do proxecto piloto. O dito inmoble estará dotado cos seguintes recursos, para os cales poderá pedir esta axuda:

1º. Sistema de calefacción que cubra todas as estancias dedicadas ao desenvolvemento da iniciativa e conte coa protección dos elementos calefactores precisa para evitar as queimaduras por contacto, os atrapamentos ou outros riscos para a integridade das e dos menores.

2º. Unha sala con iluminación e ventilación naturais directas e un mínimo de 20 metros cadrados, distribuída e organizada con criterios de flexibilidade para dar resposta ás distintas necesidades das nenas e nenos de 0-3 anos.

3º. Dúas zonas, unha para o descanso e outra para a hixiene infantil. A zona de descanso e, de ser o caso, o mesado cambiador poderán estar integrados na sala principal.

4º. Unha zona para a preparación, almacenamento e conservación de alimentos dotada, cando menos, dun mesado, frigorífico, vertedoiro e microondas.

5º. Elementos de protección: enchufes de seguridade infantil sempre que se sitúen por debaixo de 1,5 metros, protectores de dedos nas dúas caras das portas, seguros de ventás, barreira de seguridade con porta en zonas con diferentes alturas ou escaleiras e extintor/es para a protección contra incendios.

6º. Un mobiliario e equipamento básico para a atención das nenas e nenos, que incluirá como mínimo: cambiador de cueiros, berces, sabas, mantas, colchóns, contedor de cueiros, ouriñais, tronas, hamacas, adaptadores de inodoro e materiais didácticos e de xogo axeitados para as idades dos nenos e nenas e con marcación CE.

En todo caso, o mobiliario deberá ter bordos romos ou protectores que os cubran para que careza de arestas. Así mesmo, na sala e na zona de descanso, no suposto de estar nunha estancia separada, os materiais dos solos e das paredes ata unha altura de 1,5 metros deberán ser cálidos, lisos, non porosos, facilmente lavables e aptos para a súa desinfección. Na sala deberá crearse unha superficie continua e non esvaradía, axeitada para gatear.

As estancias e zonas anteriormente citadas deben estar situadas nun único andar. No caso de tratarse dun inmoble non destinado a vivenda, este deberá estar ademais na planta baixa.

d) Dispor dun plan de actuación cos/cas nenos/as para atender eventuais emerxencias que se poidan producir na casa niño.

e) Acreditar o estado de saúde cunha revisión médica anual. No caso de cooperativas de traballo asociado, esta acreditación deberá estar referida á/ás persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto piloto.

2. O requisito establecido na letra a) do número anterior deberá cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. O resto de requisitos previstos no número anterior deberán acreditarse no prazo de dous meses desde a recepción da resolución de concesión, ampliable a tres para os supostos de constitución dunha cooperativa de traballo asociado. Todos os requisitos previstos no número 1 deberán manterse durante o período de permanencia da actividade. Respecto das cooperativas de traballo asociado, de non estaren constituídas, no momento de presentación da solicitude deberán ter iniciado os trámites para a súa constitución.

3. As persoas solicitantes deberán acreditar mediante declaración responsable que non están incursas en ningunha das causas de prohibición previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiarias.

Artigo 5. Accións e gastos subvencionables

1. Serán subvencionables ao abeiro desta convocatoria os gastos derivados das seguintes actuacións:

a) A reforma e adaptación do inmoble destinado a servir de casa niño, así como o seu equipamento e dotación material que se require no artigo 4. O mobiliario, electrodomésticos e os materiais didácticos e de xogo poderán ser de segunda man, sempre que estean en perfecto estado de uso e conste unha declaración de quen os vende sobre a orixe dos bens e sobre que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria, e que o prezo non sexa superior ao valor de mercado e ao custo dos bens novos similares. Estes requisitos do prezo acreditaranse mediante certificación de taxación independente.

b) A prestación da atención personalizada de nenos e nenas de 0-3 anos nas condicións previstas no artigo 2.

c) A publicidade e información derivadas das obrigas recollidas no artigo 27.

2. Os gastos previstos no número 1.a), para seren subvencionables, deberán ser necesarios e corresponderse de maneira indubidable coa operación cofinanciada. Así mesmo, de acordo co disposto no artigo 65.6 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, só serán subvencionables aquelas operacións que, tendo comezado con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2021, non estean totalmente finalizadas no momento da presentación da solicitude de axuda e respecto dos gastos que sexan efectivamente pagados no prazo de execución, que é de dous meses computados desde a recepción da resolución de concesión, ampliable a tres para os supostos de constitución dunha cooperativa de traballo asociado.

Sempre que o custo elixible do investimento que se subvenciona supere as contías establecidas na normativa de contratación do sector público vixente no momento de realización do gasto para o contrato menor de obras ou de subministracións segundo a tipoloxía do gasto de que se trate, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de distintos provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a obra ou entrega do ben. A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro.

Non será necesario acreditar as tres ofertas no caso de que, polas especiais características dos gastos que se subvencionan, non exista no mercado suficiente número de entidades que o fornezan ou presten. Neste suposto deberá a persoa beneficiaria prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

3. Os gastos previstos deberán ser especificados na solicitude, tendo en conta que os investimentos só serán elixibles na primeira anualidade.

4. De acordo co disposto no artigo 69.3.c) do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, non se considera subvencionable o imposto sobre o valor engadido cando sexa recuperable.

Artigo 6. Permanencia mínima da actividade subvencionada

O período mínimo de permanencia da actividade subvencionada será de 3 anos desde o pagamento final da axuda polos gastos previstos no artigo 5.1.a). Exceptúanse deste requisito aqueles supostos en que causas de forza maior allea á vontade da/do profesional ou cooperativa que o desenvolve ou a falta de demanda impidan o desenvolvemento da actividade nas condicións establecidas no artigo 2.7.

Artigo 7. Tipos de axuda e contías

1. As axudas para gastos de investimento consistirán nunha subvención de ata o 100 % dos gastos elixibles, cun límite máximo global por casa niño de 15.000 euros.

2. A axuda polo desenvolvemento do proxecto piloto consistirá nunha achega económica de 19.600 €/ano en forma de prima destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora no inicio da súa andadura. Este importe minorarase proporcionalmente en función dos meses efectivos de desenvolvemento.

Artigo 8. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

2. As axudas para gastos de investimento estarán cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, obxectivo temático 10-Investir en educación, formación e formación profesional para a adquisición de capacidades e unha aprendizaxe permanente, prioridade de investimento 10.5-Investir en educación, formación e formación profesional para a adquisición de capacidades e aprendizaxe permanente, mediante o desenvolvemento das infraestruturas en educación e formación, Obxectivo especifico 10.5.1-Mellorar as infraestruturas de educación e formación, actuación 10.5.1.4b-Axudas ao investimento en centros de atención á primeira infancia de 0-3 anos e casas niño, categoría de intervención CEO52-Infraestruturas para a atención e a educación da primeira infancia e están sometidas ao disposto no Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e no Regulamento (UE) 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) 1080/2006, así como ao previsto na Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolmento Rexional para o período 2014-2020. Así mesmo, estas axudas ampáranse no réxime de minimis establecido no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión. Polo tanto, de recibir a persoa física ou xurídica outras axudas baixo o réxime de minimis, deberase garantir que non se supera o límite de 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

3. O indicador do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 correspondente a estas axudas é o indicador de produtividade C035: Capacidade de coidado de nenos ou de infraestruturas de educación subvencionadas. Unidade de medida: persoas.

Artigo 9. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. De acordo co disposto no artigo 65.11 do Regulamento (UE) 1303/2013, no caso de concorreren no proxecto outras axudas financiadas con fondos estruturais e de investimento europeos (en diante, fondos EIE) ou outros instrumentos da Unión, serán compatibles coa condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pagamento correspondente a un dos fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro fondo ou instrumento da Unión, ou axuda do mesmo fondo no marco dun programa distinto. O importe do gasto que deberá consignarse nunha solicitude de pagamento dun fondo EIE pode ser calculado para cada fondo EIE e para o programa ou programas de que se trate a pro rata, de acordo co documento en que se establezan as condicións da axuda.

2. No caso de se percibiren outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo do investimento ou dos gastos de mantemento da actividade.

4. As persoas solicitantes deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, usando o formulario establecido para o efecto nesta orde, o cal terán que volver achegar actualizado sempre que varíe a situación inicialmente declarada.

Artigo 10. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa de estar en posesión da formación ou da experiencia recollidas no artigo 4.1.a) 4º e 5º. No caso de cooperativas de traballo asociado, esta documentación deberá estar referida á/ás persoa/s socia/s que desenvolverán o proxecto piloto.

b) Certificado médico oficial acreditativo do estado de saúde. No caso de cooperativas de traballo asociado, esta documentación deberá estar referida á/ás persoa/s socia/s que desenvolverán o proxecto piloto.

c) Memoria descritiva en que se recolla a localización xeográfica e o número potencial de nenas/os usuarias/os e se xustifique a súa necesidade e oportunidade, apoiada na análise da contorna e nos datos oficiais de poboación publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) dos últimos tres anos.

d) Proposta pedagóxica básica asinada pola/s persoa/s que desenvolverán o proxecto piloto, que en todo caso aborde os seguintes contidos: a organización do período de adaptación e a adquisición de hábitos de autonomía persoal con respecto á alimentación, o descanso e a hixiene desde a súa vertente educativa. A proposta incluirá, así mesmo, a programación xeral dunha xornada.

e) Descrición do equipamento e materiais que se empregarán no desenvolvemento do proxecto: características e composición de todos os elementos recollidos no artigo 4.1.c).

f) Memoria descritiva do inmoble con fotografías de todas as estancias e planos, a escala e acoutados, descritivos do estado actual. De se teren que realizar obras de reforma, tamén se incluirán planos a escala representativos do estado reformado.

g) Informe dos servizos técnicos municipais de que o inmoble proposto presenta ou terá, logo da reforma proposta, as características arquitectónicas establecidas nesta orde. No suposto de inmobles destinados a vivenda, este informe incluirá tamén referencia ao cumprimento das condicións de habitabilidade; no caso de inmobles non destinados a vivenda, a referencia será ao cumprimento dos requisitos establecidos no Código técnico da edificación (CTE) que lle sexan de aplicación.

h) Plan de actuación cos/cas nenos/as ante unha emerxencia durante o desenvolvemento do proxecto piloto.

i) Orzamento desagregado dos gastos de investimento segundo o establecido no anexo IV.

j) Certificado de discapacidade, de ser o caso, cando non fose expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

k) Documentación acreditativa de ser vítima de violencia de xénero, de ser o caso.

l) Anexo II cuberto cos datos da persoa que se vaia encargar do desenvolvemento do proxecto, no suposto de tratarse de cooperativas de traballo asociado.

m) Documentación acreditativa da dispoñibilidade do inmoble durante o período subvencionado (escritura de propiedade, contrato de arrendamento, documento de cesión, etc.).

n) Fotografías de todas as adaptacións realizadas.

ñ) Datos de identificación da persoa que se encargará de substituír a responsable do desenvolvemento do proxecto piloto nos supostos de ausencia, enfermidade ou emerxencia, así como copia da documentación recollida no artigo 4.1.a).4º e 5º.

o) Xustificante de ter contratada unha póliza de seguro que cubra as continxencias de responsabilidade civil, danos a terceiras persoas e accidentes durante o desenvolvemento da actividade subvencionada.

p) Alta no censo de obrigados tributarios do ministerio con competencia en materia de facenda, se é o caso.

2. A documentación prevista no número 1, letras m) a q), poderá presentarse ben no momento da solicitude co anexo I ou ben no prazo previsto no artigo 4.2, xunto co anexo III relativo á presentación de documentación non achegada coa solicitude.

3. A Consellería de Política Social reservará para si a facultade de solicitar a información complementaria que considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a (NIE) da persoa solicitante ou da que vai desenvolver o proxecto piloto no suposto de cooperativas de traballo asociado e número de identificación fiscal (NIF), no suposto de cooperativas de traballo asociado.

b) Certificación negativa do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais da persoa solicitante ou da que vai desenvolver o proxecto piloto, no suposto de cooperativas de traballo asociado.

c) Certificados de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia da persoa solicitante.

d) Titulacións oficiais universitarias mencionadas no artigo 4.1.a), da persoa solicitante ou da que vai desenvolver o proxecto piloto no suposto de cooperativas de traballo asociado.

e) Titulacións oficiais non universitarias mencionadas no artigo 4.1.a), da persoa solicitante ou da que vai desenvolver o proxecto piloto no suposto de cooperativas de traballo asociado.

f) Certificado de empadroamento da persoa solicitante ou da que vai desenvolver o proxecto piloto no suposto de cooperativas de traballo asociado.

g) Alta no imposto de actividades económicas da persoa solicitante.

h) Alta na Seguridade Social no réxime especial de autónomos no suposto de persoas físicas, ou afiliación da entidade e da persoa que vai desenvolver o proxecto piloto na Seguridade Social no caso de cooperativas de traballo asociado.

i) Inhabilitación para obter subvencións ou axudas.

j) Concesións de subvencións e axudas.

k) Concesións pola regra de minimis.

2. Consultaranse os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Certificación acreditativa de inscrición ininterrompida na oficina de emprego como demandante de emprego durante 12 ou máis meses, da persoa solicitante ou da que vai desenvolver o proxecto piloto no suposto de cooperativas de traballo asociado, de ser o caso. A demanda de emprego considerarase interrompida se se traballou un período acumulado de 90 ou máis días nos 365 anteriores á data de solicitude.

b) Certificación do grao de discapacidade cando sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia, de ser o caso, para os efectos da valoración dos criterios recollidos no artigo 16, da persoa solicitante ou da que vai desenvolver o proxecto piloto no suposto de cooperativas de traballo asociado.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado nos anexos I, II e V, e achegar os documentos.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento corresponde á subdirección xeral competente en materia de demografía e conciliación, quen realizará as correspondentes propostas de resolución.

2. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. Sen prexuízo do disposto no número anterior, poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, para aquelas que reúnan todos os requisitos e acheguen a documentación necesaria solicitarase un informe dos órganos competentes da Administración autonómica e mais do Concello para comprobar que non existe neste ningún recurso de atención á infancia nos termos previstos no artigo 1.1. Feita esta comprobación, as que cumpran os requisitos establecidos nesta orde serán remitidas á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo 15.

5. Respecto dos expedientes en que concorran causas de inadmisión, así como de declaración ou aceptación de desistencia, o órgano instrutor formulará a correspondente proposta.

6. A proposta de concesión de subvención realizarase conforme o informe emitido pola comisión de valoración prevista no artigo 15 e recollerá a orde de puntuación e o importe da axuda que corresponda a cada solicitude ata esgotar o crédito dispoñible En ningún caso se poderá incluír na dita proposta unha solicitude para un concello en que se acadase xa o número de casas niño necesario para dar cobertura á poboación infantil 0-3 que resida nel.

7. Nos supostos de resolución condicionada previstos no artigo 15.7, unha vez transcorrido o prazo establecido no artigo 4.2 desde a súa notificación sen ter recibido a documentación pendente, ou se a recibida non acredita o cumprimento de todos os requisitos establecidos nesta convocatoria, o órgano instrutor formulará a correspondente proposta de revogación da resolución de concesión.

Artigo 15. Comisión de Valoración

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, unha vez instruídos os expedientes, constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios de baremación de solicitudes establecidos, realizará a baremación e emitirá o correspondente informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada, con indicación da puntuación e da axuda aplicable en cada caso.

2. A Comisión rexerase polo establecido na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e mais na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no relativo aos órganos colexiados, e estará integrada polos seguintes membros:

a) A persoa titular do servizo con competencias en materia de conciliación familiar, ou persoa que a substitúa, que actuará como presidente/a.

b) A persoa titular do servizo con competencias en materia de planificación para o impulso demográfico.

c) Unha persoa traballadora da Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación, por proposta da persoa titular da presidencia, que actuará como secretario/a.

Se, por calquera causa, algunha das persoas que compoñen a Comisión de Valoración non puider asistir cando esta se reúna para o exame das solicitudes, será substituída pola/o funcionaria/o designada/o para estes efectos pola persoa que exerza a presidencia.

Se, por calquera causa, a persoa que exerza a presidencia non puider asistir á Comisión de Valoración, cando esta se reúna para o exame das solicitudes, será substituída pola persoa que designe o/a titular da dirección xeral con competencias en materia de familia, infancia e dinamización demográfica.

3. A avaliación realizarase segundo os datos oficiais publicados polo Instituto Galego de Estatística (en diante, IGE) e do que resulte da documentación presentada coa solicitude ou obtida de oficio polo órgano instrutor respecto das circunstancias recollidas na letra e) do artigo 16.1.

Nos casos de solicitudes con igualdade de puntuación, terase en conta, para os efectos de resolver o empate, a puntuación obtida criterio a criterio, seguindo a orde en que figuran relacionados, empezando polo primeiro, ata que se produza o desempate; no caso de esgotarse os criterios e persistir o empate, a preferencia determinarase pola data de presentación da solicitude.

4. Unha vez avaliados os expedientes e determinada a axuda que lle corresponde a cada proxecto, a Comisión fixará o limiar mínimo de puntuación necesario para acadar axuda, tendo en conta o crédito orzamentario e os topes xerais establecidos nestas bases.

Así mesmo, emitirá un informe segundo o cal a subdirección xeral competente en materia de demografía e conciliación formulará a proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada.

5. O informe da comisión concretará o resultado da avaliación efectuada, con indicación da puntuación e da axuda aplicable en cada caso.

6. En primeira adxudicación, para que esta iniciativa experimental acade a maior cobertura territorial posible na Comunidade Autónoma de Galicia, só se terán en conta as solicitudes para a posta en marcha de casas niño en concellos nos cales non estea funcionando ningunha.

Igualmente, no suposto de haber máis dunha solicitude para a posta en marcha dunha casa niño relativa a un mesmo concello que acade o limiar mínimo de puntuación necesario para obter axuda, en primeira adxudicación só se proporá unha axuda por concello. Unha vez atendidas, dentro das dispoñibilidades orzamentarias, todas as solicitudes que acaden o dito limiar, terase en conta, en sucesivas adxudicacións, de ser o caso, o resto de solicitudes para o mesmo concello, de acordo coa puntuación e criterios establecidos no artigo 16. En todo caso, a localización das novas casas niño propostas deberá ser nunha parroquia diferente do concello de que se trate, agás por razóns de asentamento da poboación convenientemente xustificadas.

7. Aquelas solicitudes a que lles falte documentación por tratarse da prevista no artigo 11.2 e no artigo12.1.f) e g) serán igualmente avaliadas. Neste caso o órgano instrutor proporá a súa resolución de concesión condicionada ao cumprimento de todos os requisitos recollidos nos ditos artigos no prazo establecido.

8. No caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda pero que non se inclúen na proposta anterior por terse esgotado o crédito dispoñible, quedarán en reserva para seren atendidas ben co crédito que quedase libre por non se ter enviado a documentación no prazo establecido nos supostos de resolución condicionada ou por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ou ben por incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución ata a fin do exercicio 2021 conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 16. Criterios de valoración

1. A Comisión de Valoración examinará as solicitudes presentadas e avaliaraas cun máximo de 120 puntos conforme os seguintes criterios:

a) Número de nenos/as de entre cero e tres anos residentes no concello onde se prestará o servizo segundo as cifras oficiais do padrón municipal de habitantes en 1 de xaneiro de 2020, ata 40 puntos, coa seguinte desagregación:

1º. Ata 6 nenos/as: 20 puntos.

2º. Máis de 6 nenos/as: 40 puntos.

b) Número de núcleos de poboación do concello en que se establecerá a casa niño publicados polo IGE no Nomenclátor en 1 de xaneiro de 2020, ata 25 puntos, coa seguinte desagregación:

1º. Entre 5 e 20: 15 puntos.

2º. Máis de 20: 25 puntos.

Para estes efectos, enténdese por núcleo de poboación o conxunto de polo menos dez edificacións, que están formando rúas, prazas e outras vías urbanas. O número de edificacións poderá ser inferior a 10, sempre que a poboación que as habita supere os 50 habitantes. Inclúense no núcleo aquelas edificacións que, estando illadas, distan menos de 200 metros dos límites exteriores do citado conxunto, ben que na determinación desta distancia se excluirán os terreos ocupados por instalacións industriais ou comerciais, parques, xardíns, zonas deportivas, cemiterios, aparcamentos e outros, así como as canles ou ríos que poidan ser cruzados por pontes.

c) Número de mulleres residentes no concello no cal se establecerá a casa niño de idades comprendidas entre 16 e 45 anos, segundo as cifras oficiais do padrón municipal de habitantes en 1 de xaneiro de 2020, ata 25 puntos, coa seguinte desagregación:

1º. Ata 50 mulleres: 10 puntos.

2º. Entre 51 e 100 mulleres: 15 puntos.

3º. Máis de 100 mulleres: 25 puntos.

d) Índice de envellecemento do ano 2020 publicado polo IGE da poboación do concello en que se establecerá a casa niño, ata 20 puntos, coa seguinte desagregación:

1º. Ata o 300 %: 5 puntos.

2º. Entre o 301 e 700 %: 15 puntos.

3º. Máis de 700 %: 20 puntos.

e) Contribución á integración laboral de persoas en situación de especial protección: paradas de longa duración, menores de 35 anos, maiores de 55 anos, con discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre que esta sexa valorada como compatible co desempeño da actividade subvencionada polo órgano competente da Administración autonómica e mulleres vítimas de violencia de xénero, ata 10 puntos, coa seguinte desagregación:

1º. Persoas paradas de longa duración: 2,5 puntos.

2º. Menores de 35 anos ou maiores de 55 anos: 2,5 puntos.

3º. Persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %: 2,5 puntos.

4º. Mulleres vítimas de violencia de xénero: 2,5 puntos.

No caso de cooperativas de traballo asociado, esta situación deberá estar referida a calquera das persoas socias que desenvolvan o proxecto piloto. Non será posible a acumulación de puntos por participar máis dunha persoa de cada grupo indicado.

Artigo 17. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo da fiscalización da proposta, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, que resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social.

Con anterioridade a ditarse a resolución de concesión, deberá quedar acreditado que a persoa beneficiaria está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O prazo para resolver e notificar será de cinco meses, que se computará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada.

Nos supostos de resolución condicionada, recollerase expresamente esta circunstancia e indicaranse os requisitos de entre os recollidos no artigo 11.2, que deben cumprirse para que esta teña efectos e o prazo establecido para o seu cumprimento.

3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva e de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as resolucións destas subvencións serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como as solicitudes desestimadas, con expresión sucinta dos motivos da desestimación.

4. Unha vez publicada a resolución das solicitudes no Diario Oficial de Galicia, por tratarse dunha axuda cofinanciada a través do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, cada entidade beneficiaria recibirá unha notificación electrónica co documento de condicións da axuda (DECA), que indicará a identificación da entidade beneficiaria, o obxecto da operación, a súa localización, os importes do custo total e da contribución pública, o calendario de execución, as obrigas específicas da entidade beneficiaria, así como os demais requisitos previstos na norma comunitaria aplicable.

A aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda, co contido previsto no número 1 do anexo XII e no artigo 115.2 do Regulamento (UE) 1303/2013:http://www.dgfc.sepg.minhafp.gob.es/sitios/dgfc/es-ES/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx. Esta lista de operacións publicarase no portal da Consellería de Política Social https://www.xunta.gal/politica-social.

5. Unha vez publicada a resolución das solicitudes e notificado o DECA ás entidades con axudas favorables, as entidades beneficiarias quedan obrigadas a comunicar expresamente no prazo de dez (10) días hábiles a aceptación das condicións da axuda. No caso de non comunicar este aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

6. Todos os proxectos subvencionados serán obxecto de inspección por persoal da Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais da Consellería de Política Social coa finalidade de comprobar que a casa niño é adecuada para o desenvolvemento do proxecto nos termos que se recollen no artigo 4.1.c). A inspección realizarase unha vez recibida toda a documentación prevista no artigo 4 e con anterioridade á súa posta en funcionamento.

Artigo 18. Publicación e notificacións

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os actos administrativos de requirimento de emenda de documentación, así como as correspondentes resolucións. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

Así mesmo, de forma complementaria poderá efectuarse a notificación de todos os actos administrativos de acordo co reflectido nos parágrafos seguintes.

2. As notificacións electrónicas complementarias realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

3 As notificacións complementarias entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro da presente orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interporse ben o recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, se esta fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ben directamente o recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, se esta fose expresa, ou de seis meses a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto.

Non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se desestime por silencio o recursos de reposición interposto.

Artigo 20. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 21. Obrigas das persoas beneficiarias

1. De conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable, as persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención e o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano que a concede, sen prexuízo da facultade da Consellería de Política Social de comprobar a realización material das actuacións. Nos supostos en que se vexa afectada esta actuación por indicación da autoridade sanitaria, observarase o disposto no artigo 24.2.c).

b) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder, e conservar toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de tres anos, que se contará a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación ante a Comisión Europea, data que se comunicará á persoa beneficiaria.

c) Ter unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manter as infraestruturas e equipamentos subvencionados destinados ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención por un período non inferior ao establecido no artigo 6, tal como recolle o artigo 29.4.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 71 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora legalmente establecidos desde o momento do pagamento da subvención. Ademais, deberá garantirse a durabilidade dos investimentos financiados con fondos Feder nos termos previstos no artigo 71 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

d) Facer constar en todo tipo de publicidade e información relativos aos programas e actuacións realizados a condición de subvencionados pola Xunta de Galicia e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional 2014/2020, segundo o establecido no anexo XII do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e nos artigos 3 a 5 do Regulamento de execución (UE) 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ás modalidades concretas de transferencia e xestión das contribucións do programa, a presentación de información sobre os instrumentos financeiros, as características técnicas das medidas de información e comunicación das operacións, e o sistema para o rexistro e o almacenamento de datos.

e) Levar un rexistro de persoas usuarias, en soporte papel ou electrónico, onde consten os datos de identidade dos nenos e nenas que se atenden e dos/das proxenitores/as, así como o día e o horario de atención e as autorizacións para a administración de medicamentos, de ser o caso, e conservar os rexistros mensuais de asistencia de todo o período subvencionable.

f) Cumprir co establecido na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos, e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), respecto dos datos de carácter persoal que manexen no desenvolvemento do proxecto piloto.

g) Informar o público de que o servizo está financiado pola Xunta de Galicia e polo Feder, así como dos obxectivos dos fondos. No lugar de prestación do servizo, colocarase nun sitio destacado e visible un cartel informativo dun tamaño mínimo A3 no cal aparezan os anagramas da Xunta de Galicia e do Feder. No caso de que exista unha páxina web específica para o proxecto, tamén se deberá facer nela unha descrición do proxecto, cos seus obxectivos e resultados, destacando o apoio financeiro recibido dos fondos Feder.

h) Efectuar a xustificación para a percepción da axuda conforme o establecido nesta orde.

i) Facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

j) Someterse ás actuacións de comprobación e control e facilitar toda a información requirida pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica e polos servizos de inspección da Consellería de Política Social, polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

k) Comunicarlle á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, e non superar as porcentaxes máximas de acumulación establecidas na normativa comunitaria europea.

l) Acreditar cunha periodicidade anual o estado de saúde co correspondente certificado médico oficial. No caso de cooperativas de traballo asociado, esta acreditación deberá estar referida á/ás persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto piloto.

m) Contratar un seguro que cubra as continxencias de responsabilidade civil, danos a terceiras persoas e accidentes durante o desenvolvemento da actividade subvencionada.

n) Pór en coñecemento da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica todas as situacións que dean lugar á substitución da persoa titular do recurso con anterioridade a que se produza, sempre que non sexa debida a unha situación imprevista ou no prazo de dez días desde que se produzan no resto dos casos. Nestes supostos deberase achegar a documentación xustificativa do contrato laboral e alta na Seguridade Social, así como o certificado médico oficial do estado de saúde da persoa substituta e certificación negativa do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais, no caso de oposición expresa á consulta dos seus datos.

ñ) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, estar ao día nas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

o) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

p) Todas aquelas obrigas e requisitos que se desprendan do articulado desta orde e dos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e da súa normativa de desenvolvemento.

2. Ademais, en virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a lle subministrar á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 22. Xustificación da subvención

1. As persoas beneficiarias deberán xustificar cada anualidade de xeito independente.

2. Para xustificar a axuda de investimento, que comprenderá as actuacións realizadas no ano 2021, presentaranse, con data límite do prazo de finalización da execución previsto no artigo 5.2, os seguintes documentos:

a) Solicitude de pagamento (anexo V).

b) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e de pagamento.

c) Facturas ou documentos de valor probatorio equivalente do total dos gastos realizados xunto cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento. De acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados pola entidade bancaria e asinados pola persoa representante da entidade bancaria autorizada para os ditos efectos.

d) Declaración responsable sobre o cumprimento das obrigas establecidas no artigo 21 segundo o modelo do anexo VII.

Para os efectos desta orde, os gastos de investimento teñen que cumprir os seguintes requisitos: ser gastos da acción, adecuados aos obxectivos da medida a que pertence a actuación, ser verificable documentalmente a súa realización e ser realizados e efectivamente pagados dentro do período establecido no artigo 5.2.

Sempre que o custo elixible do investimento supere as contías establecidas na normativa de contratación do sector público vixente no momento de realización do gasto para o contrato menor de obras ou de subministracións segundo a tipoloxía do gasto de que se trate, a persoa beneficiaria deberá acreditar a solicitude de, como mínimo, 3 ofertas de distintos provedores. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Non será necesario acreditar as 3 ofertas no caso de que polas especiais características dos gastos que se subvencionan non exista no mercado suficiente número de entidades que o fornezan ou presten. Neste suposto a persoa beneficiaria deberá prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

As facturas presentadas deberán cumprir os seguintes requisitos formais:

a) A copia de cada factura deberá conter unha explicación detallada do gasto en relación coa acción subvencionada, así como o prezo unitario.

b) Conterán os datos identificativos de quen a expide (nome, apelidos, denominación ou razón social, NIF e enderezo), así como do/da destinatario/a, que deberá ser a persoa física ou xurídica subvencionada.

c) Incluirán o IVE correspondente ou o imposto equivalente. Cando a cota se repercuta dentro do prezo, deberá indicarse «IVE incluído», así como o lugar e a data.

d) Xuntarase o comprobante bancario do seu pagamento.

Non se admitirán xustificantes de aboamento en metálico. Os pagamentos mediante transferencia bancaria ou tarxeta de crédito/débito deberán vir conformados ou verificados pola entidade bancaria. Se a transferencia engloba varias facturas, achegarase a relación destas. Para o caso de pagamentos realizados mediante tarxeta de crédito/débito, a tarxeta deberá estar asociada á conta da persoa beneficiaria.

3. A xustificación da axuda concedida a través da prima de cada anualidade presentarase con data límite do 5 de decembro do ano correspondente.

Xunto con cada solicitude de pagamento da prima (anexo V) presentaranse os rexistros mensuais de asistencia (anexo VI) asinados pola/s persoa/s responsable/s do desenvolvemento do proxecto e mais polos/as pais/nais, titores/as ou gardadores/as legais dos nenos e nenas que acoden á casa niño, excepto o rexistro mensual de asistencia do mes de decembro de cada anualidade, que se presentará por sede electrónica con data límite do 31 de decembro.

Adicionalmente, na xustificación final de cada anualidade presentarase a seguinte documentación:

a) Memoria de actuación onde consten todas as prestacións realizadas ás familias asinada pola persoa responsable da casa niño.

b) Acreditación documental, material e/ou gráfica, a través de fotografías, copias ou capturas de pantalla, do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

c) Certificado médico oficial acreditativo do estado de saúde da persoa titular do recurso. No caso de cooperativas de traballo asociado, esta certificado deberá estar referido á/ás persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto piloto.

4. No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta, requirirase a persoa beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, e advírteselle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da axuda e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de mora.

Artigo 23. Pagamento

1. Na anualidade 2021 as persoas beneficiarias percibirán un pagamento de ata o 80 % da cantidade da subvención concedida para gastos de investimento en concepto de pagamento anticipado, con anterioridade á xustificación da axuda, que se realizará mediante resolución motivada, de acordo co disposto no artigo 63.dous do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Este anticipo farase efectivo a partir da notificación da concesión, ou do cumprimento de todos os requisitos e condicións previstos nesta orde nos supostos de concesión condicionada, aspecto que será comprobado polos servizos de inspección da Consellería de Política Social con carácter previo ao libramento de fondos. O importe restante que corresponda para completar o pagamento dos gastos de investimento realizados librarase logo da súa xustificación e da xustificación da prestación do servizo nas condicións exixidas nesta orde e da comprobación material destes aspectos.

2. En relación co pagamento da prima polo desenvolvemento do proxecto, as persoas beneficiarias percibirán na primeira anualidade, con anterioridade á xustificación da axuda, un pagamento de ata o 100 % da cantidade da subvención que lles corresponda pola atención relativa á dita anualidade en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo a partir da comunicación de autorización de inicio da actividade.

Nas sucesivas anualidades realizarase, unha vez que se abra contablemente o correspondente exercicio orzamentario, un pagamento anticipado de ata o 75 % da subvención que corresponda por este concepto.

O importe restante librarase nas sucesivas anualidades, logo da xustificación polas persoas beneficiarias do desenvolvemento do proxecto piloto nas condicións exixidas nesta orde. O importe total da subvención establecerase en función dos meses efectivos de funcionamento.

Por solicitude da persoa beneficiaria, realizaranse pagamentos á conta da liquidación definitiva cuxo importe total non poderá superar o 90 % da contía anual da subvención concedida. En todo caso deberá presentarse unha solicitude de pagamento relativa ás actuacións realizadas en cada anualidade, con data límite do 5 de decembro de cada unha delas.

3. Antes de realizar o pagamento de cada liquidación final anual, o órgano xestor incorporará ao expediente a acreditación de que as adxudicatarias están ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 24. Incumprimento, revogación e reintegro de axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das obrigas previstas no artigo 21 e concretamente:

a) O incumprimento da finalidade ou do obxectivo para os cales se concedeu a subvención ou da obriga de xustificar a realización da actuación e a non permanencia mínima da actividade subvencionada, nos termos dispostos no artigo 6 e tendo en conta o disposto no artigo 71 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

b) A obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos.

2. Para os efectos desta orde, considéranse supostos de reintegro parcial:

a) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas e os investimentos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder, que suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

b) Non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido no artigo 21.1.d), que suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

c) Non manter a actividade presencial por indicación da autoridade sanitaria por tempo superior a un mes, que suporá o reintegro do 2 % da contía da axuda percibida en concepto de prima anual, prevista no artigo 7.2, durante o período de tempo en que a casa niño permaneza pechada sempre que a persoa beneficiaria mantivese a súa alta como traballadora autónoma no réxime especial de traballadores autónomos da Seguridade Social e a súa alta fiscal.

d) Non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, que suporá a perda dun 5 % da subvención concedida. Esta porcentaxe do 5 % aplicarase unha vez descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

e) Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido no artigo 6, o que suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

No caso de condicións que constitúan obrigas que a entidade beneficiaria debe acreditar en fase de xustificación, tales como obrigas de publicidade ou comunicación doutras axudas, estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste número só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecte en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo ás ditas obrigas.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os números anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

4. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES82-2080-0300-87-3110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 25. Infraccións e sancións

Ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 26. Control e verificación

Todas as axudas concedidas ao abeiro desta orde estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento; ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e ás de comprobación e control obrigadas pola normativa comunitaria de aplicación.

Artigo 27. Publicidade e información

1. Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, de conformidade co previsto no anexo XII, número 2.2, do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, a persoa beneficiaria deberá cumprir os seguintes requisitos de publicación e comunicación:

a) Recoñecer en todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo o apoio da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto, incluíndo a imaxe institucional da Xunta de Galicia e mostrando:

1º. O emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea.

2º. Referencia ao fondo Feder que dá apoio ao proxecto.

3º. Referencia ao lema do fondo «Unha maneira de facer Europa».

b) Realizar durante a execución do proxecto e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento as seguintes accións de comunicación:

1º. Mostrar unha breve descrición do proxecto na páxina de inicio do seu sitio da internet, no caso de que dispoña dun, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, dos seus obxectivos e resultados e destacando o apoio financeiro da Xunta de Galicia e da Unión Europea.

2º. Colocar polo menos un cartel, dun tamaño mínimo A3, con información sobre o proxecto, no cal se mencionará a axuda financeira da Xunta de Galicia e da Unión Europea, nun lugar visible para o público, por exemplo, na entrada do edificio.

c) De facer uso de aplicacións informáticas, realizando as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación: «axuda», «acerca de» ou similares; cando se elaboren materiais divulgativos do recurso, como cadernos, folletos ou notas informativas, recollendo na contraportada das ditas publicacións as citadas referencias.

2. No portal da Consellería de Política Social informarase das características do dito cartel e dos logos e lendas de obrigada inclusión.

Artigo 28. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007,do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 29. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código BS403C, poderase obter documentación normalizada ou información no enderezo https://sede.xunta.gal, na Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, ou do portal da Consellería de Política Social, https://www.xunta.gal/politica-social, do teléfono 012 ou no enderezo electrónico demografiaeconciliacion@xunta.gal.

Disposición adicional primeira. Medidas antifraude

Ao abeiro do disposto no Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, a que están sometidas estas axudas, calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total o parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá pór os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica a actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispor gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional terceira. Base de datos nacional de subvencións

A consellería transmitirá á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar as instrucións que sexan necesarias para desenvolver esta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2021

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VIII

Baremo de admisión de casa niño

Nos supostos previstos no artigo 2.6, as prazas adxudicaranse segundo o que resulte da aplicación do seguinte baremo:

• Situación familiar:

Condición de familia monoparental: 3 puntos.

Condición de familia numerosa: 3 puntos.

• Situación laboral ou académica:

1. Sobre a situación laboral ou académica terase en conta:

a) Situación laboral ou de realización de estudos que impliquen dedicación preferente debidamente xustificada:

Nai: 7 puntos.

Pai: 7 puntos.

b) Persoas desenvolvendo e percibindo o tramo de inserción (Risga):

Nai: 3 puntos.

Pai: 3 puntos.

c) Situación de busca activa de emprego:

Nai: 2 puntos.

Pai: 2 puntos.

A situación de busca activa de emprego acreditarase coa certificación de demanda de emprego.

No caso de familias monoparentais, adxudicáraselles a puntuación da epígrafe correspondente computando por dous.

2. Puntualizacións sobre o concepto de situación laboral:

a) Non se considerará o traballo realizado sen a alta na Seguridade Social ou, de ser o caso, no imposto de actividades económicas.

b) Para os efectos de baremación, computarase como traballo a xornada completa ou parcial a situación recoñecida de incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez.

c) Na valoración dos estudos enténdese por estudos os dirixidos á obtención de títulos oficiais como educación secundaria obligatoira, bacharelato, formación profesional, titulacións universitarias ou formación para a capacitación profesional, entre outras.

Así mesmo, entenderase que existe dedicación preferente cando a persoa interesada presente a matrícula e un certificado de asistencia regular.

• Situación económica:

1. Sobre a renda per cápita mensual da unidade familiar, referida ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente, aplicarase:

– Inferior ao 30 % do IPREM: +8 puntos.

– Do 30 % ou superior e inferior ao 50 % do IPREM: +7 puntos.

– Do 50 % ou superior e inferior ao 75 % do IPREM: +6 puntos.

– Do 75 % ou superior e inferior ao 100 % do IPREM: +5 puntos.

– Do 100 % ou superior e inferior ao 125 % do IPREM: +4 puntos.

– Do 125 % ou superior e inferior ao 150 % do IPREM: +3 puntos.

– Do 150 % ao 200 % do IPREM: +2 puntos.

– Superior ao 200 % do IPREM: +1 punto.

2. Para a valoración da situación económica seguiranse as seguintes regras:

a) Entenderase por unidade familiar a formada pola/s persoa/s proxenitora/s, ou a persoa proxenitora e o/a cónxuxe ou persoa con análoga relación de afectividade, e mais:

1º. As fillas e os fillos menores, agás que, con consentimento do/da pai/nai, vivan de xeito independente.

2º. As fillas e os fillos maiores de idade con incapacitación xudicial e patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

3º. As fillas e os fillos maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.

4º. As menores e os menores en situación de garda con fins adoptivos ou en situación de acollemento familiar por tempo superior a un ano.

No suposto de non convivencia das dúas persoas proxenitoras, se unha delas asume en solitario o sustento da unidade familiar, familias monoparentais segundo o disposto no artigo 13 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, a renda da que non contribúe non será computada, sempre que se acredite documentalmente a dita circunstancia.

A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente no momento de presentación da solicitude de praza.

b) Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas de cada un dos seus membros do ano 2019, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF).

No suposto de unidades familiares en que ningún dos seus membros ten obriga de facer declaración conforme o previsto na normativa do IRPF, os ingresos serán os que consten no/nos certificado/s expedidos pola Axencia Estatal de Administración Tributaria acreditativo/s de tal aspecto.

c) O importe anterior dividirase entre o número de membros computables da unidade familiar. No caso de unidades familiares formadas por unha soa persoa proxenitora (familias monoparentais), incrementarase o número real de membros que a compoñen nun 0,8 sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

d) A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe resultante entre doce.

3. Cando as circunstancias na data da devindicación da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas non coincidan coas circunstancias concorrentes no momento de presentación da solicitude de praza, teranse en conta estas últimas, previamente xustificadas documentalmente.