Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 12 de marzo de 2021 Páx. 14479

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 11 de marzo de 2021 pola que se modifica a Resolución do 3 de febreiro do 2021, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades organizadoras de congresos, seminarios, convencións, incentivos ou calquera outro evento relativo ao turismo de reunións en Galicia, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022, que serán susceptibles de financiamento no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (código de procedemento TU403A).

O 17 de febreiro de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 32 a Resolución do 3 de febreiro de 2021, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades organizadoras de congresos, seminarios, convencións, incentivos ou calquera outro evento relativo ao turismo de reunións en Galicia, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022, que serán susceptibles de financiamento no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (código de procedemento TU403A).

Advertidos determinados defectos na referida resolución, procede facer as seguintes concrecións e modificacións de cara a proporcionarlles unha maior seguridade xurídica ás entidades solicitantes:

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro

Modifícase a terceira categoría de gastos subvencionables do número 2 do artigo 2, que pasa a estar redactado da seguinte maneira:

«– Gastos de sede e equipamento como: alugueiros de locais, salóns, carpas e similares; sede de congresistas e poñentes; iluminación, megafonía e servizos audiovisuais; rotulación exterior e interior do evento, paneis e carteis indicativos. Así mesmo, considérase gasto aquel que vén motivado pola adecuación das medidas hixiénico-sanitarias á normativa vixente no momento de celebración do evento, así como, de ser o caso, das probas analíticas correspondentes aos participantes (PCR, antíxenos, serolóxicos..)».

Segundo

Modifícanse as letras A.1, B.1 e D.1 do artigo 12, que pasan a estar redactadas da seguinte maneira:

«1. Os proxectos valoraranse ata 100 puntos de acordo cos seguintes criterios obxectivos de outorgamento:

A) Tipoloxía do evento e ámbito xeográfico do congreso (ata 45 puntos):

A.1. Tipo de congreso, evento ou reunión (ata 10 puntos):

Congreso/incentivo/corporativo: 10 puntos.

Outros: 5 puntos».

«B.1. Volume da reunión (asistentes) (ata 10 puntos):

– Máis de 601 asistentes: 10 puntos.

– Entre 301 e 600 asistentes: 7 puntos.

– Entre 151 e 300 asistentes: 4 puntos.

– Entre 50 e 150 asistentes: 2 puntos».

«D.1. Valoración da traxectoria da entidade solicitante (ata 10 puntos).

Nesta epígrafe avaliarase a súa traxectoria segundo o número de eventos promovidos nos últimos 5 anos e o ámbito xeográfico destes:

a) De ámbito internacional: 5 puntos.

– Entre 1 e 3 eventos: 3 puntos.

– Máis de 3 eventos: 5 puntos.

b) De ámbito nacional: 3 puntos.

– Entre 1 e 3 eventos: 2 puntos.

– Máis de 3 eventos: 3 puntos.

c) De ámbito autonómico: 2 puntos.

– Máis de 3 eventos: 2 puntos».

Terceiro

Suprímese o último parágrafo do artigo 12 in fine: «Terán o carácter de congreso ou evento virtual aquel que se desenvolva a través de medios tecnolóxicos na súa totalidade».

Cuarto

Esta modificación implica un novo prazo de presentación de solicitudes, que será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2021

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia