Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 12 de marzo de 2021 Páx. 14365

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

DECRETO 41/2021, do 25 de febreiro, polo que se declara ben de interese cultural o colexio de Nosa Señora da Antiga en Monforte de Lemos (Lugo).

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución, e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. No seu exercicio aprobouse a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (en diante LPCG), e no seu artigo 1.1 establece o seu obxecto na protección, conservación, acrecentamento, difusión e fomento do patrimonio cultural de Galicia, de forma que sirva á cidadanía como unha ferramenta de cohesión social, desenvolvemento sustentable e fundamento da identidade cultural do pobo galego, así como a súa investigación, valorización e transmisión ás xeracións futuras.

O colexio de Nosa Señora da Antiga é un conxunto monumental con características moi singulares desde unha perspectiva histórica, que se mantiveron case inalterables a pesar das presións urbanísticas e paisaxísticas sufridas; arquitectónica –ao ser unha peza singular no Renacemento Xesuítico en Galicia– e artística –expoñente do clasicismo herreriano en Galicia– e lugar de acubillo de excepcionais obras de arte.

Ademais, posúe un sobranceiro valor social e educativo xurdido polo vontade de Rodrigo de Castro co fin de crear un centro educativo e cultural e mantido, na actualidade, pola comunidade de padres escolapios e a xente de Monforte.

Así mesmo, acubilla un conxunto de magníficas obras de arte e documentos como as táboas e lenzos de Andrea del Sarto e El Greco, as Crónicas de Reis e Tratado de Cetrería que se conservan nas dependencias do colexio e conforman unha magnífica exposición.

No artigo 8.2 da devandita lei indícase que: «terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei. Os bens de interese cultural poden ser inmobles, mobles ou inmateriais».

O artigo 10.1.a) da LPCG define o monumento como «a obra ou construción que constitúe unha unidade singular recoñecible de relevante interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, industrial ou científico e técnico».

O artigo 87 establece que o patrimonio arquitectónico está formado polos «inmobles e os conxuntos destes, e as obras da arquitectura e da enxeñaría histórica ás cales se lles recoñeza un papel relevante na construción do territorio e na súa caracterización cultural e sexan testemuño dunha época histórica ou dos cambios na forma de entendela», e no artigo seguinte 88.1.b) menciónase que concorre un significativo valor arquitectónico, entre outros, nos «edificios relacionados co culto relixioso católico e doutras confesións, aínda que perdesen o seu uso, como catedrais, mosteiros, conventos, colexiatas, igrexas, ermidas, capelas, seminarios ou casas reitorais, construídos con anterioridade a 1836».

De igual xeito, o 88.1.c) manifesta que: «Os edificios e construcións propios da arquitectura civil que servisen para uso público comunitario, como casas consistoriais, pazos provinciais, teatros, hoteis, hospitais, sanatorios, alfándegas, mercados, fundacións en Galicia de agrupacións de emigrantes ou centros de ensino, construídos con anterioridade a 1926» e, por último, o 88.1.d) establece este carácter para: «Os edificios destinados ao uso privado ou os conxuntos dos ditos edificios, de carácter rural ou urbano, construídos con anterioridade a 1803, que constitúan testemuño relevante da arquitectura tradicional rural ou urbana ou que configuren o carácter arquitectónico, a fisionomía e o ambiente dos centros históricos das cidades, vilas e aldeas e dos núcleos tradicionais».

Ademais, en relación cos ben artísticos mobles e bibliográficos existentes neste monumento, cómpre ter conta o especificado no artigo 83.1 da LPCG que establece que integran o patrimonio artístico de Galicia as manifestacións pictóricas, escultóricas, cinematográficas, fotográficas, musicais e das restantes artes plásticas, de especial relevancia, de interese para Galicia.

Pola súa parte o artigo 110.1 especifica que o patrimonio bibliográfico galego está constituído polos fondos e coleccións bibliográficas e hemerográficas de especial valor cultural e, os parágrafos 2.b) e c) deste artigo determinan que se inclúen naquel patrimonio bibliográfico «as obras literarias, históricas, científicas ou artísticas, xa sexan impresas, manuscritas, (...) que sexan anteriores a 1901 con características singulares que lles outorguen carácter único».

O procedemento para o recoñecemento do seu valor cultural iniciouse o 27 de setembro de 2016, cando a Fundación Colexio Nosa Señora da Antiga presentou unha solicitude de declaración de ben de interese cultural do inmoble. Posteriormente, o 18 de maio de 2017, a Comisión 4ª, Educación e Cultura, do Parlamento de Galicia, acordou instar a Xunta de Galicia a realizar os trámites para a declaración e a inclusión do Colexio de Nosa Señora da Antiga na relación de bens de interese cultural da Xunta de Galicia.

Á vista destas solicitudes, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural elaborou un informe específico sobre os valores culturais do inmoble e, segundo o establecido no artigo 18.2, da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, solicitou o parecer dos órganos asesores e consultivos mencionados no artigo 7 do citado precepto legal.

A resposta dos órganos asesores e consultivos, Consello da Cultura Galega o 26.4.2018 e a Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario o 18.2.2018, respectivamente, foi favorable á declaración, con algúns comentarios e informacións que foron incorporados ao expediente.

Así mesmo, na xuntanza do 11.3.2019 da Subcomisión para o Rexistro do Patrimonio Cultural da Igrexa Católica en Galicia, recibiu informe favorable a tramitación da clasificación como ben de interese cultural, segundo o que establecen os artigos 2.g) e 12 do Decreto 84/2017, do 3 de agosto, polo que se regula a composición e funcionamento da Comisión Mixta de Galicia-Igrexa Católica.

A información técnica elaborada pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e o ditame dos órganos asesores e consultivos xustifican o papel fundamental que representa o colexio de Nosa Señora da Antiga en primeiro lugar, no desenvolvemento do Renacemento en Galicia, porque este proxecto permite falar do xurdimento dun segundo foco artístico, distinto ao compostelán, que monopolizou a actividade artística do século XVI ata mediados do XVII e introduciu as formas do clasicismo na nosa comunidade, ademais de ser clave para comprender a historia da vila de Monforte e o papel que tivo a casa de Lemos na configuración deste núcleo.

En segundo lugar, destaca a importancia do mecenado eclesiástico na España do século XVI e o proceso educativo impulsado polos xesuítas como arma da contrarreforma. Finalmente, é especialmente destacable que desde a súa fundación ata a actualidade, o colexio segue a cumprir a mesma función que cando foi fundado: o ensino.

Á vista do anterior, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural acordou a incoación do procedemento de declaración como ben de interese cultural, pola resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, número 135, do 17 de xullo de 2019, e abriuse un período de exposición pública dun mes en que se presentou unha alegación.

A alegación solicitaba a ampliación da delimitación do ben de interese cultural para incluír nela o Campo da Compañía, xa que este espazo estivera relacionado na súa orixe coa propia construción do conxunto. Así mesmo, nos correspondentes trámites de audiencia, o Concello de Monforte de Lemos tamén manifestou a oportunidade da redución do contorno de protección.

Con data do 9.12.2020 a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural considera xustificado ampliar a delimitación do ben de interese cultural ao espazo do Campo da Compañía e reducir o contorno de protección axustándose aos espazos inmediatos que rodean o monumento.

Na tramitación do expediente, por tanto, cumpríronse todos os trámites legalmente preceptivos de acordo coas disposicións vixentes.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e cinco de febreiro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto

1. Declarar ben de interese cultural, coa categoría de monumento, o denominado colexio da Nosa Señora da Antiga, no Campo da Compañía no termo municipal de Monforte de Lemos, segundo a descrición do ben que figura no anexo I e a delimitación gráfica e literal exposta no anexo II.

2. Declarar ben de interese cultural os bens mobles artísticos e bibliográficos, relacionados no anexo III.

Segundo. Inscrición

Ordenar as inscricións respectivamente no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e comunicala ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado e ao Inventario xeral de bens mobles da Administración xeral do Estado.

Terceiro. Publicidade

Este decreto publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Cuarto. Notificación

Este decreto notificarase ás persoas interesadas e ao concello de Monforte de Lemos.

Quinto. Recursos

Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poden interpoñer potestativamente recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación ante o órgano que ditou o acto ou, directamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Eficacia

Este decreto terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Incorporación ao planeamento urbanístico

En virtude do recollido no artigo 35.5 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, o Concello de Monforte de Lemos deberá incorporar as determinacións da declaración ao seu planeamento urbanístico, sen que a devandita obriga modifique a competencia municipal para a autorización das intervencións no contorno de protección previstas no plan especial do conxunto histórico segundo o recollido no artigo 58.1 da devandita lei.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de febreiro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación: colexio de Nosa da Nosa Señora da Antiga. Tamén foi coñecido de distintas formas: colexio do Cardeal, colexio de Monforte, colexio da Compañía, colexio dos Padres Escolapios, colexio San Xosé de Calasanz, convento da Compañía, convento dos Escolapios, os Escolapios ou A Compañía.

2. Localización:

• Enderezo: Campo da Compañía, núm. 50. Monforte de Lemos (Lugo).

• Coordenadas centrais: UTM ETRS 89 FUSO UTM 29: X: 621.816 ; Y: 4.708.398.

3. Descrición:

3.1. Descrición formal.

a) O edificio.

O edificio está construído nun terreo despexado que descende por unha lixeira pendente cara ao río Cabe. Por diante da súa fachada principal esténdese a explanación do Campo da Compañía; o resto das fachadas estiveron orixinariamente rodeadas por hortas, hoxe substituídas en gran parte por campos deportivos e por un amplo espazo público. Por esta razón, o edificio é visible practicamente todo ao seu redor desde perspectivas distantes.

A primeira vista parece que o edificio ten planta rectangular e que as súas dimensións son as que amosan estas fachadas: 106 metros a fachada principal e 76 a lateral pero, cando se observa a planta, apréciase que a suposta regularidade se rompe na parte posterior, e que a lonxitude da fachada lateral só afecta a esa ala do edificio.

A organización da planta parte dun esquema simétrico. A igrexa sitúase no eixe e divide o edificio en dúas zonas, cada unha delas organizada arredor dun claustro. O da dereita proxectouse como casa para a comunidade de xesuítas que rexeron o colexio na súa orixe. A da esquerda, para a parte docente: as escolas. Probablemente as dúas partes se proxectaron simétricas, pero o proxecto cambiouse e hoxe non o son. Coa ampliación a ambos os lados da fachada principal, provocáronse máis cambios. A fachada lateral dereita (nordeste) desprazouse en toda a lonxitude á nova aliñación e, como consecuencia, agrandouse o claustro desta parte. Pola contra, no outro lateral, mantívose a aliñación inicial e a ampliación só afectou o tramo frontal. Estas modificacións do proxecto inicial aprécianse con claridade nas bóvedas e fábricas dos sotos.

A fachada principal está construída integramente en cantaría de granito, é simétrica e no seu centro identifícase con claridade a portada da igrexa. Ten tres alturas. Nos extremos diferéncianse dúas pequenas torres cunha altura adicional. O corpo superior está formado por arcos a modo de galería. O resto das fachadas están construídas con cachotaría, e manteñen de cantaría os esquinais, faixas, cornixas e ocos.

b) A igrexa.

A igrexa é de planta de cruz latina, co brazo do cruceiro curto, contido no ancho do corpo principal, e responde ao tipo de igrexa xesuítica. Destaca polas súas dimensións, unidade de estilo e riqueza construtiva. Está presidida polo retablo de Francisco de Moure e alberga unha importante colección de bens mobles e inmobles, como a estatua de bronce do Cardeal, de Giambologna, ou a escultura do Santo Cristo de Valerio Cioli.

Aínda que os autores das trazas foron outros –Andrés Ruiz e Vermondo Resta– atribúese a Juan de Tolosa a autoría dos cambios importantes que se introduciron na igrexa. Tras Tolosa, terminará a obra Simón de Monasterio, quen constrúe a cúpula, a bóveda do presbiterio e remata a igrexa. Traballaron tamén na igrexa Juan de Cajigas e Diego Vélez.

A igrexa ten nave central e dúas laterais formadas por capelas comunicadas entre si. O presbiterio é de planta rectangular e está presidido polo retablo de Francisco de Moure e flanqueado por dous arcosolios. No do evanxeo sitúase a estatua orante do fundador, un bronce de Giambologna. Dúas torres-campanario simétricas dispóñense a ambos os lados do presbiterio. A nave e o presbiterio, de 18 metros de altura, cóbrense con bóvedas de canón con casetóns de cantaría e lunetos capialzados. Sobre o cruceiro elévase unha cúpula trasdosada semiesférica de 10 metros de diámetro, con pendentes, tambor, lanterna e pequena cúpula, a única cúpula trasdosada con todos os seus elementos de Galicia. Aos pés da nave disponse o coro sobre unha bóveda de canón moi rebaixada.

A igrexa está decorada con pilastras corintias sobre as cales se asenta un entaboamento que percorre todo o seu perímetro. Todo o interior é de cantaría agás as paredes e bóvedas das capelas laterais, recebadas e pintadas.

c) A cúpula.

É a única cúpula trasdosada de Galicia completa, con todas as súas partes: pendentes, tambor, media laranxa, lanterna, pequena cúpula e pináculo. O seu construtor foi Simón de Monasterio, quen coñecía a obra de El Escorial.

d) A escaleira monumental.

Está construída integramente de cantaría. O seu valor principal radica no seu elaborado mecanismo de equilibrio. Dúas das súas tres ramplas descansan en bóvedas de canón acabalgadas, nas que chama a atención a ausencia de apoios intermedios.

A escaleira monumental está situada no extremo dereito da fachada principal. Responde ao tipo de escaleira claustral renacentista de caixa aberta e tres tramos, dous deles sobre bóvedas de cantaría, sen soportes intermedios, cun complexo mecanismo estrutural de equilibrio que se puxo de manifesto ao desmontarse durante a súa restauración. Tivo que estar proxectada noutro lugar xa que ocupa o espazo que se ampliou cando a obra estaba iniciada. A súa autoría atribúese aos mestres de cantaría Pedro de Morlote e Juan de la Sierra.

e) Os claustros.

O claustro da dereita, ou da casa, é o máis grande e suntuoso. Está construído integramente en cantaría, e cóbrese no nivel inferior con bóvedas de aresta. A pesar da súa unidade, dúas pandas destas bóvedas construíronse antes de 1620 e as outras dúas, no primeiro terzo do século XX. Por quedar incompleto, conserváronse as dúas monteas necesarias para o remate da obra: a complexa montea gravada no espazo baixo a escaleira principal e a debuxada no muro sueste.

Ten dúas alturas e está construído totalmente de cantaría, en estilo dórico. Foi ampliado respecto ao proxectado inicialmente debido ao desprazamento da fachada lateral á nova aliñación da fachada que o Cardeal mandou ampliar.

Está formado por 24 bóvedas de aresta. A súa construción atribúese a Simón de Monasterio. Unha singularidade deste elemento é que en 1620, cando se paralizan as obras, só estaban construídas as bóvedas das pandas da igrexa e a fachada principal. As dúas pandas restantes rematáronse no século XX, co proxecto de Francisco Pérez de los Cobos e, malia a distancia entre as dúas campañas construtivas, todo o claustro se percibe cunha gran uniformidade.

O claustro da esquerda, ou das escolas, é máis sinxelo. Ten dous niveis formados por arcos de medio punto. No nivel inferior é visible a estrutura horizontal de madeira.

f) As monteas.

As monteas son elementos escasos, o que lles outorga valor. Ao tratarse de debuxos de obra, era habitual pulir os pavimentos e que desaparecesen ao rematar a construción. En Monforte de Lemos as monteas conserváronse porque o claustro quedou inacabado e eran necesarias para os construtores que continuarían a obra. A situada baixo a escaleira amosa un trazado dunha grande complexidade técnica que só se aprecia cando se reproduce nun debuxo. A segunda montea debuxada no muro do claustro representa o despezamento dun módulo da bóveda de recanto.

g) O museo.

O museo do colexio está situado na antiga sancristía de finais do século XVII. Comezouse a construír en 1699, nunha campaña posterior á que ergueu os espazos principais do colexio. Descoñécese o autor. É un espazo cuberto por dous tramos de bóvedas de canón con lunetos, de cantaría. Sofre unha importante deformación e foi reforzado con dous contrafortes exteriores. O espazo anterior, a antesancristía, tamén estivo cuberto cunha bóveda da cal se conservan os arranques e que foi demolida durante as obras de principios do século XX por ameazar ruína.

3.2. Resumo histórico.

a) Fundación e evolución.

O colexio de Nosa Señora da Antiga comezouse a finais do século XVI por iniciativa do cardeal de Sevilla Rodrigo de Castro. O cardeal era fillo da terceira condesa de Lemos, Beatriz de Castro, e elixiu Monforte de Lemos por ter sido a cidade en que pasara a súa infancia.

Os seus biógrafos descríbeno como un humanista refinado, amante da arte e mecenas da cultura, e tamén como un personaxe implicado na vida cortesá, a quen Felipe II encomendou tarefas delicadas. Nun momento da súa madurez, decidiu crear unha institución filantrópica na cidade da súa infancia e doarlle a súa colección de obras de arte e biblioteca.

En 1586 comezou as conversas para a creación do colexio cos xesuítas, cos cales mantiña moi boa relación, e cinco anos despois encargou a compra dos terreos e ao ano seguinte as obras saíron a poxa.

As obras do colexio comezaron en 1593 co proxecto que redactaron Andrés Ruiz, un xesuíta da escola de Valladolid, e Vermondo Resta, o arquitecto do cardeal en Sevilla. O que se executou amosa importantes cambios que se atribúen a Juan de Tolosa, xesuíta, que asume a dirección da obra desde o mesmo ano do seu comezo. Sucedeuno Simón de Monasterio, quen remata a igrexa e comeza o claustro ata a paralización das obras en 1622. Un cambio relevante foi promovido polo propio cardeal que pediu que se ampliase a fachada a ambos os lados durante a visita que fixo a Monforte en 1594, cando a obra xa estaba en marcha. Esta ampliación alterou a traza prevista para a metade situada á dereita da igrexa ao desprazarse toda a fachada lateral á nova aliñación.

A obra sufriu numerosas incidencias desde o primeiro momento: cambios de proxecto e de construtores, problemas económicos, preitos, epidemias, incendios, asaltos e terremotos. A igrexa puido consagrarse en 1619 pero tanto a parte dedicada á escola, como a casa dos xesuítas quedaron con partes importantes sen rematar, o claustro principal estivo durante trescentos anos só con dúas pandas construídas e, da impoñente fachada lateral que mira cara á cidade, só estaba construída a metade da lonxitude actual.

Aínda despois de 1620 abordáronse dúas obras importantes. A primeira foi a construción do retablo do altar maior, iniciado en 1625 por Francisco Moure e rematado polo seu fillo do mesmo nome. A segunda foi a construción en 1699 da antiga sacristía, hoxe convertida en museo.

En 1755 o terremoto de Lisboa afectou o edificio e causou importantes danos: moveu a cúpula, desprendeu unha ala a dous anxos das pendentes e abriu fendas no arco superior e no muro traseiro do presbiterio. En 1786 reparouse o tambor da cúpula, que ameazaba ruína, e en 1841 fíxose o mesmo coa lanterna.

A partir da expulsión dos xesuítas en 1767 e ata a chegada dos escolapios en 1873, o Colexio foi centro educativo de distinta categoría, desvinculado das ordes relixiosas.

Sufriu o saqueo das tropas francesas en 1809, e un importante incendio en 1824. A principios do século XX a deterioración do edificio era notable, case de ruína.

Finalmente, o edificio puido rematarse no primeiro cuarto do século XX grazas ao descubrimento da autoría e, por tanto, do valor, dun dos cadros da colección do colexio: A Adoración dos Reis, do pintor flamenco Hugo van der Goes. O cadro vendeuse ao goberno alemán por unha importante suma que permitiu rematar as obras. Tivo que saír escondido debido á forte polémica levantada pola súa venda. Este feito influíu na lexislación posterior de protección de obras de arte.

b) Actuación recentes.

En 1915, o arquitecto da Casa de Alba, Francisco Pérez de los Cobos redactou unha memoria-proxecto onde describía o estado de ruína do edificio e avaliaba as obras necesarias.

Entre 1919 e 1930 executaranse con este proxecto as obras con que se rematarán o claustro principal e a fachada noroeste incompleta. Tamén se aumentará un piso sobre a antiga sacristía (hoxe museo) e se completará a galería da planta superior no extremo esquerdo da fachada. Estaba proxectado un corpo que comunicaba os dous claustros por detrás da igrexa, pero non se executou.

En 1942, o arquitecto da Casa de Alba, Antonio Ferreras, redactou un proxecto de melloras que incluía o remate das galerías altas que faltaban en dúas das pandas do claustro das escolas. As obras remataríanse en 1952.

Entre 1952 e 1985 execútanse diversas obras de acondicionamento para espazos docentes e deportivos.

En decembro de 1984 caeu un raio sobre a cúpula e danou as ventás do tambor e da lanterna. En 1985 realízanse obras na fachada e na cúpula segundo un proxecto do arquitecto Carlos Meijide.

En 1987 asínase un convenio co Concello de Monforte de Lemos polo que se ceden 15.000 m2 da horta a cambio do arranxo das cubertas.

Entre 1988 a 1989 restauráronse as cubertas e cambiose a estrutura de madeira por outra metálica con placas de formigón como base da cobertura de tella.

Debido aos movementos da escaleira principal e da cúpula, a Consellería de Cultura e Xuventude sacou a concurso o estudo e diagnóstico previo á intervención de restauración e en 1993 redactouse un extenso informe sobre os estudos preliminares á restauración do colexio do Cardeal de Monforte de Lemos, coa descrición dos danos e os resultados dos estudos realizados. O informe incorpora unha análise da estabilidade estrutural da cúpula, da bóveda da nave, o arco do coro e a escaleira principal. Nas súas conclusións, atribúe a maior parte dos danos ao terremoto de Lisboa. Nas recomendacións propón reforzos metálicos na cúpula, no coro e sobre as bóvedas que non se chegaron a executar.

En 1998 restáurase a escaleira principal, segundo o proxecto dos enxeñeiros italianos Giorgio Croci e Giuseppe Carluccio. En 1999 cedeuse outra parte da horta ao Concello a cambio das obras de adecuación dos espazos docentes.

No ano 2000 acondicionouse o espazo da escaleira, unha vez restaurada. En 2012 analizouse a estabilidade estrutural das principais bóvedas do edificio e constatouse a súa seguridade.

3.3. Bens artísticos integrantes do inmoble.

a) Bens localizados na igrexa.

O interese de certos elementos da igrexa teñen un destacado carácter antropolóxico, histórico e artístico:

• No presbiterio, o retablo maior e os arcosolios do evanxeo e da epístola.

• No retablo da Adoración dos Reis, tamén chamado de Monforte, encóntrase a copia da táboa da Adoración dos Reis, obra mestra de Hugo van der Goes, vendida en 1910.

• Na capela das Reliquias, o retablo de devandito nome é unha obra de destacable interese antropolóxico, histórico e artístico. Peza fundamental no ideario de Don Rodrigo, que o dotaba de 72 relicarios coas súas reliquias relatadas no seu testamento, do cal queda mostra en dous relicarios coas súas reliquias, o Lignum Crucis e a Santa Espiña, e varios relicarios baleiros, debido aos saqueos e ás sacudidas históricas, sobre todo durante a Guerra da Independencia, cando desapareceron moitos obxectos artísticos e litúrxicos. Estas dúas reliquias que quedan son pezas de inapreciable valor e son obxecto de gran veneración en Monforte de Lemos e aldeas da súa contorna. A Confraría das Sacras Reliquias, cuxa orixe se remonta ao tempo dos xesuítas, mantense ata a actualidade, perdurando no tempo.

Outros bens artísticos que integran o monumento:

Denominación

Autoría

Retablo de Nosa Señora da Antiga. Retablo maior

Francisco de Moure, pai e fillo, e Pedro Mato

Arcosolio e escultura de Don Rodrigo de Castro

Simón de Monasterio e Giambologna (escultura)

Retablo da Nosa Señora das Escolas Pías

Taller de Francisco de Moure?

Retablo de San Xosé de Calasanz

Taller de Francisco de Moure?

Púlpito

Francisco de Moure ou Pedro Mato

Catro anxos co escudo de armas de Don Rodrigo de Castro e seis pinxentes decorativos

Taller de Francisco de Moure?

Retablo do Santo Cristo

Anónimo

Retablo da Virxe das Dores

Anónimo

Retablo da Adoración dos Reis

– Lenzo da Adoración dos Reis ou Táboa de Monforte

– Lenzo de San Francisco de Borja

Retablo: Anónimo

Retablo de San Xosé

Anónimo

Retablo das Reliquias

Anónimo

b) Bens do museo.

É museo desde 1943. No ano 1985 efectuouse unha reorganización do seu espazo expositivo. Ten un destacado carácter por albergar obras únicas na comunidade galega: pictóricas, como son os dous lenzos de El Greco, cinco táboas de Andrea del Sarto e obras bibliográficas dos séculos XV e XVI de carácter devocional, de esparexemento e tratados. Exhibe as ditas obras con carácter permanente, aberto ao público e sen ánimo de lucro. Exerce as funcións de conservación deste patrimonio, de investigación e realiza exposicións divulgativas periódicas de carácter temporal. Este museo inclúe unha serie de ben mobles artísticos e bibliográficos de valor sobranceiro recoñecidos como parte esencial da súa historia e que se relacionan no anexo III.

c) Bens do arquivo histórico.

Situado nun espazo modesto, alberga a colección de documentos históricos do edificio, entre os cales destacan o documento fundacional do colexio, o das condicións que se redactaron para a poxa da obra, o testamento do cardeal e numerosos contratos e documentos legais imprescindibles para calquera investigación relacionada co colexio. Parte destes documentos aínda non foron estudados.

d) Bens da biblioteca.

Sita no primeiro andar, na zona residencial, a biblioteca acolle unha colección moi diversa de libros que abrangue desde o século XVI ata o XIX. Deste xeito, reúnense tomos da época dos Escolapios ata a actualidade. Destaca a presenza dunha colección de libros da Biblia en latín e castelán da segunda metade do século XIX.

4. Valoración cultural.

O colexio constitúe un ben sobranceiro do patrimonio arquitectónico. É un exemplo destacado do clasicismo herreriano en Galicia, posiblemente o seu expoñente máis representativo. A súa presenza na cidade é relevante, tanto polo seu volume e configuración como pola súa situación, ao encontrarse rodeado de espazo libre e ser visible desde distancias longas practicamente todo ao seu redor.

Alberga os usos relixioso, residencial e docente para os cales foi concibido na súa orixe. A súa función docente é unha referencia salientable e continuada en Monforte de Lemos desde a súa creación.

Na súa valoración arquitectónica cabe resaltar que, malia o seu dilatado proceso construtivo, a obra transmite unha grande unidade de estilo. Varios autores sinalan a influencia do mosteiro de El Escorial, que o seu fundador, vinculado á corte de Felipe II, debeu de ter como referencia. Outros autores resaltan o paso adiante cara ao barroco que se dá no colexio.

A influencia do Escorial non é só formal; tamén se aprecia no programa con que se concibe. Proxéctase para albergar un colexio, pero tamén para ser panteón do seu fundador e centro de arte en que dispoñer as súas valiosas coleccións. Como ocorre en El Escorial, púxose a coidado dunha congregación relixiosa ben que, neste caso, a elixida foi a Compañía de Xesús.

En Galicia, o clasicismo herreriano prendeu sobre todo nas provincias de Lugo e Ourense, pero en ningún lugar como en Monforte impregna todo o edificio sen concesións a outras linguaxes tardogóticas coetáneas.

Neste senso, froito do proceso de información pública, chamouse a atención sobre a relevancia da relación entre o Campo da Compañía e o colexio, orixinados de forma simultánea e cunha forte relación de carácter formal e espacial e que configuran este ámbito do conxunto histórico de Monforte de Lemos.

A continuidade e variedade de usos ao longo de máis de 400 anos de historia é algo consubstancial a calquera ben, e o recoñecemento do seu valor cultural pode mudar da mesma forma que a fisionomía e aspectos materiais. O uso como campo da feira de chan terreño ou a súa pavimentación pétrea e axardinamento posterior non deturpan nin eliminan o seu valor cultural nin a súa relación co monumento e co propio conxunto histórico. Outras transformacións de carácter urbano e mesmo o deseño e trazado de vías e infraestruturas teñen tamén producido a transformación deste espazo. Precisamente a identificación e inclusión na delimitación da praza pavimentada na declaración de ben de interese cultural ten por obxecto garantir o mantemento da relación entre a praza de uso público e o colexio da Compañía, relación que é relevante e significativa para un monumento da natureza do descrito e que posúe, como se vén describindo, valor cultural propio.

5. Estado de conservación.

O estado de conservación difire dunhas zonas a outras. As zonas mellor conservadas son a igrexa, a antiga sacristía (actual museo), a parte destinada a residencia da comunidade, situada na planta primeira da ala dereita, e a zona docente desta mesma ala.

A igrexa conserva as gretas provocadas polo terremoto de Lisboa en 1755. Son especialmente rechamantes as da bóveda do presbiterio, da cornixa da cúpula e as da media laranxa. A pesar da súa visibilidade, non comprometen a estabilidade estrutural. A bóveda da sancristía está moi deformada pola rotación dos muros exteriores. O descenso da liña central é moi marcado. Os movementos están estabilizados con dous contrafortes exteriores e as gretas aparecen reparadas.

Na ala esquerda, o estado é bo, pero o acondicionamento dos espazos docentes é anterior á do outro claustro. É visible a estrutura horizontal de madeira no semisoto da parte esquerda (piso do salón de actos) e nos teitos do claustro da esquerda (piso do corredor de zona docente).

O pasadizo que comunica as dúas alas a nivel da planta baixa reformouse por última vez no ano 1835 facéndoo máis estreito. A estrutura vertical é de muros de fábrica de cachotaría e a horizontal de madeira. O estado de conservación é malo, e as seccións das pezas estruturais parecen escasas, a simple vista, para garantir a seguridade do uso.

Destaca o abandono en que se encontran os sotos abovedados, espazos de gran calidade espacial e infrautilizados na actualidade, cun uso residual. En parte desta planta substituíronse as antigas armazóns de madeira por placas mixtas de viguetas metálicas e bovedillas de ladrillo. Debido ao estado dos espazos e á humidade, algunhas pezas metálicas presentan signos de corrosión.

Un dos puntos máis críticos na actualidade é a situación da cuberta. Na renovación dos tellados que se fixo en 1988 empregouse unha tella non adecuada e as roturas do material afectan toda a cuberta. As filtracións son xeneralizadas en todo o edificio e comprometen o uso de gran parte dos espazos da última planta.

As fachadas, en xeral, consérvanse en bo estado. As carpintarías exteriores son de madeira. Os deseños das particións que se utilizaron nas sucesivas actuacións de conservación non gardan uniformidade. As máis antigas, na última planta, dobráronse con carpintarías de aluminio con forma rectangular superpostas polo interior aos ocos rematados en arco.

As partes integrantes de valor artístico e os bens mobles localizados no museo teñen un diverso estado de conservación, ben que as condicións do museo garanten unha suficiente conservación.

6. Réxime de protección.

6.1. Natureza e categoría:

• Natureza: ben inmoble.

• Categoría: monumento.

• Especificidade: patrimonio arquitectónico.

• Interese: histórico, artístico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico e antropolóxico.

• Nivel de protección: integral.

6.2. Réxime de protección específico.

a) Actuacións nos bens (zonificacións propostas).

A determinación pormenorizada das actuacións posibles é complexa ao tratarse dun edificio vivo. O seu uso como colexio, que é un elemento relevante do seu valor, está sometido á evolución das necesidades e a regulacións normativas. A proposta tenta manter o equilibrio entre a protección dos valores históricos e artísticos que demanda o monumento e as intervencións necesarias que permitan a viabilidade do mantemento do seu uso docente. Aplicando estes criterios, as actuacións previstas por espazos e indicadas nos planos son as seguintes, e que poderán orientar ou fundamentar a elaboración dun plan director de monumentos ou dos proxectos de restauración necesarios:

• Actuacións de restauración.

Igrexa e espazos situados sobre as capelas laterais.

Escaleira monumental.

Claustros, incluíndo os seus corredores en planta primeira.

Museo (antiga sacristía).

Antesancristía.

Muros de fachada e muros interiores en planta semisoto.

Espazos abovedados na planta semisoto.

• Actuacións de rehabilitación.

Interior dos espazos destinados a uso docente e residencial.

Interior dos espazos da antiga zona residencial na planta segunda.

Interior dos espazos ocupados co uso deportivo na planta semisoto da ala esquerda.

Interior dos espazos ocupados co uso docente na planta semisoto da ala dereita.

Cubertas do edificio, agás as das torres da igrexa, a cúpula, remates da fachada principal da igrexa e os elementos de granito ornamentais do resto do edificio.

• Actuacións de reestruturación.

Pasadizo de comunicación situado tras a igrexa.

Novas escaleiras de acceso desde o patio.

• Cautelas de protección específicas.

Muros do claustro dereito: co fin de garantir a protección de posibles restos de monteas non identificados, analizaranse os paramentos antes de calquera limpeza ou obra.

Muros e bóvedas da planta semisoto: non están suficientemente estudados e son clave para entender a evolución da construción do edificio e as modificacións introducidas durante a construción. Calquera intervención neles sería obxecto de control arqueolóxico e lectura estratigráfica de paramentos.

Co fin de protexer posibles estruturas de cimentación que fosen modificadas, a área de cautela arqueolóxica esténdese a unha banda de 10 metros arredor do edificio.

• Actuacións no contorno de protección.

Nos restos da cerca de peche da antiga parcela só se permitirán actuacións de conservación e restauración, co fin de preservar a pegada da antiga propiedade.

Estímase beneficioso para a percepción do monumento no seu contorno a previsión e deseño de actuacións de mellora ambiental no aparcadoiro, nos depósitos de combustible do propio edificio, nas Casiñas e no polideportivo.

No espazo público do Campo da Compañía procurarase a eliminación de cables vistos da rede eléctrica e de telefonía e, cando menos, a súa ordenación, evitando en calquera caso, os trazados pola fachadas do monumento.

6.3. Plan de conservación.

Dada a complexidade e singularidade do edificio, estímase como aconsellable a redacción dun plan director que estableza as liñas de intervención e prioridades e regule os seus usos. De todas as actuacións necesarias para a conservación do ben considéranse prioritarias e urxentes as seguintes:

– De conservación das cubertas.

– De reestruturación no pasadizo de comunicación tras a igrexa.

7. Usos.

7.1. Uso orixinal.

O uso orixinal é o mesmo que o actual: docente, relixioso e residencial. Ao longo da historia foi cambiando o destino dalgúns espazos para adaptarse ás necesidades de cada momento. A tendencia foi de expansión da superficie destinada a usos docentes en detrimento da destinada a uso residenciais, ao ir diminuíndo o número de relixiosos e ao aumentar os requirimentos de espazos docentes especializados.

7.2. Uso actual.

O uso principal do edificio é o docente, que foi o uso para o cal foi concibido. Vinculados a este uso principal, e tamén desde a orixe do edificio, conviven nel o uso relixioso, museístico e o residencial das ordes encargadas de impartir a docencia.

A partir dos anos 60 acondicionáronse os sotos da ala esquerda para albergar en réxime de cesión as instalacións deportivas do Club Deportivo Calasancio, entidade independente ligada tradicionalmente ao colexio escolapio.

7.3. Outros usos.

Na actualidade e, de forma estacional, instálase una carpa no claustro principal para celebracións e eventos. Este uso, durante o período de vacacións das clases, contribúe a sufragar os gastos de mantemento do edificio e non produce, con este carácter esporádico, a axeitada integración no conxunto.

7.4. Réxime de usos e limitacións.

Manteranse e protexeranse os usos principais –docente, relixioso, museístico e residencial–, que son os orixinais e que se mantiveron desde a fundación do edificio. Considérase que son un dos valores singulares do colexio.

En canto á posibilidade de usos diferentes dos orixinais, en concreto á instalación temporal da carpa no claustro dereito para celebración de eventos, considérase compatible co mantemento e preservación dos valores culturais do edificio, ben que o plan director poderá regular os períodos para o funcionamento, as características construtivas e a forma de instalación.

En relación a outros posibles usos, fóra dos descritos, estes serán autorizables sempre que non sexan incompatibles ou prexudiciais para a súa protección, nin interfiran nos usos existentes.

8. Réxime de protección e salvagarda.

A declaración de ben de interese cultural como monumento do colexio de Nosa Señora da Antiga, na praza da Compañía no concello lucense de Monforte de Lemos, determina a aplicación do réxime de protección previsto nos títulos II e III da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG) e complementariamente co establecido na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (LPHE). Este mesmo réxime será de aplicación tanto ás partes integrantes do monumento como para a relación de bens mobles que se recollen nesta mesma declaración polo seu valor cultural sobranceiro.

• Autorización: as intervencións terán que ser autorizadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Tamén será precisa a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para as intervencións sobre os bens mobles.

• Conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre o inmoble e os bens mobles están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

• Acceso: as persoas físicas e xurídicas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e demais titulares de dereitos reais do inmoble e dos bens catalogados están obrigadas a permitir o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora nos termos previstos no capítulo I do título X; ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios.

Para o caso dos bens mobles e as actividades de investigación, a obriga de acceso poderase substituír, por petición das persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e titulares de dereitos reais sobre o ben, polo seu depósito na institución ou entidade que sinale a consellería competente en materia de patrimonio cultural. O período de depósito, salvo acordo en contrario entre ambas as dúas partes, non poderá exceder dous meses cada cinco anos.

• Comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, os titulares de dereitos reais están obrigadas a comunicar á consellería competente en materia de patrimonio cultural calquera dano ou prexuízo que sufran e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

• Visita pública: as persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais sobre o inmoble declarado de interese cultural permitirán a súa visita pública gratuíta nun número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente.

• Tanteo e retracto: calquera pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de desfrute do inmoble declarado ben de interese cultural deberá ser notificada á consellería competente en materia de patrimonio cultural con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizar aquela. En todo caso, na comunicación da transmisión deberá acreditarse tamén a identidade da persoa adquirente.

• Uso: en calquera caso a protección do ben implica que as intervencións que se pretenda realizar terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural e que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.

En canto non se elabore e aprobe o plan director previsto, a implantación ou modificación de usos só poderá realizarse despois da correspondente análise do seu alcance e compatibilidade cos valores culturais do ben no seu conxunto.

• Traslado de bens mobles: en virtude do establecido nos artigos 22.2.b) e 64.1, os bens mobles que se localizan no colexio de Nosa Señora da Antiga estímanse vinculados á devandita localización, polo que o seu traslado requirirá da autorización previa da consellería competente en materia de patrimonio cultural.

• Exportación de bens mobles: a exportación de bens mobles está sometida ao que se establece nos artigos 5 e 6 da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español, e resulta da competencia da Administración xeral do Estado.

ANEXO II

Delimitación literal e gráfica

1. Delimitación do ben.

A delimitación do ben corresponde coa do propio edificio do colexio, igrexa e claustros, e descarta a inclusión dos espazos da parcela cercada e que sufriron unha maior transformación coa instalación de campos e pistas deportivas ou zonas de aparcadoiro. Tamén se inclúe na delimitación do ben o espazo o Campo da Compañía que enfronta o edificio polos seus valores históricos e arquitectónicos e polas relacións espaciais e formais na configuración deste ámbito do conxunto histórico.

2. Contorno de protección.

O contorno de protección axústase á delimitación do conxunto histórico en xeral como referencia dos predios inmediatos ao colexio. Como límites emprega o río polo oeste e as vías públicas polo leste e polo sur. Fican incorporados ao contorno de protección os espazos libres axardinados e de uso deportivo inmediatos ao monumento e aos Campos da Compañía.

missing image file

ANEXO III

Relación de bens mobles artísticos e bibliográficos

Núm.

Denominación

Técnica

Autoría

Cronoloxía

1

Táboa de Santa Marta

Pintura de óleo sobre táboa

Andrea del Sarto

1524

2

Táboa de Santa Inés

Pintura de óleo sobre táboa

Andrea del Sarto

1524

3

Táboa de Santa Catarina de Alexandría

Pintura de óleo sobre táboa

Andrea del Sarto

1524

4

Táboa de San Pedro

Pintura de óleo sobre táboa

Andrea del Sarto

1524

5

Táboa de San Xoán

Pintura de óleo sobre táboa

Andrea del Sarto

1524

6

Lenzo da Aparición da Virxe co Neno a San Lourenzo

Pintura de óleo sobre lenzo

Dominikos Teotokopoulus (El Greco)

1578-1580

7

Lenzo de San Francisco de Asís e o irmán León ou San Francisco e frei León meditando sobre a morte

Pintura de óleo sobre lenzo

Dominikos Teotokopoulus (El Greco)

1580-1586 ou 1590-1598

8

Lenzo da Morte

Pintura de óleo sobre lenzo

Giovanni Bernardino Azzolini?

Século XVI

9

Lenzo do Xuízo Final

Pintura de óleo sobre lenzo

Giovanni Bernardino Azzolini?

Século XVI

10

O cardeal Don Rodrigo de Castro

Pintura de óleo sobre lenzo

Francisco Pacheco

Século XVI

11

Luva do cardeal Don Rodrigo de Castro

Seda e ouro

Anónimo

Finais do século XVI

12

Talla da Inmaculada

Talla en vulto redondo

Gregorio Fernández?

Século XVII

13

Tríptico ou Sacras

Madeira, pergamiño e óleo

Anónimo

Finais do século XVI

14

Santo Cristo

Madeira, metal e policromía

Anónimo

Século XVI

15

Talla da Inmaculada Concepción

Talla en vulto redondo policromada

Atribuída Gregorio Fernández

Século XVII

16

Catro pezas de prata

Ourivaría. Tres copas e copón de prata e prata dourada

Anónimo

Finais do século XVI-XVII

17

Libro de actas notariais do testamento do Cardeal e da XII Condesa de Lemos Dona Rosa Mª de Castro

Papel, coiro e tinta

Finais do século XVI ata finais do século XVII

18

Summa de exemplis et similitudinibus rerum

Pasta labrada

Giovanni del San Gimignano

1469

19

Tragoediae (Traxicomedias)

Libro en folio e pergamiño

Lucio Anneo Seneca

1513

20

Fortalitium Fidei

Libro en folio e pergamiño

Alonso de Espina

Copia de 1525

21

Crónicas de Reis

Libro en pergamiño e folio

Século XV

22

Libro de sentenzas

Manuscrita en pergamiño e folio

Pedro Lombardo

Século XV

23

Tratado de cetraría

Manuscrita en pergamiño, folio e tinta vermella e negra

Pero López de Ayala

Século XV

24

Crónica de Don Enrique III de Castela

Manuscrita en pergamiño e folio

Pero López de Ayala

Século XV