BDNS (Identif.): 551968.
De conformidade co previsto no artigo 17.3.b) e no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarios das subvencións previstas nesta resolución os concellos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, mancomunidades de concellos de Galicia e consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal, sempre que reúnan os demais requisitos e condicións establecidos nas bases reguladoras.
Segundo. Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto apoiar e promover o desenvolvemento de medidas e actuacións para a promoción da igualdade no ámbito local, a través dos seguintes programas:
a) Programa de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar (procedemento SI435B): a través deste programa fináncianse as medidas ou os programas de conciliación que teñan como obxectivo fomentar a corresponsabilidade entre mulleres e homes a través da conciliación dos seus tempos persoais, laborais e familiares, así como bancos de tempo creados co mesmo fin.
b) Programa de promoción da igualdade e de prevención e tratamento da violencia de xénero (procedemento SI435A): a través deste programa fináncianse actuacións orientadas a mellorar a situación das vítimas de violencia de xénero e/ou das mulleres en situación de especial vulnerabilidade, así como as dirixidas á loita contra a explotación sexual, en xeral, e a prostitución, en particular.
c) Programa de apoio aos centros de información ás mulleres-CIM (procedemento SI427B): a través deste programa fináncianse os postos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero que prestan servizo no CIM.
d) Programa de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres (procedemento SI435C): ao abeiro deste programa, financiado co Pacto de Estado contra a violencia de xénero, poderanse levar a cabo medidas de sensibilización, información e difusión sobre a promoción da igualdade e a prevención e rexeitamento da violencia contra as mulleres.
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución do 2 de marzo de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (códigos de procedemento SI435B, SI435A, SI427B e SI435C).
Cuarto. Importe
As contías máximas das axudas nos diferentes programas son as seguintes:
a) Programa de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar: a contía máxima da axuda será de 15.000 euros, cando se trate dunha solicitude individual, e de 28.000 euros no caso de que sexa unha solicitude conxunta para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de concellos.
b) Programa de promoción da igualdade e de prevención e tratamento da violencia de xénero: a contía máxima da axuda será de 12.000 euros, cando se trate dunha solicitude individual, e de 25.000 euros no caso de que sexa unha solicitude conxunta para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de concellos.
c) Programa de apoio aos centros de información ás mulleres (CIM): a contía máxima da axuda será de 45.000 euros, cando se trate dunha solicitude individual, e de 120.000 euros no caso de que sexa unha solicitude conxunta para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de concellos.
d) Programa de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres: a contía máxima da axuda será de 6.000 euros, cando se trate dunha solicitude individual, e de 8.000 euros no caso de que sexa unha solicitude conxunta para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de concellos.
Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de sete millóns catrocentos trinta e catro mil oitocentos noventa e catro euros (7.434.894 €), dos cales un millón novecentos setenta e cinco mil euros (1.975.000 €) son susceptibles de seren financiados polo FSE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020; catro millóns novecentos cincuenta e nove mil oitocentos noventa e catro euros (4.959.894 €) están financiados con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia e cincocentos mil euros (500.000 €) con cargo aos fondos procedentes do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2021
Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade