Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 16 de marzo de 2021 Páx. 15076

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 19 de novembro de 2020, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e da necesidade de urxente ocupación que leva implícita, e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Ponte Caldelas (expediente IN407A 2020/052-4).

Feitos:

Primeiro. O 15 de abril de 2020, a empresa Eléctrica Los Molinos, S.L.U. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTS, CD Pazos-A Insua 2020 fase I.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que a instalación consiste nunha liña de media tensión subterránea de 775 metros a 20 kV desde o CD Rebordelo ata o CD da Roca. As obras sitúanse nos lugares de Rebordelo e A Roca, no concello de Ponte Caldelas (Pontevedra).

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, que non emitiron ningún condicionado ao respecto.

Terceiro. Mediante escrito do 4 de xuño de 2020, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica referida á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Roca, que figura afectada pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 4 de xuño de 2020 publicada nos seguintes medios:

– DOG: 29 de xuño de 2020.

– BOPPO: 16 de xuño de 2020.

– Xornal Faro de Vigo: 17 de xuño de 2020.

– Taboleiro de anuncios do Concello de Ponte Caldelas desde o 8 de xuño de 2020 ao 21 de xullo de 2020 conforme certificado expedido polo propio concello.

Quinto. Recibíronse as alegacións da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Roca, onde manifesta que a compañía eléctrica está traballando no tramo 2 ETRS89 e que causou danos na traída de augas por verteduras de residuos, ademais de estaren a traballar en terreos da Comunidade sen permiso. Poñen de manifesto que as obras provocarán que cando chova as augas de arroiada caian sobre o manancial con residuos de arrastre que o danarán.

Sexto. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora que alega a falta de documentos probatorios que demostren a afección da traída de auga e, ademais, recalca que é falso que as obras comenzaran. A empresa afirma que as obras que se están executando corresponden coas da Resolución de autorización do 12 de agosto de 2020 da LMTS CD Pazos-Insua 2020 fase II (expediente IN407A 2020/050-4).

Sétimo. Os servizos técnicos da xefatura territorial, á vista da documentación contida no expediente, emitiron o 28 de setembro de 2020 informe favorable sobre a solicitude de autorización e declaración de utilidade pública, xa que non se acredita o incumprimento do artigo 161 «Limitacións á constitución de servidume de paso» do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. No informe indícase que, en relación coas afeccións nos mananciais e cunetas do camiño forestal, serán os organismos competentes os que se pronuncien sobre tales feitos, dándolle traslado das devanditas actuacións.

Oitavo. O 6 de outubro de 2020 dáse traslado das alegacións remitidas pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Roca ao organismo Augas de Galicia polos posibles incumprimentos en relación coas posibles verteduras e a afección aos mananciais e acuíferos próximos.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria (DOG nº 18, do 25 de xaneiro de 2018) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segunda. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceira. As características técnicas máis salientables do proxecto LMTS, CD Pazos-Insua 2020 fase I, para a cal Eléctrica Los Molinos, S.L.U. solicita a autorización administrativa previa, de construción e declaración de utilidade pública, son:

• LMT subterránea a 20 kV con condutor tipo RHZ5 de 775 metros de lonxitude, con orixe no CD Rebordelo e final no CD A Roca.

As instalacións están situadas nos lugares de Rebordelo e A Roca, no concello de Ponte Caldelas (Pontevedra).

Cuarta. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o seu contido e as respostas da promotora, exponse:

1º. Con relación ás afeccións nos mananciais serán os organismos competentes os que se pronuncien sobre os feitos.

2º. No referente ao inicio das obras con anterioridade á autorización de declaración de utilidade pública por parte desta xefatura, cómpre aclarar que as autorizacións que se poidan conceder neste expediente non impiden a tramitación dos procedementos sancionadores oportunos.

3. Respecto á determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características, así como das afeccións reais do proxecto sobre eles, corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiatorio, a dita determinación.

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa Eléctrica Los Molinos, S.L.U. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS, CD Pazos-Insua 2020 fase I, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguranza establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa Eléctrica Los Molinos, S.L.U. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguranza. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 19 de novembro de 2020

O xefe territorial de Pontevedra
Disposición transitoria segunda do Decreto 130/2020, do 17 de setembro
P.A. (Decreto 135/2017, artigos 62.3 e 63.1)
Ana María Rodríguez Senra
Xefa do Servizo de Coordinación Administrativa e Xestión Económica