BDNS (Idenf.): 553386.
De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Beneficiarios
Organizacións sindicais con representación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Segundo. Obxecto
A convocatoria de axudas que concederá a Consellería de Economía, Emprego e Industria ás organizacións sindicais con representación na Comunidade Autónoma de Galicia, para o desenvolvemento das súas actividades ordinarias durante o ano 2021, para o funcionamento dos seus gabinetes técnicos e para plans de formación de cadros de persoal e delegadas e delegados sindicais, co fin último da mellora das condicións de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 1 de marzo de 2021 pola que se regula o réxime de subvencións ás organizacións sindicais e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (códigos de procedemento TR807A e TR807B).
Cuarto. Importe
Para a concesión destas axudas destínase un millón noventa e nove mil oitocentos euros (1.099.800 €), de acordo coa seguinte distribución:
– Axudas para o desenvolvemento das actividades ordinarias das organizacións sindicais durante o ano 2021.
– 780.200 € proporcionalmente distribuídos entre as organizacións sindicais solicitantes, segundo o número de representantes que tivesen o 31 de decembro de 2020 en virtude das eleccións celebradas nas empresas e nas administracións públicas no ámbito de Galicia.
– Axudas para a creación e/ou o funcionamento de gabinetes técnicos das organizacións sindicais e para plans de formación de cadros de persoal e delegadas e delegados sindicais.
– 319.600 € proporcionalmente distribuídos entre as organizacións sindicais intersectoriais que o soliciten, segundo o número de representantes que tivesen o 31 de decembro de 2020 en virtude das eleccións celebradas nas empresas e nas administracións públicas no ámbito de Galicia
Quinta. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2021
Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade