Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Mércores, 24 de marzo de 2021 Páx. 16144

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á execución de obras de abastecemento, saneamento e depuración, financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento AU300A).

Os concellos teñen atribuídas competencias en materia de abastecemento e saneamento de auga potable de acordo co establecido nos artigos 25.2.c), 26.1.a) e 86.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, nos termos establecidos pola lexislación da comunidade autónoma.

A entidade pública Augas de Galicia, creada pola Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, e regulada polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o seu estatuto, é unha entidade pública empresarial do sector público autonómico de Galicia adscrita á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

Entre as competencias de Augas de Galicia atópanse, con carácter xeral, e de acordo co establecido na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, a adopción de medidas que garantan o abastecemento aos municipios e, polo que se refire aos servizos de saneamento, a elaboración dos criterios de coordinación das actuacións das entidades locais.

Para a consecución destes e dos restantes fins e obxectivos establecidos en materia de abastecemento e saneamento, a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, establece que Augas de Galicia regule e outorgue auxilios económicos ás entidades locais en materias da competencia destas.

O obxecto desta resolución é establecer as bases dunha convocatoria de axudas que permitan acometer e incorporar ao patrimonio público municipal obras de abastecemento e saneamento que os concellos precisan.

A axuda á recuperación para a cohesión e os territorios de Europa (REACT-UE) é unha iniciativa que prosegue e amplía as medidas de resposta á crise e de reparación da crise propostas na Iniciativa de investimento en resposta ao coronavirus (IIRC) e na Iniciativa de investimento en resposta ao coronavirus plus (IIRC+). Esta iniciativa contribuirá a preparar unha recuperación ecolóxica, dixital e resiliente da economía. O REACT-UE inclúe fondos adicionais que se poñen ao dispor do Feder, entre outros fondos europeos, operando así como fondos estruturais, e procederán do Fondo de recuperación next generation EU, instrumento excepcional de recuperación temporal.

As actuacións que se prevén son susceptibles de seren financiadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do eixe REACT UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da Covid-19.

En consecuencia, e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade coa Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. O obxecto desta resolución é establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, para executaren obras de abastecemento, saneamento e depuración, e convocar estas subvencións para o ano 2021 (código de procedemento AU300A).

2. A finalidade das subvencións é axudar aos concellos responsables de sistemas de abastecemento na execución das infraestruturas necesarias para o funcionamento óptimo dos sistemas de abastecemento, que permitan reducir ao máximo a vulnerabilidade da poboación abastecida desde eses sistemas, e axudar aos concellos responsables de sistemas de saneamento e depuración na execución de actuacións de modernización e aumento da eficiencia e eficacia das instalacións existentes ou na construción de novas infraestruturas, contribuíndo con iso á mitigación do cambio climático.

Artigo 2. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas subvencións os concellos cunha poboación total igual ou inferior a 5.000 habitantes, segundo cifras de poboación acordes co establecido no Real decreto 1147/2020, do 15 de decembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2020.

2. Para poder obter a condición de beneficiarios, todos os concellos solicitantes deberán cumprir:

a) Os requisitos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Estar ao día nas obrigacións coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, así como con Augas de Galicia no que incumbe ao canon da auga e, se é o caso, ao coeficiente de verteduras, previstos na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

3. Cada concello poderá presentar dúas solicitudes, unha referida a actuacións en sistemas de abastecemento e outra referida a actuacións en sistemas de saneamento e depuración.

Non se poderán presentar dúas solicitudes referidas a un mesmo sistema. O incumprimento deste punto dará lugar á inadmisión das solicitudes presentadas en segundo ou sucesivo lugar.

4. Todos os concellos solicitantes deberán declarar todas as subvencións que solicitasen e/ou obtivesen para o mesmo fin.

Artigo 3. Actuacións subvencionables

1. Serán subvencionables os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2021 destinados á execución das obras necesarias para o funcionamento óptimo dos sistemas de abastecemento, que permitan reducir ao máximo a vulnerabilidade da poboación abastecida desde eses sistemas, ou obras destinadas á execución de actuacións de modernización e aumento da eficiencia e eficacia das instalacións de saneamento e depuración existentes ou na construción de novas infraestruturas, contribuíndo con iso á mitigación do cambio climático.

2. Subvencionaranse tanto os investimentos realizados na execución das propias obras como os gastos asociados a elas en materia de actividades preventivas e accións de coordinación empresarial, de control de calidade ou de dirección dos traballos.

Artigo 4. Crédito

1. As subvencións reguladas ao amparo desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6566 (subvencións de capital a corporacións locais) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, polo importe de catro millóns de euros (4.000.000 €) dotada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do eixe REACT UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

2. O crédito indicado no punto anterior distribuirase en dous grupos:

a) O 50 % do importe destinarase a obras executadas en sistemas de abastecemento.

b) O 50 % do importe destinarase a obras executadas en sistemas de saneamento e depuración.

3. No caso de que o importe total subvencionado nalgún dos dous grupos non alcance o límite porcentual indicado, a dotación orzamentaria prevista acumularase ao outro.

Artigo 5. Ampliación de crédito

Sen prexuízo do establecido no artigo anterior, prevese a posibilidade de ampliar o crédito nas circunstancias previstas no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A ampliación de crédito queda condicionada á declaración de dispoñibilidade de crédito en consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, á aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Augas de Galicia publicará a ampliación nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 6. Importe máximo das subvencións

O importe das subvencións terá o límite máximo de cincuenta mil euros (50.000 €) por solicitude (imposto sobre o valor engadido incluído), ata esgotar o crédito previsto nesta resolución.

Artigo 7. Compatibilidade das subvencións

1. Estas subvencións serán compatibles con outras que, para a mesma finalidade, concedan outras administracións públicas.

2. O concello beneficiario está obrigado a comunicar ás entidades concedentes a obtención de subvencións ou axudas que financien as actividades obxecto desta resolución.

3. A obtención de subvencións ou axudas concorrentes non poderá superar o custo total da actividade subvencionada. Cando se produza exceso das subvencións ou axudas percibidas de distintas entidades públicas respecto do custo da actividade e estas sexan compatibles entre si, o concello beneficiario deberá reintegrar o exceso xunto cos xuros de demora, unindo as cartas de pagamento á correspondente xustificación.

O reintegro do exceso farase a favor das entidades concedentes en proporción ás subvencións concedidas por cada unha delas. Con todo, cando sexa a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que advirta o exceso de financiamento, exixirá o reintegro polo importe total do exceso, ata o límite da subvención outorgada por ela.

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algún dos concellos interesados presenta a súa solicitude presencialmente, será requirido para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As solicitudes e os trámites posteriores deberán estar asinados pola persoa titular da alcaldía-presidencia ou pola persoa en que estea delegada a competencia no momento da devandita circunstancia, o cal deberá ser acreditado.

2. No formulario, que figura como anexo I desta resolución, acéptase e declárase o seguinte:

a) Que o concello que solicita a subvención acepta as condicións e demais requisitos exixidos nesta resolución de convocatoria.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

c) O conxunto de todas as subvencións ou axudas das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, solicitadas ou concedidas para as mesmas actuacións financiadas ao amparo desta resolución, e o compromiso de comunicar de inmediato cantas subvencións ou axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

d) Que está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Que cumpre os requisitos que para poder obter a condición de beneficiario son recollidos nos artigos 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Os concellos interesados deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Resolución do órgano competente do concello solicitante pola que se acorde a solicitude da subvención ao amparo desta resolución, con data anterior á finalización do prazo de presentación de solicitudes, na cal conste expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na resolución.

b) Un documento técnico onde se describa, represente e orce, cun grao de detalle suficiente para a súa execución, a actuación para a cal se solicita a subvención. O documento, que estará asinado por un técnico competente, terá o seguinte contido mínimo:

1º. Unha portada onde se indique expresamente o título da actuación, o concello solicitante, a súa poboación referida ao 1 de xaneiro de 2020, a tipoloxía da actuación (abastecemento ou saneamento e depuración), o prazo de execución das obras, o orzamento base de licitación co IVE das obras, o nome do técnico competente que asina o documento e a súa titulación, e a data de redacción.

2º. Unha memoria descritiva onde se explique con claridade, e en parágrafos independentes, polo menos as seguintes cuestións: a problemática existente e a solución técnica adoptada, unha descrición das obras e as súas principais características, o orzamento das obras e o prazo de execución.

3º. Unha memoria xustificativa con, polo menos, os seguintes anexos. No caso de que non se consideren necesarios, xustificarase este aspecto no anexo correspondente:

• Estudo de seguridade e saúde ou estudo básico de seguridade e saúde.

• Estudo de xestión dos residuos de construción e demolición.

• Anexos de cálculos hidráulicos ou estruturais que, a xuízo do autor da documentación, resulten necesarios en función da tipoloxía de actuación proposta.

4º. Planos, incluíndo polo menos os seguintes tipos: planos de situación xeral (escala 1:10.000 ou superior), que permitan localizar as obras no territorio; plantas xerais (escala 1:10.000 ou inferior), que representen os principais elementos que forman parte da actuación; planos de detalle cun grao de desenvolvemento e escala suficiente para a súa execución.

5º. Un orzamento das obras, incluíndo os cadros de prezos necesarios para o seu aboamento ao contratista que resulte adxudicatario das obras.

c) Un documento onde se indique xustificadamente:

1º. O importe total do investimento, incluíndo o orzamento das obras e, se for o caso, os gastos asociados a elas en materia de actividades preventivas e accións de coordinación empresarial, de control de calidade ou de dirección dos traballos.

2º. O importe da corresponsabilidade económica do concello; é dicir, a parte do orzamento total do investimento que, se for o caso, achegará o concello.

3º. O importe subvencionable, entendido como a parte do orzamento total do investimento que se solicita con cargo á subvención, calculada como a diferenza entre o importe total do investimento e o importe da corresponsabilidade do concello, ata a cantidade máxima establecida no artigo 6.

d) A documentación contable que acredite que o concello dispón de crédito suficiente para afrontar os seus compromisos económicos conforme o importe da corresponsabilidade financeira indicado na alínea c).

e) Un documento asinado por un técnico competente, no cal:

1º. Se analicen xustificadamente todas as tramitacións necesarias para poder executar as obras, en función da súa localización, tipoloxía e afeccións.

2º. Se relacionen todos e cada un dos permisos e autorizacións que resulte necesario solicitar previamente á execución das obras, con indicación expresa dos que xa fosen tramitados ata a súa obtención polo concello solicitante.

3º. Se inclúan copias dos permisos e autorizacións xa outorgados polas administracións competentes.

f) Un documento onde conste o compromiso do emprego da lingua galega na elaboración do informe final da actuación subvencionada, referido no artigo 22.3.a) desta resolución.

A falta de presentación da documentación indicada nas letras a) e b) deste número poderá ser obxecto de requirimento de emenda e aplicaráselle o previsto no artigo 15.2 desta resolución para o suposto de non atenderse ao requirimento.

A falta de presentación da documentación indicada nas alíneas c), d), e) e f) deste número non será emendable e a solicitude tramitarase sen que se poidan outorgar os puntos correspondentes ás alíneas b), c) e d) do artigo 16.2 desta resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algún dos concellos interesados presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirido para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/ NIE da persoa física que compareza como representante.

b) NIF do concello solicitante.

c) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas fronte á Seguridade Social que deba emitir a Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia que deba emitir a Consellería de Facenda.

f) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) Concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo I e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar aos concellos interesados a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán en ningún caso efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Publicación dos actos

Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a relación de axudas que se concedan. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web de Augas de Galicia (https://augasdegalicia.xunta.gal).

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que os concellos interesados deban realizar despois da presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá do concello interesado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Órganos competentes e instrución

1. A unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento será a Secretaría Xeral de Augas de Galicia, que realizará de oficio cantas actuacións coide necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Unha vez finalizado o prazo de presentación das solicitudes, revisadas estas e a documentación que se presente con elas, se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento requirirá ao solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, se considerará que desiste da súa solicitude, de acordo co previsto nos artigos 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, despois de que se dite resolución ao amparo do artigo 21 desta lei.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento poderá requirir aos solicitantes para que presenten a información e/ou a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación das solicitudes presentadas.

Aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e conteñan toda a documentación preceptiva serán elevados polo órgano instrutor á comisión de valoración.

3. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Presidencia: a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.

b) Vogalías: a persoa titular da Xerencia de Augas de Galicia, a persoa titular da Secretaría Xeral de Augas de Galicia e a persoa titular da Subdirección Xeral de Réxime Económico Financeiro de Augas de Galicia.

c) Secretaría: un/unha funcionario/a de Augas de Galicia, designado/a pola Dirección de Augas de Galicia.

Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas compoñentes non puider asistir, será substituída pola persoa que para o efecto nomee a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.

4. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados nesta resolución e de emitir informe en que se concrete o resultado da valoración efectuada e en que conste a relación ordenada de todas as solicitudes que cumpren coas condicións administrativas e técnicas para adquiriren a condición de beneficiarias, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas. Este informe remitirase ao órgano instrutor, que o elevará xunto coa proposta de resolución ao órgano competente para resolver.

5. O órgano instrutor formulará a proposta de resolución.

A proposta de resolución propoñerá a inadmisión tanto das solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución ou na normativa de aplicación, como das solicitudes que non conteñan a documentación necesaria, indicando as causas desta inadmisión.

A proposta de resolución propoñerá a concesión das solicitudes que proceda. Na proposta de resolución que formule o instrutor figurarán de maneira individualizada os concellos solicitantes propostos para obter a subvención, ordenados segundo a valoración que se lle outorgue á solicitude no informe emitido pola comisión de valoración. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada unha delas, ata esgotar o crédito dispoñible.

6. As solicitudes admitidas e valoradas pola comisión de valoración cuxa concesión superaría o importe do crédito dispoñible poderán ser atendidas seguindo a orde de puntuación, sen necesidade dunha nova convocatoria, co crédito que resulte dispoñible, se se producir algunha non aceptación ou renuncia, e ata o límite do crédito dispoñible. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

7. O órgano instrutor emitirá un informe en que conste que da información que ten no seu poder se deduce que os concellos beneficiarios cumpren todos os requisitos necesarios para accederen ás subvencións.

8. O órgano competente para resolver o procedemento será a persoa titular da Presidencia de Augas de Galicia ou a persoa en quen delegue.

9. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta e o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base.

Artigo 16. Criterios de valoración

1. A concesión da subvención tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo cos principios establecidos no artigo 5.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Aplicaranse os seguintes criterios e baremos para a valoración das solicitudes:

a) A poboación do concello. Ata un máximo de 5 puntos. Os puntos distribuiranse da seguinte maneira:

1 punto no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior a 4.000 e inferior ou igual a 5.000 habitantes.

2 puntos no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior a 3.000 e inferior ou igual a 4.000 habitantes.

3 puntos no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior a 2.000 e inferior ou igual a 3.000 habitantes.

4 puntos no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior a 1.000 e inferior ou igual a 2.000 habitantes.

5 puntos no caso de concellos solicitantes cunha poboación inferior ou igual a 1.000 habitantes.

Para estes efectos, considerarase o número de habitantes conforme o establecido no Real decreto 1147/2020, do 15 de decembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2020.

As solicitudes referidas a concellos de máis de 5.000 habitantes serán excluídas por non resultaren beneficiarios conforme o disposto no artigo 2.

b) A corresponsabilidade financeira do concello, entendida como as achegas económicas do concello á execución da actuación, nos termos indicados no documento referido no artigo 10.1.c) e acreditada conforme a documentación contable exixida no artigo 10.1.d). Ata un máximo de 2 puntos. Os puntos, calculados arredondando ata dous decimais, distribuiranse de forma proporcional á porcentaxe de corresponsabilidade financeira do concello, entre os dous valores extremos seguintes:

0 puntos se a porcentaxe de corresponsabilidade financeira do concello é do 0 %.

2 puntos se a porcentaxe de corresponsabilidade financeira do concello é igual ou superior ao 20 %.

A porcentaxe de corresponsabilidade financeira do concello determinarase, arredondando ata dous decimais, a partir da relación entre o importe total do investimento e o importe de corresponsabilidade financeira, a partir da documentación achegada polo concello conforme o establecido no artigo 10.1.c) e acreditada conforme o artigo 10.1.d).

A porcentaxe de corresponsabilidade financeira será do 0 % cando o concello correspondente non prevexa a realización de ningunha achega económica á execución da actuación ou cando a documentación achegada non cumpra os requisitos establecidos no artigo 10.

c) O estado de tramitación da actuación, nos termos indicados polo concello correspondente no documento referido no artigo 10.1.e) e acreditada conforme a documentación que o acompaña. Ata un máximo de 2 puntos. Os puntos, calculados arredondando ata dous decimais, distribuiranse de forma proporcional á porcentaxe de tramitación da actuación, entre os dous valores extremos seguintes:

0 puntos se a porcentaxe de tramitación da actuación é do 0 %.

2 puntos se a porcentaxe de tramitación da actuación é do 100 %.

A porcentaxe de tramitación da actuación determinarase, arredondando ata dous decimais, a partir da relación entre o número de permisos e autorizacións necesarias para poder executar as obras e o número de permisos e autorizacións xa outorgados pola Administración competente, a partir da documentación achegada e acreditada polo concello conforme o establecido no artigo 10.1.e).

Nos casos en que non sexa necesaria a obtención de ningún permiso ou autorización para a execución da actuación, a porcentaxe de tramitación da actuación será o 100 %. Esta porcentaxe será do 0 % cando non se acreditase conforme o disposto no artigo 10 o outorgamento, por parte das administracións correspondentes, de ningunha das autorizacións e permisos necesarios para a execución das obras.

d) Compromiso do emprego da lingua galega na elaboración do informe final da actuación subvencionada referido no artigo 22.3.a) desta resolución. Ata un máximo de 1 punto. Os puntos distribuiranse da seguinte maneira:

0 puntos se non consta o citado compromiso.

1 punto se consta o citado compromiso.

3. Se o outorgamento de todas as solicitudes valoradas implica un gasto superior ao crédito consignado nesta resolución, no caso de que máis dunha solicitude obteña a mesma puntuación, o desempate realizarase tendo en conta os seguintes criterios:

1º. Maior puntuación na letra a) dos criterios de valoración.

2º. Menor número de habitantes do concello.

3º. Presentar correctamente a solicitude de subvención sen que houbese que realizar ningún requirimento de corrección.

4º. Data e hora de presentación da solicitude. No caso de que se requirise aos solicitantes a corrección de erros ou omisións na solicitude ou documentación presentada, entenderase por data e hora de entrada da solicitude aquela en que devandito requirimento estivese correctamente atendido.

Artigo 17. Resolución, prazo, notificación e recursos

1. Unha vez realizada a proposta de resolución, a persoa titular da Presidencia de Augas de Galicia ou a persoa en quen delegue ditará a resolución do procedemento.

A resolución acordará tanto o outorgamento das subvencións como a desestimación e a non concesión, por desistencia, renuncia ao dereito ou imposibilidade material sobrevinda.

2. O prazo para ditar a resolución do procedemento iniciado en virtude desta convocatoria será tres meses, contados a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

3. Segundo o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entenderen rexeitada por silencio administrativo a súa solicitude de concesión da subvención.

4. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, ante o mesmo órgano, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto.

Artigo 18. Modificación da resolución

1. O órgano competente para a concesión destas subvencións poderá acordar a modificación da resolución a instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os límites e os requisitos recollidos nos artigos 35 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Unicamente se aceptará como suposto que habilite a modificación da resolución de concesión a modificación dun contrato vixente derivada de circunstancias sobrevindas e que fosen imprevisibles no momento de licitación do contrato, segundo o establecido no artigo 205, números 1 e 2.b) da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro.

A modificación da resolución nestes supostos non implicará o incremento do importe da subvención inicialmente concedida.

Artigo 19. Aceptación

1. Os beneficiarios disporán dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida.

2. Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención, de conformidade co artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para que foron concedidas.

Artigo 20. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións concedidas ao amparo desta orde quedan obrigados a:

1. Cumprir o obxectivo da axuda previsto no artigo 1.2 desta resolución.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real.

3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Proceder ao reintegro das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.

b) Incumprimento da obriga de xustificar o pagamento nos termos establecidos nesta resolución.

c) Incumprimento da obriga, de ser o caso, de presentar os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deba solicitar o beneficiario e/ou falta ou insuficiente acreditación de que a elección recaeu na oferta economicamente máis vantaxosa.

d) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou en calquera outro que resulte da normativa aplicable.

5. No suposto de concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións obxecto da subvención, tramitar e adxudicar os contratos necesarios conforme as prescricións contidas na lexislación sobre contratación administrativa do sector público e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas.

6. Comunicar ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

7. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme o previsto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

8. En relación coa subvención concedida, someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e presentar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 21. Contratación

1. Os beneficiarios poderán concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións obxecto da subvención, salvo que o impida a súa natureza. En ningún caso poderán subcontratarse actuacións que, aumentando o custo da actuación subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

Os contratistas quedarán obrigados soamente ante o beneficiario, que asumirá a total responsabilidade da execución da actuación subvencionada fronte á Administración concedente.

2. A tramitación dos expedientes de contratación que procedan será realizada polos concellos beneficiarios conforme a normativa vixente en materia de contratación do sector público, e serán os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que poidan derivar dos incumprimentos.

3. En todo caso, deberá observarse o establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

O beneficiario deberá acreditar, de ser o caso, as ofertas recibidas xunto coa documentación xustificativa da subvención e xustificar a elección entre as ofertas presentadas.

A elección deberá realizarse conforme criterios de eficiencia e economía e, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. De non recaer nesta, deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección do/da adxudicatario/a.

Artigo 22. Xustificación e pagamento

1. O prazo para a presentación da documentación xustificativa da subvención finalizará o 30 de novembro de 2021, sen prexuízo de que se poida presentar a dita documentación con anterioridade para a súa tramitación.

2. O beneficiarios deberán presentar a través da sede electrónica da Xunta de Galicia o anexo II desta resolución en que expresamente se declare:

a) Se solicitou ou lle foron concedidas outras subvencións ou axudas para o mesmo proxecto ou conceptos para os cales lles foi concedida esta axuda, con indicación do importe e a súa procedencia, se é o caso.

b) Que o concello solicitante non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia para obter a condición de beneficiaria da subvención.

c) Que os bens obxecto de subvención inventariables se destinarán ao fin concreto para que se outorgou a subvención durante un prazo mínimo de cinco anos se son bens inscritibles nun rexistro público ou de dous anos para o resto dos bens, segundo o previsto no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Xunto co anexo II deberá presentarse a seguinte documentación xustificativa:

Para os efectos de dar cumprimento ao artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, presentarase a seguinte documentación xustificativa:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos. Estará asinado por un técnico competente e reflectirase graficamente a situación previa á execución das obras e o estado con posterioridade á execución, a través de planos e fotografías, os principais fitos no avance delas, os ensaios de control de calidade que, se for o caso, se levaron a cabo, a documentación relativa ás actividades preventivas e accións de coordinación empresarial realizadas, así como a relacionada coa xestión de residuos, e acreditarase que as actuacións subvencionadas foron executadas conforme a documentación técnica presentada na solicitude.

b) Unha memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas, asinada polo interventor de concello, que conterá:

• Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e, se for o caso, data de pagamento. No caso de que a subvención se outorgue conforme un orzamento, indicaranse as desviacións producidas.

• As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no punto anterior e a documentación acreditativa do pagamento.

• Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios e a indicación, se for o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación a que se fai referencia na letra a), salvo naqueles casos en que as bases reguladoras da subvención previsen a súa compensación mediante un tanto global sen necesidade de xustificación.

• Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

• Os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba solicitar o beneficiario.

• Se for o caso, a carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

4. Augas de Galicia poderá solicitar calquera documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto nos artigos 45.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

6. Augas de Galicia, de atopar conforme a documentación xustificativa, proporá o libramento dos fondos, segundo o estipulado no artigo 41 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 23. Incumprimento de obrigas

1. O órgano concedente poderá revogar a concesión da axuda se o beneficiario incumpre as condicións impostas con motivo da súa concesión.

2. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou na restante normativa que sexa de aplicación dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a axuda percibida, así como os intereses de demora correspondentes.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior, tramitarase o procedemento de reintegro oportuno, que se axustará ao previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos títulos IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e VI do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional única. Delegación de competencias

Delégase na persoa titular da Dirección de Augas de Galicia a competencia para resolver o procedemento de concesión de subvencións, a modificación da resolución e outras incidencias que poidan xurdir na súa tramitación, así como a competencia para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da resolución

Facúltase a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2021

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Presidenta de Augas de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file