Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Xoves, 25 de marzo de 2021 Páx. 16361

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, á creación escénica e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento CT403B).

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5 da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais. A Axencia Galega das Industrias Culturais é o organismo en que a Xunta de Galicia, coa participación necesaria dos sectores culturais implicados, centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade. O obxectivo da Axencia é consolidar o tecido industrial no sector cultural galego para promover un tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentar a creación e potenciar a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, favorecendo a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos singularizadores.

A Axencia pretende fomentar a demanda de produtos culturais na sociedade galega e, pola súa vez, aumentar a exportación. Os destinatarios da Axencia son as empresas culturais privadas dedicadas principalmente á produción, distribución ou comercialización de produtos culturais incorporados en calquera clase de soporte, así como de espectáculos en vivo.

Con esta convocatoria de axudas, a Axencia Galega das Industrias Culturais quere seguir impulsando o marco de actuación baseado nas seguintes premisas:

1. Favorecer a produción escénica en todas as súas disciplinas artísticas.

2. O incremento de espectadores en artes escénicas.

3. A consolidación de industrias culturais competitivas que xeren un retorno.

4. A busca da excelencia nos produtos culturais galegos.

Por todo isto, en consonancia cos seus obxectivos inmediatos, e en uso das atribucións que me foron conferidas, resolvo aprobar a convocatoria de subvencións á creación escénica para o ano 2021, de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto, finalidade e principios de xestión

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para contribuír á promoción da produción da actividade escénica, dentro do marco das competencias deste organismo, e realizar a súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CT403B).

A finalidade das subvencións é o fomento da produción escénica en calquera disciplina artística, incluídas as coproducións en que participen os solicitantes destas axudas.

2. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

3. Estas subvencións son incompatibles con outras axudas polo mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e dos seus organismos dependentes. No caso da modalidade 4, ademais, é incompatible con calquera das axudas convocadas pola Agadic así como aqueles que resultaron beneficiarios desta modalidade na convocatoria do ano 2020.

4. Estas subvencións son compatibles con outras axudas polo mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade. A suma das distintas axudas públicas para a mesma finalidade non pode superar o 100 % do custo do evento.

5. A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto nesta resolución aprobatoria das bases de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, á creación escénica; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nos preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de Administración dixital de Galicia, e demais normativa de xeral aplicación.

6. A xestión e a concesión destas axudas realizaranse mediante o procedemento de concorrencia competitiva e de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

Segunda. Persoas beneficiarias

1. Dentro dos límites orzamentarios e de acordo coas condicións e criterios que se establecen nestas bases, poderán acceder a estas axudas as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas privadas, e as súas asociacións, así como as sociedades civís e comunidades de bens -ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia-, así como as unións temporais de empresas, dedicadas profesionalmente á produción de actividade escénica, que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia. Quedan exceptuadas as asociacións e restantes entidades sen fins de lucro.

As persoas beneficiarias da modalidade 4 da convocatoria de subvencións á creción escénica do ano 2020 non poderán presentarse a ningunha das modalidades recollidas nesta convocatoria.

No suposto da modalidade 1 (subvencións á creación de espectáculos de empresas de nova creación) deberanse cumprir, ademais, os seguintes requisitos:

– O equipo artístico debe estar integrado, como mínimo nun 50 %, por persoas nacidas a partir do ano 1986, inclusive. Enténdese por equipo artístico: elenco, dirección, deseño de espazo escénico, deseño de luz, deseño de espazo sonoro e deseño de vestiario.

– Antigüidade da compañía non superior aos cinco anos. Para estes efectos, a constitución e antigüidade da compañía contabilizaranse desde a primeira data da alta no IAE, na actividade de produción ou distribución de espectáculos de artes escénicas.

No suposto da modalidade 4 (subvencións á actividade escénica de carácter trianual), deberanse cumprir os seguintes requisitos:

– Contar cunha actividade empresarial sen interrupción nos últimos 10 anos. Para estes efectos, a constitución e antigüidade da compañía contabilizaranse desde a primeira data da alta no IAE na actividade de produción ou distribución de espectáculos de artes escénicas.

– Facturación media dos tres últimos anos de 100.000 euros, como mínimo.

Nos supostos de coproducións, unicamente se terá en conta para valorar os criterios relativos á empresa a entidade que figure como solicitante.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, as persoas solicitantes declararán non estar incursas en tales circunstancias, consonte o establecido no anexo I desta convocatoria.

Terceira. Modalidades, orzamento, imputación de créditos, contía da subvención e límites máximos

1. As modalidades da subvención que comprende esta convocatoria son as que seguen:

– Modalidade 1: subvencións á creación de espectáculos de empresas de nova creación, cunha dotación máxima de 70.000 euros.

– Modalidade 2: subvencións á creación escénica no ámbito do teatro, novo circo e maxia, cunha dotación máxima de 430.000 euros.

– Modalidade 3: subvencións á creación escénica no ámbito da danza e artes do movemento, cunha dotación máxima de 100.000 euros.

No caso das modalidades 1, 2 e 3, a estrea deberá producirse entre o 1 de abril de 2021 e o 31 de marzo de 2022.

– Modalidade 4: subvencións á actividade escénica de carácter trianual, cunha dotación máxima de 200.000 euros. Estas axudas van dirixidas a subvencionar, como máximo, dous proxectos escénicos para desenvolver durante os anos 2021-2023. Os proxectos deberán conter, polo menos, una produción con data de estrea entre o 1 de abril de 2021 e o 31 de marzo de 2023 e un plan de xira de 70 funcións que consideren tanto o mercado galego como o exterior.

En todo caso, en calquera das modalidades a produción deberá iniciarse no exercicio 2021.

2. Contías das subvencións e límites máximos:

– Modalidade 1: subvencións á creación de espectáculos de empresas de nova creación: proxectos que non superen os 20.000 euros de orzamento, co límite do 90 % do orzamento e cunha contía máxima por beneficiario de 18.000 euros.

– Modalidade 2: subvencións á creación escénica no ámbito do teatro, novo circo e maxia: proxectos que non superen os 80.000 euros de orzamento, co límite do 75 % e cunha contía máxima por beneficiario de 60.000 euros.

– Modalidade 3: subvencións á creación escénica no ámbito da danza e artes do movemento: proxectos que non superen os 50.000 euros de orzamento, co límite do 75 % e cunha contía máxima por beneficiario de 37.500 euros.

– Modalidade 4: subvencións á actividade escénica de carácter trianual: proxectos que non superen os 150.000 euros de orzamento máximo, co límite do 80 % e cunha contía máxima por beneficiario de 100.000 euros.

3. O importe global máximo das subvencións anteriormente detalladas será de 800.000 euros, suma que irá con cargo á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0 do orzamento de gastos da Agadic, código de proxecto 2010-00005, distribuído entre as anualidades 2021, 2022 e 2023: 200.000 euros con cargo ao exercicio 2021, 500.000 euros con cargo ao exercicio 2022 e 100.000 con cargo ao exercicio 2023.

4. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia e tras declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda e sempre antes da resolución de concesión. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Sen prexuízo das dotacións indicadas en cada modalidade, cando por razón de falta de solicitudes, incumprimento de requisitos ou de falta de calidade dos proxectos presentados non se esgotase a contía establecida nunha ou varias modalidades, a comisión de valoración proporalle á Dirección da Agadic o incremento da cantidade establecida en calquera das outras modalidades. No caso deste traspaso, terá prioridade a modalidade en que o desequilibrio entre a cantidade solicitada e a dotación inicial sexa maior.

5. A contía que obterán os proxectos subvencionados fixarase atendendo ao plan económico-financeiro presentado, á contía solicitada e á puntuación obtida, co límite do 90 % do orzamento na modalidade 1, do 75 % nas modalidades 2 e 3, e do 80 % na modalidade 4.

6. Sen prexuízo da posible presentación de máis dun proxecto distinto por unha mesma persoa solicitante nas distintas modalidades, só poderá ser obxecto de subvención un proxecto por persoa física ou xurídica. Para estes efectos, a persoa solicitante deberá establecer unha orde de prelación sobre os proxectos presentados, que a comisión de valoración terá en conta no caso de que varios proxectos se consideren subvencionables. Non poderán presentar o mesmo proxecto distintas persoas solicitantes. Non poderá presentarse un mesmo proxecto a distintas modalidades.

Non obstante o anterior, as producións que formen parte do proxecto trianual da modalidade 4 poderán presentarse individualizadamente ás outras modalidades. Neste caso, a persoa solicitante deberá establecer, como no resto dos casos, a orde de prelación.

Cuarta. Inicio do procedemento: presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Quinta. Prazo de presentación das solicitudes e emenda

1. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta, non se achegase a documentación exixida ou non se reunisen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa interesada será requirida para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte á notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.

Sexta. Documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento

1. Ademais da solicitude (anexo I), as persoas interesadas presentarán, con carácter xeral, a seguinte documentación:

1.1. Certificado do acordo social de solicitude da axuda, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.2. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro que corresponda, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

No suposto de sociedades civís e comunidades de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia, deberán facer constar:

1.4. Nomeamento do representante ou apoderado legal único da agrupación (con poder bastante para cumprir as obrigas que, como persoa beneficiaria, lle corresponden á agrupación; deberase facer constar tal circunstancia tanto na solicitude como na aceptación da concesión da axuda).

1.5. Os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe de subvención que se lle aplicará a cada un.

1.6. O compromiso de non disolución destas ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Ademais, coas solicitudes deberase achegar a seguinte documentación complementaria:

2.1. Para as modalidades 1, 2, 3 e 4:

2.1.1. Memoria do proxecto que inclúa separadamente o tratamento, por parte das persoas solicitantes, dos seguintes puntos:

2.1.1.1. Interese cultural e artístico, relevancia e singularidade do proxecto e obxectivos.

2.1.1.2. Estratexias de difusión e promoción do proxecto.

2.1.1.3. Repercusión do proxecto na creación e fomento de públicos para as artes escénicas.

2.1.1.4. Viabilidade técnica e económica do proxecto proposto tendo en conta especialmente o orzamento, os recursos empresariais implicados e a adecuación do proxecto e do orzamento aos obxectivos que se perseguen.

2.1.1.5. Memoria de dirección que recolla todos os recursos relativos á posta en escena do espectáculo e inclúa o currículo de actores e actrices e traballo actoral e coreográfico, escenografía, vestiario ou outros aspectos plásticos, iluminación, música, así como calquera outro aspecto creativo que se considere.

2.1.2. Certificación acreditativa da titularidade dos dereitos de autor. Nun primeiro momento (e durante o trámite de presentación da solicitude da subvención), poderase achegar unicamente a acreditación da súa solicitude. Non obstante, a dita titularidade deberase acreditar con anterioridade ao aboamento da subvención.

2.1.3. Memoria da empresa (anexo II).

2.1.4. Memoria das actividades realizadas pola compañía (anexo III). Non se terán en conta os espectáculos ou funcións non recollidos no anexo.

2.1.5. Ficha de produción (anexo IV).

2.1.6. Historial do director (anexo V). Só se terán en conta os méritos que xunten a debida acreditación.

2.1.7. Plan económico-financeiro (anexo VI).

2.1.8. Compromiso de contratación das persoas integrantes do equipo artístico, asinado tanto pola empresa como pola persoa traballadora, coa declaración expresa de non participación en máis de tres proxectos escénicos e cos salarios referidos ao convenio en vigor (anexo VII).

2.1.9. Acreditación documental da memoria das actividades realizadas do anexo III e do historial do director do anexo V.

2.2. Ademais, para a modalidade 1:

2.2.1. Declaración responsable de que o equipo artístico (elenco, dirección, deseño de espazo escénico, deseño de luz, deseño de espazo sonoro e deseño de vestiario) está integrado, como mínimo nun 50 %, por persoas nacidas a partir do ano 1986, inclusive.

2.3. Ademais, para a modalidade 4:

2.3.1. Declaración responsable do compromiso de realización de, como mínimo, 70 funcións, e polo menos 15 delas serán do proxecto presentado a esta modalidade.

As persoas solicitantes da modalidade 4, ao estar integrado o proxecto por máis dunha produción, poderán presentar os anexos IV, V, VI, IX, X e XI adaptados ao proxecto, respectando en todo caso as epígrafes de cada un deles.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sétima. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas coa Comunidade Autónoma.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Oitava. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencias contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Novena. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décima. Instrución do procedemento e competencia para a avaliación de solicitudes

1. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1.1. Examinar as solicitudes e a documentación presentadas.

1.2. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.

1.3. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria ás persoas interesadas, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, ou aos profesionais ou expertos consultados.

En todo caso, a Dirección da Agadic poderá requirir os solicitantes para que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levarán a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que deriven destas bases.

Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención.

Décimo primeira. Comisións de valoración

Para a avaliación das solicitudes presentadas constituiranse dúas comisións de valoración, das cales non poderán formar parte aquelas persoas que estean directa ou indirectamente relacionadas cos expedientes obxecto de valoración. Tanto estas comisións como o órgano instrutor especificado na base anterior poderán solicitar das persoas beneficiarias cantos datos e acreditacións xulguen necesarios para unha máis correcta baremación dos proxectos.

As comisións serán nomeadas polo director da Agadic e estarán integradas por un membro do cadro de persoal da Agadic (que exercerá as funcións de secretario das comisións, con voz e sen voto) e polos seguintes vogais, entre os cales se designará un presidente:

1. Para a avaliación dos criterios automáticos, dúas persoas do cadro de persoal da Agadic.

2. Para a avaliación dos criterios artísticos, tres profesionais externos, nomeados pola Dirección da Agadic de entre persoas vinculadas ao mundo das artes escénicas en Galicia.

A condición de vogal da comisión ten carácter persoal e non pode actuar por delegación nin ser substituído en ningún caso. Os membros da comisión declararán por escrito non ter relación coas persoas solicitantes ou, se é o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes na correspondente convocatoria anual.

3. A comisión de valoración artística, previamente á cualificación das solicitudes, elaborará unha acta en que se concreten os criterios definidos na base décimo segunda para aplicalos de xeito obxectivo. Así mesmo, tras a súa avaliación deixarase constancia documental cun informe da motivación das puntuacións.

A avaliación das solicitudes presentadas farase en dúas fases. A primeira será a avaliación dos criterios automáticos establecidos na base décimo primeira e será levada a cabo por unha comisión formada por persoal da Agadic. A segunda fase será a avaliación dos criterios artísticos e será realizada por unha comisión formada por profesionais do ámbito escénico.

A puntuación final dos proxectos propostos para ser subvencionados consistirá na suma de ambas as valoracións.

As dúas comisións reuniranse para pór en común o resultado de cada unha das fases e emitirán un informe relacionando os proxectos examinados por orde de prelación, indicarán a puntuación asignada a cada un deles e farán unha proposta daqueles que se consideran subvencionables.

Os proxectos propostos polas comisións e pola Dirección da Agadic para ser subvencionados recibirán unha puntuación adicional por número de intérpretes (actores, manipuladores, bailaríns e músicos en escena) para os efectos da asignación das contías que se lles adxudiquen, tendo en conta os límites de cada modalidade. Esta puntuación será de catro puntos por cada intérprete, ata un máximo de 25 puntos.

4. Unha vez entregado o informe preceptivo por parte das comisións de valoración, a Dirección da Agadic elaborará a proposta de resolución e indicará o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas.

A contía das subvencións determinarase en función das dispoñibilidades orzamentarias, o orzamento do proxecto, o importe solicitado e a puntuación derivada da aplicación dos criterios de valoración.

Décimo segunda. Criterios de valoración e baremación

1. A valoración das solicitudes presentadas realizarase de acordo cos seguintes criterios, excepto para a modalidade 1, na cal non se terán en conta os puntos 1 (valoración da empresa) e 2 (capacidade de produción e distribución) dos criterios automáticos:

A. Criterios automáticos. Máximo 62 puntos.

1. Valoración da empresa: 12 puntos.

1.1. Porcentaxe mínima da subvención solicitada sobre o orzamento do proxecto: 4 puntos.

– Máis do 65 % ata o 70 %: 1 punto.

– Entre 55 % e 65 %: 2 puntos.

– Menos do 55 %: 4 puntos.

1.2. Facturación media da empresa dos últimos tres anos: 4 puntos.

– Entre 50.000 e 100.000 euros: 1 punto.

– Máis de 100.000 ata 200.000 euros: 2 puntos.

– Máis de 200.000 euros: 4 puntos.

1.3. Nivel de contratación de persoal: 4 puntos (cálculo realizado sobre a media do importe das cotizacións á Seguridade Social da empresa -socios traballadores e contratados laborais- nos últimos tres anos naturais na rama de actividade de empresas de espectáculos).

– Entre 5.000 e 12.000 euros: 1 punto.

– Máis de 12.000 ata 18.000 euros: 2 puntos.

– Máis de 18.000 euros: 4 puntos.

2. Capacidade de produción e distribución: 16 puntos.

2.1. Nivel de produción: 3 puntos.

– 0,5 por espectáculo producido durante os últimos tres anos naturais, dun mínimo de 35 minutos de duración (excepto para espectáculos de danza), con dez ou máis representacións realizadas (cinco, para os espectáculos de danza).

2.2. Nivel de distribución: 13 puntos.

Media anual de funcións distribuídas nos últimos tres anos. Terán a consideración de funcións aquelas que supoñan unha contraprestación económica e unha duración mínima de 35 minutos. Non se exixirá duración mínima para espectáculos de danza. Para a contabilización das funcións realizadas de cada espectáculo aplicarase a seguinte dobre ponderación:

– Ponderación 1: funcións realizadas fóra de Galicia: 1,5; funcións realizadas en Galicia, incluídas as da RGTA, RGS (salvo a propia ou xestionada) e RGMV: 1.

– Ponderación 2: caché ata 1.500 euros × 0,65; caché entre 1.501 e 2.500 euros × 1;caché entre 2.501 e 4.500 euros × 1,5; caché superior a 4.500 euros × 2.

– Entre 10 e 20 funcións: 2 puntos.

– Entre 21 e 50 funcións: 6 puntos.

– Entre 51 e 70 funcións: 9 puntos.

– Entre 71 e 90 funcións: 11 puntos.

– Máis de 90 funcións: 13 puntos.

3. Características da produción: máximo 34 puntos.

3.1. Autoría do texto: 3 puntos.

– Obra orixinal de autor ou autores galegos vivos: 3 puntos.

– Outros autores galegos: 2 puntos.

– Outros: 1 punto.

Nesta epígrafe a autoría do texto é equiparable á autoría da coreografía.

A consideración de obra orixinal estará suxeita ao rexistro dos dereitos de autor. O rexistro deberá ser efectivo con anterioridade ao cobramento da subvención.

3.2. Dirección artística: máximo 12 puntos.

3.2.1. Fomento da dirección feminina: 2 puntos.

3.2.2. Traxectoria profesional:

– 0,5 puntos pola titulación oficial de Arte Dramática ou equivalente.

– 0,25 puntos por outras titulacións oficiais relacionadas coas artes escénicas e musicais.

– 0,25 puntos por cada premio á dirección de espectáculos escénicos profesionais, cun máximo de 2 puntos.

– 0,5 puntos por cada dirección de montaxes profesionais de artes escénicas, ata un máximo de 8 puntos.

Cando a dirección do espectáculo sexa compartida, terase en conta a puntuación do director con máis puntuación global.

3.3. Elenco (actores, manipuladores, bailaríns e músicos en escena): máximo 7 puntos.

– 1 punto por intérprete.

3.4. Investimento en promoción e publicidade: 3 puntos.

Investimento en medios de comunicación, cartelaría, páxina web específica do proxecto, folletos, vídeos e aquelas accións promocionais que fagan máis visible a produción.

– Entre o 10 % e 15 % do orzamento do proxecto: 1 punto.

– Máis do 15 % do orzamento do proxecto: 3 puntos.

3.5. Premios ao texto: 9 puntos.

– Premios da Agadic: 9 puntos.

– Outros premios: 2 puntos.

As compañías que presenten para a súa produción textos premiados pola Agadic, non estreados con anterioridade, recibirán 9 puntos. En caso de que o texto percibise outro premio, recibirán dous puntos.

3.6. Para a modalidade 4 terase en conta o sumatorio global das producións presentadas no proxecto en cada epígrafe, dentro dos límites máximos establecidos.

Cando unha compañía estea formada pola fusión, escisión ou cambio de forma xurídica ou razón social dunha ou de varias compañías preexistentes, recoñeceráselle a traxectoria anterior destas para os efectos de baremación. No suposto de escisión, o recoñecemento será pola parte proporcional que corresponda á parte escindida integrada na nova sociedade. No caso de que unha das partes escindidas non exerza actividade empresarial demostrada, a outra parte acumulará toda a traxectoria.

B. Criterios artísticos da memoria do proxecto: máximo 38 puntos.

1. Interese cultural e artístico, relevancia e singularidade do proxecto presentado e dos obxectivos expostos: ata 4 puntos.

2. Estratexias de difusión e promoción do proxecto: ata 2 puntos.

3. Repercusión na creación e fomento de públicos para as artes escénicas: ata 2 puntos.

4. Viabilidade técnica e económica do proxecto proposto tendo en conta especialmente o orzamento, os recursos empresariais implicados e a adecuación do proxecto e do orzamento aos obxectivos que se perseguen: ata 2 puntos.

5. Memoria de dirección que recolla todos os recursos relativos á posta en escena do espectáculo e inclúa o currículo de actores e actrices e traballo actoral e coreográfico, escenografía, vestiario ou outros aspectos plásticos, iluminación, música, así como calquera outro aspecto creativo que se considere: ata 28 puntos.

Décimo terceira. Resolución da convocatoria

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor, á vista do expediente, da documentación requirida e unha vez entregado o informe preceptivo por parte da comisión de valoración, ditará a proposta de resolución, onde indicará o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas, que elevará á Presidencia do Consello Reitor da Agadic.

2. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic, por delegación do Consello Reitor (disposición adicional do Acordo do 24 de xullo de 2012 (DOG nº 164, do 29 de agosto), deberá ditar resolución expresa, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución. A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de cinco meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública, será motivada e fará mención expresa das persoas beneficiarias, da contía da axuda (en equivalente bruto de subvención), dunha desestimación xeneralizada do resto dos proxectos solicitados e o seu carácter de «axuda de minimis» exenta en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

3. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que as persoas interesadas poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. A resolución da convocatoria porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Consello Reitor da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Décimo cuarta. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos , nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de Administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de Administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderase rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo quinta. Aceptación da subvención

1. Unha vez notificada a resolución, os beneficiarios comunicaranlle á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada.

2. A entidade beneficiaria deberalle remitir á Agadic a plan económico-financeiro (anexo VI) adaptado á subvención concedida (só no suposto de que a subvención recibida sexa inferior á solicitada e, como máximo, pola diferenza entre ambas as cantidades). Esta documentación deberase remitir no prazo máximo de 10 días hábiles, contados desde a notificación da resolución de concesión.

Décimo sexta. Gastos subvencionables

1. Son gastos subvencionables os relativos á produción escénica estreada nas datas determinadas na base terceira desta convocatoria conforme o plan económico-financeiro presentado:

– Para persoas físicas ou entidades que non foron beneficiarias de subvención na convocatoria de 2020: desde o 1 de xaneiro de 2021 ata a data da estrea da produción subvencionada no ano 2021 ou ata a realización de todas as funcións comprometidas no caso da modalidade 4.

– Para as persoas físicas ou entidades que foron subvencionadas na convocatoria de 2020 e estrearon antes do 1 de xaneiro de 2021: desde o 1 de xaneiro de 2021 ata a data da estrea da produción subvencionada no ano 2021 ou ata a realización de todas as funcións comprometidas no caso da modalidade 4.

– Para as entidades que foron beneficiarias de subvención na convocatoria de 2020 e estrearon a produción no ano 2021: desde a data da estrea da produción subvencionada na convocatoria de 2020 e ata a data de estrea da produción subvencionada na presente convocatoria ou ata a realización de todas as funcións comprometidas no caso da modalidade 4.

2. Son gastos subvencionables:

– Gastos de persoal incluídos na ficha de produción. Para a modalidade 4, tamén serán subvencionables os gastos de persoal incluído na xira realizada (máximo 70 % do total do proxecto).

– Gastos de produción (escenografía, vestiario, música, luz, son, etc.). Os gastos deberán corresponder co proxecto presentado (máximo 30 % do proxecto).

– Gastos de promoción e publicidade, de acordo co orzamento presentado (máximo 10 % do proxecto).

– Dereitos de autor.

– Axudas de custo, transporte e/ou outras indemnizacións, conforme as tarifas máximas establecidas no convenio colectivo de actores e actrices de Galicia.

– Gastos xerais de mantemento e xestión, ata un máximo do 7 % sobre os custos totais.

– Gastos financeiros, se están directamente relacionados coa actividade subvencionable e son indispensables para a adecuada preparación ou execución desta, de conformidade co artigo 29.7 da Lei de subvencións de Galicia.

– Alugueiro de locais de ensaio, cun máximo tres meses. Para a modalidade 4, cun máximo de seis meses.

Admitiranse desviacións ata un máximo do 20 %, debidamente motivadas, entre as diferentes partidas de gasto do importe que presenta, a excepción dos gastos xerais.

3. Non serán subvencionables os gastos relativos:

– A xuros debedores das contas bancarias.

– Ao imposto sobre o valor engadido, así como os impostos de natureza similar que sexan recuperables pola entidade.

– Aos gastos de subcontratación de servizos con empresas vinculadas ou con aquelas que non teñan como obxecto social e actividade social a prestación dos servizos obxecto da subcontratación.

– A gastos de contratación de servizos artísticos por parte das persoas titulares da empresa, cando excedan os seguintes límites: 20 % do total do proxecto, por cada persoa titular, co límite máximo do 50 %.

– Calquera outro non vinculado directamente coa actividade obxecto de subvención.

4. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

Décimo setima. Pagamento e xustificación

1. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva da concesión e realizarase sempre e cando se acredite que a actividade foi executada de acordo co proxecto presentado e se xustifique correctamente o seu emprego, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos á conta.

2. A Agadic, consonte as previsións estipuladas no artigo 31.6 da Lei de subvencións de Galicia, e o artigo 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderá aboar como pagamento anticipado -que suporá entregas de fondos con carácter previo á xustificación como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, e logo da presentación de certificación do inicio dos traballos, da declaración de axudas do anexo VIII e logo de resolución motivada- o importe da anualidade 2021, sempre que non supere o 50 % do importe concedido, e deberá estar xustificado, en todo caso, como data máxima o día 31 de outubro de 2021 en todas as modalidades. Para a modalidade de actividade escénica trianual (modalidade 4), o anticipo da anualidade 2022 deberá estar xustificado o 31 de outubro de 2022.

3. Os beneficiarios que reciban pagamentos anticipados, cando estes excedan a cantidade de 18.000 euros, deberán constituír unha garantía, mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá cubrir o 110 % do importe do anticipo, e deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación. Quedan exonerados da constitución de garantía os beneficiarios e nos casos establecidos no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O prazo de xustificación da subvención será dun mes desde a data de finalización das actividades subvencionadas e rematará o 30 de abril de 2022 para as modalidades 1, 2 e 3, e o 30 de abril de 2023 para a modalidade 4. Transcorrido este prazo sen que se presente a xustificación ante a Agadic, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de xustificación neste prazo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

5. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención outorgada en canto o beneficiario non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e coa Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha outra débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega; a Agadic realizará a comprobación e conseguinte verificación destes datos sen prexuízo do establecido na base sétima e no suposto de pagamentos anticipados non se poderá estar incurso en ningunha das situacións previstas no artigo 31.6 da Lei de subvencións de Galicia.

6. Será requisito necesario para o pagamento da subvención outorgada a entrega dunha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos, así como das axudas concedidas en réxime de minimis pola entidade beneficiaria nos tres últimos anos (anexo VIII).

7. O órgano concedente da subvención terá a obriga de comprobar o cumprimento por parte do beneficiario dos requisitos establecidos nas bases reguladoras para realizar o pagamento das subvencións, incluíndo no expediente un certificado acreditativo da verificación realizada e o alcance das comprobacións practicadas, de conformidade co artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do establecido na base sétima.

Igualmente, será requisito necesario para o pagamento da subvención outorgada a xustificación e o debido cumprimento da totalidade das obrigas económicas e de actividades correspondentes ás subvencións que sexan concedidas pola Agadic durante o exercicio 2021.

8. No suposto de que o importe correctamente xustificado sexa inferior ao orzamento presentado coa solicitude, a contía da subvención reducirase proporcionalmente.

9. A documentación xustificativa da subvención estará composta por:

– Memoria de actividade subvencionada (anexo IX).

– Balance dos ingresos e gastos xerados na totalidade do proxecto (anexo X).

– Relación completa de todos os gastos imputados á actividade obxecto da subvención, polo importe total do gasto (anexo XI). A relación de gastos deberá reflectir as contías con IVE e sen IVE.

– Relación de subvencións, achegas ou outros recursos concedidos para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante os tres últimos exercicios (anexo VIII).

– Copias dos xustificantes dos gastos imputados á actividade obxecto da subvención, polo importe igual ou superior ao orzamento da produción, de conformidade co enviado polo beneficiario.

Non se aceptarán aquelas facturas en cuxo concepto non se estableza de maneira clara e discriminada o obxecto do ben, a obra e/ou o servizo facturado.

– Certificación bancaria acreditativa da realización dos pagamentos correspondentes a todos os gastos imputados á subvención concedida.

– Unha copia, en formato CD, DVD ou outro sistema analóxico ou dixital, dos soportes visuais, gráficos ou sonoros (catálogos, programas, carteis, vídeos, etc.) empregados para a difusión e promoción da produción; a dita documentación poderase achegar, do mesmo xeito, por vía electrónica ou telemática e para os únicos efectos de comprobar a realización da actividade.

– Cando se trate de creación teatral, copia do texto da obra que se pretende producir, polas mesmas vías e formatos anteriormente enumerados.

– Gravación do espectáculo, en calquera formato dixital.

– Ademais, deberase presentar (en relación cos dous últimos puntos) unha autorización expresa e asinada polo adxudicatario da axuda en que se faga constar que a entrega tanto da gravación do espectáculo como da copia do texto se realiza para os meros efectos de arquivo e documentación da Agadic.

– Declaración responsable de que o 50 % do equipo artístico está integrado por persoas nacidas a partir do ano 1986, inclusive, no caso da modalidade 1.

10. Do mesmo xeito, e segundo as previsións contidas no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, o beneficiario dunha subvención da Agadic unicamente poderá subcontratar total ou parcialmente a actividade subvencionada ata o 50 % do seu importe, e en ningún caso poderá subcontratar unha única persoa física ou xurídica por máis do 25 % do importe total da subvención outorgada, nin tampouco se poderán subcontratar as actividades que, aumentando o custo do proxecto subvencionado, non acheguen valor engadido ao seu contido.

11. Deberá entregarse a documentación acreditativa do número de funcións realizadas (mediante certificados de actuación, certificación expedida pola entidade de xestión de dereitos que corresponda, contratos de actuacións ou por calquera outro medio ou documento que acredite, de forma fidedigna, a realización do número mínimo de funcións exixidas para cada unha das modalidades.

Décimo oitava. Obrigas dos beneficiarios

1. Os beneficiarios destas axudas adquiren as obrigas que se reflicten nesta resolución e no resto da normativa de aplicación e as que se relacionan a seguir:

– Someterse ás actuacións de comprobación, control e inspección que efectúe o órgano concedente e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas ou a outros órganos da Administración estatal ou da Unión Europea, aos cales se lles facilitará canta información lles sexa requirida para este efecto, todo isto de conformidade co disposto na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e demais normativa regulamentaria de desenvolvemento, e conservar os documentos xustificativos de aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control e de conformidade co procedemento recollido nos artigos 23 e concordantes da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

– Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, ingresos, axudas ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera das administracións públicas ou entes públicos autonómicos, nacionais ou internacionais, así como calquera outra modificación das circunstancias que no seu día foron tidas en conta para a súa concesión, e dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios. Esta comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

– Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención. Tanto nos actos públicos coma no material de difusión que se elabore debe facerse mención expresa da colaboración da Xunta de Galicia no desenvolvemento das actividades subvencionadas. O beneficiario comprométese a utilizar en todo o material de difusión que realice a imaxe corporativa do Xacobeo 2021 e a da Xunta de Galicia, seguindo as normas respectivas en materia de identidade corporativa, marcas dispoñibles na web da Xunta de Galicia:

https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/marca-principal.

https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/xacobeo-2021.

– Os beneficiarios estarán obrigados a realizar nas modalidades 1, 2 e 3, no prazo de seis meses desde a data da estrea do espectáculo, un mínimo de oito representacións do espectáculo subvencionado (cinco representacións, se o espectáculo é de danza ou novo circo) co límite do 30 de setembro de 2022, e para a modalidade 4 a data límite para presentar a xustificación da xira das funcións subvencionadas será o 30 de abril de 2023. Non se procederá ao pagamento de máis do 80 % da subvención concedida mentres non se xustifique o cumprimento da realización das funcións incluídas na subvención.

2. O incumprimento das anteriores obrigas por parte dos adxudicatarios dará lugar á exixencia das responsabilidades ou sancións previstas no título IV da Lei 9/2007, sen prexuízo do disposto na cláusula décimo sétima destas bases.

Décimo novena. Modificación da resolución

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais ten a facultade de revisar as axudas concedidas e modificar a resolución de concesión no caso de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

2. O beneficiario ten a obriga de lle solicitar á Agadic a aceptación de calquera modificación ou alteración relevante ou significativa sobre o proxecto subvencionado. Para que tales modificacións poidan ser tidas en conta na xustificación deberán ser previamente aceptadas pola Agadic. As alteracións non autorizadas, ou non solicitadas, poderán dar lugar á minoración da subvención concedida ou á súa revogación.

3. Non se aceptarán modificacións que afecten os requisitos para poder optar ás subvencións exixidos na base cuarta da presente resolución.

4. En canto ao resto das modificacións solicitadas, a Agadic poderá acordar, de xeito motivado, a modificación da resolución de concesión, coa minoración proporcional derivada das alteracións.

5. A distribución de anualidades adxudicadas poderá modificarse, logo de solicitude do beneficiario na cal motive suficientemente a alteración, atendendo ás dispoñibilidades orzamentarias, e mediante resolución motivada do director da Agadic. A modificación da repartición entre anualidades exixirá a tramitación da correspondente modificación do expediente de gasto, de acordo co establecido no artigo 35 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Vixésima. Reintegro

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos e termos establecidos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como polo título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en particular polo incumprimento de calquera dos requisitos e obrigas estipulados nesta convocatoria pública.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Vixésima primeira. Réxime de recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao de publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2021

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia
Galega das Industrias Culturais

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file