Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Mércores, 31 de marzo de 2021 Páx. 17572

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Vigo

EDICTO (947/2019).

Eu, Mª del Carmen Carrera Rafael, letrada da Administración de xustiza, do Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Vigo, polo presente

Anuncio:

No presente procedemento modificación de medidas 947/2019 seguido por instancia de Marta Álvarez Cotovad fronte a José Luis Iglesias Costas se ditou sentenza, cuxo teor literal é o seguinte:

«Sentenza nº 215.

Vigo, 30 de setembro de 2020.

María del Carmen Salvador Mateos, maxistrada xuíza titular do Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Vigo (Xulgado de Familia) viu os autos seguidos neste xulgado baixo número 947/2019 sobre modificación de medidas, por instancia de Marta Álvarez Cotovad, como demandante, representada pola procuradora dos tribunais María José Argiz Vilar e baixo a asistencia letrada de Carla Costas Valverde, contra José Luis Iglesias Costas, como demandado, declarado en situación de rebeldía procesual e no que interveu o Ministerio Fiscal, con base nos seguintes:

Antecedentes de feito:

Primeiro. Procedente da oficina de repartición tivo entrada neste xulgado demanda de modificación de medidas subscrita pola procuradora dos tribunales María José Argiz Vilar, que consta na representación arriba indicada, contra o demandado que figura no encabezamento, na que, tras alegar os feitos e fundamentos de dereito que estimou de aplicación e que constan no escrito de demanda, terminou suplicando ao xulgado que ditase sentenza nos termos indicados no suplico da demanda.

Segundo. Admitida a trámite a demanda, deuse traslado desta ao demandado e ao Ministerio Fiscal, emprazándoos para que, no prazo de vinte días, comparecesen e contestasen a demanda en legal forma.

O Ministerio Fiscal presentou en tempo e forma escrito de contestación á demanda, na que, tras alegar os feitos e fundamentos de dereito que estimou de aplicación, terminou interesando que no seu día se ditase sentenza axustada a dereito.

Non comparecendo a parte demandada, foi declarada en situación de rebeldía procesual, e convidáronse as partes e o Ministerio Fiscal á celebración da correspondente vista, a cal tivo lugar o día 24 de setembro de 2020.

Terceiro. No acto da vista, a parte demandante e o Ministerio Fiscal ratificaron os seus respectivos escritos, solicitando pola súa orde a práctica dos medios de proba que tiveron por convenientes; admitida e declarada pertinente a que se considerou oportuna, practicouse co resultado que consta en autos, dándose por terminada a vista, e quedando as actuacións conclusas para ditar sentenza.

Cuarto. Na tramitación deste xuízo observáronse os termos e prescricións legais.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. No presente procedemento solicitado a demandante que se lle atribúa a ela como nai custodia dos fillos menores o exercicio exclusivo da patria potestade sobre aqueles últimos alegando para iso, en síntese, que desde que se decretou o divorcio no ano 2015 o proxenitor non custodio non volveu ter contacto ningún cos seus fillos, mostrándose sempre desconforme con conceder autorización para diversos trámites necesarios na crianza e educación dos seus fillos (escolarización, temas médicos, viaxes…), co consecuente prexuízo na vida habitual dos menores.

A parte demandada permaneceu en situación de rebeldía procesual.

O Ministerio Fiscal informou no sentido de que se estime a demanda nos termos expresados na vista.

Segundo. Sabido é que o artigo 90 do Código civil lles permite ás partes nos procesos de separación ou divorcio reclamar, cando se alteren substancialmente as circunstancias, que se modifiquen as medidas xudicialmente adoptadas ou as acordadas polos cónxuxes en convenio regulador. Esta facultade xustifícase na intención de que o conxunto de prestacións e obrigas impostas ou convidas se adecúe ao longo da súa vixencia ao posible cambio de circunstancias obxectivas ou subxectivas concorrente, en ambas as partes, equilibrio de prestacións de imposible salvagarda ao momento do ditado da resolución xudicial ou de subscrición do convenio regulador, ao depender de acontecementos ulteriores. Agora ben, así mesmo, é sabido que non toda alteración de circunstancias é susceptible de xerar unha modificación de medidas, so pena de producir un estado litixioso case-permanente entre os ex-cónxuxes, senón que se precisa que tal alteración teña natureza de substancial, o que, a sensu contrario implica que para nada afectarán o convido ou adoptado, as modificacións ou alteracións que non afecten a esencia da prestación ou sexan irrelevantes en atención á súa escasa entidade ou contido.

Así mesmo, é preciso que a alteración de circunstancias teña una certa vocación de permanencia, requisito excluínte respecto das situacións pasaxeiras non modificativas substancialmente do conxunto de obrigas asumidas.

Terceiro. Á vista da documentación que consta en autos, da declaración da demandante, da testemuña e da propia audiencia da menor, despréndese que no últimos cinco anos o pai estivo completamente ausente da vida dos seus fillos e que a proxenitora custodia se atopou con problemas á hora de realizar distintas xestións relacionadas co devir diario dos seus fillos, tales como a autorización para realizar viaxes ou a matriculación en centros educativos.

Esa falta de contacto entre os menores e a proxenitora custodia co demandado e os inconvenientes que na vida diaria que diso se derivan para os menores xustifican que se atribúa o exercicio da patria potestade en exclusiva á Sra. Álvarez Cotovad, sancionando xudicialmente o que vén sendo unha situación de feito prolongada no tempo durante anos, exercicio exclusivo que redunda en interese dos menores, ao facilitar a vida ordinaria destes e que non necesitará o consentimento ou a autorización do outro proxenitor para as decisións que se presentan a diario na vida, desde o cambio de centro escolar, expedición ou renovación do pasaporte, viaxes ao estranxeiro ou viaxes escolares, solicitude de bolsas ou subvencións, etc…

Cuarto. A estimación da demanda comporta a condena en custas da parte demandada, por aplicación do disposto no artigo 394.1 da Lei de axuizamento civil.

Vistos os preceptos citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Decido:

Na demanda interposta pola procuradora dos tribunais Sra. Argiz Vilar, en nome e representación de Marta Álvarez Cotovad, contra José Luis Iglesias Costas, declarado en situación de rebeldía procesual, estimo esta, atribuíndo á Sra. Álvarez Cotovad o exercicio exclusivo da patria potestade dos seus dous fillos menores.

As custas impóñense á parte demandada.

Modo de impugnación: recurso de apelación no prazo de vinte días, desde a notificación desta resolución, ante a Audiencia Provincial.

O devandito recurso carecerá de efectos suspensivos, sen que en ningún caso proceda actuar en sentido contrario ao resolto (artigo 456.2 da LAC).

Conforme a D.A. décimo quinta da LOPX para a admisión do recurso deberase acreditar constituír, na conta de depósitos e consignacións deste órgano, un depósito de 50 euros, salvo que o recorrente sexa beneficiario de xustiza gratuíta, o Ministerio Fiscal, o Estado, comunidade autónoma, entidade local ou organismo autónomo dependente.

O depósito deberá constituílo ingresando a citada cantidade no Banco Santander na conta deste expediente 3632 0000 00 0947 19 indicando, no campo “concepto” a indicación “Recurso” seguida do código “02 Civil-apelación”. Se o ingreso faise mediante transferencia bancaria deberá incluír, tras a conta referida, separados por un espazo a indicación “recurso” seguida do código “02 Civil-apelación”.

No caso de que deba realizar outros pagamentos na mesma conta, deberá verificar un ingreso por cada concepto, mesmo se obedecen a outros recursos desta ou distinta clase indicando, neste caso, no campo observacións a data da resolución recorrida co formato dd/mm/aaaa.

Así, por esta miña sentenza, da que se expedirá testemuño para a súa unión aos autos, pronúncioo, mándoo e asínoo».

E atopándose o devandito demandado, José Luis Iglesias Costas, en paradoiro descoñecido, expídese o presente edicto co fin de que sirva de notificación en forma a este.

Vigo, 28 de decembro de 2020

A letrada da Administración de xustiza