Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Luns, 5 de abril de 2021 Páx. 17705

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 16 de marzo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o libro galego, dirixidas á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CT221C).

De acordo coas atribucións que asigna o marco competencial, correspóndelle á Consellería de Cultura, Educación e Universidade, ao abeiro do Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, favorecer o enriquecemento cultural na sociedade galega é poñer á súa disposición materiais para o seu desenvolvemento persoal no campo da creación, do pensamento, da técnica, do lecer ou de calquera outro en que as persoas poidan expresarse, formarse ou transformar a súa percepción esencial do mundo en que habitan.

Así mesmo, é competencia desta consellería favorecer a difusión da produción intelectual e creativa de Galicia noutras culturas e, ao mesmo tempo, facilitar o acceso da cidadanía galega aos textos producidos orixinalmente noutras linguas e territorios, co fin de contribuír ao intercambio cultural e á configuración dunha sociedade plural e integradora.

Tamén é competencia da consellería o apoio á produción editorial e a edición das obras que sexan de interese xeral para a Comunidade Autónoma de Galicia.

Por este motivo, dentro das responsabilidades que lle competen, no uso das facultades que se lle conferiron, e de acordo co previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade establece subvencións de apoio ao libro galego, dirixidas á tradución a outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución ao galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, de xeito que se poidan atopar na nosa comunidade e na nosa lingua os obras literarias relevantes producidas no exterior, ao mesmo tempo que as nosas autoras e autores conten con vías para exportar a súa produción.

No exercicio destas competencias, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade quere, con esta orde, establecer un instrumento que, conforme a normativa legal vixente, marque as pautas para unha distribución, segundo os criterios de publicidade, obxectividade e concorrencia, dos recursos destinados ao libro, axustada ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A participación das entidades estranxeiras nesta convocatoria é de especial interese xa que facilitan a internacionalización da creación literaria galega e a incorporación e o enriquecemento do mercado editorial de Galicia e en galego coa produción literaria española e estranxeira. Debido a que as persoas destinatarias destas axudas poden estar situadas en países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes, constituídas de acordo coa lexislación aplicable a cada un e con características técnicas e funcionais distintas non asimilables á situación vixente en Galicia, habilítase temporalmente o acceso mediante calquera medio que deixe constancia da presentación en prazo, co fin de que non se obstaculice o seu acceso a esta convocatoria.

Na súa virtude, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a condición de editoras, de acordo co establecido na presente orde. Código do procedemento CT221C.

A finalidade é subvencionar os custos da tradución das diferentes obras literarias en formato papel ou dixital para apoiar o libro galego, no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.

2. Considéranse custos subvencionables os honorarios profesionais da persoa que realice a tradución.

3. A tradución da obra para a que se solicita a subvención deberase publicar despois da data da resolución de concesión desta convocatoria.

4. A subvención destinarase a sufragar, total o parcialmente, os custos de tradución da obra literaria mencionados no apartado anterior.

Cada empresa editorial poderá presentar solicitude para a tradución dun máximo de 20 obras.

5. Así mesmo, ten por obxecto convocar a dita subvención para o ano 2021.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para a tradución aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a súa condición de editoras de acordo co establecido na presente orde.

2. En todo caso, estarán suxeitas ás limitacións que establece o punto seguinte deste artigo.

3. Non poden beneficiarse das axudas recollidas nesta orde aqueles solicitantes que se atopen nos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Imputación orzamentaria e contía das subvencións

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.40.432A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, por un importe de 90.000,00  €, con cargo aos orzamentos de 2021, e de 110.000,00  €, con cargo aos orzamentos de 2022

2. A contía máxima adxudicada por medio desta orde ascende a 200.000,00 euros (200.000 €), do seguinte modo:

a) Unha vez examinadas as solicitudes admitidas, elaborarase unha lista seguindo os criterios e puntuacións establecidos no artigo 12 destas bases.

b) De seguido distribuirase o orzamento do seguinte xeito:

• Adxudicarase unha axuda ata o 90 % do custo da tradución a aquelas entidades que alcancen a máxima puntuación seguindo a orde da baremación do artigo 12 e diminuirá proporcionalmente ata esgotar o crédito dispoñible.

• O importe máximo de subvención por obra será de seis mil euros (6.000 €).

• A puntuación mínima para obter a axuda é de 30 puntos.

• A contía correspondente á primeira anualidade é do 45 % do total adxudicado como axuda e o 55 % restante corresponde á segunda anualidade.

• Se como consecuencia da repartición a cantidade resultante é un número cuxo primeiro decimal é 5 ou superior, redondearase ao enteiro superior máis próximo. Se o primeiro decimal é inferior a 5, manterase o mesmo número enteiro.

3. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Natureza e concorrencia das axudas

1. As axudas establecidas nesta orde para apoiar o libro galego quedan suxeitas ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro de 2013, L352/1).

2. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites sinalados no Regulamento (UE) núm. 1407/2013. A contía total das axudas de minimis concedidas a unha empresa non poderá exceder de 200.000,00 € nun período de tres exercicios fiscais. Este limiar aplicarase independentemente da forma da axuda ou do obxectivo perseguido. As axudas de minimis non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se a dita acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso pola normativa comunitaria.

3. As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra que puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o gasto da acción que levou a cabo a entidade beneficiaria.

Artigo 5. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, segundo o modelo que se incorpora como anexo I.

2. A presentación electrónica será obrigatoria para as editoriais que sexan persoas xurídicas e para os seus representantes, así como para as editoriais persoas traballadoras autónomas, de acordo co establecido nos artigos 14.2.a) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 10.1.a) da Lei da administración dixital de Galicia.

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, poderán presentar as súas solicitudes presencialmente, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Excepcionalmente no caso de editoriais estranxeiras que non dispoñan de mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, poderán presentar a solicitude presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo, común utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, htpps://sede.xunta.gal; tendo en conta que os solicitantes destas subvencións poden estar situados en múltiples países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes, constituídas de acordo coa lexislación aplicable a cada un e con características legais, técnicas e funcionais distintas non asimilables á situación vixente en Galicia, que impiden e imposibilitan a presentación electrónica de solicitudes, poderán presentar as solicitudes por calquera medio onde quede acreditada a presentación en prazo.

Artigo 6. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Coa solicitude deberase achegar a seguinte documentación:

A. Documentación de carácter xeral. Esta documentación só se presentará unha vez, no caso de varias solicitudes da mesma editorial:

– De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da editorial solicitante, tanto sexa persoa física como xurídica. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados. 

– Copia do último recibo do imposto de actividades económicas, certificado de exención, no caso de proceder, ou declaración xurada de tal exención.

– No caso de que a editorial, sexa persoa física ou xurídica, non conste inscrita nas bases de datos da Axencia Estatal da Administración Tributaria, e/ou, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e/ou da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, deberá achegar unha certificación que acredite o motivo polo que non figura inscrita nas ditas bases de datos.

B. Documentación específica referida ás obras que se pretenden traducir:

– Modelo do contrato que a editorial asinaría coa persoa tradutora da obra, conforme o establecido na Lei de propiedade intelectual, en que debe constar o importe da tradución, os datos identificativos da persoa que realizará a tradución, e se a obra obxecto da subvención se traduce desde a lingua orixinal ou dunha lingua distinta da orixinal, así como o importe da tradución.

– No caso de que a editorial conte cun equipo propio de tradución, certificación que acredite que a persoa responsable da tradución está incluída no seu cadro de persoal, nunha categoría que a habilite para o exercicio de tal labor.

– Xustificante de ter os dereitos precisos para a publicación da obra.

– Un exemplar completo da obra para a que se solicite a axuda. O exemplar da obra deberá presentarse en soporte papel cando sexa inviable a súa presentación electrónica, tal e como se recolle no artigo 8, punto 6.

C. Documentación para editoriais de fóra de España

As editoriais solicitantes de fóra de España, xa sexan persoas físicas ou xurídicas, deberán acreditar a mesma información que as editoriais españolas, e para iso deberán achegar a documentación equivalente de acordo coa lexislación vixente no seu país, tanto a prevista no artigo 7 como aquela prevista no artigo 9, que non se poida comprobar, da presente orde.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. As editoriais estranxeiras que non poidan acceder á sede electrónica da Xunta de Galicia, poderán presentar a documentación na forma sinalada no artigo 5.6.

4. A documentación que se achegue coa solicitude debe vir obrigatoriamente nunha das dúas linguas oficiais de Galicia ou, noutro caso, acompañada da súa correspondente tradución, certificada pola editorial solicitante, que será responsable da veracidade da tradución.

Artigo 8. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para as editoriais que sexan persoas xurídicas e os seus representantes, e para as editoriais persoas traballadoras autónomas. No caso de que algunha destas persoas presentase a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

2. Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica opcionalmente poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial, dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Excepcionalmente, a documentación referida á achega dun exemplar completo da obra para a que se solicita a axuda, prevista no artigo 7, alínea B, presentarase en soporte papel cando sexa inviable a súa presentación electrónica. A dita documentación poderá presentarse por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro do procedemento administrativo común das administracións públicas, e dirixirase a Secretaría Xeral de Cultura, Servizo do Libro, Publicacións e Depósito legal, na Cidade da Cultura. Monte Gaiás, s/n. 15781 Santiago de Compostela.

7. As editoriais estranxeiras estarán ao disposto no artigo 5.6.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade ou, se é o caso, número de identidade de estranxeiro da persoa solicitante, se a editorial solicitante é unha persoa física.

b) Documento nacional de identidade ou, se é o caso, número de identidade de estranxeiro da persoa representante da editorial solicitante, tanto sexa persoa física como xurídica.

c) Número de identificación fiscal (NIF) da editorial, cando sexa persoa xurídica.

d) Alta no imposto de actividades económicas referido á epígrafe correspondente á edición de libros.

e) Certificacións da Axencia Estatal da Administración Tributaria, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

h) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. As editoriais de fóra de España que non dispoñan da documentación prevista no parágrafo anterior, deberán achegar a súa equivalente, de acordo coa lexislación do seu país de orixe, dado que automaticamente non se pode comprobar.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Emenda das solicitudes

Se a documentación presentada fose incompleta ou presentase erros emendables, requirirase a persoa solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, rectifique a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se lle terá por desistida da súa solicitude, segundo o disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 11. Procedemento de instrución

1. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Correspóndelle á Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro a instrución do procedemento de concesión de subvencións e desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos que deba formularse a proposta de resolución.

3. Os expedientes serán avaliados segundo os criterios establecidos na presente orde.

4. As solicitudes que se axusten aos requisitos establecidos nesta convocatoria valoraranse de acordo cos criterios establecidos no artigo 12 desta orde e a repartición económica realizarase proporcionalmente ás puntuacións obtidas, cos límites determinados no artigo 3.

5. Ningún proxecto poderá recibir unha axuda que exceda o custo total da súa tradución.

Artigo 12. Criterios de valoración

As solicitudes que se presenten valoraranse de acordo cos seguintes criterios:

1. Interese cultural da obra. Máximo 20 puntos.

a) Orixinal de autor/a galego: 20 puntos.

b) Orixinal de autor/a doutras comunidades autónomas: 15 puntos.

c) Orixinal de autor/a doutros países: 10 puntos.

2. Extensión da tradución da obra. Máximo 30 puntos.

a) Hasta 50.000 caracteres: 5 puntos.

b) De 50.001 a 200.000 caracteres: 10 puntos.

c) De 200.001 a 400.000 caracteres: 20 puntos.

d) Más de 400.000 caracteres: 30 puntos.

3. Características da tradución da obra. Máximo 30 puntos.

a) Doutras linguas ao galego: 20 puntos.

b) Do galego a outras linguas: 15 puntos.

c) Doutras linguas ao galego dun autor clásico: 10 puntos.

d) Do galego a outras linguas dun autor clásico: 5 puntos.

4. Importe da tradución da obra. Máximo 30 puntos.

• Ata 300 €: 10 puntos.

• De 301 € a 1.000 €: 15 puntos.

• De 1.001 € a 2.000 €: 20 puntos.

• De 2.001 € a 3.000 €: 25 puntos.

• Máis de 3.000 €: 30 puntos.

5. Para a tradución dunha obra de poesía. Máximo 10 puntos.

a) Orixinal de autor/a galego: 10 puntos.

b) Orixinal de autor/a doutras comunidades autónomas: 5 puntos.

c) Orixinal de autor/a doutros países: 5 puntos.

Artigo 13. Proposta de resolución

1. Unha vez examinadas as solicitudes admitidas, elaborarase unha lista seguindo os criterios e puntuacións establecidos no artigo 12 destas bases do seguinte xeito, e distribuirase o orzamento do seguinte xeito:

• Adxudicarase unha axuda de ata o 90 % do custo da tradución a aquelas editoras que alcancen a máxima puntuación, seguindo a baremación establecida no artigo anterior.

• A continuación, distribuirase proporcionalmente, seguindo a orde que resulte da baremación do artigo 12 ata esgotar o crédito dispoñible.

• Para obter a subvención será necesario que a puntuación obtida sexa de 30 puntos.

2. Atendendo aos criterios indicados, e tendo en conta o orzamento e a distribución dispoñible para o outorgamento da subvención indicada, elaborará a proposta provisional.

Esta proposta provisional farase pública na páxina web da Secretaría Xeral de Cultura http://www.cultura.gal. Nela expresarase a puntuación proposta para cada proxecto admitido, así como as causas que determinaron a exclusión das restantes solicitudes. As editoriais disporán de 10 días hábiles, que contarán a partir do seguinte ao da data de publicación da proposta provisional, para formular as alegacións que consideren oportunas sobre esta proposta ante a Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, nos lugares e na forma indicados no artigo 5 desta orde.

En todo caso, as editoriais que presenten alegacións enviaranlle un correo electrónico á Secretaría Xeral de Cultura, Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, no seguinte enderezo: servizo-libro-publicacions.cultura@xunta.gal, en que indicarán o día en que presentaron a alegación e o motivo desta.

Artigo 14. Resolución

1. Revisadas as reclamacións, de ser o caso, e realizada a avaliación definitiva, a Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro redactará un informe, co resultado desta, que trasladará xunto coa proposta de resolución á persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura, quen ditará a resolución de concesión, por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no prazo de 15 días, desde a elevación da proposta de resolución, de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A resolución definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://www.cultura.gal. Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos.

3. O prazo para ditar e notificarlles ás persoas interesadas a resolución expresa non poderá superar os cinco meses, segundo establece o artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir do día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

4. O vencemento do dito prazo sen que se notifique a resolución expresa faculta a persoa interesada para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 15. Notificación e desestimación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, da administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

5. A notificación por medios electrónicos entenderase practicada no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderase rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, en concordancia co previsto no artigo 5.6.

Artigo 16. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a notificación da resolución de concesión das axudas nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web:

https://www.cultura.gal

Artigo 17. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

1. A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén se poderán tramitar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común salvo nos casos de imposibilidade de conformidade co disposto no artigo 5.6.

Artigo 18. Aceptación das axudas

Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as persoas interesadas propostas como beneficiarias dispoñerán dun prazo de 10 días para a súa aceptación. Transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada pola representación da persoa beneficiaria.

No suposto de que algunha editorial non acepte a axuda ou renuncie a esta, o órgano instrutor poderá formular unha proposta de resolución complementaria, adxudicando o importe dispoñible ás solicitudes valoradas e que non acadasen axuda por límites orzamentarios, de acordo coa orde de puntuación establecida.

Artigo 19. Xustificación

1. As editoriais beneficiarias das axudas para percibir a subvención quedan obrigadas a acreditaren a realización dos proxectos subvencionados e a xustificaren a totalidade do orzamento, no prazo establecido na presente orde. En caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción.

2. A xustificación das axudas deberá realizarse do seguinte xeito:

2.1. A contía correspondente á primeira anualidade (45 % da subvención), librarase antes do 1 de novembro de 2021, nun único pagamento do importe total concedido, tras a aceptación da axuda por parte da persoa beneficiaria e da entrega da seguinte documentación:

– Unha copia do contrato, que terá data posterior á publicación desta orde no DOG.

2.2. A contía correspondente á segunda anualidade (55 %) librarase antes do 31 de outubro de 2022, nun único pagamento do importe total concedido, tras a entrega por parte da persoa beneficiaria da seguinte documentación:

– A factura xunto co xustificante do pagamento realizado á persoa tradutora, ou certificación conforme esa tradución se fixo con medios propios. O importe pagado debe coincidir co que se fai constar na copia do contrato.

– Un exemplar da tradución editada, en que deberá constar na páxina de créditos o seguinte texto: «Esta obra recibiu unha subvención da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia». Tamén se fará constar o logo oficial da Xunta de Galicia. Deberá cumprir coa normativa vixente exixida para o depósito legal.

Cando o libro se edite exclusivamente en formato dixital, o editor indicará a ubicación electrónica ou URL e o acceso á publicación. No caso de libros que se editen simultaneamente en formato papel e dixital, unicamente se deberán enviar un exemplar en papel, e indicará a súa ubicación electrónica e o acceso, de ser o caso. Neste caso, considerarase como gasto subvencionable o dos dous formatos.

– Comunicación que acredite a plataforma ou plataformas de venda onde o libro está aloxado. Será obrigatorio no caso de que o libro se edite en formato dixital e será opcional no caso de que o libro se edite tamén en formato físico.

3. No momento da xustificación da execución total do proxecto a persoa peticionaria deberá presentar unha declaración complementaria das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades

Artigo 20. Pagamento

1. Para os efectos do disposto no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considerase gasto realizado e pagado o que se acredite entre a data de publicación da resolución de concesión da subvención e o prazo de xustificación previsto na presente orde.

2. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

– Xustificante bancario do pagamento pola persoa beneficiaria (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso en efectivo polo portelo, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto do pagamento.

– Identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir coa persoa beneficiaria da axuda.

– Identificación da persoa destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa e entidade que emitiu a factura.

3. Con carácter excepcional, admitiranse pagamentos en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, non supere os 1.000 €. Neste caso, o pagamento xustificarase mediante a factura asinada e selada polo provedor en que figure a expresión «recibín en metálico».

4. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que se efectúe ante o órgano administrativo competente, este requirirá a persoa beneficiaria para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

5. A Secretaría Xeral de Cultura poderá requirir en todo momento calquera documentación que considere oportuna para a xustificación da axuda.

6. Cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, a procedencia e a aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas, segundo recolle o artigo 28.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias desta axuda quedan suxeitas ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As persoas beneficiarias da subvención farán constar en toda a comunicación e publicidade xerada o seguinte texto: «Esta obra recibiu unha subvención da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia». Tamén se fará constar o logo oficial da Xunta de Galicia. Deberase cumprir coa normativa vixente exixida para o depósito legal».

3. As persoas beneficiarias desta axuda deberán presentar a documentación xustificativa de que a obra subvencionada foi editada, onde conste expresamente o número de exemplares editados. O órgano instrutor poderá comprobar, a través das canles habituais de distribución, que as obras se encontren realmente inseridas no mercado editorial galego ou dos ámbitos para os que estiver destinado o proxecto subvencionado, e requirir, de ser o caso, a xustificación acreditativa deste aspecto.

4. As persoas beneficiarias deberán dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

5. Se para a realización da actividade obxecto da subvención se utiliza calquera elemento susceptible de xerar dereitos de autor, debe cumprirse co que dispón a normativa sobre propiedade intelectual.

6. As persoas beneficiarias das axudas terán a obriga de facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 22. Reintegro da axuda e procedemento sancionador

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigacións estipuladas, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, instruirá o correspondente expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, citada no punto anterior.

3. Toda alteración das condicións observadas para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 24. Remisión normativa

No desenvolvemento desta orde, observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

E, supletoriamente:

d) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, reguladora dos requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico, que resultan de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

e) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

g) Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 25. Recursos

Contra os actos resolutivos que esgotan a vía administrativa, o interesado poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a recepción da notificación da resolución, ou potestativamente interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Disposicións derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura, no ámbito das súas competencias, para que dite as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposicións derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2021

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file