Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Mércores, 7 de abril de 2021 Páx. 18099

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 25 de marzo de 2021 pola que se procede á ampliación do prazo de presentación de solicitudes da Orde do 31 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento MR605A).

O día 26 de febreiro de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 39 a Orde do 31 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento MR605A).

O prazo para a presentación de solicitudes era de trinta días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, prazo que remataba o vindeiro día 14 de abril de 2021.

A expansión do SARS-Cov-2 xerou unha crise sanitaria sen precedentes recentes que motivou a declaración dun novo estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas por este virus mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, que se prorrogou ata o 9 de maio de 2021, conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro.

No momento actual, a situación epidemiolóxica e sanitaria de Galicia determina a adopción e o mantemento de medidas no territorio da Comunidade Autónoma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-Cov-2. De feito, no Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, da Presidencia da Xunta de Galicia, e na Orde do 25 de febreiro de 2021, da Consellería de Sanidade, mantense a maioría das medidas de prevención específicas que abranguen, entre outras, a limitación de reunións.

Debido a estas circunstancias, e tendo en conta que a dita convocatoria vai dirixida a sociedades de fomento forestal (Sofor), propietarios particulares de forma individual, asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, cooperativas agrarias, pro indivisos, pro indivisos legalmente constituídos, montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, comunidades de bens, outras persoas xurídicas, entidades locais e comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC) que requiren, na súa maior parte, de reunións de persoas non conviventes para a toma de decisións antes de presentar a solicitude axuda.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do prazo de presentación de solicitudes

Modifícase o número 1 do artigo 12 no referente ao prazo de presentación de solicitudes, que pasa a ser de corenta e cinco días hábiles.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2021

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural