Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Luns, 12 de abril de 2021 Páx. 18662

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 5 de abril de 2021 pola que se regula o procedemento de integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia procedente do suprimido Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (código de procedemento AP100A).

En virtude do Decreto 9/2021, do 21 de xaneiro, suprimiuse o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) e modificáronse os estatutos da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia co obxecto de asumir as funcións do centro suprimido. A disposición adicional terceira da mencionada norma contén as seguintes disposicións que determinan as medidas aplicables aos empregados do organismo que se suprime:

«2. Así mesmo, o persoal laboral fixo da Xunta de Galicia que viñese prestando servizos nos postos do Cixtec no momento da súa supresión adscribirase á Amtega e pasará a desenvolver os seus servizos como persoal laboral, na mesma situación en que se atopase, cos mesmos dereitos e obrigas que tivese nese momento.

3. A Amtega subrogarase, co mesmo réxime e condicións, nos contratos do persoal laboral fixo do Cixtec desde o momento da entrada en vigor do decreto, sen prexuízo, de ser o caso, do procedemento de integración de persoal previsto no título II do Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción».

En cumprimento desta previsión, mediante escrito da Secretaria Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, solicitouse, de conformidade co artigo 8.2 do Decreto 129/2012, do 31 de maio, o inicio do procedemento de integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia procedente do suprimido Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable. Na súa virtude, procede aprobar a presente orde que ten por finalidade regular o mencionado procedemento de integración, que se desenvolverá de acordo cos principios de voluntariedade e de homologación e homoxeneidade das relacións de emprego no ámbito do sector público autonómico.

Por todo iso, en virtude das competencias conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e polo Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción, e logo de negociación coas organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación (código de procedemento AP100A)

1. A presente orde ten por obxecto regular o procedemento de integración como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia (código de procedemento AP100A) do persoal laboral fixo da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia procedente do suprimido Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable.

2. Poderá exercer a opción para se integrar como persoal laboral da Xunta de Galicia o persoal laboral da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia procedente do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable, sempre que reúna os seguintes requisitos:

a) Ter formalizado un contrato laboral fixo coa entidade de procedencia, subscrito despois de ter pasado un proceso de selección realizado baixo os principios constitucionais de publicidade, mérito e capacidade, de conformidade co previsto na normativa vixente no momento da súa incorporación.

b) Ter a titulación establecida no anexo I e cumprir os demais requisitos exixidos para o acceso ao grupo e á categoría de homologación do Convenio colectivo único da Xunta de Galicia.

c) Estar en situación de servizo activo ou en situación que orixine dereito á reserva de praza ou posto.

3. Non poderá exercer a opción para se integrar como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia o persoal que estivera vinculado ao Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable por un contrato de alta dirección ou mediante unha relación laboral de carácter temporal ou indefinida non fixa. Igualmente, tampouco poderá exercer o dereito de opción o persoal de carácter eventual ou alto cargo que non tivese a condición de persoal laboral fixo da mencionada entidade.

Artigo 2. Solicitude e prazos

1. A solicitude de integración dirixirase á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública e realizarase no prazo de 15 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o modelo de solicitude que se xunta no anexo II.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 3. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar logo da presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 4. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Contrato de traballo que acredite a condición de persoal fixo no Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable.

b) Títulos oficiais universitarios.

c) Títulos oficiais non universitarios.

d) Retribucións percibidas durante o ano anterior á da data de publicación da presente orde, detallada por conceptos e mensualidades.

e) Resolución de concesión da situación administrativa do solicitante que se atope nunha situación distinta da de servizo activo.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegaren os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 5. Tramitación

1. Unha vez examinadas as solicitudes, a Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio requirirá, se é o caso, as persoas interesadas para que, no prazo de dez días hábiles, presenten ou completen a documentación que consideren necesaria para os efectos de continuar a tramitación do procedemento. De non achegaren a documentación solicitada no prazo establecido, entenderase que desisten da súa solicitude e procederase á resolución de arquivamento correspondente, de conformidade co artigo 68 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Recibidas todas as solicitudes e a documentación correspondente, a Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, logo do informe favorable da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, remitirá á Dirección Xeral da Función Pública unha proposta que conterá:

a) A relación do persoal que a mencionada secretaría xeral técnica considere que reúne os requisitos para se integrar como persoal laboral da Xunta de Galicia, con indicación do grupo e da categoría profesional de homologación co V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, do posto de traballo e do carácter da adscrición a el.

b) A relación do persoal que aquela considere que non reúne os requisitos para se integrar como persoal laboral da Xunta de Galicia.

3. Xunto coa dita proposta achegaranse todos os expedientes individuais, cada un dos cales deberá contar cos documentos necesarios para determinar o cumprimento dos requisitos de integración e deberá incluír un índice de documentos que o compoñen. Tamén se achegará un certificado expedido pola entidade de adscrición das retribucións percibidas durante o ano anterior á da data de publicación da presente orde, detallada por conceptos e mensualidades.

4. Unha vez recibida a documentación indicada con anterioridade, a Dirección Xeral da Función Pública pediralle o informe á Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos.

5. Créase unha comisión formada por representantes das direccións xerais de Planificación e Orzamentos e da Función Pública, de Avaliación e Reforma Administrativa, e da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública e unha persoa proposta por cada unha das organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos da Xunta de Galicia, cuxo cometido será realizar un informe sobre o cumprimento ou non dos requisitos das persoas interesadas para se integraren como persoal laboral da Xunta de Galicia, o grupo e a categoría profesional en que se produciría aquela, o posto de traballo en que se integra e o carácter da adscrición a el. Este informe remitirase á Dirección Xeral da Función Pública.

6. Unha vez examinada toda a documentación sinalada nos parágrafos anteriores, a Dirección Xeral da Función Pública, en vista dos antecedentes que figuren no expediente, realizará a proposta de integración á persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública, para que resolva o que proceda mediante orde.

7. O transcurso do prazo de tres meses desde o vencemento do prazo de presentación das solicitudes sen se ter ditado a resolución correspondente habilitará os interesados para entenderen rexeitadas as súas solicitudes.

Artigo 6. Efectos da integración

1. A resolución de integración determinará o grupo e a categoría profesional do Convenio colectivo único da Xunta de Galicia en que se integra o persoal interesado, o posto en que se integra e o carácter da adscrición a este.

2. O persoal integrado será adscrito co carácter que corresponda a postos vacantes da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ou, se é o caso, a postos de nova creación na mencionada entidade.

3. A integración suporá a novación da relación contractual e comportará a formalización dun contrato de traballo como persoal laboral fixo da Administración xeral da Xunta de Galicia.

4. Ao persoal que como consecuencia da integración experimente unha diminución en cómputo anual das retribucións fixas e periódicas recoñeceráselle un complemento persoal de integración, de carácter transitorio, consistente na diferenza de retribucións, nos termos do establecido na disposición transitoria primeira do Decreto 129/2012, do 31 de maio, de xeito, que a equiparación total se producirá no prazo máximo de seis anos desde a súa integración como persoal laboral da Xunta de Galicia.

5. Ao persoal laboral integrado faráselle, de acordo co previsto no artigo 12.5 do Decreto 129/2012, do 31 de maio, un recoñecemento de servizos para o cálculo da antigüidade para efectos de trienios, para adecuar a súa antigüidade en termos de homoxeneidade coa prevista no Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, sen prexuízo do disposto na Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas.

6. Ao persoal integrado aplicaráselle, para todos os efectos, o réxime económico e xurídico do Convenio colectivo único da Xunta de Galicia, sen que en ningún caso orixine dereito a ningunha indemnización.

7. Procederá a extensión da correspondente dilixencia de integración por parte da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia na cal sexa destinada o persoal integrado.

Artigo 7. Efectos da non integración

O persoal laboral fixo do Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia procedente do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable que non solicite a súa integración ou, unha vez solicitada, renuncie voluntariamente a ela, así como os solicitantes que non cumpran os requisitos para que aquela se produza, manterá as condicións laborais establecidas no Decreto 129/2012, do 31 de maio, todo iso sen prexuízo do disposto na disposición adicional terceira e no ordenamento laboral.

Artigo 8. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de se relacionaren por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Publicación dos actos

A orde que resolva o procedemento publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nela incluirase a listaxe de persoas integradas, o grupo e a categoría de integración e, se é o caso, o posto de traballo adxudicado. Tamén incluirá a listaxe de persoas non integradas, con expresión da causa da desestimación da integración.

Disposición derradeira primeira. Normativa aplicable

Ademais de polo previsto nesta orde, o procedemento de integración rexerase polo establecido no Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2021

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda e Administración Pública

ANEXO I

Táboa de homologacións das categorías profesionais

Titulación requirida no ente

Grupo e categoría profesional de homologación do V Convenio colectivo

Grao, diplomatura

Bacharelato ou FP de 2º grao

Graduado en ESO ou equivalente

Graduado escolar

Grupo II-categoría 07, 027

Grupo III-categoría 02, 30, 32, 62, 91

Grupo IV-categoría 01, 22

Grupo V-categoría 03

Nota: o grupo e categoría profesional que se recollen no anexo I da presente orde teñen por finalidade dar cumprimento ao disposto no artigo 8.3 do Decreto 129/2012 e establécense sen prexuízo do grupo e da categoría profesional en que definitivamente se integre, de ser o caso, na Administración da Xunta de Galicia o persoal incluído no ámbito de aplicación da presente orde.

missing image file
missing image file