Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Luns, 12 de abril de 2021 Páx. 18637

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 18 de marzo de 2021 pola que se convocan os premios extraordinarios de formación profesional de grao superior da Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ao curso 2019/20 (código de procedemento ED311B).

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, determina que o sistema educativo se orientará, entre outros fins, á capacitación para o exercicio de actividades profesionais, de coidados e de colaboración social, á educación na responsabilidade individual e no mérito e esforzo persoal, ao desenvolvemento da capacidade do alumnado para regular a súa propia aprendizaxe e conseguir o pleno desenvolvemento da súa personalidade e a confiar nas súas aptitudes e coñecementos, así como para desenvolver a creatividade, a iniciativa persoal e o espírito emprendedor.

A Orde EDU/2128/2011, do 15 de xullo (BOE núm. 180, do 28 de xullo), crea e regula os premios nacionais de formación profesional de grao superior establecidos pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

No artigo 3 da citada orde establécese que poderá concorrer aos premios nacionais o alumnado que obtivese premio extraordinario de formación profesional de grao superior convocado na súa comunidade autónoma nos termos que se regulan nesa norma.

Co fin de recoñecer e valorar publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico estudos de formación profesional de grao superior na Comunidade Autónoma de Galicia, facendo uso do establecido no artigo 4 da citada Orde EDU/2128/2011, en exercicio das competencias atribuídas, por proposta da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, e de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro),

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar na Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, os premios extraordinarios de formación profesional de grao superior (código de procedemento ED311B) correspondentes ao curso 2019/20 para o alumnado que realizou e que rematou os seus estudos no ano 2020.

Artigo 2. Número, orzamento e características dos premios

1. Poderanse conceder ata vinte e tres premios extraordinarios, un por cada familia de formación profesional de grao superior implantada na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A dotación para os premios será de 19.550 € con cargo á aplicación orzamentaria 10.30.423A.480.1 da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, dos orzamentos do ano 2021, que se distribuirán entre as persoas premiadas na mesma contía, e que non poderá exceder os 850 € por premio. A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado para este fin.

3. O alumnado que obteña o premio extraordinario percibirá a dotación económica, de cumprir os requisitos establecidos no artigo 16 desta orde, e ademais recibirá un diploma acreditativo e o/a secretario/a do centro público onde estea depositado o expediente académico anotará nel, mediante dilixencia, a distinción e farase constar nas certificacións académicas que se emitan.

4. Estes premios extraordinarios de formación profesional de grao superior son compatibles con calquera outro tipo de premios, bolsas ou axudas concedidos por algunha Administración pública competente ou calquera ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou organismos internacionais. O alumnado premiado poderá concorrer, logo de inscrición, ao correspondente premio nacional de formación profesional de grao superior.

Artigo 3. Requisitos das persoas solicitantes

Poderá optar aos premios extraordinarios de formación profesional de grao superior o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

1. Ter cursados estudos de formación profesional de grao superior durante o curso 2019/20 nalgún centro educativo da Comunidade Autónoma de Galicia, ben na modalidade presencial ou na modalidade a distancia, e ter rematado os seus estudos no ano 2020.

2. Ter obtido unha cualificación final do ciclo formativo igual ou superior a 8,50, nos termos establecidos no artigo 50 do Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia. Esta cualificación expresarase con dúas cifras decimais, redondeada á centésima máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior.

Artigo 4. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na aplicación informática «PremiosEdu» (https://www.edu.xunta.gal/premiosedu/) accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, (https://sede.xunta.gal), ou directamente desde a propia aplicación «PremiosEdu».

De acordo co previsto no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia (DOG núm. 141, do 26 de xullo), as persoas aspirantes, en función dos requisitos establecidos no artigo 3 desta convocatoria, deben posuír a capacidade técnica suficiente para o acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios para tramitar a súa solicitude.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

A publicación dos formularios da solicitude no DOG faise unicamente para efectos informativos.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Unha vez formalizada a solicitude, deberá asinala a persoa interesada con calquera dos sistemas de sinatura admitidos pola sede electrónica e enviada polo procedemento electrónico establecido; quedará así presentada para todos os efectos. Non se terán en conta aquelas solicitudes cubertas por vía telemática que non completen o proceso de presentación establecido e obteñan o xustificante de solicitude, que deberá conservar a persoa solicitante para acreditar, no caso de que resulte necesario, a presentación de súa solicitude no prazo e na forma establecidos.

2. As solicitudes subscribiraas electronicamente a persoa interesada ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal.

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico premios@edu.xunta.gal.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

Artigo 5. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación.

a) Listaxe dos méritos que se desexen alegar relacionados co título profesional, de acordo co previsto no artigo 12.1.b) desta convocatoria e segundo o modelo do anexo II.

b) Documentación xustificativa dos méritos, onde consten expresamente o número de horas de duración da actividade, a data de inicio, a data de finalización e o organismo que convoca.

c) Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito no caso de actuar por medio de representante.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento de identidade, DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) Documento de identidade, DNI ou NIE da persoa representante.

c) Expediente dos estudos de formación profesional de grao superior cursados pola persoa solicitante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Consulta de non ter a condición de persoal docente que desenvolva ou desenvolvese a súa actividade laboral na Consellería de Cultura, Educación e Universidade nos tres anos anteriores a esta convocatoria.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, realizarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Procedemento dos centros educativos

Os centros públicos de educación dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade en que está o expediente académico do alumnado de centros privados enviarán a certificación académica dos estudos obxecto de baremo do alumnado que non teña todo o seu expediente recollido na base de datos da aplicación XADE, en que se reflicta a cualificación final a que se refire o artigo 3.2 desta orde, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/da director/a.

Esta certificación enviarase ao enderezo de correo electrónico premios@edu.xunta.gal.

Artigo 10. Instrución do procedemento e exposición de listaxes provisionais para emenda de solicitudes e documentación

1. A Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, rematado o prazo de presentación de solicitudes e tras examinar estas e a documentación presentada polas persoas solicitantes, exporá a relación provisional de solicitudes admitidas e excluídas e os motivos de exclusión, nos lugares establecidos no artigo 17 desta orde.

2. As persoas interesadas disporán dun prazo de reclamación de dez (10) días. Durante ese prazo poderán emendar erros e a falta de documentación a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada e achegarán, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

A publicación da relación definitiva do alumnado admitido e excluído realizarase nos lugares relacionados no artigo 17 desta orde.

Artigo 11. Xurado de selección

Para a selección, análise e valoración das solicitudes, a persoa titular da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional designará un xurado de selección composto por un presidente ou unha presidenta, e ata un máximo de seis vogais, coa categoría de subdirector/a xeral, xefe/a de servizo ou inspectores e inspectoras de educación.

O presidente ou a presidenta deberá ser un subdirector xeral ou unha subdirectora xeral, ou un inspector ou unha inspectora de educación.

Actuará como secretario/a, con voz e sen voto, un/unha funcionario/a da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

O xurado poderá dispoñer a constitución dunha comisión técnica especializada para colaborar na valoración daqueles méritos que coide pertinentes.

Artigo 12. Criterios de valoración

1. Os premios concederanse en réxime de concorrencia competitiva. Na valoración final o xurado terá en conta os seguintes méritos:

a) A cualificación final do ciclo formativo polo que se opta ao premio extraordinario valorarase de 0 a 6 puntos e outorgaranse 0,04 puntos por cada centésima que supere o 8,50.

b) Méritos relacionados co título profesional que se relacionan no anexo V da presente convocatoria.

2. A valoración final será a suma das valoracións dos números 1.a) e 1.b) deste artigo.

3. O xurado resolverá os empates tendo en conta a maior puntuación nos seguintes méritos e por esta orde:

a) Cualificación final do ciclo formativo polo que se opta ao premio extraordinario.

b) Méritos relacionados co título profesional (artigo 12.1.b).punto I do anexo V).

c) Méritos relacionados co título profesional (artigo 12.1.b).punto II do anexo V).

d) Méritos relacionados co título profesional (artigo 12.1.b).punto III do anexo V).

e) Sorteo.

4. O xurado poderá declarar deserto algún dos premios.

Artigo 13. Puntuacións provisionais

O xurado de selección fará públicas as puntuacións obtidas polas persoas candidatas nos lugares relacionados no artigo 17 desta orde.

O alumnado ou, se é o caso, os/as seus/súas representantes legais poderán presentar reclamación contra a puntuación obtida, no prazo de dez (10) días a partir do seguinte ao da súa publicación.

A reclamación presentarase por vía electrónica a través do anexo III dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada.

Para a presentación da reclamación poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 14. Resolución

1. Unha vez resoltas as reclamacións, o xurado elaborará a acta coa proposta de adxudicación dos premios extraordinarios. Os resultados coas puntuacións definitivas das persoas aspirantes publicaranse nos lugares relacionados no artigo 17 desta orde. A acta orixinal quedará arquivada na Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

As reclamacións entenderanse resoltas e notificadas coa publicación das puntuacións definitivas.

2. A persoa titular da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional elevará a proposta feita polo xurado de selección á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, quen emitirá a correspondente orde de adxudicación para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. O prazo máximo para resolver este procedemento será de catro meses desde o día seguinte ao da finalización do prazo de inscrición. Transcorrido o dito prazo sen que se notificase a correspondente resolución, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 15. Recurso

A devandita orde de adxudicación dos premios poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

1. O alumnado gañador, para poder recibir a dotación económica do premio, non poderá estar incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberá estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da citada lei, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, conforme o artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O alumnado que obteña premio extraordinario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia. O importe do premio estará suxeito ás retencións que legalmente correspondan.

3. A persoa gañadora debe facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar sobre a veracidade dos datos relativos á dita conta en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do premio, segundo o modelo do anexo IV. O dito anexo, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), presentarase por vía electrónica, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada.

Para a presentación do mencionado anexo IV poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. A persoa beneficiaria destas axudas ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.1.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Publicación e información

A relación de alumnado admitido e excluído e as puntuacións obtidas polas persoas candidatas publicaranse no portal educativo https://www.edu.xunta.gal e na páxina de inicio da aplicación https://www.edu.xunta.gal/premiosedu, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Poderase solicitar información no enderezo de correo electrónico premios@edu.xunta.gal

Artigo 18. Modificación da orde de adxudicación

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión do premio, conforme o artigo 17.4 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á cal estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 20. Incompatibilidades

Queda excluído desta convocatoria e polo tanto, non poderá participar nela, o persoal docente que desenvolva ou desenvolvese a súa actividade laboral na Consellería de Cultura, Educación e Universidade, nos tres anos anteriores a esta.

Disposición adicional primeira. Efectos económicos do xurado de selección

Para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, o xurado de selección aterase á categoría correspondente que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda e Administración Pública.

Disposición adicional segunda. Publicación na Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Impugnación

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2021

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO V

Baremo para a valoración de méritos

Mérito

Puntos

Documentos xustificativos

I. Actividades de formación (máximo 3,00 puntos).

1.1. Por actividades de formación conducentes ás unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais de nivel 3 que pertenzan a unha cualificación profesional da mesma familia profesional do ciclo formativo polo que se opta ao premio.

0,04 puntos por cada
10 horas de formación

Copia simple do certificado destas expedido pola entidade organizadora en que conste de modo expreso o número de horas de duración da actividade e a data de inicio e remate desta.

No caso dos organizados polas institucións sen ánimo de lucro, deberá acreditarse de forma fidedigna o recoñecemento ou homologación das devanditas actividades pola Administración educativa correspondente ou certificación de inscrición no rexistro de formación da Administración educativa.

1.2. Por actividades de formación directamente relacionadas coas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC).

1.3. Por actividades de formación de prevención de riscos laborais.

1.4 Por cursos coa cualificación de apto, realizados nas escolas oficiais de idiomas correspondentes ás ensinanzas establecidas no artigo 3.1 do Decreto 191/2007, do 20 de setembro (130 horas), e nas establecidas nos artigos 3 e 4 do Decreto 81/2018, do 19 de xullo (120 horas).

0,52 puntos por cada curso

II. Participación en proxectos ou programas europeos relacionados coa familia profesional correspondente (máximo 0,50 puntos).

2.1. Pola participación en proxectos e/ou programas europeos.

0,25 puntos por cada un

Copia simple da documentación xustificativa deste.

III. Proxectos de investigación, proxectos de innovación, premios, concursos, competicións de formación profesional e publicacións relacionados coa familia profesional correspondente (máximo 0,50 puntos).

3.1. Pola participación en proxectos de investigación e/ou innovación relacionados coa familia profesional.

0,10 puntos por cada un

A acreditación xustificativa de ter participado nos proxectos de investigación ou innovación expedidos pola Administración educativa correspondente.

3.2. Por cada premio de ámbito autonómico, nacional ou internacional relacionado coa familia profesional.

A acreditación xustificativa de ter obtido o premio correspondente.

3.3. Por competicións e/ou concursos relacionados coa familia profesional de ámbito autonómico, nacional ou internacional de recoñecido prestixio a xuízo do xurado de selección.

Certificación da entidade que o emite, en que conste/n o/os nome/s da/das persoa/s premiada/s, o ámbito e a categoría.

3.4. Por publicacións directamente relacionadas coa familia profesional.

Os exemplares correspondentes ou copias simples no caso de artigos.

Disposición complementaria primeira. Data en que teñen que estar recoñecidos os méritos alegados

Os méritos alegados deben estar realizados e obtidos entre o día 1 de setembro de 2018 e o 31 de decembro de 2020.

Disposición complementaria segunda. Entidade certificadora

Os méritos alegados deben estar certificados por unha Administración ou entidade autorizada por ela.

Disposición complementaria terceira. Equivalencia entre créditos e horas de formación

Cando as actividades só viñesen expresadas en créditos, entenderase que cada crédito equivale a 10 horas.

Disposición complementaria cuarta. Cómputo de actividades

Non se computarán as actividades de formación incluídas no propio ciclo formativo nin os créditos conducentes á obtención dun título universitario.

Disposición complementaria quinta. Actividades de prevención de riscos laborais

Non se terán en conta os cursos de formación en riscos laborais organizados e convocados polo centro educativo onde a persoa aspirante realizou os seus estudos de formación profesional.

Disposición complementaria sexta. Valoración dos premios, concursos e competicións

Só se valorarán o primeiro e o segundo gañador.