Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Mércores, 14 de abril de 2021 Páx. 19074

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

ORDE do 8 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio, e se procede á súa convocatoria e á apertura do prazo para a adhesión dos comercios.

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa comunidade autónoma.

O Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, establece que lle corresponde á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, coordinación e control das competencias da consellería en materia de comercio interior.

O comercio tradicional está sometido a un profundo proceso de cambio que exixe realizar un esforzo de renovación e adaptación continuo. Por outra banda, a crise causada pola COVID-19 e o estado de alarma declarado a través do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, e o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, afectou todos os sectores e, entre eles, de forma moi significativa o comercio.

Por isto, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, no marco das actuacións estratéxicas do Goberno galego para facer fronte á crise causada pola COVID-19, vai proceder á convocatoria de concesión de axudas económicas dirixidas a propiciar o fortalecemento do sector comercial retallista de Galicia, estimulando a demanda e reducindo o impacto económico negativo derivado do cesamento e das restricións da actividade comercial como consecuencia da situación ocasionada pola COVID-19.

A axuda farase efectiva a través dos bonos Activa comercio que poderán ser utilizados nos establecementos comerciais retallistas radicados na Comunidade Autónoma de Galicia e adheridos ao Programa.

Os usuarios dos citados bonos Activa comercio serán as persoas físicas maiores de idade que sexan residentes na Comunidade Autónoma de Galicia; os consumidores serán parte activa e fundamental para levar a cabo esta campaña de dinamización e reactivación económica do seu comercio de proximidade. Ademais, esta actuación é sensible á situación económica derivada da crise sanitaria e dá lugar a que numerosas persoas poidan beneficiarse destas axudas.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

A presente orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio.

Así mesmo, por medio desta orde procédese á súa convocatoria e á apertura do prazo de adhesión dos comercios interesados.

Artigo 2. Obxectivos

O obxectivo do programa bonos Activa comercio é incentivar a demanda comercial axudando economicamente as persoas consumidoras e fomentar o consumo nos establecementos comerciais retallistas adheridos á campaña.

Ademais, o programa ten como finalidades propiciar o fortalecemento do sector comercial retallista da Comunidade Autónoma de Galicia; dinamizar a actividade comercial promovendo as compras de bens en comercios; mellorar o fondo de manobra dos establecementos comerciais e reducir o impacto económico derivado do cesamento e das restricións da actividade de determinados establecementos comerciais como consecuencia da situación ocasionada pola COVID-19.

Artigo 3. Orzamento

Para a concesión destas axudas destinaranse 10.000.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 06.03.751A.480.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

Esta cantidade poderase incrementar en función da evolución do programa bonos Activa comercio co obxecto de aumentar o número de persoas beneficiarias e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 4. Entidade colaboradora

A entrega e distribución dos fondos das axudas farase coa entidade colaboradora seleccionada ao abeiro da Orde do 16 de marzo de 2021 pola que se convoca o procedemento de concorrencia para a selección dunha entidade colaboradora para a entrega e distribución dos fondos das axudas do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia, a través dos bonos Activa comercio (código de procedemento CO301A).

Artigo 5. Actividade subvencionable

Pola presente orde subvenciónase a compra de bens, a través dos bonos Activa comercio, nos establecementos comerciais retallistas de Galicia adheridos ao programa.

As vendas subvencionadas serán as realizadas no prazo de tres meses contados desde a data fixada no artigo 17 para o lanzamento dos bonos.

Cada bono terá a consideración de bono desconto por un valor de 30 euros para as compras nos comercios adheridos.

O importe do bono irase reducindo, ata o seu esgotamento, en función do valor da compra de acordo cos seguintes criterios:

– Desconto de 5 € en compras iguais ou superiores a 30 € e inferiores a 50 €.

– Desconto de 10 € en compras iguais ou superiores a 50 €.

Todas estas contías enténdense co IVE incluído.

Artigo 6. Natureza das axudas

As axudas que se concedan no marco do presente programa terán a consideración de subvencións a fondo perdido non reintegrables.

Artigo 7. Procedemento de concesión

O procedemento para a concesión das axudas reguladas nesta orde é de outorgamento de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, atendendo á orde de solicitude ata o esgotamento do crédito previsto no artigo 3 desta orde.

Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial en promover actuacións que fomenten o consumo nos comercios retallistas, cumprindo os requisitos especificados nas presentes bases.

Artigo 8. Órgano responsable da xestión das axudas

O órgano responsable da xestión das subvencións será a Dirección Xeral de Comercio e Consumo, a quen lle corresponde desenvolver as actuacións de supervisión e control da correcta execución do programa.

A xestión dos fondos públicos asignados ao programa bonos Activa comercio levarase a cabo de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 9. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das axudas as persoas físicas maiores de idade e residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que realicen as actuacións establecidas no artigo 5. Para seren beneficiarias terán que tramitar as súas solicitudes conforme o establecido nesta orde.

Artigo 10. Alta e requisitos dos comerciantes para a adhesión ao programa

1. Os establecementos comerciais retallistas que desexen adherirse ao programa bonos Activa comercio deberán rexistrarse a través da web https://www.bonosactivacomercio.gal e indicar a seguinte información:

• Nome e apelidos ou razón social.

• Establecemento comercial en Galicia.

• NIF ou CIF.

• Nome, apelidos e DNI ou NIE da persoa representante.

• Nome comercial.

• Enderezo do establecemento comercial.

• Número de teléfono móbil.

• Correo electrónico.

• IAE (incluído no anexo I).

• Data de alta da actividade comercial.

• Número de persoas traballadoras da empresa ou autónomo.

• IBAN da conta bancaria.

• Páxina web do establecemento comercial.

2. O prazo para adherirse ao programa será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, sen prexuízo da súa posible ampliación nos termos establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Poderán adherirse ao programa bonos Activa comercio os establecementos comerciais retallistas que cumpran, ademais, os seguintes requisitos:

a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia (establecemento comercial en Galicia) e que reúnan as condicións legalmente establecidas para o exercicio da súa actividade.

b) Que sexan persoas empresarias autónomas ou pequenas e medianas empresas de conformidade co previsto no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño.

c) Que estean dados de alta nalgún dos grupos ou epígrafes do IAE recollidos no anexo I desta orde.

4. A alta e o uso da aplicación polos comerciantes suporá a aceptación das condicións do seu uso e da política de privacidade conforme o Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos) e á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, da cal serán informados convenientemente.

5. Os comerciantes deberán asinar dixitalmente a declaración responsable, manifestando o cumprimento das condicións establecidas e a veracidade dos datos indicados, sen prexuízo de cantas outras formalidades estean obrigados a cumprir. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá comprobar ou, de ser o caso, solicitar en calquera momento os documentos acreditativos dos mencionados requisitos.

6. Non se admitirán nin terán en conta as solicitudes presentadas por establecementos que non cumpran coas anteriores condicións nin coa forma establecida nesta orde.

7. O nome comercial e localización dos establecementos retallistas adheridos ao programa bonos Activa comercio farase público na web https://www.bonosactivacomercio.gal.

8. Os comerciantes adheridos ao programa recibirán cunha periodicidade semanal, na conta bancaria indicada para tal efecto, a cantidade equivalente aos bonos trocados no seu establecemento.

Artigo 11. Comprobación de datos dos comerciantes

Poderán consultarse automaticamente os datos dos comerciantes incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI ou NIE da persoa representante.

d) Certificación expedida pola Axencia Tributaria na cal se indiquen as epígrafes do imposto de actividades económicas en que figura dada de alta a entidade solicitante.

Artigo 12. Presentación da solicitude dos bonos

1. Para a solicitude e obtención dos bonos, cada usuario deberá darse de alta na web https://www.bonosactivacomercio.gal, e indicar a seguinte información:

a) Nome e apelidos.

b) Localidade de residencia en Galicia (código postal).

c) Maioría de idade.

d) DNI ou NIE.

e) Número de teléfono móbil.

f) Correo electrónico.

2. O uso da páxina web e a descarga dos bonos suporá a aceptación das condicións do seu uso e da política de privacidade conforme o Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos) e á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, da cal serán informados convenientemente.

3. Os usuarios deberán declarar responsablemente a veracidade dos datos indicados. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá solicitar, en calquera momento, os documentos acreditativos dos mencionados requisitos.

4. Así mesmo, os usuarios deberán declarar responsablemente que están ao día do cumprimento das obrigas coa Facenda Pública do Estado e a Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.

5. Opcionalmente, o bono poderase solicitar presencialmente na Dirección Xeral de Comercio e Consumo e nas xefaturas territoriais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

A persoa interesada, ou o seu representante, poderá autorizar expresamente aos empregados para a solicitude e obtención do bono en formato papel. Neste suposto deberase acreditar a representación expresa por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna, ou mediante declaración responsable en comparecencia persoal da persoa interesada ante o/a funcionario/a da Administración.

Artigo 13. Sistema de funcionamento dos bonos

1. A descarga do bono pola persoa usuaria realizarase na web:

https://www.bonosactivacomercio.gal, e, nese momento, entenderase preconcedida a axuda. O bono terá formato dixital a través dun código QR e estará dispoñible para a súa utilización na APP Wallet.

2. Para trocar os bonos e poder facer efectivos os descontos aos consumidores e usuarios, o comerciante terá que descargar no seu móbil a APP correspondente.

3. No momento da compravenda, o comerciante terá que introducir na APP o importe e concepto da venda, automaticamente aparecerá o importe a cobrar (unha vez aplicado o desconto). Pola súa banda, o usuario deberá mostrar o seu bono en formato código QR e pagar, en efectivo ou con tarxeta, o importe final da compra realizada.

Artigo 14. Obrigas dos comercios retallistas adheridos ao programa

Os establecementos comerciais adheridos ao programa bonos Activa comercio adquirirán, a través da solicitude de adherencia, as seguintes obrigas:

a) Cumprir coas medidas de prevención de riscos sanitarios e laborais fronte á COVID-19.

Para estes efectos, os comercios retallistas poderán empregar a plataforma Comercio Seguro da Dirección Xeral de Comercio e Consumo a través da páxina web https://www.comerciosegurogalicia.gal.

b) Anunciar no exterior do establecemento, nun lugar visible, a adhesión ao programa mediante a colocación dos correspondentes materiais publicitarios coa imaxe corporativa do programa bonos Activa comercio.

c) Facer o desconto directo do bono no tícket ou factura de compra emitido, de xeito que o usuario non chegue a realizar, en ningún caso, o desembolso do importe descontado.

d) Especificar por escrito na zona de caixa, de forma visible, a política de devolución establecida no punto 6 do artigo 16.

e) Someterse ás actuacións de comprobación e vixilancia necesarias por parte da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para verificar o adecuado funcionamento e xestión dos bonos e do programa en xeral.

f) Conservar durante un ano todos os tíckets de compra ou facturas xustificativas da aplicación dos bonos, en tanto podan ser obxecto de comprobación e control por parte da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

g) Custodiar con dilixencia as claves de acceso á plataforma co fin de evitar o seu uso indebido, comprometéndose a non facilitarllas a outras persoas ou establecementos.

Artigo 15. Órganos competentes para a instrución e resolución

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, así como para realizar a proposta de resolución.

Corresponde á persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación ditar a resolución correspondente, sen prexuízo da delegación noutros órganos.

Artigo 16. Condicións de uso dos bonos

1. Cada persoa beneficiaria disporá dun único bono que poderá ser usado nun ou en varios dos comercios retallistas adheridos ao programa.

2. Cada bono terá un valor de 30 €. En función do importe das compras, poderán obterse os seguintes descontos:

– Desconto de 5 € en compras iguais ou superiores a 30 € e inferiores a 50 €.

– Desconto de 10 € en compras iguais ou superiores a 50 €.

Todas estas contías enténdense co IVE incluído.

3. O período de validez dos bonos será de tres meses contados desde a data fixada para o seu lanzamento no artigo 17, salvo esgotamento previo do seu saldo.

4. A través da plataforma tecnolóxica do programa, os comerciantes terán á súa disposición a información necesaria e poderán consultar o histórico das vendas, os bonos xa trocados, os aboamentos feitos pola entidade colaboradora e os demais detalles de cada operación.

5. O importe máximo de bonos que poderá trocar cada empresa é de 5.000,00 € (IVE incluído).

6. En caso de devolución do ben ou bens comprados, o importe da compra poderá ser trocado por outra compra de prezo igual ou superior ou por un vale sen caducidade polo importe correspondente. O comerciante non poderá aboar ao consumidor, en ningún caso, diñeiro en efectivo ou na tarxeta de crédito.

7. Non será aplicable o cambio dos bonos para as compras en liña.

Artigo 17. Data de activación dos bonos

Os bonos estarán dispoñibles na web https://www.bonosactivacomercio.gal para a súa descarga polos usuarios a partir do 3 de maio e terán una validez de tres meses.

Mediante orde da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación poderase modificar a devandita data se razóns organizativas, sanitarias ou doutra índole así o aconsellan, dándose a oportuna publicidade.

Artigo 18. Vixencia do programa

O programa bonos Activa comercio estará vixente ata o 31 de decembro de 2021.

Mediante orde da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación poderase modificar a data indicada se razóns organizativas, sanitarias ou doutra índole así o aconsellaran, e darase a oportuna publicidade.

Se transcorridos os tres meses de vixencia dos bonos, e tras as correspondentes liquidacións, resulta crédito dispoñible, poderá activarse unha nova campaña de lanzamento de bonos mediante a correspondente convocatoria.

Artigo 19. Instrución e resolución de concesión

Unha vez solicitado o bono na forma establecida no artigo 13, a axuda entenderase preconcedida.

A resolución de concesión das axudas publicarase na páxina web oficial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, con indicación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas.

Artigo 20. Xustificación e inspección

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo, como responsable do programa, reserva para si o dereito de realizar a posteriori e de forma aleatoria cantas comprobacións, inspeccións e demais medidas de control xulgue oportunas para asegurar a correcta aplicación dos recursos públicos e para verificar o adecuado desenvolvemento e execución do programa bonos Activa comercio.

No suposto de que exista algún incumprimento por parte dos establecementos adheridos, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá cancelar a súa adhesión ao programa subvencional. Neste caso, comunicará a dita circunstancia á entidade colaboradora co fin de impedir o troco e pagamento dos bonos ou solicitará, se é o caso, o reintegro dos fondos percibidos.

Os comercios retallistas adheridos ao programa bonos Activa comercio están obrigados a facilitar canta información lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo e os restantes órganos competentes no exercicio das súas funcións de control do destino das axudas.

Artigo 21. Compatibilidade con outras axudas

As axudas obtidas ao abeiro desta orde serán compatibles con calquera outra subvención, axuda, ingreso ou recurso procedente doutras administracións públicas.

Artigo 22. Información básica en materia de protección de datos persoais

A recollida dos datos persoais está encomendada á entidade financeira adxudicataria e a Xunta de Galicia, Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación terán a condición de responsable do tratamento. Os datos serán tratados coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste bono.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, con base na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (Lofaxga) e o Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Para a entrega do material coa imaxe corporativa do programa bonos Activa comercio aos establecementos adheridos, a información relativa ao nome comercial e enderezo postal do comercio retallista, nome da persoa representante e teléfono móbil poderá ser comunicada a terceiros colaboradores.

Serán obxecto de publicación os nomes comerciais dos comercios retallistas adheridos ao programa na páxina web https://www.bonosactivacomercio.gal.

As persoas interesadas poderán solicitar ante o responsable, acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais. Así mesmo, poderán exercer os devantitos dereitos no/s seguinte/s enderezo/s da entidade financeira colaboradora: Servizo de Atención ao Cliente de Abanca, rúa Nova 1, entreplanta, 15003 A Coruña ou a través do correo atencioncliente@abanca.com; e que poderán consultar a información completa sobre o tratamento dos seus datos na política de privacidade da entidade publicada na web: https://www.abanca.com/es/legal/politica-privacidad/.

Pode consultar máis información e contactar co delegado de protección de datos (DPD) na páxina https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias.

En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a fornecer á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigacións previstas no título I da citada lei.

Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 24. Información

Poderase obter información adicional a través da web https://www.bonosactivacomercio.gal.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2021

Francisco José Conde López
Vicepresidente segundo e conselleiro de Economía,
Empresa e Innovación

ANEXO I

Grupos e epígrafes do IAE:

651.1. Comercio polo miúdo de produtos téxtiles, confeccións para o fogar, alfombras e similares e artigos de tapizaría.

651.2. Comercio polo miúdo de toda clase de pezas para o vestido e toucado.

651.3. Comercio polo miúdo de lenzaría e corsetería.

651.4. Comercio polo miúdo de artigos de mercería e paquetaría.

651.5. Comercio polo miúdo de pezas especiais.

651.6. Comercio polo miúdo de calzado, artigos de pel e imitación ou produtos substitutivos, cintos, carteiras, bolsos, maletas e artigos de viaxe en xeral.

651.7. Comercio polo miúdo de confeccións de peletaría.

652.2. Comercio polo miúdo de produtos de drogaría, perfumaría e cosmética, limpeza, pinturas, vernices, disolventes, papeis e outros produtos para a decoración e de produtos químicos.

652.3. Comercio polo miúdo de produtos de perfumaría e cosmética, e artigos para a hixiene e o aseo persoal.

652.4. Comercio polo miúdo de plantas e herbas en herbolarios.

653.1. Comercio polo miúdo de mobles (agás os de oficina).

653.2. Comercio polo miúdo de material e aparellos eléctricos, electrónicos, electrodomésticos e outros aparellos de uso doméstico accionados por outro tipo de enerxía distinta da eléctrica, así como de mobles de cociña.

653.3. Comercio polo miúdo de artigos de enxoval, ferraxaría, adorno, agasallo ou reclamo (incluíndo bixutería e pequenos electrodomésticos).

653.6. Comercio polo miúdo de artigos de bricolaxe.

653.9. Comercio polo miúdo doutros artigos para o equipamento do fogar NCOUP.

656. Comercio polo miúdo de bens usados tales como mobles, roupa e enxoval ordinario de uso doméstico.

657. Comercio polo miúdo de instrumentos musicais en xeral, así como dos seus accesorios.

659.1. Comercio polo miúdo de selos, moedas, medallas conmemorativas, billetes para coleccionistas, obras de arte e antigüidades, minerais soltos ou en coleccións, fósiles, insectos, cunchas, plantas e animais disecados.

659.2. Comercio polo miúdo de mobles de oficina e de máquinas e equipamentos de oficina.

659.3. Comercio polo miúdo de aparellos e instrumentos médicos, ortopédicos, ópticos e fotográficos.

659.4. Comercio polo miúdo de libros, xornais, artigos de papelaría e escritorio, e artigos de debuxo e belas artes.

659.5. Comercio polo miúdo de artigos de xoiería, reloxaría, prataría e bixutería.

659.6. Comercio polo miúdo de xoguetes, artigos de deporte, pezas deportivas de vestido, calzado e toucado, armas, cartucharía e artigos de pirotecnia.

659.7. Comercio polo miúdo de sementes, fertilizantes, flores e plantas e pequenos animais.

659.8. Comercio polo miúdo denominado sex-shop.

659.9. Comercio polo miúdo doutros produtos non especificados nesta agrupación, excepto os que deban clasificarse na epígrafe 653.9.

972.1. Servizos de barbaría de señora e cabaleiro.

972.2. Salóns e institutos de beleza e gabinetes de estética.