Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Venres, 16 de abril de 2021 Páx. 19540

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 12 de abril de 2021 pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante no Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, tal como se dispón na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico (modificada pola Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, e pola Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas), créase como un órgano administrativo colexiado e especializado, adscrito á consellería competente en materia de facenda, e con independencia funcional no exercicio das súas competencias. Polo que respecta á súa composición, prevé que estea dotado, como mínimo, dunha presidencia e dous vogais. Por acordo do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 26 de outubro de 2017, aprobouse a súa composición, que queda constituída por un/unha presidente/a e dous vogais. A designación dos vogais realizarase por acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de facenda.

En aplicación do establecido no artigo 35.quater.2 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, na redacción dada pola Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, os membros do tribunal non poderán ser removidos dos seus postos agás polas causas citadas, entre as cales está a renuncia aceptada polo Consello da Xunta de Galicia.

De conformidade co establecido no capítulo II do título II da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, logo da renuncia presentada por un dos vogais do tribunal, esta consellería acorda publicar a convocatoria que servirá de base para elaborar a proposta que se someterá ao Consello da Xunta de Galicia para o nomeamento dun posto de vogal do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, consonte as seguintes bases:

Primeira. Anunciar a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo que se detalla no anexo I desta orde.

Segunda. O posto de vogal poderá ser solicitado por funcionarios/as de carreira que conten co título de licenciado/a ou grao en dereito e que reúnan os demais requisitos establecidos no artigo 35 ter da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. Valoraranse así mesmo os méritos recollidos no citado artigo.

Terceira. As solicitudes dirixiranse á Consellería de Facenda e Administración Pública e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos no prazo de 15 días contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia conforme o modelo que se inclúe como anexo II. Para achegar a dita solicitude, na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal está dispoñible o formulario normalizado correspondente ao procedemento administrativo PR004A, e pódese empregar para a presentación electrónica calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas aspirantes deberán achegar coa petición un currículo e xustificar, mediante certificación ou copia compulsada dos documentos acreditativos, os méritos que aleguen. Os méritos alegados e non probados segundo se indica non se terán en conta.

Cuarta. No caso de resultar seleccionado para ocupar o posto de traballo, persoal funcionario doutras administracións públicas, requirirase o informe favorable do órgano competente da súa Administración de orixe, considerándose en sentido favorable de non emitirse no prazo de 15 días, tal como dispón o artigo 67 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo. Unha vez autorizado o seu traslado a esta administración, procederase a adxudicarlle o posto para o que se seleccionou.

Se no prazo de dous meses a partir da publicación da resolución no DOG o/a funcionario/a seleccionado/a non puidese incorporase ao posto de traballo por non atoparse resolto o seu traslado á Comunidade Autónoma de Galicia, considerarase deserto o posto e poderase proceder de novo á súa provisión.

O nomeamento previsto nesta convocatoria, de acordo co establecido no artigo 35 ter da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Facenda e Administración Pública.

A persoa designada terá carácter independente e inamovible e non poderá ser removida do seu posto agás polas causas establecidas no artigo 35 quater da Lei 14/2013. A duración do nomeamento efectuado, de conformidade co dito artigo, será de seis anos.

Quinta. O acordo do Consello da Xunta de Galicia de nomeamento do vogal publicarase no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do secretario xeral técnico e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública.

Sexta. O prazo de toma de posesión será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando o/a adxudicatario/a do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será de vinte días hábiles, de conformidade co establecido no artigo 14 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, modificado polo Decreto 166/2013, do 14 de novembro.

O prazo de toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do seu cesamento, que se deberá producir dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, ou desde a data en que se comunique a resolución do traslado á Comunidade Autónoma, para o caso de funcionarios doutras administracións públicas. Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberase computar desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sétima. O/a funcionario/a público/a en servizo activo deberá xuntar, se é elixido/a e presta os seus servizos fóra da Consellería de Facenda e Administración Pública, certificado do servizo ou unidade de persoal onde se atope destinado/a, especificando o grao persoal consolidado e a data de consolidación, o nivel do posto de traballo que estivera desempeñando e o tempo de servizos efectivos recoñecido para o cómputo de trienios.

Oitava. Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2021

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda e Administración Pública

ANEXO I

Denominación: vogal do TACP.

Código do posto: FC.C07.00.000.15770.010.

Nivel: 30.

Complemento específico: 25.820,84 €.

Subgrupo: A1.

Corpo/escala: A3 (xeral/especial).

Tipo de adscrición: A20(9) adscrición indistinta a funcionarios da Xunta de Galicia, Estado e CC.AA., persoal sanitario da Lei 17/1989 e persoal estatutario de servizos de saúde.

Titulación académica: 2062 (licenciatura/grao en dereito).

Formación específica: 319 (requisitos segundo a Lei 1/2015 que crea o Tribunal)-640 (para persoal doutra Administración, curso de perfeccionamento de galego, r.i.).

Centro directivo ou dependencia: Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Localidade: Santiago de Compostela.

missing image file