Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Martes, 20 de abril de 2021 Páx. 20089

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 12 de abril de 2021 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais, e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2021 (código de procedemento TR351A).

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, do Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a Consellería de Emprego e Igualdade asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Corresponde, pois, á Consellería de Emprego e Igualdade, para o exercicio orzamentario 2021, a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as que están as medidas dirixidas, por unha banda, a fomentar a creación de emprego de calidade e, por outra, a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia europea para o emprego e de acordo coa Axenda 20 para o Emprego, e no eido da colaboración institucional e o diálogo social entre o goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.

As recomendacións da UE en materia de emprego diríxense a que os Estados membros deben descentralizar a xestión das políticas de emprego, de forma que estas se acheguen e adecúen ás necesidades concretas de cada territorio e á realidade do mercado de traballo local co fin de lograr unha estratexia de acción común. Estas directrices poñen especial fincapé na importancia da creación de postos de traballo no ámbito local desde a perspectiva de que existen novos viveiros de emprego susceptibles de xeraren novos postos de traballo, sendo no ámbito local onde se atopan as maiores posibilidades de detección e aproveitamento en beneficio do emprego.

Así, estes programas tratan de dar un enfoque global ás liñas de fomento do emprego público ou institucional, desde a dobre perspectiva de serviren de ferramenta para a mellora da empregabilidade, a través da adquisición de experiencia profesional das persoas traballadoras desempregadas que participen neles e de dinamización e xeración de novas actividades no medio local e rural.

Con esta finalidade impleméntase a presente convocatoria de subvencións como instrumento a través do cal se ofrece ás persoas demandantes de emprego unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral mínima que poida permitir a súa futura inserción no mercado de traballo, canalizando a práctica laboral adquirida cara a ocupacións que faciliten unha maior estabilidade no emprego.

O obxectivo fundamental desta medida é facilitar a mellora da empregabilidade das persoas traballadoras desempregadas a través da adquisición de experiencia profesional, obxectivo que non se desvirtúa, senón que se potencia, concentrando as obras e os servizos que se pretenden desenvolver e, polo tanto, as contratacións, nuns sectores potencialmente xeradores de emprego como son os priorizados no texto articulado, cada vez máis demandados pola sociedade e que precisan de profesionais con experiencia para cubrir as necesidades cada vez maiores nestes ámbitos.

Mantéñense o uso e a aplicación, de xeito exclusivo de medios telemáticos para tramitar e presentar a solicitude a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, creada polo Decreto 198/2010, do 2 de decembro, que establece o marco de desenvolvemento da Administración electrónica na Administración pública galega, como canle principal de relación do cidadán coa Administración e co obxectivo de avanzar na mellora da calidade e da eficacia dos servizos ofrecidos.

Continúase primando neste exercicio aqueles concellos que coordinen as súas solicitudes e compartan ou mancomunen obras ou servizos, dando cumprimento así ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013, polo que se aproban os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal, manténdose igualmente a posibilidade de que os concellos que presentasen as correspondentes solicitudes realicen contratacións á conta das futuras resolucións de concesión unha vez autorizadas polas respectivas xefaturas territoriais.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e, en concreto, no relativo aos principios de concorrencia, publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación na concesión das axudas.

As subvencións contidas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 11.04.322C.460.2 (2015 00489), por un importe global de 1.500.000 euros contida na Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021 (DOG nº 19, do 29 de xaneiro).

Non obstante, estes créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Emprego e de Asuntos Laborais, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En consecuencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e a Federación Galega de Municipios e Provincias, logo de informe favorable da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Delegada, e tendo en conta as regras establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no que resulte de aplicación, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, en virtude das atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e das condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e as subvencións que están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades locais a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social (procedemento TR351A), co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

Artigo 2. Financiamento

1. O financiamento destes programas efectuarase con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a través dos créditos consignados na aplicación 11.04.322C.460.2 (código de proxecto 2015 00489) da Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, polo importe global de 1.500.000 euros.

2. Os ditos créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e de Asuntos Laborais, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta orde os concellos e as mancomunidades de concellos, os consorcios locais e as entidades locais menores, sempre que todos eles dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos.

2. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Requisitos das obras ou servizos

1. As obras ou servizos que se desenvolverán mediante a actividade das persoas traballadoras desempregadas deberán ser de interese xeral e social, competencia das entidades locais e cumprir os seguintes requisitos:

a) Que sexan executados polas entidades locais en réxime de administración directa ou polos organismos, entes ou empresas públicas a que se encomende a súa execución.

b) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e práctica profesionais das persoas desempregadas.

c) Que a porcentaxe mínima de persoas traballadoras desempregadas que se vaian ocupar na realización da obra ou servizo sexa do 75 por 100.

d) Que a entidade local dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo das partidas orzamentarias non subvencionadas para a realización das obras ou servizos.

e) Que sexan proxectos que teñan en conta profesións que favorezan a inserción laboral.

f) Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que vaian desenvolver a prestación dos servizos non supere os tres meses desde a súa data de inicio, cando a xornada sexa a tempo completo. En caso de contratacións a tempo parcial, de ata o 50 por 100, a dita duración máxima poderá estenderse ata os seis meses.

2. No caso das solicitudes conxuntas, cando non se acredite a realización conxunta da obra ou servizo e supoñan actuacións independentes en cada entidade local, as citadas solicitudes quedarán excluídas, de acordo co punto 2.4 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013.

Artigo 5. Subvención. Contía

1. A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será, para efectos salariais, a equivalente á necesaria para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, por cada persoa traballadora desempregada contratada, cos seguintes máximos mensuais:

Para o grupo de cotización 1: 2.700 €.

Para o grupo de cotización 2: 2.200 €.

Para o grupo de cotización 3: 2.000 €.

Para o grupo de cotización 4: 1.900 €.

Para o grupo de cotización 5: 1.800 €.

Para o grupo de cotización 6: 1.700 €.

Para o grupo de cotización 7: 1.600 €.

Para o grupo de cotización 8: 1.500 €.

Para o grupo de cotización 9: 1.500 €.

Para o grupo de cotización 10: 1.500 €.

Estes importes máximos incrementaranse nun 15 % no caso de que as contratacións se realicen nunha obra ou servizo solicitado conxuntamente, de acordo co punto 2.3 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013.

2. A contía da subvención reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada cando os contratos se concerten a tempo parcial.

3. Para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais subvencionables, o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

4. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas, para a mesma finalidade, doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, coas que é compatible, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Artigo 6. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e que fai constar os aspectos seguintes:

a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

c) Que a entidade local cumpriu coa súa obriga de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, de acordo co estipulado no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas. No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de concellos, cada concello deberá cumprir coa citada remisión.

3. As entidades solicitantes deberán presentar unha solicitude por cada obra ou servizo que se vaia desenvolver.

4. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.

6. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Unha memoria da obra ou servizo que se vai realizar co detalle do perfil das persoas desempregadas que se pretenden contratar, no modelo que se publica como anexo II, xunto co proxecto e planos cando o tipo de obra así o exixa, así como descrición da vinculación dos programas de cooperación solicitados coa estrutura do paro do ámbito territorial, cos colectivos a que van dirixidos e cos recursos e potencialidades da zona, apuntando os aspectos positivos que, previsiblemente, terá a posta en práctica dos programas no desenvolvemento económico e social do territorio, redactada polo ou pola axente de emprego e desenvolvemento local da entidade local, se o hai.

b) Certificación da persoa secretaria da entidade local en que consten os seguintes aspectos:

1º. A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude para o caso de que non se trate do representante legal.

2º. A aprobación da solicitude de subvención.

3º. A disposición de financiamento para as partidas orzamentarias que sexan financiadas por aquela.

4º. As retribucións salariais brutas dos traballadores e traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social, con referencia da publicación oficial do convenio colectivo que resulte de aplicación, xuntando as táboas salariais vixentes ao momento da solicitude.

c) Cando unha mesma entidade solicite máis dunha obra ou servizo, será suficiente coa presentación da documentación xeral coa primeira solicitude.

d) Para o caso de agrupacións de concellos baixo calquera modalidade: copia do convenio de colaboración, se é o caso, e memoria explicativa da prestación conxunta da obra ou servizo con indicación das achegas económicas e outras achegas dos concellos agrupados, de acordo co punto 1 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou ten un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Se do exame do expediente se comproba que a documentación non reúne os requisitos necesarios, é insuficiente ou non se achega na súa totalidade, faráselle un único requirimento á entidade solicitante para que, no prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, terase por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 21 desta lei.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención.

b) NIF da entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilita a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 11. Procedemento

1. O procedemento de concesión das axudas será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Emprego e Economía Social da respectiva xefatura territorial da Consellería de Emprego e Igualdade.

3. Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiranse á Comisión de Valoración Central para que esta, nun acto único para todas as xefaturas territoriais, proceda á súa avaliación e informe, en que se concretará o resultado da avaliación efectuada á totalidade dos expedientes, tendo en conta que as resolucións se poderán tramitar en diversas fases, en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Aqueles expedientes sobre os cales nas primeiras fases non se formule proposta de resolución favorable á súa aprobación, non se considerarán desestimados e o órgano instrutor teraos en consideración en futuras propostas de concesión, de conformidade co informe da Comisión de Valoración Central.

Para estes efectos, a Comisión de Valoración Central estará composta polos seguintes membros: a persoa titular da Subdirección Xeral de Emprego ou quen a substitúa, que exercerá as funcións da presidencia, as persoas responsables de cada unha das xefaturas territoriais ou quen as substitúa como vogais e unha persoa adscrita ao Servizo de Programas de Cooperación, que realizará as funcións de secretaría.

Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída pola persoa que, para o efecto, designe o órgano competente para resolver.

4. De entre as obras e servizos que cumpran os anteditos requisitos farase unha selección co obxecto de outorgarlle as correspondentes subvencións. Daráselles preferencia:

a) Aos proxectos que, sendo de maior interese xeral e social, se realicen preferentemente nalgunha das seguintes actividades:

1º. Ata 30 puntos, cando se trate de obras ou servizos relacionados con protección civil e a seguridade das persoas e bens. Cando os proxectos correspondan a servizos de salvamento e socorrismo, incrementaranse 20 puntos.

2º. Ata 20 puntos, cando se trate de servizos personalizados de carácter cotián, tales como: prestación de axuda a domicilio para persoas con discapacidade e/ou maiores, axuda a familias e persoas con dificultade e/ou con desarraigamento social, coidado de nenos e nenas, escolas infantís e ludotecas.

3º. Ata 15 puntos, cando se trate de obras ou servizos relacionados coa utilidade colectiva, tales como: mantemento e revalorización de zonas públicas e conservación ambiental, xestión de augas, xestión de residuos, protección e mantemento de zonas e espazos naturais, así como aquelas que incidan, directa ou indirectamente, no control da enerxía.

4º. Ata 10 puntos, cando se trate de servizos de lecer ou culturais, tales como: promoción do turismo, desenvolvemento cultural local, promoción do deporte e sector audiovisual; e cando se trate de servizos destinados a actividades relacionados coa innovación e as novas tecnoloxías.

5º. Ata 5 puntos, cando se trate doutros que redunden en beneficio da comunidade.

b) Aos proxectos que na súa realización permitan e apoien a creación permanente de maior número de postos de traballo estables. Ata 10 puntos.

c) Aos proxectos que acrediten un maior nivel de inserción laboral en exercicios anteriores. Entenderase como «inserción laboral» aquela que supoña a contratación das persoas traballadoras que participaron en obras ou servizos aprobados nos 4 exercicios anteriores ou a súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social durante polo menos seis meses, nos dous anos seguintes á finalización da obra ou servizo subvencionado. Ata 15 puntos.

d) Aos proxectos que se axusten ás características das persoas demandantes de emprego do territorio e teñan en conta, se é o caso, os seus itinerarios de inserción. Ata 10 puntos.

e) Aos proxectos que na elaboración do seu contido e posterior desenvolvemento conten coa participación dos axentes económicos e sociais con presenza no territorio, ou xurdan por iniciativa ou coa participación do comité territorial de emprego competente. Ata 10 puntos.

f) Aos proxectos que establezan servizos dirixidos ás persoas mozas e ás mulleres, tendentes a favorecer a súa participación social e laboral. Ata 10 puntos.

g) Aos proxectos que consistan no establecemento de oficinas municipais de información xuvenil, mediante a contratación de mozos e mozas desempregados menores de 30 anos para realizar as funcións de información, animación ou dinamización xuvenil. Ata 10 puntos.

h) Aos proxectos que teñan por obxecto o establecemento ou desenvolvemento de bancos municipais de tempo, plans de programación do tempo da cidade ou outras medidas municipais de conciliación de promoción autonómica que cumpran as previsións establecidas no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade. Ata 5 puntos.

i) Aos proxectos que vaian dirixidos á contratación de persoas traballadoras desempregadas pertencentes a algún dos colectivos con especiais dificultades de inserción laboral. Ata 10 puntos. Cando vaian dirixidos á contratación de mulleres, a dita puntuación incrementarase en 5 puntos.

j) Aos proxectos que conten, se é o caso, con financiamento das entidades solicitantes para realizar accións complementarias que melloren a eficacia deste programa. Para estes efectos, terase en conta o esforzo investidor para cada suposto. Ata 10 puntos.

5. Para a comparación das solicitudes presentadas, establécese unha puntuación máxima de 145 puntos, co fin de establecer unha prelación entre estas de acordo cos criterios de valoración previamente fixados nas bases reguladoras e na convocatoria, e adxudicar, co límite fixado na convocatoria dentro do crédito dispoñible, aquelas que obtivesen maior valoración en aplicación dos citados criterios. Para o caso de que se produza un empate nas puntuacións obtidas en aplicación destes criterios, terán preferencia aquelas solicitudes en que se utilice a lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.

6. A puntuación final das solicitudes de obras ou servizos presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local poderá incrementarse ata un 30 % de acordo cos seguintes criterios:

a) Pola presentación da solicitude conxunta, cando vaia acompañada dunha memoria explicativa da realización e do financiamento conxunto da actuación, incrementarase nun 10 %.

b) En función do número de concellos asociados ou da poboación beneficiaria ou destinataria das obras ou servizos, poderá incrementarse ata un 10 %.

c) Pola presentación e valoración dunha memoria de aforro de custos respecto das solicitudes presentadas de modo individual, poderá incrementarse ata un 10 %.

7. No caso de presentación de solicitudes por parte da entidade resultante dunha fusión de concellos, a súa puntuación final poderá incrementarse ata un 35 %.

8. O órgano instrutor poderá modificar á baixa o número máximo de persoas traballadoras que se vaian subvencionar, segundo entenda xustificados adecuadamente o obxecto e a necesidade do proxecto, así como as funcións que van levar a cabo as persoas traballadoras e o número de persoas e colectivos beneficiarios en cada caso concreto.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorran dez días naturais desde á posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Resolución

1. O órgano instrutor elevará o informe da Comisión de Valoración xunto coa proposta de resolución á persoa responsable da respectiva xefatura territorial, quen resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade.

2. O prazo de resolución e notificación será de tres meses contados a partir da finalización do prazo de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non se dita resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución pola que se conceda a subvención determinará, como mínimo, a denominación do proxecto aprobado, a data límite de inicio, o tempo de realización do servizo, a contía da subvención que se vai outorgar e os demais requisitos exixibles para a súa percepción e seguimento.

Entenderase como data límite de inicio do servizo a data tope, é dicir, o último día hábil para contratar as persoas traballadoras concedidas.

4. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa. Contra estas resolucións poderá interporse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ou ben recurso contencioso-administrativo ante a xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses, contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, a teor do disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

5. Os incrementos de crédito, así como o crédito liberado polas renuncias ou revogacións das subvencións outorgadas, destinarase á concesión de subvencións, se é o caso, daquelas obras e servizos que, por insuficiencia de crédito, non chegaron a obter subvención.

6. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, da contía e da finalidade no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto na Lei xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

7. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

8. Os servizos de emprego e economía social das xefaturas territoriais informarán a cada oficina de emprego de todas as subvencións concedidas para a contratación de persoas traballadoras desempregadas en que, por razón do seu ámbito territorial, deban intervir no seu proceso de selección.

9. Por outra parte, de conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 14. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e das traballadoras

1. Os traballadores e as traballadoras que se contraten para a realización das obras e servizos e polos/polas cales se outorgue a subvención deberán ser persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados e estar dispoñibles para o emprego. Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social.

Será a entidade beneficiaria da subvención a responsable de comprobar que, no momento do inicio da relación laboral, a persoa seleccionada estea inscrita na oficina de emprego como demandante non ocupada dispoñible para o emprego.

2. Os traballadores e as traballadoras que fosen contratados, por un período igual ou superior a seis meses con cargo ás axudas concedidas no ano 2020, pola Consellería de Emprego e Igualdade, no ámbito de colaboración coas entidades locais e coas entidades sen ánimo de lucro, en materia de políticas activas de emprego, para a contratación de persoas traballadoras desempregadas, non poderán ser contratadas con cargo ás axudas previstas nesta orde.

3. As entidades beneficiarias da subvención solicitarán os traballadores e as traballadoras que se necesiten mediante a presentación de oferta de emprego na oficina pública de emprego, nos modelos normalizados para o efecto, facendo referencia aos requisitos e ás características que deben reunir os traballadores e as traballadoras que se contratarán para o adecuado desempeño das funcións inherentes aos postos de traballo ofertados. Deberase presentar unha por cada categoría profesional dentro de cada ocupación, que deberá responder á codificación prevista no Catálogo nacional de ocupacións –CNO–, de conformidade cos seguintes principios xerais:

a) A oferta, na súa formulación, non poderá conter elementos que poidan servir de base para calquera tipo de discriminación que non responda aos criterios preferenciais establecidos no punto 5 ou que trate de favorecer os colectivos enumerados neste.

b) En ningún caso poderá incluírse nin admitirse como criterio de emparellamento a posesión de experiencia laboral.

c) Poderán admitirse como criterios de emparellamento os relativos á titulación, formación e outro tipo de coñecementos, sempre que estean xustificados no expediente de solicitude e sexan coherentes coa resolución de concesión.

d) As entidades locais deberán presentar as ofertas cunha antelación mínima de 15 días hábiles á data prevista para realizar as correspondentes contratacións na oficina pública de emprego que corresponda ao enderezo do centro de traballo do posto ofertado.

4. Unha vez recibida a oferta, realizarase unha sondaxe de demandantes en función das características dela atendendo á maior adecuación ao posto de traballo ofertado, e proporcionando, de ser posible, o número de persoas candidatas por posto de traballo que solicite a entidade beneficiaria, que, en ningún caso, poderá ser inferior a dúas nin superior a dez. A remisión de novos candidatos só procederá cando a entidade xustifique documentalmente a súa necesidade por incumprimento dos requisitos da oferta ou por rexeitamento voluntario ou incomparecencia dos remitidos.

5. Terán preferencia, en todo caso, os colectivos con especiais dificultades de inserción laboral e, se é o caso, aqueles que teñan previsto a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción profesional, tales como:

a) Mulleres e, en especial, aquelas que acrediten a condición de vítimas de violencia de xénero.

b) Menores de 30 anos, en especial, as persoas demandantes do primeiro emprego ou aquelas sen cualificación profesional.

c) Persoas paradas de longa duración.

d) Persoas con discapacidade.

e) Persoas desempregadas que esgotasen as prestacións e subsidios por desemprego a que tivesen dereito.

f) Persoas desempregadas maiores de 45 anos.

g) Integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social, especialmente persoas beneficiarias da renda de integración social de Galicia.

Así mesmo, terase en conta o menor nivel de protección por desemprego das posibles persoas beneficiarias, así como a existencia de responsabilidades familiares, entendéndose por estas ter a cargo da persoa traballadora desempregada que se contrate o/a cónxuxe ou parella de feito, fillos e fillas menores de vinte e seis anos ou maiores con discapacidade, persoas maiores incapacitadas ou menores en acollemento.

6. Excepcionalmente, logo de solicitude debidamente xustificada por parte da entidade solicitante e logo de autorización expresa da persoa responsable da respectiva xefatura territorial da Consellería de Emprego e Igualdade, poderán utilizarse ofertas especiais con vinculación nominal cando se trate de seleccionar mulleres vítimas de violencia de xénero e/ou integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social, condición que se acreditará mediante as correspondentes certificacións ou informes elaborados por traballadores sociais, se é o caso. As persoas seleccionadas polo procedemento descrito neste punto deberán, en todo caso, cumprir os requisitos establecidos polos puntos 1 e 2 deste artigo.

7. As persoas candidatas serán remitidas á entidade beneficiaria coa finalidade de que esta realice a selección definitiva, que lle deberá ser notificada, para o seu coñecemento, á correspondente oficina de emprego.

Artigo 15. Contratación dos traballadores e das traballadoras

1. Efectuada a selección dos traballadores e das traballadoras na forma prevista no artigo anterior, a entidade beneficiaria procederá á súa contratación utilizando necesariamente a modalidade de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social, tendo en conta que, en todo caso, os contratos deberán formalizarse no prazo e nos termos establecidos na resolución de concesión da subvención, e, en todo caso, dentro do exercicio 2021.

2. Excepcionalmente, cando concorran causas debidamente xustificadas, a persoa responsable da respectiva xefatura territorial da Consellería de Emprego e Igualdade poderá autorizar o inicio da obra ou servizo con posterioridade ao dito prazo, logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria.

3. As entidades darán de alta na Seguridade Social as persoas contratadas no código de conta de cotización que corresponda.

4. Os contratos de traballo subscritos coas persoas traballadoras seleccionadas deberán comunicarse á oficina de emprego correspondente, necesariamente a través do aplicativo CONTRAT@.

5. Para a comunicación dos contratos de traballo á correspondente oficina de emprego a través da aplicación informática CONTRAT@, deberán terse en conta os seguintes requisitos:

a) Que as persoas contratadas cumpran, no momento da contratación, os requisitos para seren beneficiarias destes programas.

b) Que se utilizase o modelo de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social.

6. En todo caso, as contratacións que incumpran calquera destes requisitos, non se entenderán xustificadas e non poderán ser subvencionadas e, se é o caso, poderán dar lugar á perda do dereito ao cobramento ou reintegro das axudas de conformidade co disposto no artigo 21.

Artigo 16. Contratación anticipada

1. Unha vez presentada a correspondente solicitude, cada entidade local para poder iniciar aqueles proxectos de urxente posta en marcha, poderá contratar anticipadamente aquelas persoas traballadoras desempregadas que lle sexan autorizadas pola respectiva xefatura territorial.

2. Para poder acollerse a esta modalidade de contratación anticipada, os concellos, logo de indicalo expresamente no expediente de solicitude, deberán esperar a recibir a autorización expresa para a contratación por parte da respectiva xefatura territorial indicando, cando proceda, a obra ou servizo en que desenvolverán o seu traballo as persoas contratadas baixo esta modalidade.

3. O proceso de selección e contratación das persoas desempregadas baixo esta modalidade deberá respectar, en todo caso, o establecido nos artigos 14 e 15, e as oficinas de emprego deberán tramitar as correspondentes ofertas á vista da autorización sinalada no parágrafo anterior.

4. A xustificación das contratacións realizadas con anterioridade a que se diten as correspondentes resolucións admitirase sempre e cando se cumpran as normas contidas neste artigo.

5. Unha vez concedidas as autorizacións, a xefatura territorial deberá remitir á Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social unha copia de cada unha delas, así como unha relación do total de autorizacións concedidas.

Artigo 17. Substitución de traballadores e traballadoras

1. Con carácter xeral, cando se produza a extinción do contrato antes de que remate o período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, a entidade beneficiaria poderá contratar a outra persoa en substitución daquela que causou baixa durante o tempo que reste para que remate o período subvencionado, sempre que a contratación se produza dentro dos 30 días seguintes ao da baixa na Seguridade Social da inicialmente contratada.

2. No suposto de baixas temporais por causas que se prevexa que sexan de longa duración superior a 30 días, a substitución só será posible logo de autorización expresa da xefatura territorial correspondente por solicitude fundamentada da entidade contratante.

3. A nova contratación deberá cumprir os requisitos exixidos na orde de convocatoria para as contratacións iniciais subvencionadas e deberá ser notificada á xefatura territorial, indicando a causa da baixa, nun prazo máximo de 15 días desde a correspondente contratación. Na notificación, a entidade beneficiaria deberá achegar os seguintes documentos:

a) Parte de baixa na Seguridade Social da persoa substituída.

b) Parte de alta na Seguridade Social e contrato de traballo na modalidade de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social da persoa substituta.

c) Certificado de selección da persoa substituta, no modelo publicado na web institucional da Xunta de Galicia, agás que se trate dunha candidata que quedara en lista de espera na primeira selección e continúe en desemprego no momento de formalizar a contratación.

d) Documento de información da subvención, en que conste a sinatura da persoa traballadora.

4. Tanto no caso de extinción, como de substitución por suspensión do contrato, a selección da persoa substituta deberá levarse a cabo logo de solicitude á correspondente oficina de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia, salvo que se trate de persoas candidatas remitidas por este na oferta inicial e cumpran a condición de demandante de emprego inscrita e desempregada no momento da súa contratación.

5. De non producirse a substitución ou cando, aínda producíndose, a suma dos distintos períodos de contratación referidos a este posto de traballo fose inferior ao período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, procederase á redución da subvención concedida polo importe correspondente. En ningún caso se poderá producir un incremento da subvención concedida, debendo facerse cargo a entidade beneficiaria dos sobrecustos que estas substitucións leven consigo.

Artigo 18. Xustificación e pagamento

1. O aboamento da subvención para a contratación de persoas traballadoras desempregadas farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida, que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación, na data límite establecida na resolución de concesión e, en todo caso, antes do 30 de outubro de 2021:

a) Contratos de traballo, na modalidade de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social, formalizados e debidamente comunicados á oficina de emprego.

b) Partes de alta na Seguridade Social xunto co informe de datos de cotización (IDC).

c) Un certificado do secretario ou secretaria ou do órgano competente da entidade local beneficiaria, en que conste:

1º. A formulación da correspondente oferta de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia, especificando o número identificador desta e a relación nominal das persoas traballadoras desempregadas facilitadas por aquel, así como as persoas candidatas finalmente seleccionadas e contratadas.

2º. As retribucións salariais brutas dos traballadores e traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social.

d) Unha declaración complementaria do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes e de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nin ser debedor por resolución de procedencia de reintegro, no modelo que se publica como anexo III.

e) Unha fotografía do cartel informativo en que se reflicta a súa localización, nos termos sinalados no artigo 20.1.a).

f) Documentos de información ás persoas traballadoras da subvención debidamente asinados.

Os certificados, declaracións, documentos e carteis informativos sinalados neste parágrafo deberán realizarse segundo os respectivos modelos que se publican na web institucional da Xunta de Galicia no enlace http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego.

2. Unha vez recibidos os fondos, a entidade beneficiaria deberá remitir á xefatura territorial correspondente da Consellería de Emprego e Igualdade unha certificación acreditativa da súa recepción, segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia no enlace http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego.

Artigo 19. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Aceptación da subvención no prazo de 10 días, de conformidade co disposto no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Transcorrido o citado prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

b) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Aboar ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes á súa categoría profesional e titulación.

d) Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer ao seu vencemento e, mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas que se deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.

e) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poida efectuar a Consellería de Emprego e Igualdade e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

Para os efectos dun correcto seguimento do desempeño das tarefas subvencionadas, a entidade beneficiaria da subvención deberá manter unha planificación permanentemente actualizada e respecto de cada unha das persoas traballadoras contratadas, no relativo a: lugar de realización do servizo e distribución do tempo de traballo por día da semana. A devandita planificación deberá estar á disposición da Administración actuante para achegala cando se lle requira.

f) Comunicarlle á Consellería de Emprego e Igualdade aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que vaian desenvolver as persoas traballadoras contratadas, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

g) Comunicarlle á Consellería de Emprego e Igualdade a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

h) Realizar, cando proceda, e por requirimento dos órganos competentes da Consellería de Emprego e Igualdade, unha valoración do nivel de competencia profesional, así como un informe global en que se describan tanto os puntos fortes como as carencias dos mozos e mozas demandantes de emprego sen titulación de tipo profesional que se incorporen ao mercado de traballo a través dos programas regulados nesta orde.

i) As entidades beneficiarias deberán proporcionarlle ao persoal contratado tarxetas identificativas do servizo subvencionado, no modelo que se estableza pola Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social e que se publica na web institucional da Xunta de Galicia no enlace http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego, que farán constar a colaboración da consellería. O persoal contratado deberá levalas consigo cando estea a realizar a actividade obxecto da subvención.

j) Cando o normal desenvolvemento da prestación dos servizos ou a execución das correspondentes obras exixa a utilización de roupa de traballo específica, esta será identificada de conformidade cos modelos que se publican na web institucional da Xunta de Galicia no enlace http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego. No peitoral da devandita roupa poderá figurar o nome ou o escudo da entidade local contratante.

Artigo 20. Seguimento

1. Co fin de efectuar un seguimento adecuado da execución dos proxectos mediante as subvencións reguladas nesta orde, a entidade beneficiaria deberá someterse ao cumprimento das seguintes obrigas:

a) No lugar onde se realicen os servizos deberá figurar, de forma visible, cartel informativo, en modelo normalizado establecido e publicado pola Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social na web institucional da Xunta de Galicia no enlace http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego, no cal constará o cofinanciamento polos servizos públicos de emprego.

b) Utilizar os documentos de información ás persoas traballadoras da subvención no modelo normalizado na web institucional da Xunta de Galicia, no enlace http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego.

2. Sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na presente norma, as entidades beneficiarias das axudas deberán:

a) Manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada de todas as transaccións realizadas con cargo aos proxectos subvencionados, referidos a operacións da afectación da subvención á finalidade da súa concesión.

b) Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

c) Presentar ante a respectiva xefatura territorial da Consellería de Emprego e Igualdade, no prazo de dous meses, unha vez que teña finalizado a execución dos proxectos subvencionados, a seguinte documentación:

1º. Unha memoria final sobre as actividades realizadas e práctica profesional adquirida polas persoas traballadoras contratadas.

2º. Extracto bancario xustificativo do ingreso do importe da subvención concedida.

3º. Un certificado de fin de servizo segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia.

4º. Copias das nóminas aboadas aos traballadores e traballadoras que se contraten e dos boletíns de cotización á Seguridade Social (recibo de liquidación de cotizacións e relación nominal de traballadores ou documento equivalente expedido pola Tesourería Xeral da Seguridade Social), así como os documentos bancarios correspondentes que acrediten o seu pagamento (transferencias bancarias necesariamente no caso das nóminas) e máis o resumo anual de retencións sobre os rendementos do traballo (modelo 190 IRPF) e xustificantes do seu pagamento (modelo 111) correspondentes aos trimestres en que se desenvolveu o proxecto, unha vez se dispoña destes.

5º. Documentación acreditativa do mantemento do sistema de contabilidade separada a que se refire o punto 2.a) deste artigo.

d) Someterse ás actuacións de comprobación sobre o terreo que, con base na mostra seleccionada estatisticamente e/ou segundo criterios baseados no risco, se realicen por persoal técnico da respectiva xefatura territorial.

Artigo 21. Perda do dereito ao cobramento e reintegro

Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se reintegre determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

b) Non realizar a actividade, ou adoitar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

c) Incumprimento do prazo establecido para a presentación da documentación xustificativa para o pagamento sinalada no artigo 18.1: procederá a perda total do dereito ao cobramento da subvención.

d) Incumprimento da obriga de presentación de documentación exixida no artigo 20.2.c): no caso de que non se presente ningunha documentación, procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado, e no suposto de presentación de parte da documentación exixida ou de que a documentación presentada sexa incorrecta, o importe que se reintegre será proporcional ao gasto non xustificado.

e) Incumprimento da obriga de satisfacer, con independencia do cobramento da subvención, e mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas de carácter salarial mensualmente: cando o importe salarial aboado fóra de prazo sexa inferior ao 50 % do gasto subvencionado, o importe que se reintegre será equivalente ao importe aboado fóra do prazo establecido, e no suposto de que o importe salarial aboado fóra de prazo sexa igual ou superior ao 50 %, procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

f) Incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 20.1: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

g) Incumprimento da obriga de mantemento dun sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada establecida no artigo 20.2.a): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

h) Incumprimento da obriga de manter unha pista de auditoría suficiente establecida no artigo 20.2.b): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Disposición adicional primeira

Apróbase a delegación de atribucións da persoa responsable da Consellería de Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para autorizar e redistribuír os correspondentes créditos e nas persoas responsables das xefaturas territoriais, nos ámbitos competenciais respectivos, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa responsable da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, as atribucións citadas no parágrafo anterior serán exercidas temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, de conformidade co réxime disposto na disposición adicional segunda do Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade.

Disposición adicional segunda

Mediante a resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social poderanse establecer os criterios necesarios para que, a través desta orde, en canto aos colectivos prioritarios, se poidan cumprir os obxectivos establecidos polo Servizo Público de Emprego de Galicia, de acordo coas directrices de emprego e as que poidan emanar do diálogo social e institucional en Galicia e a demais normativa e acordos que, se é o caso, resulten de aplicación.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa responsable da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2021

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file