Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Venres, 23 de abril de 2021 Páx. 20504

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

DECRETO 63/2021, do 22 de abril, polo que se modifica o Decreto 104/2012, do 16 de marzo, polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e regula o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia.

O Decreto 104/2012, do 16 de marzo, polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e regula o rexistro profesional de socorristas acuáticos de Galicia, constituíu unha primeira regulación completa para a habilitación da profesión na Comunidade Autónoma.

A referida normativa estableceu a ordenación da habilitación profesional e principalmente, entre outras, regula o seu obxecto, o ámbito de aplicación e as definicións, os requisitos profesionais, a inscrición, a formación mínima e o rexistro, e estableceu uns novos altos estándares de calidade e capacitación para o desenvolvemento da profesión de socorrista en Galicia, ao exixir estar en posesión da cualificación profesional de socorrismo en instalacións acuáticas ou/e da cualificación profesional de socorrismo en espazos acuáticos naturais, dependendo do ámbito en que vaian desenvolver a súa actividade.

As referidas garantías de presente e futuro dunha prestación adecuada de servizos de calidade exixían e exixen xestionar o cambio incorporando transitoriamente os profesionais formados ao abeiro da situación anterior á entrada en vigor do Decreto 104/2012, do 16 de marzo, polo que, mediante a disposición transitoria única e durante o período transitorio de 5 anos, permitíase garantir a obtención por parte das persoas interesadas da acreditación das unidades de competencia da cualificación profesional correspondente, e poderían inscribirse de forma provisional no Rexistro Profesional de Socorristas de Galicia as persoas que, no momento da entrada en vigor desta normativa cumprisen cos requisitos da referida disposición transitoria.

Deste xeito, cunha planificación de futuro, de presente e da realidade social, en resumo, regulábase a formación mínima e a transitoriedade, que constituíron durante estes anos eixos principais da profesión de socorrista.

Non obstante, durante o tempo de vixencia do actual Decreto 104/2012, do 16 de marzo, púxose de manifesto a necesidade de ampliar o prazo para que aos profesionais formados con anterioridade á actual regulación se lles garanta a posibilidade da obtención da cualificación ou formación profesional correspondente; en coherencia co dito, o Decreto 35/2017, do 30 de marzo, polo que se modifica o Decreto 104/2012, do 16 de marzo, incluía unha disposición transitoria segunda que prorrogaba por un prazo de 4 anos o período transitorio de 5 anos establecido no parágrafo primeiro da disposición transitoria única do Decreto 104/2012, do 16 de marzo; dese xeito, o período transitorio establecido no Decreto 104/2012, do 16 de marzo, finalizaba o 10 de abril de 2021.

A situación de saúde pública que estamos vivindo provocada pola pandemia derivada do COVID-19 dificultou a realización da previsión inicial dos cursos habilitantes para a obtención dos requisitos mínimos para a inscrición no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia.

En prol de salvagardar e garantir a prestación do servizo de socorrismo na nosa comunidade e manter os numerosos postos de traballo que tal actividade orixina, é urxente e imprescindible prorrogar a habilitación provisional regulada na disposición transitoria única do devandito Decreto 104/2012, do 16 de marzo, a través da súa modificación.

En virtude do exposto, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, facendo uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, e despois de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de abril de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 104/2012, do 16 de marzo, modificado polo Decreto 35/2017, do 30 de marzo, polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e regula o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia

O Decreto 104/2012, do 16 de marzo, polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e regula o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia, queda modificado como segue:

«A disposición transitoria primeira queda redactada da seguinte forma:

Disposición transitoria primeira. Prórroga do prazo da inscrición provisional

1. Prorrógase ata o día 30 de abril de 2022 o período transitorio establecido no parágrafo primeiro da disposición transitoria única do Decreto 104/2012, do 16 de marzo, polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e regula o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia.

2. A inscrición provisional do persoal de socorrismo acuático efectuada ao abeiro da anterior normativa quedará prorrogada automaticamente, sen necesidade de presentar documentación ningunha e sen prexuízo do dereito a solicitar a baixa no rexistro.

3. Antes do 31 de decembro de 2021, a Academia Galega de Seguridade Pública remitirá, ao enderezo que conste no rexistro de cada persoa inscrita, o distintivo co novo período de validez.

4. As novas solicitudes de inscrición provisional para as persoas que non estiveren no rexistro realizarase polo período que proceda, segundo resulte da data de resolución de nova inscrición e como máximo polo novo período dun ano. Para as novas inscricións aplicarase a regulación establecida no Decreto 104/2012, do 16 de marzo».

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da consellería con competencias en materia de emerxencias, interior e seguridade para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto no relativo á organización en materias propias do seu departamento.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de abril de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo