Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Venres, 30 de abril de 2021 Páx. 21934

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 da Coruña

EDICTO de notificación de sentenza (351/2020).

Fátima García Castro, letrada da Administración de xustiza do Xulgado do Social número 2 da Coruña, fago saber que no procedemento de despedimento/cesamentos en xeral 351/2020 deste xulgado do social, seguido contra a empresa Lumaso Telecomunicaciones, S.L., sobre despedimento, ditouse a seguinte resolución, cuxa parte dispositiva se xunta:

«A Coruña, 1 de decembro de 2020

Miguel Ferreiro Liaño, maxistrado xuíz do Xulgado do Social número 2, tras ver o presente procedemento de despedimento/cesamentos en xeral 351/2020 seguido por instancia de Antonio López Torrejón, que comparece por si mesmo asistido da letrada Lidia Vázquez Méndez, contra Lumaso Telecomunicaciones, S.L., que non comparece a pesar de constar citado en legal forma, en nome do rei, pronunciou a seguinte sentenza:

Resolución:

Estímase a demanda formulada por Antonio López Torrejón fronte a Lumaso Telecomunicaciones, S.L. e, en consecuencia:

– Declárase improcedente o despedimento da parte demandante efectuado pola empresa demandada.

– Condénase a empresa demandada a que, no prazo de cinco días desde a data de notificación da sentenza, opte entre a readmisión inmediata do demandante, nas mesmas condicións que rexían con anterioridade, con aboamento dos salarios de tramitación desde a data do despedimento ata a notificación desta resolución, a razón de 62,09 euros diarios, ou ben polo aboamento dunha indemnización por despedimento a razón de 4.439,44 euros.

O aboamento da indemnización determinará a extinción do contrato de traballo, que se entenderá producida na data do cesamento efectivo no traballo.

No suposto de non optar o empresario pola readmisión ou a indemnización, enténdese que procede a primeira.

– Condénase, así mesmo, a empresa demandada ao aboamento á parte demandante da cantidade de 1.735,63 euros, en concepto de liquidación de cantidades debidas no momento da extinción da relación laboral, que se incrementarán co xuro previsto no artigo 29.3 do ET.

Notifíquese esta sentenza ás partes, advertindo que contra ela poderán interpoñer recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza, que deberá ser anunciado mediante escrito neste xulgado dentro dos cinco días seguintes á notificación da sentenza. Advírtase ao recorrente que sexa entidade xestora e fose condenada ao aboamento dunha prestación da Seguridade Social de pagamento periódico que, ao anunciar o recurso, deberá achegar certificación acreditativa de que comeza o seu aboamento e que o proseguirá puntualmente mentres dure a súa tramitación. Se o recorrente for unha empresa ou mutua patronal que fose condenada ao pagamento dunha pensión da Seguridade Social de carácter periódico deberá ingresar o importe do capital custo na Tesouraría Xeral da Seguridade Social logo de determinación por esta do seu importe unha vez que lle sexa comunicada polo xulgado.

Así, por esta sentenza, pronúncioo, mándoo e asínoo».

E para que sirva de notificación en legal forma a Lumaso Telecomunicaciones, S.L., así como ao seu administrador único Rubén Sanmartín Rodríguez, S.L., en ignorado paradoiro, expido o presente edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Advírtese ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo no suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

A Coruña, 9 de abril de 2021

A letrada da Administración de xustiza