Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Martes, 4 de maio de 2021 Páx. 22407

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2021, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se fixan as datas de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2021, que foron convocadas mediante a Resolución do 8 de marzo de 2021 (código de procedemento PL500C).

Mediante a Resolución do 8 de marzo de 2021, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, convocáronse as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2021 (código de procedemento PL500C) (DOG núm. 52, do 17 de marzo). Segundo se recolle no seu punto terceiro, as probas terán lugar no mes de maio e/ou xuño de 2021, sempre que a evolución da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 o permita. Así mesmo, tamén se sinala que as datas concretas das probas serán debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.lingua.gal).

De acordo con isto,

RESOLVO:

Fixar as seguintes datas de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega (Celga), convocadas mediante a Resolución do 8 de marzo de 2021:

– Celga 4, en Santiago de Compostela e en Ponferrada:

22 de maio de 2021, para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por algunha das seguintes letras: Y, Z, A, B, C, D, E e F.

23 de maio de 2021, para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por algunha das seguintes letras: G, H, I, J, K, L, M, N, Ñ e O.

29 de maio de 2021, para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por algunha das seguintes letras: P, Q, R, S, T, U, V, W e X.

– Celga 2, en Santiago de Compostela e en Ponferrada:

30 de maio de 2021, para todas as persoas admitidas.

– Celga 3, en Santiago de Compostela e en Ponferrada:

5 de xuño de 2021, para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por algunha das seguintes letras: Y, Z, A, B, C, D, E, F, G, H, I, J e K.

6 de xuño de 2021, para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por algunha das seguintes letras: L, M, N, Ñ, O, P, Q, R, S, T, U, V, W e X.

– Celga 1, en Santiago de Compostela:

12 de xuño de 2021, para todas as persoas admitidas.

Os centros e horarios de realización das probas, así como as listaxes definitivas de persoas admitidas para cada nivel e localidade, poderán consultarse na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (https://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/convocatorias). Así mesmo, na web tamén se publicará a porta de acceso ao centro e mais a aula que lle corresponde a cada persoa para a realización da proba escrita. No caso daquelas persoas ás cales, atendendo a causas xustificadas, se lles concedese algún tipo de adaptación ou apoio, a Secretaría Xeral de Política Lingüística comunicaralles directamente o día, a porta de acceso e aula correspondentes.

Respecto da proba oral de cada nivel Celga, lémbrase que esta será posterior á proba escrita. A hora concreta en que cada persoa deberá estar presente para realizar esta proba publicarase no centro correspondente, así como na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (https://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/convocatorias), unha vez que remate a proba escrita.

Debido ás circunstancias excepcionais derivadas da pandemia da COVID-19, co fin de protexer a saúde propia e a dos demais, todas as persoas que se van presentar ás probas deberán respectar as seguintes medidas:

– Tanto o día previo á proba como o día da proba, deberán tomar a súa temperatura e observar se teñen síntomas respiratorios. As que presenten síntomas compatibles coa COVID-19, as que fosen diagnosticadas coa enfermidade e as que estean en illamento ou corentena por contacto estreito con algunha persoa con síntomas ou diagnosticada nos últimos 10 días non poderán acudir á proba.

– Ademais do documento de identificación persoal (DNI, NIE ou pasaporte) e dun bolígrafo, deberán ir provistas de máscara (cirúrxica ou FFP2), que lles tape o nariz e a boca. Recoméndase o uso de xel hidroalcohólico individual, ben que no centro haberá dispensadores de xel para a hixiene das mans.

– Manterán a distancia de seguridade de 1,5 metros.

– Presentaranse na porta de acceso correspondente entre as 8.00 e as 8.45 horas e dirixiranse á súa aula seguindo os sinais establecidos e as indicacións do persoal da organización. Non se permitirá a entrada de acompañantes nin doutras persoas alleas á proba, agás no caso daquelas que precisen asistencia.

– Respectarán todas aquelas outras medidas que se establezan e publiquen na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (https://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/convocatorias), co fin de garantir un desenvolvemento seguro de todo o proceso.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2021

Valentín García Gómez
Secretario xeral de Política Lingüística